Semana VI

 
 

SEMANA 6ª DO TEMPO ORDINARIO

 

335.- LUNS

ANO 1

PRIMEIRA Xén 4, 1-15. 25:

Alzouse Cain contra o seu irmán Abel e matouno

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

4 1O home achegouse a Eva, súa muller, e esta quedou embarazada. Deu a luz a Caín, e

exclamou: -"Pola gracia do Señor adquirín un home". 2Logo deulle un irmán a Caín,

parindo a Abel. Abel era pastor e Caín labrador.

 

3O tempo pasaba e Caín presentáballe ó Señor ofrendas dos froitos da terra. Tamén

Abel sacrificaba as primicias dos seus rabaños e ofrecía as partes mellores. 4O Señor

miraba con bos ollos para Abel e para a súa ofrenda, 5pero non para Caín e para a súa.

Caín anoxouse moito, e andaba coa cara carraxenta.

 

6O Señor díxolle a Caín: -"¿Por que te alporizas e andas coa testa baixa? 7Se fa-lo ben,

poderás levala ergueita. Se non o fas, xa o pecado ronda á túa porta, estate axexando.

Pero ti pódelo dominar".

 

8Caín falou con seu irmán. E cando saíron fóra, botouse contra el e matouno.

 

9O Señor preguntoulle a Caín: -"¿Onde está Abel, teu irmán?"

 

Repondeu el: -"Non o sei. ¿Ou son eu o garda de meu irmán?"

 

10O Señor dixo: -"¿Que fixeches? O sangue de teu irmán chama por min desde a terra.

11Agora maldícete esa terra, que abriu a súa boca para recibir da túa man o sangue de

teu irmán. 12Aínda que a traballes, non che volverá dar froitos con xenerosidade. Irás

polo mundo errante e fuxitivo". 13Caín dixolle ó Señor: -"O castigo é grande de máis

para o poder aturar. 14Agora bótasme desta terra, e quedarei fóra da túa vista. Errante e

fuxitivo polo mundo, matarame o primeiro que me atope".

 

15Respondeulle o Señor: -"Se alguén mata a Caín, pagarao sete veces". E púxolle un

sinal, para que ninguén que o atopase o matase.

 

25O home Adam achegouse outra vez á súa muller, que deu a luz un fillo. Púxolle o

nome de Xet, agradecendo: -"Deus concedeume un fillo no posto de Abel, a quen

matara Caín".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 49, 1 e 8. 16bc-17. 20-21

R/ (14a): Ofrécelle a Deus un sacrificio de louvanza

 

Fala o Señor, o Deus dos deuses,

convoca a terra desde oriente a occidente.

8Non te reprendo polos teus sacrificios,

pois os teus holocaustos están sempre ante min.

 

-"¿Para que recíta-los meus mandatos

e levas na boca a miña alianza,

17ti que despréza-la instrucción

e te viras de costas contra os meus preceptos?

 

20A penas sentas, falas do irmán

e tíraslle a sona á filla da túa nai.

21Cando isto fas, ¿terei eu que calar?

¿Pensas que son coma ti?

Repréndote e acúsote á cara".

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sant 1, 1-11

A proba da vosa fe enxendra paciencia, para que sexades íntegros e perfectos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

 

1 1Santiago, o servidor de Deus e do Señor Xesús Cristo, saúda as doce tribos que están

na emigración.

 

2Cando vos vexades envoltos en diferentes tentacións, meus irmáns, tédevos por moi

ditosos, 3porque xa sabedes que aquilo que somete a proba a vosa fe enxendra

paciencia. 4Pero cómpre que a paciencia vaia acompañada de boas obras, de xeito que

sexades perfectos e completos sen fallardes en cousa ningunha.

 

5Se algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos

abondosamente e sen roñar; 6e a ese tal tamén lla ha dar. Pero cómpre que pida con fe e

sen dubidar para nada, que quen dubida é coma as ondas do mar, que o vento abala e

leva de aquí para acolá. 7Un home así non pense recibir cousa ningunha do Señor: 8é un

indeciso e un inconstante en tódolos seus camiños.

