Semana V

 
 

SEMANA 5ª DO TEMPO ORDINARIO

 

329.- LUNS

ANO 1

PRIMEIRA Xen 1, 1-19:

Díxoo Deus, e así se fixo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

1 1No principio creou Deus o ceo e a terra. 2A terra era unha masa disforme e baldeira,

as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas.

 

3Mandou Deus que houbese luz, e houbo luz. 4Viu Deus que a luz era cousa boa e

arredouna das tebras.

 

5A luz chamouna día e ás tebras chamounas noite. E con iso completouse o primeiro día

da semana.

 

6Quixo Deus que houbese un espacio para arreda-las augas das augas. 7E fixo un

espacio, que arredaba as augas de enriba das de embaixo. 8O espacio rematado Deus

chamouno ceo. E completouse o segundo día.

 

9Mandou Deus que se xuntasen as augas de embaixo nun lugar e que aparecese o chan

enxoito. E así foi. 10O chan enxoito chamouno terra e ás augas xuntas, mares. E viu que

estaba ben. 11Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente

e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente, conforme á súa especie. E así

foi. 12A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito,

cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. 13E completouse o terceiro día.

 

14Mandou Deus que houbese luces no espacio para distingui-lo día da noite, para dar

sinal das festas, das estacións e dos anos, 15e para que, brillando no espacio, alumasen a

terra. E así foi. 16Deus fixo dúas luminarias, a grande que rexe o día, a pequena que

rexe a noite, e tamén as estrelas. 17Púxoas no espacio, para aluma-la terra, 18para rexe-

lo día e a noite e para distingui-la luz das tebras. E viu que estaba ben. 19E completouse

o cuarto día.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 103, 1-2a. 5-6. 10 e 12. 24 e 35c

R/ (31b): Alégrese o Señor coas súas obras.

 

1Alma miña, bendice ó Señor.

Señor, meu Deus, ti es moi grande,

vestido de gloria e maxestade,

2envolto en luz coma nun manto.

 

5Ti asentáche-la terra nos seus alicerces

e non abalará endexamais.

6Cubríchela co manto do océano

e as augas subían ó alto dos montes.

 

10Ti encána-las fontes polos ríos,

que corren entre montañas.

12Nas súas ribeiras habitan paxaros,

que cantan na ramallada.

 

24¡Cantas son, Señor, as túas obras,

todas feitas con saber!

A terra está chea das túas creaturas.

Alma miña, bendice ó Señor.

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Reg 8, 1-7. 9-13:

Introduciron a arca da alianza no "Sancta Sanctorum" e a brétema encheu a casa do Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

 

8 1Salomón convocou en Xerusalén a tódolos anciáns de Israel, os xefes de tribo e os

cabezas de familia dos israelitas, para trae-la Arca da Alianza do Señor da cidade de

David, que é Sión. 2No mes de Etanim, o sétimo do ano, pola festa das Tendas,

reuníronse, pois, con Salomón tódolos israelitas.

 

3Chegados tódolos anciáns de Israel, os sacerdotes colleron a Arca e levárona. 4Os

sacerdotes e os levitas levaban tamén a Tenda do Encontro, con tódolos obxectos sacros

que había nela. 5O rei Salomón e toda a asemblea de Israel, congregada arredor del,

diante da Arca, ofreceron sacrificios de ovellas e de bois en grande cantidade. 6Despois

os sacerdotes puxeron a Arca da Alianza do Señor no seu lugar, no camarín do templo, o

santísimo, baixo as ás dos querubíns.

 

7Os querubíns estendían as súas ás por riba da Arca, e cubrían a Arca e mailos seus

largueiros.

 

9Na Arca non había cousa fóra das dúas táboas de pedra que puxera alí Moisés, no

monte Horeb, cando o Señor concluíu cos israelitas a Alianza, logo de saíren de Exipto.

