Semana XXIX

 
 

SEMANA 29ª DO TEMPO ORDINARIO

 

 

473.- LUNS

 

 ANO 1

PRIMEIRA Rm 4, 20-25:

Tamén se escribiu por nós os que somos considerados crentes nel

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

Irmáns e irmás:

 

20Ante a promesa de Deus non dubidou Abraham por incredulidade, senón que se

enforteceu na fe, dando gloria a Deus, 21plenamente seguro de quen é poderoso para

cumpri-lo que promete. 22Por iso valeulle a xustificación. 23Estas palabras non se

escribiron soamente por el, 24senón tamén por nós. Pois tamén nos vai "valer" a nós que

cremos naquel que resucitou dos mortos a Xesús, noso Señor, 25que foi entregado por

culpa dos nosos pecados e foi resucitado por mor da nosa xustificación.

 

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Lc 1, 69-70. 71-72. 73-75

R/ (cf 68): Bendito sexa o Señor, Deus de Isarel,

porque visitou o seu pobo

 

69suscitando para nós unha forza de salvación

na casa de David, o seu servo,

70conforme prometera desde antigo

por boca dos seus santos profetas:

 

71que nos salvaría dos nosos inimigos

e das mans dos que nos teñen odio;

72que tería misericordia dos nosos pais,

tendo presente a súa Santa Alianza,

 

73tal fora a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai,

concedéndonos 74que, libres das mans do inimigo,

o sirvamos sen temor,

75en santidade e xustiza, diante del,

tódolos días mentres dure a nosa vida.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Ef 2, 1-10:

Convivificounos en Cristo e fíxonos sentar nos ceos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

 

Irmáns e irmás:

 

2 1Vós estabades mortos polos vosos delitos e pecados 2e neles camiñabades daquela

seguindo os criterios deste mundo e seguindo ó príncipe do poder do aire, do espírito

que agora actúa nos fillos desobedientes... 3Entre eles viviamos daquela tamén todos

nós, satisfacendo os nosos baixos instintos, cumprindo os baixos desexos e os caprichos

dos instintos, sendo naturalmente fillos da ira, coma os mais.

 

4Pero Deus, que é farturento en misericordia, polo grande amor que nos amosou 5cando

estabamos nós mortos polos nosos pecados, fíxonos revivir con Cristo (salváronvos por

pura benquerencia) e 6resuci-tounos con El e con El fíxonos sentar no ceo en Cristo

Xesús, 7para mostrarlles ós séculos vindeiros a rebordante riqueza da súa gracia,

manifesta na bondade que tivo connosco en Cristo Xesús. 8Porque vos salvaron por

gracia, mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus; 9e non vén das obras, para

que ninguén se dea méritos. 10Somos, logo, feitura del, creados en Cristo Xesús para

facérmo-lo ben no que Deus dispuxo de antemán que camiñemos.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 99, 2. 3. 4. 5

R/ (3b): O Señor fíxonos e del somos

 

2servide o Señor con alegría,

achegádevos con cántigas á súa presencia.

 

3Sabede que o Señor é Deus,

que El nos fixo e que del somos,

o seu pobo, o seu rabaño.

 

4Entrade polas súas portas con louvanzas:

polos seus adros con cántigas.

Celebrádeo e bendicide o seu nome,

 

 5porque o Señor é bo.

O seu amor dura por sempre;

por xeracións a súa fidelidade.

 

 

 

ALELUIA Mt 5, 3:

Ditosos os que teñen espírito de pobres,

porque deles é o reino dos ceos

 

 

 

EVANXEO Lc 12, 13-21:

¿Para quén será o que preparaches?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

13Dille a Xesús un que estaba entre a xente:

-Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.

 

14El contestoulle:

-Home, ¿quen me nomeou xuíz ou albacea entre vós?

 

15E logo díxolle á xente:

-Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida

depende dos seus bens.

 

16E propúxolles unha parábola:

-As terras de certo home rico déranlle moito froito. 17Púxose entón a cavilar: "¿Como

vou facer, que non teño onde mete-lo froito?" 18E dixo: "Xa o sei: vou desface-los meus

celeiros, e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e tódolos meus bens.

19Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa,

come, bebe e ¡a vivir!" 20Pero Deus díxolle: "Insensato, esta mesma noite váiseche

raclama-la túa vida: ¿para quen será todo o que fixeches?"

 

21Así é quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus.

