Pascua

PASCUA PIDE UNHA VIDA NOVA

 

A celebración da solemnidade de Pascua é a mei­rande das festas do noso cristianismo, o cume de to­do o ano litúrxico e a fonte de todas as grazas da Igrexa. Pascua leva consigo acompañar a Cristo na súa morte e sepultura, celebradas o venres e sábado santo, para rexurdir con El a unha vida chea de plenitude na Vixilia Pascual.

 

O destino de Cristo é tamén o dos que ao longo da Coresma e o Triduo Pascual tomaron parte nos seus sentimentos, actitudes, dores e esperanzas.

 

A PASCUA DE XESÚS É VIDA PARA OS CRISTIÁNS

 

A Pascua en Xesús supuxo un pasamento da con­dición humilde e pobre, coma "Servo de Iavé" á de Señor resucitado e cheo de gloria. Por este seu pasa­mento Xesús non só vive para sempre, senón que ta­mén é causa da nosa salvación e vida sen fin.

 

Polo Bautismo o cristián morreu a si mesmo con Cristo e a súa vida “está acochada con Cristo en Deus. Cando se manifesta Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El revestidos

de claridade" (Col 3, 1‑4).

 

A PASCUA DE XESÚS XERA NOVIDADE DE VIDA

A Pascua en Cristo levou consigo baixar ás profundidades da terra na súa sepultura. A resu­rrecci6n foi deixar baldeira a cova en que estivera. Resucitou, abofé, o meu amor e a miña esperan­za! É o grito da Igrexa con María Magdalena na mañá de Pascua.

 

O cristián tamén na Pascua deixou a cova e nela o seu “home vello”, o fermento de corrupci6n e maldade. A Pascua celebrada con Xesús é nacemento a unha vida nova, feita de sinceridade e verda­de.

 

Somos unha masa nova" (1 Cor 5, 6‑8). O no­so comportamento de cara ao mal, ha de ser o de nenos “recén nados” (1 Pe 2, 2), que descoñecen a mentira e a hipocrisía.

 

 

A PASCUA DE XESÚS É COMPROMISO DE TRABALLAR POR UN MUNDO SEGUNDO DEUS

Xesús ao longo dos 50 días de Pascua faise presente moitas veces aos seus discípulos.. O saúdo que lles dirixe sempre é este: “Paz a vós”.

 

A Paz é o clima da vida nova. Os discípulos énchense de fonda ledicia. O gozo é froito do Espí­rito Santo que perdoa os pecados. O Espírito Santo é o regalo de Xesús resucitado á súa Igrexa na mañanciña de Pascua. Pero Xesús engade: “Como o Pai me enviou a min, tamén Eu vos envío a  vós” (Xn  20, 20).

 

Todo cristián e a comunidade que celebrou a Pascua debe gardar moi fondas as verbas de Xe­sús. Non pode gardar para si a paz, nin esconde­la ledicia. Non pode silenciar a experiencia do seu encontro con Xesús. Ten que ser fermento novo no mundo en que vive, testemuña de Xesús entre os ho­mes, luz e sal na familia, no traballo, nas rúas, na parroquia, no concello. Ten que levar no cora­zón aos máis pobres e marxinados. Así irá construín­do un mundo máis conforme cos desexos de Deus.

 

 

PASCUA

 O tempo da Pascua abrangue sete domingos aos que se xuntan logo as festas de Pentecoste, Santísima Trindade e Corpus. Cincuenta días nos que gozamos da presenza de Xesús resucitado, e nos que co seu Espírito nos dispoñemos á tarefa de poñer vida alí onde nós mesmos e outros, por veces, nos empeñamos en poñer morte.

 

Nesta sección atoparedes textos para a catequese e a explicación da liturxia das distintas celebracións da Semana Santa.