 

10O tempo que os sacerdotes saían do santuario, a nube enchía o templo do Señor, 11de

xeito que non podían os sacerdotes seguir facendo o servicio, por cousa dela: a gloria do

Señor enchía o templo.

 

12Entón dixo Salomón:

-"O Señor que puxo o sol no ceo,

quixo habitar na escuridade.

13Eu construínche unha casa, onde habites para sempre,

que sexa o lugar da túa morada".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 131, 6-7. 8-10

R/ (8a): Érguete, Señor, cara á túa mansión

 

6Oímos dela en Efrátah,

atopámola nos campos de Iáar.

7Entremos na súa morada,

postrémonos perante o estrado dos seus pés.

 

8Érguete, Señor, cara á túa mansión,

ti e maila Arca da túa maxestade.

9Que os teus sacerdotes vistan de festa

e os teus devotos relouquen.

10Por mor do teu servo David,

non desdéñe-lo teu unxido.

 

 

 

ALELUIA Cf. Mt 4, 23:

Xesús predicaba o Evanxeo do reino

e sandaba toda enfermidade no pobo

 

 EVANXEO Mc 6, 53-56:

Cantos o tocaban, quedaban sans

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

53Cando Xesús e mailos seus discípulos atravesaron para a outra banda, chegaron a

Xenesaret, e alí desembarcaron. 54A xente de contado o recoñecía. 55Perco-rrendo toda

aquela comarca, levábanlle tódolos enfermos en leitos; 56e en aldeas, vilas e cidades,

cando oían que andaba por alí, pousaban os enfermos nas rúas, rogándolle que lles

deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaban, curaban.

 

 

330.- MARTES

ANO 1

PRIMEIRA Xen 1, 20 - 2, 4a:

Fagamos ó home a imaxe e semallanza nosa

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

20Quixo Deus que as augas fosen un fervedeiro de peixes e o espacio entre o ceo e a

terra un voar de paxaros. 21E creou os monstros mariños, os moitos xéneros de peixes

que referven nas augas e tódalas sortes de paxaros. E parecéronlle ben. 22E bendiciunos

deste xeito: Reproducídevos, crecede, enchede as augas do mar e que os paxaros medren

na terra. 23E completouse o quinto día.

 

24Mandou Deus que a terra producise as varias especies de animais, os domésticos, os

reptís e as feras salvaxes. E así foi.

 

25Deus fixo as varias especies de feras salvaxes, animais domésticos, reptís, e

parecéronlle ben.

 

26Despois dixo Deus: -"Fagámo-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que

mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos reptís

todos da terra".

 

27E creou Deus o home á súa imaxe, creou-no á imaxe de Deus, creouno varón e femia.

28E bendiciunos así: -"Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade

nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos reptís todos da terra". 29E díxolles aínda:

-"Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e tódalas árbores

que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza". 30As feras todas

do monte, ós paxaros do ceo e ós reptís que viven na terra dóulle-la herba para a

mantenza". E fíxose así. 31Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo. E

completouse o sexto día.

 

2 1Quedaron así rematados o ceo e a terra e tódolos elementos. 2Deus concluíu no día

sexto a obra que emprendera, e o sétimo día repousou de todo o seu traballo. 3Deus

bendiciu o sétimo día e consagrouno: nese día repousou de todo o traballo de crear.

 

4Esta é a historia da creación do ceo e da terra.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 8, 4-5. 6-7. 8-9

R/ (2a): Señor, noso Señor,

¡qué grande é o teu nome en toda a terra!

 

4Cando vexo o ceo, feitura da túa man,

a lúa e as estrelas que fixaches alí,

5¿que é o home, para que o lembres,

o fillo do home, para que del te ocupes?

 

6Por pouco non o fixeches coma os anxos,

coroáchelo de honor e dignidade;

7décheslle mando sobre as obras das túas mans,

puxéchelo todo ós seus pés:

 

8rabaños de ovellas e touros,

e mesmo as bestas do monte,

9os paxaros do ceo e os peixes do mar,

que fan carreiros polas augas.