 

9Que o irmán de condición humilde se gloríe da súa gran dignidade; 10e o rico, da súa

humillación, porque pasará coma a flor da herba: 11soérguese o sol coa súa fogaxe e

queima a herba, cáelle a flor e pérdese a súa fermosa aparencia; pois así mesmiño

murchará o rico nas súas empresas.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 67. 68. 71 . 72 . 75. 76

R/ (77a): Que a túa piedade, Señor, veña a min e vivirei

 

67Antes de coñece-la aflicción, eu andaba errado,

pero agora observo os teus ditos.

 

68Ti es bo e dás bens:

ensíname a túa vontade.

 

71Foime boa a aflicción,

para aprende-los teus mandatos.

 

72A túa vontade é para min mellor

ca milleiros de ouro e prata.

 

75Eu sei, Señor, que o teu xuízo é xusto

e que tes razón de aflixirme.

 

76Que o teu amor me console,

conforme llo prometiches ó teu servo.

 

 

ALELUIA Xn 14, 6:

Eu son o camiño e a verdade e a vida, di o Señor;

ninguén vén ó Pai senón é por min

 

 

EVANXEO Mc 8, 11-13:

¿A que vén que esta xeración pida un signo?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

11Uns fariseos saíronlle ó paso a Xesús, e metéronse a discutir con el. Para probalo,

pedíronlle un sinal do ceo. 12El deu un profundo suspiro, e dixo:

 

-¿Por que esta clase de xente reclama un sinal? Pois asegúrovos que a esta xente non se

lle dará sinal ningún.

 

13Así, deixounos, volveu embarcar e foise para a outra banda.

 

 

336.- MARTES

 

ANO 1

PRIMEIRA Xen 6, 5-8; 7, 1-5. 10:

Vou borrar da terra o home que creei

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

5O ve-lo Señor que a maldade dos homes medraba na terra e que tódolos seus

pensamentos eran só para o mal, 6arrepentiuse de os ter posto sobre a terra, pesoulle no

corazón. 7E decidiu: -"Vou borrar da terra o home que creei, e con el tamén o gando, as

feras e os paxaros, pois mesmo sinto telos feito". 8Pero Noé achou o favor do Señor.

 

7 1O Señor díxolle a Noé: -"Entra na arca con toda a túa familia, pois teño visto que ti

e-lo home xusto desta xeración. 2De todo animal puro colle sete parellas, macho e

femia; dos non puros, unha parella, macho e femia; 3dos paxaros, tamén sete parellas,

macho e femia, para que se garde viva a especie na terra. 4Dentro de sete días farei

chover sobre a terra corenta días seguidos, coas súas noites, e varrerei da face da terra os

seres todos que creei".

 

5Noé fixo todo conforme lle mandara o Señor.

 

10O cabo de sete días as augas do diluvio alagaban a terra.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10

R/ 11b): O Señor bendicirá ó seu pobo coa paz

 

Tributádelle ó Señor, fillos de Deus,

tributádelle ó Señor honor e forza;

2tributádelle ó Señor o honor do seu nome,

adorade ó Señor con ornamento sagrado.

 

3Unha voz:

"O Señor sobre as augas,

o Señor sobre as moitas augas".

4Unha voz: "O Señor no seu poder".

Unha voz: "O Señor na súa maxestade".

 

 O Deus glorioso fai treboar,

No seu santuario todo di: ¡Gloria!

10O Señor pon o asento sobre as augas,

pon asento de rei eterno.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sant 1, 12-18:

A ninguén induce Deus a tentación

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

 

12Benia o home que resiste na tentación, porque, como a supere, recibirá o premio da

vida, que Deus prometeu ós que o aman. 13Que ninguén diga ó se ver tentado: "Deus é

quen me tenta", porque nin o mal tenta a Deus nin Deus tenta a ninguén. 14A cadaquén

téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola: 15despois a cobiza concibe e pare o

pecado; e o pecado, en consumándose, enxendra morte. 16Non vos trabuquedes, irmáns

queridiños. 17Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros,

en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. 18Pola súa vontade tróuxonos á vida

coa palabra da verdade, para que fosemos como as primicias das súas criaturas.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 93, 12-13a. 14-15. 18-19

R/ (11b): Feliz o home a quen ti corrixes, Señor

 

12Feliz o que ti corrixes, Señor,

e lle ensína-la túa vontade.

13Despois das horas malas dáslle o sosego,

 

14Certamente o Señor non rexeita o seu pobo

nin abandona o seu herdo.