 

 

474.- MARTES

 

ANO 1

PRIMEIRA Rm 5, 12. 15b. 17-19. 20b-21:

Se polo pecado de un reinou a morte, moito máis reinará a vida

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

 Irmáns e irmás:

 

12O pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a

morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado.

 

15Se polo delito dun morreron tódolos demais, moito máis polo favor dun home, Xesús

Cristo, a gracia e o don de Deus rebordaron sobre todos.

 

 17Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, ¡canto máis

os que recibiron a abundancia da gracia e do don da benevolencia reinarán na vida por

medio dese un que é Xesús Cristo!

 

18Por tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre tódolos homes, así

tamén pola xustificación doutro só vén para tódolos homes a xustificación que dá a vida.

19Como a desobediencia dun único home volveu pecadores a tódolos homes, así tamén

a obediencia dun só volveu xustos a todos. 20Onde abundou o pecado, sobreabundou a

gracia, 21para que, como reinou o pecado traendo a morte, así tamén a gracia reinaría

pola xustiza, que produce a vida eterna, por medio de Xesús Cristo noso Señor.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 39, 7-8a. 8b-9. 10. 17

R/ (cf 8a e 9a): Aquí veño, Señor, face-la túa vontade

 

7Ti non queres sacrificios e ofrendas

-sobre iso abríchesme o oído-,

non pides holocaustos nin víctimas expiatorias.

8Entón digo: -"Aquí veño

co libro escrito para min".

9Face-la túa vontade, meu Deus, é o que eu quero;

a túa lei está no fondo de min mesmo.

 

10Proclamo a túa salvación na asemblea,

non pecho os meus labios: ben o sabes, Señor.

 

 17Alégrense e folguen contigo

tódolos que te buscan;

que poidan sempre dicir

os que arelan a túa salvación:

-"Exaltado sexa o Señor".

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Ef 2, 12-22:

El é a nosa paz, o que dos dous fixo un

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

 

Irmáns e irmás:

 

12estabades daquela sen Cristo, excluídos da cidadanía de Israel e alleos ás alianzas da

promesa: viviades sen esperanza e sen Deus, no mundo.

 

13Pero vós, que antes estabades lonxe, agora gracias a Cristo Xesús estades cerca, no

sangue de Cristo. 14El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a

medianeira divisoria -a inimizade-, e abolindo na súa carne 15aquela Lei de

mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade,

facendo a paz; 16e reconciliando con Deus ámbolos dous nun único corpo por medio da

cruz, matando nel mesmo a inimizade. 17El veu e anunciou a paz: paz para vós -os de

lonxe-, e paz para os que estaban cerca: 18porque por el temos uns e outros acceso ó

Pai, nun mesmo Espírito.

 

19Por tanto, xa non sodes estranxeiros nin xente de fóra: sodes concidadáns dos crentes

e membros da casa de Deus, 20edificados sobre o alicerce dos apóstolos e dos profetas,

sendo a pedra esquinal Cristo Xesús. 21Sobre el toda a construcción se vai erguendo ata

formar un templo santo no Señor. 22E nesa construcción tamén entrades vós, para

formardes unha morada de Deus, no Espírito.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14

R/ (cf 9): O Señor fala de paz para o seu pobo

 

9Escoitarei o que di o noso Deus:

certamente o Señor fala de paz

10A salvación está xa preto dos que o temen,

a súa gloria habitará na nosa terra.

 

11O amor e a fidelidade atoparanse,

abrazaranse a xustiza e maila paz.

12Na terra xermolará a fidelidade,

a xustiza ollará desde o ceo.

 

13O mesmo Señor dará os bens,

a nosa terra dará os froitos.

14A xustiza irá dediante del,

guiará os seus pés no camiño.

 

 

ALELUIA Lc 21, 36:

Vixiade, orando permanentemente,

para que poidades estar firmes diante do Fillo do jome

 

 

EVANXEO Lc 12, 35-38:

Ditosos os criados que, cando veña o señor, están vixiantes

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

35Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; 36sédeme coma os que agardan

que volva o seu amo da voda, para que, cando chegue e chame, lle poidan abrir.

37Ditosos os criados a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que

poñerá a roupa de traballo, sentaraos na mesa e serviraos un por un. 38Sexa pola

anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles.