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Re 8, 22-23. 27-30:

Dixeches: alí estará o meu nome para que escóite-las súplicas do teu pobo Israel

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

 

22Salomón, en pé, diante do altar do Señor, de cara para toda a asemblea de Israel,

ergueu as mans cara ó ceo 23e dixo:

-"Señor, Deus de Israel,

non hai un deus coma ti,

nin arriba no ceo, nin abaixo na terra.

Ti gárda-la alianza e o amor ós teus servos,

que camiñan diante de ti con todo o corazón.

27¿Será verdade que Deus fará na terra unha morada?

Se nin os ceos todos te poden acoller,

canto menos esta casa que eu che construín.

 

28Mais ti, Señor, meu Deus, volve a atención á súplica e á pregaria do teu servo,

escoitando o clamor e as preces que hoxe che dirixe. 29Ten abertos os ollos noite e día

sobre este templo, este lugar en que dixeches que habitaría o teu nome. Escoita a

oración que che faga o teu servo, mirando cara este lugar. 30Escoita a súplica do teu

servo e do teu pobo Israel, cando recen neste lugar. Escoita desde a túa morada, desde o

ceo. Escoita e perdoa.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 83, 3. 4. 5 e 10. 11

R/ (2): ¡Que garimosa é a túa morada, Señor do universo!

 

3A miña alma ten saudade,

consómese polos teus adros;

o meu corazón e todo o meu corpo

reloucan polo Deus vivo.

 

4Mesmo o paxaro atopa casa,

a andoriña un niño

onde poñe-los filliños,

ó pé dos teus altares,

Señor dos exércitos,

meu rei e meu Deus.

 

5Ditosos os que habitan na túa casa

e decote te louvan.

10Atende, Deus, ó noso rei,

mira o rostro do teu Unxido.

 

11Un día nos teus adros vale por máis de mil:

eu prefiro o limiar da casa do meu Deus

que habitar na tenda dos malvados.

 

 

ALELUIA Sal 118, 36. 29b:

Inclina, Deus, o meu corazón ós teus testemuños;

e dame, benigno, a túa lei

 

 

EVANXEO Mc 7, 1-13:

Esquecendo o mandamento do Señor, mantéde-la tradición dos homes

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

7 1Reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de

Xerusalén, 2e viron ós discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as

mans. 3(É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans,

seguindo así as vellas tradicións; 4e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se

bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar vasos, xerras

e bandexas). 5Por iso os fariseos e mailos escribas preguntáronlle:

-¿Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón

que comen con mans impuras?

 

6El contestoulles:

-¡Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:

Este pobo hónrame cos labios,

pero o seu corazón está lonxe de min.

7Danme un culto inútil,

porque a doutrina que ensinan

non son máis que costumes humanos.

8Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.

 

9E dicíalles:

-¡Que ben quebrantáde-los preceptos de Deus, para conserva-las tradicións humanas!

10Porque Moisés dixo: Coida de teu pai e mais de túa nai, e quen abandone a seu pai ou

a súa nai é reo de morte. 11Pero vós dicides: Se un home dixese a seu pai ou a súa nai

"o sustento que poderías recibir de min é korbán, é dicir, vai para o Templo coma

ofrenda", 12xa non lles permitides facer nada por eles, 13invalidando o mandamento de

Deus coa vosa tradición. E así facedes outras moitas cousas parecidas.

 

 

331.- MÉRCORES

ANO 1

PRIMEIRA Xen 2, 4b-9. 15-17:

Colleu o Señor ó home e púxoo no paraíso Edén

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

Cando o Señor Deus fixo a terra e o ceo, 5na terra non había aínda ramallada nin

xermolaba herba no campo, porque o Señor Deus non fixera chover sobre a terra nin

existía o home que traballase o agro.

 

6Da terra xurdía un manantío que regaba o campo, 7e o Señor Deus formou un home do

po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva.

 

8O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel ó home que

formara. 9Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e

entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.