15O xuízo será outra vez xusto

e tódolos rectos o gardarán.

 

18Cando digo: -"O meu pé tremelica",

o teu amor, Señor, sostenme.

19Cando medran as coitas no meu peito,

o teu consolo alégrame o espírito.

 

 

ALELUIA Xn 14, 23:

Quen me ama, gardará a miña Palabra, di o Señor,

e o meu Pai amarao e viremos a el

 

 

EVANXEO Mc 8, 14-21:

Gardádevos do fermento dos fariseos e do fermento de Herodes.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

14Os discípulos esqueceran levar pan, e non tiñan máis ca un bolo na barca. 15Xesús

recomendoulles:

-Tende coidado, e gardádevos do fermento dos fariseos e do fermento de Herodes.

 

16Pero eles latricaban entre si: "o caso é que non temos pan".

 

17Xesús decatándose díxolles:

-¡Como! ¡Así que estades a falar de que non tendes pan! ¿Seica non acabades de

entender, nin caedes na conta do que quero dicir? ¿Tan cegos estades? 18¿Tendes ollos,

e non vedes; oídos e non oídes? ¿Xa non vos acorda 19cantas cestas de sobras

recollestes, cando repartín cinco bolos de pan entre cinco mil persoas?

 

Contestaron:

-Foron doce.

 

20-E cando repartín sete bolos entre catro mil, ¿cantas cestas recollestes?

 

Responderon:

-Recollemos sete.

 

21E concluíu:

-¿E logo aínda non comprendedes?

 

 

337.- MÉRCORES

 

ANO 1

PRIMEIRA Xén 8, 6-13. 20-22:

Asomouse e viu que estaba seca a superficie da terra

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

6O cabo de corenta días, Noé abriu a bufarra que deixara na arca, 7e soltou un corvo,

que saíu e foi voando dun lado para outro, ata secaren as augas que cubrían a terra.

8Despois soltou unha pomba, para ver se as augas se deran retirado. 9Mais a pomba non

atopou sitio enxoito onde pousar, porque a auga cubría a terra, e voltou para a arca.

Daquela, alongou Noé a man, colleuna e meteuna na arca.

 

10Noé agardou sete días, e soltou de novo a pomba fóra da arca. 11O serán volveu

entrar cunha folla verde de oliveira no peteiro. Noé decatouse de que a auga baixara un

pouco máis. 12Agardou outros sete días e soltou novamente a pomba. Esta xa non

volveu.

 

13O día un do primeiro mes do ano seiscentos un da vida de Noé secaron as augas que

cubrían a terra. Noé retirou a cuberta da arca e viu que a terra estaba enxoita.

 

20Noé construíulle un altar ó Señor, colleu gandos puros e aves puras e ofreceunos en

sacrificio no altar. 21Agradoulle ó Señor o recendo e decidiu: -"Non maldicirei a terra

outra vez por mor dos homes, por máis que a súa inclinación tenda cara ó mal desde a

súa mocidade. Non ferirei outra vez a tódolos seres vivos, como acabo de facer.

 

22Namentres a terra dure;

sementeira e colleita,

frío e calor,

verán e inverno,

día e noite

endexamais non faltarán".

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 115, 12-13. 14-15. 18-19

R/ (17a): Ofrecereiche, Señor, un sacrificio de louvanza

Ou: Aleluia

 

 12¿Con que lle pagarei ó Señor

todo o ben que me fai?

13Alzarei a copa da salvación,

invocando o nome do Señor;

 

14cumprirei os meus votos ó Señor,

á vista de todo o seu pobo.

15Moi custosa é ós ollos do Señor

a morte dos seus amigos.

 

18Cumprirei os meus votos ó Señor,

á vista de todo o seu pobo,

19nos adros da casa do Señor,

no medio de ti, Xerusalén,

Aleluia.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sant 1, 19-27:

Poñede en práctica a Palabra e non a escoitedes soamente

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

 

 

19Xa o sabedes, meus irmáns benqueridos: que todo home sexa espilido para escoitar,

calmo para falar e calmo tamén para o anoxo, 20porque o anoxo do home non leva á

conducta que Deus pide.

