Semana XXII

 
 
SEMANA 22ª DO TEMPO ORDINARIO 
 
 
 
431.- LUNS 
 
 
 
ANO 1 
 
 
 
PRIMEIRA 1 Tes 4, 13-18: 
 
Por medio de Cristo Deus levará consigo ós que morreron 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN 
PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES 
 
 
 
13Non queremos, irmáns, que esteades desinformados verbo dos mortos, para que non 
vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza. 14Porque, se cremos que 
Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El 
os que xa morreron. 15Iso é o que vos dicimos apoiados na palabra do Señor: que nós, 
os que vivimos, os que quedemos para a Vinda do Señor, non teremos vantaxe sobre os 
que xa morreron; 16pois a un sinal de mando, á voz do arcanxo e ó son da trompeta de 
Deus, o Señor en persoa baixará do ceo: entón os cristiáns defuntos resucitarán 
primeiro; 17despois, nós, os que quedemos vivos, seremos arrebatados xunto con eles 
nas nubes, para irmos ó encontro do Señor no aire e así estaremos sempre co Señor. 
18Polo tanto, consoládevos uns a outros con estas palabras. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 95, 1 e 3. 4-5. 11-12. 13 
 
R/ (13b): Vén o Señor para rexe-la terra 
 
 
 
1Cantádelle ó Señor un cántico novo, 
 
cántalle ó Señor, terra enteira; 
 
3cantade entre as xentes a súa gloria; 
 
ante tódolos pobos, as súas marabillas. 
 
 
 
4Grande é o Señor e digno de louvanza, 
 
máis temible ca tódolos deuses. 
 
5Os deuses das nacións son aparencia, 
 
pero o Señor fixo os ceos. 
 
 
 
11Alégrese o ceo, exulte a terra, 
 
brúe o mar e canto o enche; 
 
12rían os campos e o que hai neles, 
 
rebrinquen as árbores do bosque, 
 
 
 
13diante do Señor que vén, 
 
que vén para rexe-la terra. 
 
El rexerá o mundo con xustiza 
 
e os pobos con rectitude. 
 
 
 
 
 
ANO 2 
 
 
 
PRIMEIRA 1 Cor 2, 1-5: 
 
Anuncieivos a Cristo crucificado 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN 
PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS 
 
 
 
2 1En canto a min, irmáns, cando cheguei onda vós, non cheguei exhibindo elocuencia 
nin saber para anunciárvo-lo misterio de Deus. 2Nada pretendín saber entre vós fóra de 
Xesús Cristo; e Cristo crucificado. 3E eu presenteime diante vosa cunha sensación de 
impotencia e tremendo de medo; 4e a miña palabra e maila miña predicación non se 
apoiaban en argumentos persuasivos e sabios, senón que constituían unha demostración 
do poder do Espírito: 5todo para que a vosa fe non se apoie na sabedoría dos homes, 
senón no poder de Deus. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 97. 98. 99. 100. 101 . 102 
 
R/ (97a): ¡Canto amo eu a túa lei, Señor! 
 
 
 
97¡Canto amo eu a túa lei! 
 
Medito nela o día enteiro. 
 
 
 
98Os teus preceptos fanme máis cordo cós inimigos, 
 
pois están sempre comigo. 
 
 
 
99Avantaxo en sabedoría ós meus mestres, 
 
porque medito na túa revelación. 
 
 
 
100Son máis asisado cós vellos, 
 
porque cumpro os teus preceptos. 
 
 
 
101De todo mal camiño arredo os pés, 
 
observando a túa palabra. 
 
 
 
102Non disinto das túas decisións, 
 
porque ti es quen me ensina. 
 
 
 
 
 
ALELUIA Cf. Lc 4, 18: 
 
O Espírito do Señor está sobre min; 
 
mandoume evanxeliza-los pobres 
 
 
 
 
 
EVANXEO Lc 4, 16-30: 
 
Mandoume evanxeliza-los pobres... Ningún profeta é ben recibido no seu país 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DO SAANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS 
 
 
 
16Chegou Xesús a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na 
sinagoga. Ergueuse para face-la lectura, 17e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e 
atopou unha pasaxe que dicía: 
 
18O Espírito do Señor está sobre min 
 
porque El foi quen me unxiu 
 
para proclamárlle-la Boa Nova ós pobres. 
 