 

15O Señor Deus estableceu o home no xardín de Edén, para que o traballase e o coidase.

16E deulle esta orde: -"Podes comer do froito das árbores todas do xardín 17pero da

árbore do coñecemento do ben e do mal non comerás, pois en canto comas dela de certo

morrerás".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 103, 1-2a. 27-28. 29bc-30

R/ (1a): Alma miña, bendice ó Señor.

 

1Alma miña, bendice ó Señor.

Señor, meu Deus, ti es moi grande,

vestido de gloria e maxestade,

2envolto en luz coma nun manto.

 

27Todos agardan de ti

que lles botes comida ó seu tempo.

28Cando a botas, atrápana;

ábre-la man, e fártanse de bens.

 

29Retíra-lo teu alento, e expiran,

voltando ó seu po.

30Mánda-lo teu alento, e son creados

e renóva-la cara da terra.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Reg 10, 1-10:

Comprobou a raíña de Saba a inmensa sabedoría de Salomón

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

 

10 1A raíña de Saba oíu falar do renome de Salomón, e foino probar con adiviñas.

2Chegou a Xerusalén cun grande séquito, con camelos cargados de pos recendentes, de

moitísimo ouro e de pedras preciosas. Presentouse ó rei Salomón e propúxolle todo

aquilo que traía pensado. 3O rei Salomón respondeulle a todo. Por escura que fose, non

houbo pregunta ningunha que non tivese do rei a súa resposta.

 

4Cando a raíña de Saba viu a sabedoría de Salomón, o pazo que construíra, 5os

manxares da súa mesa, as habitacións dos seus cortesáns, o porte e as vestes dos seus

servidores e copeiros, e os holocaustos que ofrecía no templo do Señor, quedou

admirada. 6E dixolle ó rei: -"Todo o que na miña terra oíra sobre os teus feitos e a túa

sabedoría era verdade. 7Eu non lle daba creto ó que dicían, mais ó vir e velo cos meus

ollos, constato que non me contaban a metade. A túa sabedoría e as túas riquezas son

maiores de canto me dixeran. 8Ditosa a túa xente, ditosos os teus cortesáns, que están

sempre contigo, aprendendo da túa sabedoría. 9Bendito sexa o Señor, teu Deus, que te

quixo a ti no trono de Israel. Polo amor eterno que o Señor ten a Israel, constituíute a ti

rei, para que o gobernes con xustiza e equidade".

 

10A raíña entregoulle ó rei catro mil quilos de ouro e gran cantidade de pos recendentes

e de pedras preciosas. Endexamais se viran tantas coma as que lle trouxo a raíña de Saba

ó rei Salomón.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 36, 5-6. 30-31. 39-40

R/ (30a): A boca do xusto deita sabedoría

 

5Encomenda ó Señor o teu porvir

e confía nel, que El fará:

6El fará saí-la túa xustiza coma a luz,

o teu dereito coma o sol do mediodía.

 

30A boca do xusto deita sabedoría,

a súa lingua fala o que é recto.

31Leva no corazón a lei de Deus,

e os seus pasos non tremelean.

 

39A salvación dos xustos vén do Señor:

El é o seu refuxio no tempo da angustia.

40O Señor axúdaos e líbraos,

líbraos dos malvados e presérvaos,

porque se acollen a El.

 

 

ALELUIA Cf. Xn 17, 17b. a:

A túa palabra, Señor, é a verdade;

santifícanos na verdade

 

 

EVANXEO Mc 7, 14-23:

O que do home procede, iso é o que mancha ó home

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

14Convocando á xente, dilles Xesús:

-Escoitádeme todos e procurade entender. 15Nada do que hai fóra do home pode

manchalo ó entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha.

 

17E cando entrou na casa, despois de deixa-la xente, os discípulos preguntáronlle polo

significado daquilo. 18Díxolles:

-¿E logo vós tampouco sodes capaces de entender? ¿Non comprendedes que todo o que

vén de fóra e entra no home non o pode manchar, 19porque non penetra no seu corazón,

senón no seu ventre, e de alí vai parar ó escusado?