 

21Polo tanto, rexeitando calquera lixume ou resto de ruindade, acollede docilmente a

Palabra enxertada en vós, que pode salva-las vosas vidas. 22Sede cumpridores da

Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas.

23Porque quen escoita a Palabra e non a pon en práctica é coma o home que se puxo a

olla-la súa propia cara nun espello; 24mirouse ben nel pero, ó que deu media volta,

esqueceulle como era. 25En cambio, quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que

dá a liberdade, e se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida, senón para

a poñer por obra, ese será feliz na súa actuación.

 

26Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana o seu propio

corazón, a súa relixiosidade sería baleira. 27A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos

de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da

contaminación deste mundo.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 14, 2-3ab. 3cd-4ab. 5

R/ (1b): ¿Quen descansará, Señor, no teu santo monte?

 

2Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:

que ten sinceridade no corazón

3e non calumnia coa súa lingua;

o que non lle fai mal ó veciño

e non difama ó seu próximo;

 

4o que estima desprezable ó malvado

e apreza ós que temen ó Señor;

o que non se vira no xuramento,

aínda que sexa no seu dano;

 

5o que non presta con usura o seu diñeiro

e non se deixa subornar contra o inocente.

Quen así se comporte,

endexamais non perecerá.

 

 

ALELUIA Cf. Ef 1, 17-18:

O Pai do noso Señor Xesús Cristo ilumine o voso corazón,

para que comprendamos cal é a esperanza da nosa vocación

 

 

EVANXEO Mc 8, 22-26:

Restituíulle-la vista ó cego e vía todo con claridade

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

22Chegaron a Betsaida Xesús e mailos discípulos, e trouxéronlle un cego, pedíndolle

que o tocase. 23El, collendo o cego pola man, sacouno para fóra da aldea; botoulle

cuspe nos ollos, estendeu as mans sobre el, e preguntoulle:

-¿Ti ves algo?

 

24El, que comezaba a albiscar algo, dixo:

-Vexo homes, anque me parecen árbores que andan.

 

25Púxolle outra vez as mans nos ollos; entón empezou a enxergar ben: estaba curado, e

vía todo claramente. 26Logo mandouno para a casa, dicíndolle:

-Nin tan sequera entres na aldea.

 

 

338.- XOVES

 

ANO 1

PRIMEIRA Xén 9, 1-13:

Poñerei nas nubes o meu arco e será sinal da miña alianza coa terra

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

9 1Deus bendiciu a Noé e ós seus fillos:

-"Crecede, reproducídevos e enchede a terra. 2Que vos teñan respecto e medo os

animais todos da terra e os paxaros do ceo. No voso poder están os reptís todos da terra

e os peixes do mar. 3Todo o que vive e se move serviravos para mantenza. Dóuvolo

todo, como vos dei os vexetais. 4Mais non comeredes carne coa súa vida, quere dicir, co

seu sangue. 5Tamén da vosa vida -do voso sangue- pedirei eu as contas. Pedireillas a

todo home da vida do seu irmán. 6Quen mate un home, pola man de home morrerá, pois

Deus fixo os homes conforme a súa imaxe. 7Reproducídevos, crecede, espalládevos

pola terra e sometédea". 8Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos: 9-"Vou

establece-la miña alianza convosco e cos vosos descendentes, 10con tódolos animais

que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da

arca e agora viven na terra. 11Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez

destruída vida ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a

terra".

 

12E Deus engadiu: -"Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con tódolos

seres vivos que vos fan compaña, para tódolos tempos: 13Poño o meu arco nas nubes,

sinal da miña alianza entre min e a terra.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 101, 16-18. 19-21 . 29 e 22-23

R/ (20b): O Señor desde o ceo mira para a terra.

 

16As xentes temerán o nome do Señor,

os reis da terra a súa gloria,

17cando o Señor reconstrúa Sión

e se mostre na súa gloria;

18cando o Señor atenda a oración dos expoliados

e non desprece a súa pregaria.

 

19Isto escribirase para as xeracións vindeiras,

e o pobo entón creado louvará ó Señor.

20O Señor olla desde o seu santuario excelso,

desde o ceo mira para a terra.

21Escoita o pranto dos cativos,

libra os condenados á morte.

 

29Os fillos dos teus servos estableceranse,

a súa posteridade estará segura á túa vista.