Mandoume para lles anuncia-la liberación ós secuestrados 
 
e a vista ós cegos, 
 
para lles dar liberdade ós asoballados, 
 
19e proclama-lo ano de gracia do Señor. 
 
20Pechando o libro, devolveullo ó encargado, e sentou. Tódolos ollos da sinagoga 
enteira estaban fixos nel. 21Logo empezoulles a dicir: 
 
-Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura. 
 
22E todos se lle puxeron á contra, estrañados polas palabras de gracia que saían da boca 
del. E dicían: 
 
-¿Pero non é este o fillo de Xosé? 
 
23El díxolles: 
 
-Seguramente me recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; todo canto 
oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra. 
 
24Pero el continuou: 
 
-Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. 25Tede por seguro que no 
tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres 
anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; 26e a ningunha delas 
mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. 27E moitos gafos 
había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o 
sirio. 
 
28Oíndo estas cousas, tódolos que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras; 
29así que, erguéronse, botárono fóra da vila, levárono ata o alto do monte no que está 
edificada, coa intención de o precipitaren embaixo. 30Pero el botou a andar polo medio 
deles e marchou. 
 
 
 
 
 
432.- MARTES 
 
 
 
ANO 1 
 
 
 
PRIMEIRA 1 Tes 5, 1-6. 9-11: 
 
Morreu por nós para que vivamos xuntamente con el 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN 
PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES 
 
 
 
5 1Tocante ó tempo preciso, irmáns, tampouco non precisades que vos escriba, 2que vós 
mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite. 
3Cando anden dicindo: "paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a 
 
desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non 
han de escapar. 4Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, para que ese día vos 
sorprenda coma o ladrón, 5xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos 
da noite nin das tebras. 
 
6Polo tanto, non adormezamos coma os demais; máis ben, esteamos vixiantes e 
manteñámo-lo propio control. 
 
 9Pois non nos destinou Deus á ira, senón á consecución da salvación polo noso Señor 
Xesús Cristo, 10que morreu por nós para que, vivos ou mortos, pasemos a vivir con el. 
11Polo tanto, aconselládevos e confortádevos uns a outros, como xa o facedes. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 26, 1. 4. 13-14 
 
R/ (13): Eu espero gozar dos bens do Señor 
 
na terra da vida. 
 
 
 
O Señor é a miña luz e salvación, 
 
¿a quen hei de temer? 
 
O Señor é o meu castelo, 
 
¿ante quen hei de tremer? 
 
 
 
4Unha cousa pídolle ó Señor, 
 
unha cousa procuro: 
 
habitar na casa do Señor, 
 
tódolos días da vida, 
 
para gozar da dozura do Señor, 
 
visitando o seu templo. 
 
 
 
13Eu espero gozar dos bens do Señor 
 
na terra da vida. 
 
14Espera no Señor; 
 
ten corazón forte e valente 
 
e espera no Señor. 
 
 
 
 
 
ANO 2 
 
 
 
PRIMEIRA 1 Cor 2, 10b-16: 
 
O home "animal" non percibe as realidades propias do Espírito de Deus; pola contra, o 
home "espiritual" xulga de todo 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN 
PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS 
 
 
 
Irmáns e irmás: 
 
10O Espírito esculca todo, mesmo as profundidades de Deus, 11porque ¿que home 
coñece o que hai no home, se non é o espírito do home que está nel? Pois igual, o que 
hai en Deus ninguén o coñece, se non é o Espírito de Deus. 12Ora, nós non recibímo-lo 
 
espírito do mundo, senón o Espírito que procede de Deus, a fin de que coñezamos todo 
o que Deus nos outorgou pola súa gracia. 13E iso é o que tamén predicamos, non con 
palabras aprendidas de humana sabedoría, senón con palabras aprendidas do Espírito, 
explicando con verbas espirituais as realidades espirituais. 
 
14O home "animal" non acolle o que é propio do Espírito de Deus, pois parécelle unha 
parvada; nin o pode coñecer, porque disto só se pode xulgar espiritualmente. 15Pola 
contra, o home "espiritual" xulga de todo, mentres que a el non o xulga ninguén. 
16Porque ¿quen coñeceu o pensamento do Señor, como para se poñer a darlle leccións? 
Pero nós témo-lo Espírito de Cristo. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 8-9. 10-11. 12-13ab. 13cd-14 
 
R/ (17a): O Señor é xusto en tódolos seus camiños 
 
 
 
8O Señor é clemente e compasivo, 
 
tardo á ira e rico en amor. 
 
