Celebración penitencial para nenos

 

CELEBRACIÓN PENITENCIAL

 

A cruz, camiño de vida e esperanza

 

Símbolos

 

* A cruz que se foi realizando ao longo dos domingos de coresma cos ladrillos de cartolina nun lugar ben visible.

* O cirio pascual prendido: Cristo quere ser a luz que ilumine a nosa vida para que non caiamos no pecado.

 

Monición de entrada : Ao longo de toda a coresma fomos construíndo a cruz da resurrección. Desde ela estabamos invitados a analizar a nosa vida e a contrastala coas actitudes sobre as que iamos reflexionando: vida, compromiso, solidariedade, igualdade e participación foron cinco camiños para írmonos achegando a Xesús. Hoxe, despois deste percorrido persoal somos invitados a ir deixando atrás canto nos impide poder seguir este camiño. Que saibamos botar fóra de nós os contravalores que non nos permiten presentarnos con corazón novo na pascua do Señor. Participemos, entón, con ganas de mirar cara adiante e limpar canto non nos deixa dicirlle si a Deus.

 

Canto: Camiñarei na presenza do Señor (bis)

                        Amo ao Señor porque escoita a miña voz suplicante,

porque achega a min o seu oído o día que o invoco,

amo ao Señor, porque escoita a miña voz.

 

Envolvíanme lazos de morte, atopeime en apuro e aflición.

Invoquei o nome do Señor, Señor, salva a miña vida.

 

Oración :

            Señor, invítasnos a ter os mesmos sentimentos ca Cristo. El, soubo ser un de nós en todo, menos no pecado. Hoxe tamén nós queremos deixar atrás o que nos impide poder participar da túa graza e da túa salvación: o pecado. Que a celebración que agora comezamos nos faga sentir renovados e saír ao mundo para ser fermento de perdón e misericordia. P.X.N.S.Amén.

 

Lecturas

          Filipenses 3,7-16. Sigamos a Cristo, El é o mellor camiño

 

Canto: Amósame, Señor, os camiños da vida. Amósame, Señor os teus camiños (bis)

 

Recitado:         Camiñarei sempre na túa presenza polos camiños da vida.

                        Camiñarei a pé, sabendo que ti es a miña confianza.

                        Señor, acompaña coa túa música os meus pasos cansos,

                        e cantarei sempre as túas misericordias.

 

          Mateo 16, 21 -27 A cruz é camiño de renovación, non de amarga tristura.

 

Remuíño:

 

          De novo somos convocados, non para sentírmonos avergoñados, senón para recibir e compartir a graza dun amor que non é nin teórico nin abstracto; ao contrario, é un amor real e auténtico: o amor de Deus. O Deus que se presenta na porta da nosa casa e que chama, buscando non facer moito barullo, pero si ofrecéndonos unha nova oportunidade de deixar atrás o lixo que nos incomunica, nos fai infelices e nos impide sentírmonos a gusto con nós mesmos.

 

          O Deus que foi capaz de converterse nun máis coma nós, para asumir a nosa vida, e gozar e entristecerse coas nosas ledicias e as nosas teimas e liortas. O Deus que, querendo pasar polo mundo facendo o ben, entendeu ese ben como entrega xenerosa aos demais, e non coma un recuncho privado e individualista, un recuncho de egoísmo e incomunicación..

          Porque estamos dispostos a apostar polo mellor dos camiños, seguimos a Cristo, e imos dando pasos para asentar unha relación entre nós sincera, comunitaria e verdadeiramente preocupada polo que lle está a pasar a quen teño ao meu lado, abrindo o corazón á tenrura e á comprensión. O que nos pon no camiño do cambio, a renovación, do andar cara a cruz da resurrección, da plenitude da vida, da solidariedade real co que teño máis preto. Por iso desde esta Palabra que nos dirixes estamos hoxe aquí e sentímonos agarimados pola túa misericordia. Unha misericordia que nos abre a deixar atrás o vello, para comezar a andar na vida nova do perdón e da reconciliación.