22En Sión falarase do nome do Señor,

en Xerusalén da súa gloria,

23cando pobos e reinos se xunten

para daren culto ó Señor.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sant 2, 1-9:

¿Non escolleu Deus ós pobres? Pero vós deshonrastes ó pobre

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

 

2 1Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben

con certos distingos entre persoas. 2Entra na vosa asemblea -é un supoñer- un home cun

anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos;

3se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: "ti acomódate ben aquí", e ó pobre

"ti queda de pé aí", ou "senta no chan ós meus pés", 4¿non estades facendo distincións

entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?

 

5Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: ¿seica non escolleu Deus os pobres deste

mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu ós que o aman?

6Vós, en troques, abafáste-lo pobre. ¿Seica non son os ricos os que vos asoballan e os

que vos levan a xuízo? 7¿Non son eles tamén os que aldraxan o fermoso nome que se

invocou sobre vós? 8Facedes moi ben se, con todo, cumprides á perfección a Lei rexia

da Escritura que di: "Amara-lo teu próximo coma a ti mesmo". 9Pero se andades con

favoritismos, pecades, e a lei havos acusar de transgresores.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7

R/ (7a): O Señor escoita ó pobre que o chama

 

2Eu bendigo ó Señor en todo instante,

teño sempre na boca a súa louvanza;

3gloríome no Señor,

e os humildes alégranse, ó escoitalo.

 

4Exaltade comigo ó Señor,

louvemos xuntos o seu nome.

5Eu busco ó Señor, e El responde,

líbrame de tódolos temores.

 

6Ollade para El e refulxide,

non poñades caras murchas.

7O Señor escoita ó pobre que o chama

e líbrao de tódolos apretos.

 

 

ALELUIA Cf. Xn 6, 63c. 68c:

As túas palabras, Señor, son espírito e vida;

ti tes palabras de vida eterna

 

 

EVANXEO Mc 8, 27-33:

Ti e-lo Cristo. É preciso que o Fillo do Home padeza moito

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

27Ia Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño

preguntoulles:

-¿Quen di a xente que son eu?

 

28Eles responderon:

-Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas.

 

29El preguntoulles a eles:

-¿E vós, quen dicides que son?

 

Respondeu Simón Pedro:

-Ti e-lo Mesías.

 

30E prohibiulles diciren nada a ninguén.

 

31Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de que era preciso que o

Fillo do Home padecese moito, e que o rexeitasen os anciáns, os Sumos Sacerdotes e

mailos letrados; que o ían matar, e que ós tres días había resucitar.

 

32Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a

rifarlle. 33Pero Xesús volvéndose cara ós discípulos, reprendeuno:

 

-¡Arreda de min, Satanás, que ti non te me deixas guiar por Deus, senón polos homes!

 

 

 

 339.- VENRES

 

ANO 1

PRIMEIRA Xén 11, 1-9:

Baixemos e embarullemos alí mesmo a súa lingua

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

11 1Toda a terra falaba unha soa lingua e usaba as mesmas palabras. 2O emigraren os

homes desde o oriente, encontráronse nunha chaira, no país de Xinar, e establecéronse

alí. 3Dixéronse uns ós outros: -"Imos facer ladrillos e cocelos no lume". O ladrillo

facíalles de pedra e o betume de cemento. 4E nisto propuxeron: -"Imos construír unha

cidade e unha torre, que chegue co cimo ata o ceo, e fagámonos un nome sonado, para

non nos perder pola ancha face da terra".

 

5Baixou o Señor para ve-la cidade e a torre que os homes construían, e pensou: 6-"Aquí

hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería

privalos desde agora de faceren o que se lles veña á cabeza. 7Baixemos e embarullemos

alí mesmo a súa lingua, de xeito que non se entendan uns cos outros". 8O Señor

espallounos de alí por toda a terra, e deixaron de construí-la cidade. 9A esta

chamóuselle Babel, porque alí embarullou o Señor a lingua de todo o mundo. Desde alí

espallounos por toda a face da terra.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 32, 10-11. 12-13. 14-15

R/ (12b): Feliz o pobo que o Señor elixiu como herdade

 

10O Señor estraga o consello das nacións,

desbarata os designios dos pobos.

11O consello do Señor dura por sempre,

os seus plans de xeración en xeración.

 

12Feliz a nación que ten a Deus por Señor,

o pobo que El elixiu como herdade.