9O Señor é bo para todos, 
 
garimoso con tódalas súas obras. 
 
 
 
10Lóuvente, Señor, as túas obras, 
 
bendígante os teus amigos. 
 
11Pregoen a gloria do teu reino, 
 
proclamen as túas fazañas. 
 
 
 
12Ensinen ós homes a túa forza 
 
e a maxestade gloriosa do teu reino. 
 
13O teu reino é reino eterno, 
 
o teu goberno dura por xeracións. 
 
 
 
14O Señor sostén a tódolos que caen 
 
e endereita os que se dobran. 
 
 
 
 
 
ALELUIA Lc 7, 16: 
 
Un gran profeta apareceu entre nós, 
 
e Deus visitou ó seu pobo 
 
 
 
 
 
EVANXEO Lc 4, 31-37: 
 
Sei quen es ti, o Santo de Deus 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS 
 
 
 
31Baixou Xesús a Cafarnaúm, vila de Galilea, e os sábados adoitaba ensinar. 32Todos 
estaban sorprendidos do ensino, porque falaba con autoridade. 33E aconteceu que había 
na sinagoga un home posuído polo espírito dun demonio inmundo, que pegou a berrar 
dando grandes voces: 
 
34-¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? ¿Seica viñeches para acabares 
connosco? Ben sei quen es ti: o Santo de Deus. 
 
35Xesús ordenoulle: 
 
-¡Cala a boca e bótate fóra dese home! 
 
E o demo tirou co home no medio e medio e saíu del sen lle facer mal. 36Todos ficaron 
abraiados e falaban entre eles dicindo: 
 
-¿Que terá a súa palabra? Con autoridade e poder manda nos espíritos malos, e eles 
fanlle caso. 
 
37E a sona de Xesús estendeuse por tó-dolos lugares daquela terra. 
 
 
 
 
 
433.- MÉRCORES 
 
 
 
ANO 1 
 
 
 
PRIMEIRA Col 1, 1-8: 
 
Chegou a vós a palabra da verdade, que tamén se expandiu a todo o mundo 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO 
APÓSTOLO ÓS COLOSENSES 
 
 
 
1 1Paulo, apóstolo de Xesús Cristo pola vontade de Deus e mailo irmán Timoteo, 2ós 
santos e fieis irmáns en Cristo Xesús que viven en Colosas: desexámosvo-la gracia e 
paz de Deus, noso Pai. 
 
3Dámoslle gracias a Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, rezando decote por vós, 
4desde que nos chegou a nova da vosa fe en Cristo Xesús e do amor que tedes a tódolos 
cristiáns, 5por mor da esperanza de quen vos agarda alá no ceo; esa esperanza da que 
oístes falar na palabra de verdade do Evanxeo 6que chegou ata vós. Tamén entre vós, 
coma en todo o mundo, o Evanxeo dá froitos e medra desde o día que escoitastes e 
coñecestes de verdade a gracia de Deus, 7tal coma volo ensinou Epafras, o noso 
benquerido compañeiro de servicio, fiel servidor de Cristo no noso lugar; 8tamén el nos 
deu novas do amor que pon en vós o Espírito. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 51, 10. 11 
 
R/ (10b): Confío na túa misericordia, Señor, por sempre 
 
 
 
10Mais eu son oliveira verde 
 
na casa do Señor. 
 
Confío no amor de Deus 
 
polos séculos, por sempre. 
 
 
 
11Louvarei decote os teus feitos, 
 
esperarei no teu nome, 
 
porque ti es bo cos amigos. 
 
 
 
 
 
ANO 2 
 
 
 
PRIMEIRA 1 Cor 3, 1-9: 
 
Somos cooperadores de Deus; sodes campo, edificación de Deus 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN 
PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS 
 
 
 
Irmáns e irmás: 
 
3 1Non puiden falarvos coma a homes "espirituais", senón coma a homes aínda "non 
espirituais", coma a meniños en Cristo. 2Alimenteivos con leite, non co alimento sólido, 
porque aínda non o podiades pasar. Claro que aínda agora non o pasades, 3porque aínda 
sodes "carnais" ¿Ou non é certo que sodes "carnais" e que vos portades dun xeito 
meramente humano, se entre vós hai rivalidade e discordia? 4Mentres un diga "eu son 
de Paulo" e outro "eu son de Apolo", ¿non sodes meramente humanos? 
 