                                                                                                      

Oración da comunidade

 

Poñémonos, con sinceridade, cada un de nós diante do Señor. El chámanos a perder os medos e a recoñecer que moitas veces deixámonos levar do cómodo e fácil, o que nos fai caer en comportamentos egoístas, insolidarios e inxustos. Porque confiamos na túa misericordia e estamos dispostos a comezar de novo, poñémonos na túa man e dicímosche:

 

GRAZAS POLA TÚA MISERICORDIA.

 

 Perdoa, Señor, o meu orgullo e a miña soberbia, GRAZAS POLA TÚA MISERICORDIA.

 Perdoa, Señor, a miña cegueira e indiferenza, GRAZAS POLA TÚA MISERICORDIA.

 Perdoa, Señor, a miña preguiza e os meus apegos, GRAZAS POLA TÚA MISERICORDIA.

 Perdoa, Señor, a miña frialdade e dureza de corazón, GRAZAS POLA TÚA MISERICORDIA.

 Perdoa,Señor, a miña insolidariedade e as miñas inxustizas. grazas pola túa misericordia.

 Perdoa, Señor, a pouca defensa da vida, miña e dos outros, que fago co meu xeito de actuar e cos meus silencios, GRAZAS POLA TÚA MISERICORDIA.

• Perdoa, Señor, pola miña falta de compromiso e pola pouca esperanza coa que afronto moitos dos días da miña existencia, GRAZAS POLA TÚA MISERICORDIA.

 

Grazas, Señor, por espertar en nós a necesidade do perdón e o gozo da túa misericordia. P.X.N.S.Amén.

 

Exame de conciencia:

 

            Ao longo da coresma fomos facendo cos ladrillos unha gran cruz que remataba na esperanza, e nos invitaba a ir repensando a nosa vida desde as actitudes que se nos ían presentando cada un dos domingos no evanxeo: vida, compromiso, solidariedade, igualdade e participación. Todo un programa de vida para ilo debullando ata convertelo no noso actuar de cada día. Seguro que nestes días fomos sendo conscientes que moitas das cousas que faciamos non respondían a estas actitudes que nos presentaba Xesús. Por iso agora imos facer un esforzo por mirar dentro de nós, por analizar as nosas actitudes, e así enfrontarnos, desde a sinceridade, con aqueles xeitos de ir comportándonos que non responden a esta chamada, e nos que recoñecemos que temos que pedir perdón.

 

          VIDA

 

          Son dos que considero que a vida é o don máis grande que Deus me concedeu e debo respectala?

          Evito poñela en risco cando traballo, conduzo ou fago calquera  outra actividade?

          Valoro e respecto tamén a vida dos demais: non sendo violento, sabendo escoitalos, non expóndoos a riscos innecesarios, procurando non faltarlles coas miñas palabras ou o xeito de tratalos?...

          Sei coidar a vida dos máis pequenos e dos maiores poñendo todo o meu cariño e afecto nesta tarefa?

          Procuro respectar e coidar a natureza para que ademais dos que estamos agora a vivir no medio dela, poidamos deixarlle aos que veñen tras nosa un mundo moito máis san e respectuoso co medio ambiente; o que supón non contaminar, non verter ningún tipo de lixo no medio do monte ou nos ríos, non facendo moito lixo e aprendendo a reciclar e reutilizar as cousas?

 

          COMPROMISO

 

          Son consciente de que ser cristián pide de min o compromiso de vivir os valores que Xesús foi capaz de vivir e compartir coa xente do seu tempo?

          Acórdome cada día de buscar un momento para rezar, para manter un diálogo sincero e gozoso a través da oración con Deus, ou son dos que só se lembra de Deus cando as cousas non van ben?