 

Así declaraba puros tódolos alimentos. 20E continuou:

-O que sae de dentro, iso si que mancha; 21porque de dentro, do corazón do home,

xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, 22os adulterios,

as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia,

os desatinos. 23Todos eses males saen de dentro e manchan o home.

 

 

332.- XOVES

ANO 1

PRIMEIRA Xén 2, 18-25:

Presentóulle-la a Adán. E serán unha soa carne

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

Di o Señor, Deus:

-"Non está ben o home só. Vou facer para el unha axuda ó seu xeito". 19O Señor Deus

formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos ó home, para ver

que nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese. 20O home

púxolles nomes ós animais domésticos, ós paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero

entre eles non había unha axuda ó seu xeito.

 

21Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home, e este adormeceu. Tiroulle

unha costela e cerrou con carne o sitio. 22Da costela do home formou unha muller e

presentoulla ó home.

 

23O home exclamou: -"Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne.

Chamarase muller, porque foi tirada do home". 24Por iso deixa o home seu pai e súa nai

para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo. 25Estaban os dous espidos, o

home e a muller, pero non sentían vergoña.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 127, 1-2. 3. 4-5

R/ (cf 1a): Ditosos tódolos que temen ó Señor

 

Ditosos os que temen ó Señor

e van polos seus camiños.

2Cando comes do froito das túas mans,

ditoso ti e afortunado.

 

3A túa muller é coma parra fecunda

no medio da túa casa.

Os teus fillos coma gromos de oliveira

arredor da túa mesa.

 

4Así é bendito

quen teme ó Señor.

5Bendígate o Señor desde Sión,

que vexas na prosperidade a Xerusalén

tódolos días da túa vida.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Re 11, 4-13:

Porque non gardáche-lo pacto, dividirei o teu reino, pero dareille unha tribo ó teu fillo, por amor de David

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

 

4Cando Salomón ía xa vello, as súas mulleres levaron o seu corazón tras deuses alleos;

non o tiña por enteiro co Señor, seu Deus, coma seu pai David. 5Salomón deu culto a

Axtarté, deusa dos sidonios, a Malcom, ídolo dos amonitas. 6Fixo o mal ós ollos do

Señor e non lle gardou fidelidade, coma seu pai David.

 

7Daquela construíu Salomón, no monte que está enfronte de Xerusalén, un altar a

Kemox, ídolo dos moabitas, e a Moloc, ídolo dos amonitas. 8O mesmo fixo para as

outras mulleres estranxeiras, que queimaban incenso e ofrecían sacrificios ós seus

deuses.

 

9Anoxouse o Señor con Salomón, porque afastara o seu corazón do Señor, Deus de

Israel, que se lle aparecera dúas veces, 10e que sobre o particular lle prescribira non

seguir deuses alleos. Salomón non cumpriu o que lle mandara o Señor.

 

11Entón díxolle o Señor: -"Xa que te comportaches deste xeito e non gardáche-la miña

alianza e os preceptos que eu che dei, arrincareiche o reino da man e dareillo a un servo

teu. 12Non o farei mentres ti vivas, por amor a David, teu pai; arrincareillo ó teu fillo da

súa man. 13Non lle arrincarei o reino todo. Deixareille ó teu fillo unha tribo, por amor

de David, teu pai, e por amor de Xerusalén que eu escollín".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 105, 3-4. 35-36. 37 e 40

R/ (4): Recórdanos, Señor, polo amor ó teu pobo

 

3Felices os que respectan o dereito

e fan sempre a xustiza.

4Recórdame, Señor, polo amor ó teu pobo,

visítame coa túa salvación,

 

 

35Mesturáronse coas xentes,

aprenderon os seus costumes.

36Deron culto ós seus ídolos,

caeron nas súas trampas.