13Desde o ceo mira o Señor,

olla para tódolos homes;

 

14desde a súa morada observa

a tódolos habitantes da terra.

15El modelou o corazón de todos eles

e esculca as súas obras.

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Sant 2, 14-24. 26:

Así coma o corpo sen espírito está morto, así tamén a fe sen obras está morta

 

14Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos?

¿Acaso o poderá salvar esa fe? 15Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados

do pan de cada día, 16e vai un de vós e dilles: "ídevos en paz, quentádevos e

fartádevos", pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que proveito levan?

17Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.

 

18Pode dicir alguén: "ti te-la fe, eu teño os feitos". -Móstrame a túa fe sen feitos que eu

polos feitos heiche de mostra-la miña fe.

 

19¿Ti cres que só hai un Deus? -Fas ben, pero iso tamén o cren os demos e mais tremen.

 

20¿Queres entender dunha vez, parvo, que a fe sen feitos está morta? 21Os feitos

xustificaron ó noso pai Abraham, cando ofreceu o seu fillo Isaac enriba do altar, ¿non

si? 22¿Fíxaste como a fe colabora cos seus feitos e como polos feitos a fe chegou á súa

madurez? 23Así se cumpriu a Escritura que di: "Abraham tivo fe en Deus e iso valeulle

de xustificación", de xeito que mesmo se lle chamou amigo de Deus. 24Xa vos

decatades de como son os feitos os que xustifican o home e non só a fe. 26O mesmo que

un corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 111, 1-2. 3-4. 5-6

R/ (cf 1b): Ditoso quen ten o seu gozo nos preceptos do Señor

 

1Aleluia.

Ditoso o que teme ó Señor

e ten gozo nos seus preceptos.

2A súa descendencia será forte na terra,

a liñaxe dos rectos é bendita.

 

3Na súa casa hai bens abondo

e a súa prosperidade é duradeira.

4Nas tebras brilla unha luz para os rectos,

os xustos, os misericordiosos e os clementes.

 

5Benia quen se apiada e presta,

e goberna os seus bens con xustiza.

6Endexamais non perecerá,

pois de eterna lembranza son os rectos.

 

 

ALELUIA Xn 15, 15b:

A vós chameivos amigos, di o Señor,

porque vos anunciei todo canto le oín a meu Pai

 

 

EVANXEO Mc 8, 34--9, 1:

Quen entregue a súa vida por min e polo Evanxeo, poñeraa a salvo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

34Chamando Xesús á xente onda os seus discípulos, díxolles a todos:

-Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz, e que me

siga. 35Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida

pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo. 36Pois ¿de que lle serve ó

home gaña-lo mundo enteiro, se perde a súa vida? 37E ¿que pode dar un home para

recobra-la súa vida? 38Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, nesta

xeración idólatra e pecadora, tamén o Fillo do Home se avergonzará del, cando veña na

gloria de seu Pai entre os santos anxos.

 

9 1E engadiu:

-Tede por seguro que algúns dos aquí presentes non han morrer sen veren antes chega-lo

Reino de Deus con gran poder.

 

 

340.- SÁBADO

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Heb 11, 1-7:

Pola fe sabemos que os séculos adáptanse á Palabra de Deus

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

11 1A fe é un anticipo do que se espera, é unha proba convincente das cousas que non se

ven. 2Pois por mor dela Deus testemuñou a favor dos nosos devanceiros.

 

3Pola fe sabemos que a palabra de Deus creou o mundo e así o que se ve é resultado do

que non se ve.

 

4Movido pola fe, Abel ofreceu a Deus un sacrificio mellor có de Caín, e por mor dela

deuse fe da súa rectitude; foi Deus quen deu fe dela por mor dos seus dons; e por mor da

fe, anque xa morto, aínda segue falando.

 

5Pola súa fe a Henoc levárono desta vida, para non ter que sufri-la morte: Xa non se

atopaba porque o levara Deus. Xa antes de falar do seu traslado déixase testemuño de

que Deus estaba moi contento con el. 6Pero sen fe é imposible que un lle agrade a Deus,

pois quen quere achegarse a Deus precisa crer que El existe e que recompensa os que o

buscan.