         Sei estar ao lado de quen me necesita: un veciño, un familiar, un enfermo…; ou son dos que se aproveita dos outros para o que me interesa, e logo son incapaz de tende-las mans a quen me precise?

          Estou comprometido en traballar por crear un clima de diálogo e entendemento na familia, no barrio e na parroquia?

 

          SOLIDARIEDADE

 

          Busco compartir con aqueles que máis necesitan de min: tempo, cartos, conversa, ánimo…

          Sei poñerme no lugar do outro, ou son dos que esixe moito aos demais, pero son incapaz de esixirmo logo a min, ou non lle gusta que os demais me esixan a min?

          Son consciente que a solidariedade tamén está en saber calar, gardar un segredo e evitar falar e dicir dos demais cousas que sabemos que lle van facer mal?

          Sei sacrificarme para que outras persoas poidan ter unha vida máis digna, ou son dos que so pensa en si mesmo?

          Póñome no lugar de quen está sufrindo ou é incomprendido para buscar de axudalo?

          Son solidario no meu traballo, buscando axudar e colaborar cos compañeiros, ou máis ben aprovéitome dos demais cargándolle cousas a outros, para así quedar eu máis descansado?

 

          IGUALDADE

 

          Teño claro que a igualdade non é unha palabra, senón unha maneira de facer as cousas e comportarnos?

          Trato a todos por igual, ou son dos que ten e fai favoritos, inda que iso sexa inxusto e valore ás persoas polo que me dan ou teñen e non polo que son: fillos de Deus?

          Na casa, busco de colaborar, repartir tarefas e evitar que sempre caian sobre as mesmas persoas namentres eu me vou escapulindo?

          Cando falo e actúo, busco que de verdade non faga distinción de persoas polo seu sexo, a súa cor, a relixión ou o pais de orixe?

          Tómome en serio o que dixo Xesús de que todos somos iguais, e con igualdade temos que tratarnos e respectarnos uns aos outros?

 

 

          ESPERANZA

          Son persoa de esperanza, que sabe buscar o lado mellor das cousas, ou máis ben sempre me mostro como o que o ve todo negativo, e sen posibilidades de mellorar?

          Diante das situacións complexas que as veces vivimos, son das persoas que tenta animar, crear un bo ambiente, alentar aos que peor os están a pasar?

          Son capaz, na miña vida, de unir o que me di a fe de que temos que ser persoas de esperanza, que temos que aprender a confiar nos demais, que non debemos dar nunca nada por feito nin perdido, coa miña maneira de rezar e comportarme?

          Estou disposto a que esta celebración me leve a cambiar cousas na miña vida que sei que fago mal e non me gustan?

 

Reconciliación/absolución (música)

 

Noso Pai

 

Paz: Téndeme a túa man, que a miña está aberta teño lume no fogar. Téndeme a túa man que a miña está aberta, non me fagas esperar.

 

Acción de grazas

 

Grazas,Señor polo perdón e a misericordia:

 

 Porque nos amosas unha vez máis o teu amor

 Porque nos queres e confías en nós e segues a darnos oportunidades

 Porque a túa Palabra segue a estimular e ilusionar a nosa vida

 Porque me permites rezar e sentirme membro dunha comunidade que se ve necesitada do perdón

 Porque as cruces van dando paso a camiños de salvación e esperanza

 Porque non te deixas levar da desesperación nin da indiferenza fronte das nosas múltiples caídas.

 Porque te mostras coma un pai/nai que sabe agarimar, acubillar e comprender.

 

Por todo: grazas, amigo Xesús.

 

Bendición

                                                                            

Canto:

 

Xa nos dixo Xesús, onde está o noso lar,

Onde está o noso pai e os nosos irmáns.

Xa nos dixo Xesús, que debemos amar,

sen facer distinción os nosos irmáns,

 

Recitado: Amádevos uns aos outros como eu vos amei.

Amádevos uns aos outros como vos ama o voso Pai,

que fai saír o sol sobre os bos e os pecadores.