 

37Inmolaron para os demos

os seus fillos e as súas fillas.

40O Señor irritouse co seu pobo

e aborreceu a súa herdanza.

 

 

ALELUIA Sant 1, 21bc:

Acollede docilmente a Palabra enxertada en vós,

que pode salva-las vosas vidas

 

 

EVANXEO Mc 7, 24-30:

Os cadeliños comen debaixo da mesa as migallas dos fillos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

24Foi Xesús cara á terra de Tiro. Alí meteuse nunha casa, porque non quería que

ninguén o recoñecese. Pero non lle foi posible pasar inadvertido, 25pois de seguida

chegou unha mulleriña que tiña unha filla posuída por un espírito malo, e botóuselle ós

pés. . 26Esta muller era pagá, unha sirio-fenicia, e rogáballe que lle librase a filla do

espírito malo. 27Pero el díxolle:

 

-Deixa que se farten primeiro os fillos, pois non é ben quitárlle-lo pan ós fillos, para

botárllelo ós cans.

 

28Ela contestoulle:

-Non é, Señor; non é; pero tamén os cadeliños apañan debaixo da mesa as faragullas que

deixan cae-los fillos.

 

29El díxolle entón:

-Vaite, que polo que acabas de dicir xa o demo saíu da túa filla.

 

30E así foi: ó que chegou á casa, atopou a filla deitada na cama, libre do demo.

 

 

333.- VENRES

ANO 1

PRIMEIRA Xén 3, 1-8:

Seredes coma Deus sabedores do ben e do mal

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

3 1A serpe era o máis arteiro de tódolos animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á

muller: -"¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?"

 

2A muller respondeulle: -"Podemos comer do froito das árbores todas do xardín.

3Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a

toquedes, non sexa que morrades".

 

4A serpe insistiu: -"De ningunha maneira morreredes. 5É que Deus sabe ben que o día

en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e

do mal".

 

6A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir

entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ó seu home, e tamén

el comeu.

 

7Entón abríronselle-los ollos ós dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron

follas de figueira e cinguíronse con elas. 8Oíron ó Señor Deus camiñar polo xardín ó

aire do día, e acocháronse os dous entre as árbores.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 31, 1-2. 5. 6. 7

R/ (1a): Feliz o que ten perdoada a súa culpa,

 

Feliz o que ten perdoada a súa culpa,

encuberto o seu pecado.

2Feliz aquel a quen o Señor

non lle ten en conta o seu pecado

e non leva fraude no espírito.

 

5Confeseiche o meu pecado,

non che escondín o meu delito;

dixen para min: -"Confesarei os erros ó Señor",

e ti perdoáche-la miña culpa.

 

6Por isto implorarante tódolos xustos,

na hora da súa angustia

e a enxurrada das augas

non os tocará.

 

7Ti e-lo meu agarimo: gárdasme dos perigos

e cínguesme co gozo do rescate.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Re 11, 29-32; 12, 19:

Apartouse Israel da casa de David

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

 

29Un día que saía Ieroboam de Xerusalén, encontrouse no camiño co profeta Ahías de

Xiloh. Este levaba unha capa nova, e estaban sós os dous no descampado. 30Ahías

botou man da capa nova que levaba e partiuna en doce cachos. 31E mandoulle a

Ieroboam: -"Colle dez cachos para ti, pois isto di o Señor, Deus de Israel:

 

Vou arrinca-lo reino da man de Salomón, e vouche dar dez tribos a ti. 32Unha tribo será

para el, por amor ó meu servo David e por amor a Xerusalén, a cidade que eu escollín

entre tódalas tribos de Israel.

 

19Foi dese xeito como Israel se separou da casa de David, ata o día de hoxe.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 80, 10-11ab. 12-13. 14-15

R/ (cf 11a e 9a): Eu son o Señor, o teu Deus; escoita a miña voz

 

10-"Non terás contigo un deus estraño,

non adorarás un deus alleo.