5Porque ¿que é Apolo? ¿Que é Paulo? Meros servidores por medio de quen aceptáste-la 
fe; e cada un obrou conforme ó que o Señor lle deu. 6Eu plantei, Apolo regou; pero 
Deus foi quen vos deu o medro. 7De maneira que nin o que planta nin o que rega son 
ninguén, senón Deus, que é quen fai medrar. 8Quen planta e rega veñen face-lo mesmo, 
pero cadaquén levará a súa paga conforme ó seu traballo. 9Porque nós somos 
xornaleiros de Deus; e vós sóde-lo agro de Deus, edificio de Deus. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 32, 12-13. 14-15. 20-21 
 
R/ (12b): Feliz o pobo que Deus elixiu como herdade 
 
 
 
12Feliz a nación que ten a Deus por Señor, 
 
o pobo que El elixiu como herdade. 
 
13Desde o ceo mira o Señor, 
 
olla para tódolos homes; 
 
 
 
14desde a súa morada observa 
 
a tódolos habitantes da terra. 
 
15El modelou o corazón de todos eles 
 
e esculca as súas obras. 
 
 
 
20Nós agardámo-lo Señor: 
 
El é o noso socorro, o noso escudo. 
 
21Nel alégrase ó noso corazón 
 
e confiamos no seu nome. 
 
 
 
 
 
ALELUIA Lc 4, 18: 
 
O Señor mandoume evanxeliza-los pobres 
 
predicárlle-la liberación ós cautivos 
 
 
 
 
 
EVANXEO Lc 4, 38-44: 
 
Tamén é preciso que evanxelice outras cidades, que para iso fun mandado 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS 
 
 
 
38O que saíu Xesús da sinagoga, entrou na casa de Simón. A sogra de Simón tiña unha 
febre moi alta, e pedíronlle por ela. 39Achegán-dose a onde estaba, ordenoulle á febre 
que a deixase, e deixouna. De seguida ergueuse ela, e púxose a servilos. 
 
40A tardiña, cantos tiñan enfermos de calquera doenza leváronllos; el, impoñendo as 
mans sobre cada un deles, curounos a todos. 41De moitos saían os demos tremendo e 
dicindo: "Ti e-lo Fillo de Deus". Pero el berráballes e non os deixaba falar, porque 
sabían que el era o Mesías. 
 
42O abri-lo día, saíu para un lugar arredado. Pero a xente buscouno, indo tras el e 
tratando de retelo para que non os deixase. 43Pero el díxolles: 
 
-Tamén cómpre que anuncie o Reino de Deus noutras vilas, que para isto me mandaron. 
 
44E andou predicando polas sinagogas de Xudea. 
 
 
 
 
 
434.- XOVES 
 
 
 
ANO 1 
 
 
 
PRIMEIRA Col 1, 9-14: 
 
Arrincounos do poder das tebras e integrounos no reino do Fillo do seu amor 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO 
APÓSTOLO ÓS COLOSENSES 
 
 
 
Irmáns e irmás: 
 
9Desde o día en que soubemos de vós, non deixamos de rezar por vós. Pedímoslle a 
Deus que vos encha do coñecemento da súa vontade, con todo o saber e intelixencia que 
dá o Espírito. 10Así daredes coma froitos toda clase de obras boas e medraredes no 
coñecemento de Deus; 11estaredes enfortecidos en todo coa súa potencia magnífica para 
serdes con ledicia pacientes e constantes a toda proba; 12e darédeslle gracias ó Pai que 
nos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz. 
 
13Porque El arrincounos da pouta das tebras 
 
para nos pasar ó Reino 
 
de seu Fillo querido, 
 
14en quen nós atopamos 
 
redención, 
 
o perdón dos pecados. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 97, 2-3ab- 3cd-4. 5-6 
 
R/ (2a): O Señor dá a coñece-la súa salvación 
 
 
 
2O Señor dá a coñece-la súa salvación, 
 
revela a súa xustiza ante os pobos. 
 
3Lembra o seu amor e a súa fidelidade 
 
coa casa de Israel. 
 
 
 
Os pobos todos verán 
 
a salvación do noso Deus. 
 
4Aclama ó Señor, terra enteira, 
 
rompede a cantar e a tocar. 
 