 

 

 

475.- MÉRCORES

 

ANO 1

PRIMEIRA Rm 6, 12-18:

Mostrádevos a Deus como vivos de entre os mortos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

Irmáns e irmás:

 

12Que non domine o pecado o voso corpo mortal, para obedecérde-las súas cobizas.

13Nin ofrezáde-los vosos membros coma armas da inxustiza ó servicio do pecado. Máis

ben poñédevos á disposición de Deus, coma mortos que volvestes á vida. E ofrecede os

vosos membros coma armas da xustiza ó servicio de Deus. 14Porque o pecado non vos

dominará, que non estades xa debaixo da Lei, senón debaixo da gracia.

 

15¿E logo, que? ¿Imonos pór a pecar, porque xa non estamos baixo a Lei, senón baixo a

gracia?

 

-De ningunha maneira. 16Ben sabedes que se vos ofrecedes a alguén coma escravos

para o obedecer, sodes escravos dese a quen obedecedes: se ó pecado, para acabar na

morte; se á obediencia, para acada-la xustificación.

 

17Pero, gracias a Deus, vós, anque erades escravos do pecado, obedecestes de corazón a

doutrina fundamental á que vos entregaron; 18e, liberados do pecado, fixéstesvos

escravos da xustiza

 

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 123, 1-3. 4-6. 7-8

R/ (8a): O noso socorro está no nome do Señor

 

Se o Señor non estivese connosco,

-que o diga Israel-,

2se o Señor non estivese connosco,

cando se ergueron os homes contra nós,

3teríannos engulido vivos

no incendio da súa ira;

 

4as augas xa nos terían sulagado

e o torrente pasado sobre nós;

5xa nos terían mergullado

as augas escumantes.

6Bendito sexa o Señor,

que non nos fixo presa dos seus dentes.

 

 7A nosa vida é coma o paxaro que se zafa

da trampa do cazador.

Rómpese a trampa,

e nós escapamos.

8O noso socorro está no nome do Señor

que fixo o ceo e maila terra.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Ef 3, 2-12:

Agora revelouse o misterio de Crtisto, que os xentís son coherdeiros da promesa

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

 

Irmáns e irmás:

 

2Coido que oístes falar da encomenda que a gracia de Deus me fixo en favor voso: 3xa

que por medio dunha revelación se me deu a coñece-lo misterio, tal como escribín antes

en poucas palabras; 4polo que, ó lelo, podedes esculcar como entendo eu o misterio de

Cristo, 5que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo

manifesta o Espírito ós seus santos apóstolos e profetas: 6que os xentís son parceiros,

membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo 7do

que me fixo servidor a xenerosa gracia que Deus me concedeu coa eficacia do seu

poder. 8A min, o máis cativo de tódolos crentes, concedéuseme o honor de anunciarlles

ós xentís a inimaxinable riqueza de Cristo 9e amosarlles a todos a realización do

misterio escondido desde sempre en Deus, que creou tódalas cousas. 10Así desde o ceo

e por medio da Igrexa dáselles a coñecer a principados e autoridades a variedade de

formas da sabedoría de Deus, 11contidas no proxecto eterno que se levou a cabo por

medio de Cristo Xesús, noso Señor. 12Gracias a El témo-la liberdade de acceso

confiado, pola fe nel.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

R/ (cf 3): Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

 

2Velaí, Deus é a miña salvación, terei confianza, e non medo.

El é a miña forza, por isto louvareino.

Si, o Señor é a miña salvación".

3Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

 

4"Dádelle gracias ó Señor, invocade o seu nome.

Dade a coñecer entre os pobos os seus feitos,

facédelle a lembranza de que é grande o seu Nome.

 

5Cantádelle ó Señor. De verdade fixo cousas magníficas,

que serán coñecidas en toda a terra.

6Clamade con gozo e ledicia, habitantes de Sión:

Que grande é no medio de ti o Santo de Israel".

 

 

 

ALELUIA Mt 24, 42a. 44:

Vixiade e estade preparados

porque o Fillo do home ha vir á hora que menos pensedes

 

 

 

EVANXEO Lc 12, 39-48:

A quen moito se lle deu, moite se lle ha pedir

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

39Entendede ben: se o dono da casa soubese a que hora vai chega-lo ladrón, non

permitiría que lle asaltasen a casa. 40Así tamén: estade vós preparados, porque á hora

menos pensada ha vi-lo Fillo do Home.

 

41Díxolle Pedro:

-Señor, ¿a parábola que acabas de contar vai por nós ou por todos en xeral?