11Eu son o Señor, o teu Deus,

quen te sacou da terra de Exipto

 

12Pero o meu pobo non escoitou a miña voz,

Israel non quixo nada de min.

13E deixeinos á súa teima,

que fixesen ó seu xeito.

 

14¡Ai, se o meu pobo me escoitase,

se Israel seguise o meu camiño!

15Abateríalle nun intre os inimigos,

volvería a miña man contra os opresores.

 

 

ALELUIA Cf. Feit 16, 14b:

Abre, señor, o noso corazón,

para que recoñezámo-las palabras do teu Fillo

 

 

EVANXEO Mc 7, 31-37:

Fai oir ós xordos e falar ós mudos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

31Deixando Tiro, veu Xesús dar por Sidón ó mar de Galilea, atravesando a Decápolis.

32Presentáronlle un xordomudo, e suplicáronlle que lle impuxese as mans. 33Xe-sús,

separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas, e tocoulle a lingua con cuspe.

34Logo, erguendo os ollos ó ceo, suspirou e dixo:

-Effatá (ou sexa: "ábrete").

 

35E no instante abríronselle os oídos, e falaba perfectamente. 36Logo prohibiulles

contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. 37E a xente, total-

mente abraiada, comentaba:

-¡Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.

 

 

334.- SÁBADO

ANO 1

PRIMEIRA Xén 3, 9-24:

O Señor, Deus, botou ó home do xardín de Edén, para que cultivase a terra

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

O Señor, Deus, chamou polo home, preguntándolle: -"¿Onde estás?" 10Respondeu o

home: -"Oínte no xardín, e tiven medo. O verme espido, agacheime".

 

11Preguntoulle o Señor Deus: -"¿Quen che dixo que estabas espido? ¿É que comiches

da árbore da que che prohibira comer?"

 

12Respondeulle o home: -"A muller que me deches por compañeira ofreceume do

froito, e comín".

 

13O Señor Deus díxolle á muller: -"¿Qué é o que fixeches?" E a muller respondeu: -"A

serpe enganoume, e comín". 14Entón o Señor Deus díxolle á serpe: -"Porque fixeches

isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e

comerás po toda a túa vida. 15Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a

dela. Ti tentarás de atanguerlle o calcañar, pero ela esmagarache a cabeza".

 

16A muller díxolle:

-"Terás moitos afáns na túa preñez,

parirás con dor os fillos.

Devecerás polo teu home,

e el dominarate".

 

17O home díxolle: -"Porque lle fixeches caso á túa muller, comendo do froito da árbore

que che prohibira comer, por culpa túa será maldita a terra: con traballos tirarás dela a

túa mantenza mentres vivas. 18Producirache silvas e abrollos, e terás que comer herbas

silvestres. 19Comera-lo pan coa túa suor, ata que volvas á terra da que fuches tirado. De

feito, ti es po e ó po tes que volver".

 

20O home chamou Eva á súa muller, pois vén se-la nai de tódolos que viven. 21O Señor

Deus fíxolles túnicas de pel ó home e á muller, para se vestiren.

 

22Logo o Señor pensou: -"Agora que o home veu ser coma un de nós, en canto a

coñece-lo ben e o mal, non vaia ser que tenda a man, colla tamén da árbore da vida,

coma do froito, e viva sempre".

 

23E botou ó home do xardín de Edén, para que cultivase a terra da que fora tirado. 24E

despois de botalo do xardín, puxo no oriente querubíns con espadas flamexantes, para

cortarlle o paso cara á árbore da vida.

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 89, 2. 3-4. 5-6- 12-13

R/ (1): Señor, ti fúche-lo noso agarimo ó longo das xeracións

 

2Primeiro que os montes xurdisen,

e que fosen formados a terra e o mundo,

desde sempre e por sempre es ti Deus.

 

3Ti podes volver en po os mortais,

con dicirlles:- "Fóra, homes".

4Mil anos ante ti

son coma o onte que pasou

e coma unha vixilia da noite.