 
 
5Tocade para o Señor a cítara, 
 
a cítara e o salterio; 
 
6con claríns e con trompetas 
 
aclamade ó Señor, noso rei. 
 
 
 
 
 
ANO 2 
 
 
 
PRIMEIRA 1 Cor 3, 18-23: 
 
Todo é voso, vós sodes de Cristo, e Cristo é de Deus 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN 
PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS 
 
 
 
Irmáns e irmás: 
 
18Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún que se crea sabio ó xeito deste mundo, 
decátese de que é parvo para volverse sabio de verdade. 19Porque a sabedoría deste 
mundo é parvada diante de Deus. 
 
Que está escrito: 
 
El pilla os listos na súa propia astucia. 
 
20E tamén: 
 
O Señor coñece os pensamentos dos sabios 
 
e sabe que son vans. 
 
21De modo que ninguén apoie o seu orgullo nos homes. Porque todo é voso certamente: 
22tanto Paulo coma Apolo coma Cefas, tanto o mundo coma a vida e coma a morte, 
tanto o presente coma o futuro. Todo é voso; 23pero vós sodes de Cristo e Cristo é de 
Deus. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 23, 1-2. 3-4ab. 5-6 
 
R/ (1): Do Señor é a terra e canto a enche 
 
 
 
Do Señor é a terra e canto a enche, 
 
o orbe e canto nel habita. 
 
2El é quen a fundou sobre os mares 
 
e quen a asegurou sobre as correntes. 
 
 
 
3¿Quen poderá subir ó monte do Señor? 
 
¿Quen poderá quedar no seu santuario? 
 
4O que ten as mans limpas e puro o corazón, 
 
o que non pon a mente en cousas vas 
 
 
 
5Ese recibirá do Señor bendición 
 
e xustiza de Deus, o seu salvador. 
 
6Así é a liñaxe dos que o buscan, 
 
dos que buscan a presencia do Deus de Xacob. 
 
 
 
 
 
ALELUIA Mt 4, 19: 
 
Vinde comigo, di o Señor, 
 
e fareivos pescadores de homes 
 
 
 
 
 
EVANXEO Lc 5, 1-11: 
 
Deixando todo, seguírono 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS 
 
 
 
5 1Estando Xesús á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ó seu arredor, 
escoitando a Palabra de Deus, 2viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os 
pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. 3Subiu a unha barca, que era de 
Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á 
xente. 4Cando acabou de falar, díxolle a Pedro: 
 
-Voga lago adentro, e larga o aparello para pescar. 
 
5Respondeu Simón: 
 
-Mestre, pasámo-la noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti 
o dis, largarei o aparello. 
 
6Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. 7Fixéronlles 
entón acenos ós compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron 
e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. 8Vendo isto, Simón 
Pedro botóuselle ós pés a Xesús, dicindo: 
 
-Señor, arreda de min, que eu son un pecador. 
 
9Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como 
colleran naquel lance. 10O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de 
Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón: 
 
-Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes. 
 
11Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono. 
 
 
 
 
 
 
 
435.- VENRES 
 
 
 
ANO 1 
 
 
 
PRIMEIRA Col 1, 15-20: 
 
Todo foi creado por el e para el 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO 
APÓSTOLO ÓS COLOSENSES 
 
 
 
15Cristo Xesús é a imaxe do Deus invisible, 
 
de toda criatura el é o primeiro nacido,X 
 
16e por medio del fixéronse as cousas, 
 
as da terra e tamén as do ceo, 
 
as vistas cos ollos, 
 
as por eles non vistas; 
 
señoríos sexan ou ben maxestades, 
 
sexan principados, tamén potestades; 
 
el é modelo e fin 
 
do universo creado. 
 
17Antes ca todo está el, 
 
todo nel se cimenta aínda hoxe. 
 
18É tamén a cabeza do corpo 
 
-o corpo é a Igrexa-. 
 
El é o principio, 
 
o primeiro en nacer de entre os mortos, 
 
de xeito que en todo 
 
sexa sempre o primeiro. 
 
19Porque nel quixo Deus habitar 
 
coa súa total plenitude: 
 
20reconciliar así o universo 
 
consigo, por el; 
 
e no sangue da cruz 
 
poñer paz entre os seres da terra 
 
e do ceo, servíndose del. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Ps 99, 2. 3. 4. 5 
 
R/ (2c): Achegádevos con cántigas á súa presencia. 
 
 
 
2servide o Señor con alegría, 
 
achegádevos con cántigas á súa presencia. 
 