 

7Movido pola fe, Noé, en recibindo de Deus ordes sobre cousas que aínda non se

ollaban, respectuoso con Deus, construíu unha arca para salva-la súa familia; co seu

exemplo de fe condenou a conducta do mundo e fíxose herdeiro da xustiza que dá a fe.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 2-3. 4-5. 10-11

R/ (cf 1b): Bendicirei por sempre o teu nome, Señor

 

2Bendicireite o día enteiro,

louvarei por sempre o teu nome.

3Grande é o Señor e digno de louvanza,

a súa grandeza é insondable.

 

4Unha xeración gáballe a outra os teus feitos

e cóntalle as túas fazañas.

5Falan da gloria da túa maxestade,

e eu refiro as túas marabillas.

 

 10Lóuvente, Señor, as túas obras,

bendígante os teus amigos.

11Pregoen a gloria do teu reino,

proclamen as túas fazañas.

 

 

ANO 2

 

 PRIMEIRA Sant 3, 1-10:

Ninguén pode domina-la súa lingua

 

3 1Meus irmáns, que non haxa moitos de vós a se poñeren de mestres; xa sabedes que

ós mestres os han xulgar con maior severidade, 2porque todos pecamos moitas veces. Se

hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode refrea-lo seu corpo

enteiro. 3Ollade: ós cabalos poñémoslles un freo na boca para que nos obedezan e así

controlámo-lo seu corpo. 4E o mesmo os barcos: con seren tan grandes e iren

empurrados por ventos tan fortes, gobérnanse cun temón pequeno cara a onde o

temoeiro os quere levar.

 

5Pois outro tanto pasa coa lingua: ser é un membro ben pequerrecho, pero pode gabarse

de grandes cousas. Aí o tedes: ¡cunha fogueiriña cantas fragas poden arder! 6E a lingua

é un lume, un mundo de ruindade. A lingua é unha parte dos nosos membros que

contamina o corpo enteiro e, por estar inflamada polo inferno, fai arder ela tamén, pola

súa banda, toda a nosa vida desde os comezos.

 

7Calquera caste de bestas ou paxaros ou cóbregas ou peixes pode domeala o home e, de

feito, doméaa; 8a lingua, en troques, ninguén a dá domeado: é un mal sen acougo, cheo

de solimán de morte. 9Con ela bendicimos a Deus, o noso Pai; e con ela maldicimolos

ós homes, creados semellantes a Deus. 10Dos mesmos beizos saen a bendición e maila

maldición. E isto, irmáns, non debía ser así.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 11, 2-3. 4-5. 7-8

R/ (8a): Ti, Señor, hasnos gardar

 

2 Salva, Señor, que se acaban os xustos,

desaparecen os rectos de entre os homes.

3Falsidade é o que se din uns ós outros,

linguaxe garatuxeira e fraudulenta a que falan.

 

4Arrinque o Señor tódolos labios aloumiñeiros

e as linguas arrogantes dos que din:

5-"A lingua é a nosa forza,

contamos cos nosos labios: ¿quen será o noso dono?".

 

7Os ditos do Señor son ditos verdadeiros,

prata limpa de escoura,

sete veces refinada.

8Ti, Señor, hasnos gardar,

librarasnos para sempre desta xente.

 

 

ALELUIA Cf. Mc 9, 6:

Abríronse os ceos e oiuse a voz do Pai:

Este é o meu Fillo benquerido: escoitádeo

 

 

EVANXEO Mc 9, 2-13:

Transfigurouse dante deles

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

2Colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sós ó coto dun monte. Alí

transfigurouse na súa presencia. 3Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos

coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. 4Nisto apareceron Elías e mais

Moisés, e estaban a falar con Xesús. 5E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:

-¡Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a

outra para Moisés.

 

6Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía. 7E unha nube cubriunos coa súa

sombra, mentres saía dela unha voz:

-Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.

 

8E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. 9Cando baixaban

do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase

de entre os mortos. 10Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a

outros o que querería dicir aquilo de "cando resucite de entre os mortos". 11E

preguntáronlle:

-¿Como é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?

 

12El contestoulles:

-Elías ten que vir primeiramente a restablecelo todo. Pero entón, ¿como é que está

escrito que o Fillo do Home ten que padecer moito e ser aldraxado? 13O que vos digo é

que Elías xa veu e que fixeron con el canto lles petou, como estaba escrito del.