 

5Ti falos pasar, e son coma sono mañanceiro,

coma herba que agroma:

6de mañá florece e verdea

e á tarde ségana e seca.

 

12Ensínanos a conta-los nosos días,

para que aprendamos a ser asisados.

13Volve, Señor. ¿Por canto aínda?

Apiádate dos teus servos.

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Re 12, 26-32; 13, 33-34:

Ieroboan fixo dous xuvencos de ouro

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

 

26Ieroboam pensou nos seus adentros: o reino pode aínda volver á casa de David. 27Se

esta xente segue subindo a Xerusalén, para ofrecer sacrificios na casa do Señor, o seu

corazón tornarase para o seu señor Roboam, rei de Xudá. Someteranse ó rei de Xudá e a

min mataranme.

 

28Despois de aconsellarse, o rei mandou construír dous becerros de ouro, e díxolle ó

pobo:

-"¡Acabouse rubir a Xerusalén!

Aquí está o teu Deus, Israel,

o que te sacou de Exipto".

 

29E puxo un becerro en Betel e o outro en Dan.

 

30Isto foi causa de pecado, pois a xente ía, uns a Dan e outros a Betel. 31Ieroboam

construíu tamén ermidas nos outeiros e puxo por sacerdotes xentes do pobo, que non

pertencían á tribo de Leví. 32Por parte, instituíu unha festa no día quince do mes oitavo,

como a festa que se facía en Xudá, e el mesmo rubiu ó altar que fixera en Betel, para

ofrecer sacrificios ós becerros, mandados facer por el. En Betel puxo tamén sacerdotes

nas ermidas que el construíra nos outeiros.

 

33Despois de todo isto, Ieroboam non se converteu da súa torta conducta, senón que

seguiu facendo sacerdotes para os altares dos outeiros de entre a xente do pobo. A quen

quería selo, el consagrábao sacerdote para as ermidas dos outeiros. 34Nisto consistía o

pecado da casa de Ieroboam, e por iso foi destruída, varrida da face da terra.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 105. 6-7a. 19-20. 21-22.

R/ (4a): Acórdate, señor, de nós,

por amor ó teu pobo

 

6Nós pecamos igual cós nosos pais,

cometemos maldade e iniquidade.

7Os nosos pais en Exipto

non aprezaron os teus prodixios,

 

19No Horeb fixeron un touro,

adoraron un ídolo,

20trocaron a súa gloria

pola imaxe dun boi que come herba.

 

21Esqueceron o Deus que os salvara,

que fixera portentos en Exipto,

22prodixios na terra de Cam,

escarmentos no mar Rubio.

 

 

ALELUIA Mt 4, 4b:

Non só de pan vive o home,

senón de toda palabra que procede da boca de Deus

 

 

EVANXEO Mc 8, 1-10:

Comeron e fartáronse

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

8 1Por aqueles días, como se xuntaba tamén moita xente arredor de Xesús e non tiñan

que comer, chamou polos discípulos e díxolles:

2-Dáme pena esta xente: hai tres días que vén detrás miña e non ten nada que comer.

3Se os mando para as súas casas, sen que metan algo na boca, poden esmorecer polo

camiño, que moitos deles véñenvos de ben lonxe.

 

4Os díscípulos responderon:

-¿E de onde se pode quitar, en pleno descampado, pan abondo para fartalos?

 

5E preguntoulles:

-¿E logo canto pan tendes?

 

Responderon:

-Temos sete bolos.

 

6Foi el e mandou que a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos, rezou a

acción de gracias, partiunos e déullelos ós seus discípulos, para que os repartisen entre a

xente; e así o fixeron. 7Tiñan tamén algúns peixes; el bendiciunos e mandou que os

repartisen. 8A xente comeu a fartar, e cos anacos que sobraron encheron sete cestas.

9Eran uns catro mil. Despediunos, 10e de seguida embarcou cos seus discípulos,

marchando para a rexión de Dalmanuta.