 
 
3Sabede que o Señor é Deus, 
 
que El nos fixo e que del somos, 
 
o seu pobo, o seu rabaño. 
 
 
 
4Entrade polas súas portas con louvanzas: 
 
polos seus adros con cántigas. 
 
Celebrádeo e bendicide o seu nome, 
 
 
 
5porque o Señor é bo. 
 
O seu amor dura por sempre; 
 
por xeracións a súa fidelidade. 
 
 
 
 
 
ANO 2 
 
 
 
PRIMEIRA 1 Cor 4, 1-5 
 
Descubrirá o Señor os motivos dos corazóns 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN 
PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS 
 
 
 
Irmáns e irmás: 
 
4 1Que a xente vexa en nós uns servidores de Cristo e administradores dos misterios de 
Deus. 2Ora, o que se lles pide ós administradores é que sexan de fiar. 3Por min 
impórtame moi pouco que me pidades contas vós ou un tribunal humano; nin tan 
sequera eu me xulgo a min mesmo. 4Certo que de nada me remorde a conciencia. Pero 
non por iso estou xa xustificado: quen me pide contas é o Señor. 5De modo, que non 
xulguedes antes de tempo: agardade a que chegue o Señor. Xa se encargará El de sacar á 
luz os segredos das tebras e de descubri-los motivos dos corazóns. Entón quen o mereza 
recibirá do Señor o seu aprobado. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 36, 3-4. 5-6. 27-28. 39-40 
 
R/ (39a): A salvación dos xustos vén do Señor 
 
 
 
3Confía no Señor e fai o ben, 
 
vive na terra, practicando a lealdade; 
 
4pon as delicias no Señor: 
 
El darache o que arela o teu corazón. 
 
 
 
5Encomenda ó Señor o teu porvir 
 
e confía nel, que El fará: 
 
6El fará saí-la túa xustiza coma a luz, 
 
o teu dereito coma o sol do mediodía. 
 
 
 
27Fuxe do mal e fai o ben, 
 
e terás casa duradeira; 
 
28porque o Señor ama a xustiza 
 
e non abandona os seus fieis. 
 
Estes perdurarán, 
 
mentres a caste dos malvados é arrincada. 
 
 
 
39A salvación dos xustos vén do Señor: 
 
El é o seu refuxio no tempo da angustia. 
 
40O Señor axúdaos e líbraos, 
 
líbraos dos malvados e presérvaos, 
 
porque se acollen a El. 
 
 
 
 
 
ALELUIA Xn 8, 12 
 
Eu son a luz do mundo, di o Señor; 
 
quen me segue, terá a luz da vida 
 
 
 
 
 
EVANXEO Lc 5, 33-39: 
 
Cando lle leven do medio deles ó esposo, entón xexuarán 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS 
 
 
 
Dixéronlle a Xesús os escribas e fariseos: 
 
-Os discípulos de Xoán xexúan e rezan a miúdo, como tamén fan os dos fariseos, pero 
os teus comen e beben. 
 
34Xesús contestoulles: 
 
-¿E ides facer xexua-los convidados á voda, mentres está con eles o esposo? 35Xa 
chegará o día no que lles leven o esposo; daquela si que xexuarán. 
 
36Tamén lles propuxo esta parábola: 
 
-Ninguén racha un vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque 
quedaría roto o novo, e no vello tampouco diría ben un remendo de pano novo. 37E 
tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, 
deitarían o viño, e estragaríanse os pelellos. 38Xa sabedes: viño novo quere pelellos 
novos. 39E ninguén que proba o viño vello, quere o novo, pois dirá: é mellor o vello. 
 
 
 
 
 
436.- SÁBADO 
 
 
 
ANO 1 
 
 
 
PRIMEIRA Col 1, 21-23: 
 
Reconciliouvos Deus para vos presentar santos e inmaculados 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO 
APÓSTOLO ÓS COLOSENSES 
 
 
 
Irmáns e irmás: 
 
21Vós estabades noutro tempo afastados e manifestabades cos vosos feitos a vosa 
profunda hostilidade; 22pero agora Deus reconciliouvos pola morte do corpo 
perecedeiro do seu fillo, para vos presentar santos diante del, sen chata e irreprensibles 
ós seus ollos. 23Unicamente que debedes seguir cimentados e firmes na fe e non vos 
arredar da esperanza que escoitastes no Evanxeo; ese Evanxeo que se lles predicou a 
tódalas criaturas, debaixo do ceo, e do que a min, Paulo, me fixeron servidor. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 53, 3-4. 6 e 8 
 
R/ (6a): Deus é a miña axuda 
 
 
 
3Sálvame, Deus, polo teu nome, 
 
co teu poder defende a miña causa. 
 
4Escoita, Deus, a miña súplica, 
 
atende a miña palabra. 
 
 
 
6Mais Deus é a miña axuda, 
 
o Señor é quen sostén a miña vida. 
 
8Eu ofrecereiche gustoso sacrificios, 
 
louvareite, Señor, porque es bo. 
 
 
 
 
 
ANO 2 
 
 
 
PRIMEIRA 1 Cor 4, 6b-15: 
 
Temos fame e sede e estamos espidos 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN 
PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS 
 
 
 
Irmáns e irmás: 
 
6Púxenme de exemplo eu e puxen a Apolo por causa vosa, para que nas nosas persoas 
aprendades aquilo de que non hai que ir máis alá do que está escrito, e non vos fagades 
fanáticos dun en contra do outro. 7Porque ¿quen te fai máis distinguido? ¿Que tes ti que 
non o recibises? E se o recibiches, ¿a que vén gabarse coma se non o recibises? 8¡Xa 
estades fartos, xa estades ricos: sen nós estades feitos uns reis! ¡Quen me dera que fose 
certo! Así podiamos nós reinar convosco. 
 
9Porque paréceme a min que a nós, ós apóstolos, púxonos Deus no derradeiro lugar, 
coma os condenados á morte; de xeito que resultamos ser un espectáculo para o mundo: 
tanto para os anxos coma para os homes. 10Nós somos parvos por Cristo, vós ¡que 
cristiáns máis asisados! Nós somos débiles, vós fortes; a vós hónranvos, a nós 
desprézannos. 11Mesmo na hora presente pasamos fame e sede, e andamos 
desfarrapados; recibimos malos tratos e non temos acougo. 12Matámonos a traballar 
coas nosas propias mans. Aldráxannos, e nós bendicimos; perséguennos e nós aturamos; 
13calúmniannos e nós falamos ben. Ata o presente vimos sendo algo así como o 
refugallo do mundo, o lixo de todos. 
 
14Non escribo isto para vos avergonzar: fágovo-la reprensión coma a fillos moi 
queridos. 15Coma cristiáns xa podedes ter milleiros de mestres, que pais non teredes 
moitos, pois fun eu quen por medio do Evanxeo vos enxendrei en Cristo Xesús. 
 
 
 
 
 
SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 17-18. 19-20. 21 
 
R/ (18a): O Señor está cerca dos que o chaman 
 
 
 
17O Señor é xusto nos seus camiños todos, 
 
bo en tódolos seus feitos. 
 
18O Señor está cerca dos que o chaman, 
 
dos que sinceramente o invocan. 
 
 
 
19El cumpre a vontade dos que o temen, 
 
escoita o seu pranto e socórreos. 
 
20O Señor garda ós que o aman, 
 
pero desbota os malvados. 
 
 
 
21A miña boca pregoará as louvanzas do Señor 
 
e tódolos seres vivos bendicirán o seu nome santo 
 
polos séculos dos séculos. 
 
 
 
 
 
ALELUIA Xn 14, 6: 
 
Eu son o camiño e a verdade e a vida, di o Señor; 
 
ninguén vén ó Pai senón é por min 
 
 
 
 
 
EVANXEO Lc 6, 1-5: 
 
¿Como facéde-lo que non está permitido facer no sábado? 
 
 
 
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS 
 
 
 
6 1Pasando Xesús un sábado por unhas leiras sementadas, os seus discípulos arrincaban 
espigas e comíanas despois de refregalas coas mans. 2Entón dixeron algúns fariseos: 
 
-¿Como facéde-lo que non está permitido facer no sábado? 
 
3Respondeulles Xesús: 
 
-¿Seica non sabéde-lo que fixo David cando sentiu fame, el e mailos seus 
acompañantes? 4Entrou na casa de Deus e colleu o pan das ofrendas, comeu el e deulles 
ós seus acompañantes, iso que non lles estaba permitido comelos a eles, senón só ós 
sacerdotes. 
 
5E engadiu: 
 
-O Fillo do Home é o Señor do sábado.