 

42Contestoulle o Señor:

-¿Quen é, logo, o administador fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado

de dar no seu tempo a ración de trigo á servidume? 43¡Ditoso o criado aquel, a quen o

seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! 44Tede por seguro que lle

encomendará toda a facenda. 45Pero se o criado aquel di para si: "O amo aínda non vén

para agora" e empeza a mallar nos criados, comendo e bebendo ata se emborrachar; 46o

día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o amo do criado aquel, e botarao

fóra cos infieis. 47O criado que, coñecendo as vontades do amo, non ten todo preparado

nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paos; 48pero o que non os

coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levará poucos. A quen moito se lle dá,

moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.

 

 

 

 476.- XOVES

ANO 1

PRIMEIRA Rm 6, 19-23:

Agora fostes liberados do pecado e sodes servos de Deus

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

Irmáns e irmás:

 

19(Falo á maneira humana por mor da vosa natural limitación): do mesmo xeito que

antes puxéste-los vosos membros ó servicio da inmoralidade e da desorde para caerdes

na anarquía moral, así agora poñede os vosos membros ó servicio da xustiza para

chegardes á santidade.

 

20Cando erades escravos do pecado, estabades ceibos fronte á xustiza. 21¿Que froito

sacastes entón daquilo do que agora vos avergonzades? Porque a fin diso é a morte.

22Agora, en troques, liberados do pecado e feitos escravos de Deus, tedes coma froito a

santidade e coma fin a vida eterna. 23Pois o xornal do pecado é a morte, pero o regalo

de Deus é a vida eterna en Cristo Xesús noso Señor.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 1, 1-2. 3. 4 e 6

R/ (Sal 39, 5a): Ditoso que pon a súa confianza no Señor

 

1Benaventurado aquel

que non se guía polo consello dos malvados,

nin se detén no camiño dos pecadores,

nin senta na xunta dos burlóns,

2senón que ten o seu contento na vontade do Señor

e nela remoe día e noite.

 

3É coma árbore plantada onda os regueiros:

dá froito ó seu tempo,

as súas follas non murchan,

e todo o que fai acaba ben.

 

 4Non son así os malvados,

serán coaño que leva o vento.

6pois do camiño dos xustos coida o Señor,

mentres vai á perdición o camiño dos malvados.

 

ANO 2

PRIMEIRA Ef 3, 14-21:

Que teñáde-la vosa raíz e o voso alicerce no amor,

de xeito que quededes cheos da plenitude total

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

 

 Irmáns e irmás:

 

14Axeónllome perante o Pai, 15de quen toma nome toda paternidade no ceo e mais na

terra, 16para que vos conceda -segundo a riqueza da súa gloria-, que se robusteza

poderosamente en vós o home interior por medio do seu Espírito; 17que Cristo habite

pola fe nos vosos corazóns e que teñáde-la vosa raíz e o voso alicerce no amor, 18de

xeito que poidades comprender, con todo o pobo crente, o ancho, o longo, o alto e o

profundo que é 19o amor de Cristo, que supera todo coñecemento; e así quededes cheos

da plenitude total, que é Deus.

 

20A aquel que, con esa potencia que actúa en nós, pode facer moito máis -inmen-

samente máis- do que nós poidamos pedir ou imaxinar, 21a El a gloria na Igrexa e en

Cristo Xesús, por tódalas xeracións de séculos de séculos. Amén.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 32, 1-2. 4-5. 11-12. 18-19

R/ (5b): A misericordia do Señor enche a terra

 

1Alegrádevos, xustos, no Señor:

ós rectos acáelle-la louvanza.

2Festexade ó Señor con cítolas,

tocade con harpa de dez cordas.

 

4A palabra do Señor é recta

e tódalas súas obras son leais:

5El quere o dereito e a xustiza,

a súa misericordia enche a terra.

 

11O consello do Señor dura por sempre,

os seus plans de xeración en xeración.

12Feliz a nación que ten a Deus por Señor,

o pobo que El elixiu como herdade.

 

18Os ollos do Señor miran polos seus fieis,

polos que esperan na súa misericordia,

19para libra-la súa vida da morte,

para os manter no tempo da miseria.

 

 

 

ALELUIA Flp 3, 8-9:

Teño todo por perda e considéroo como esterco,

para ganar a Cristo e encontrarme nel

 

 

EVANXEO Lc 12, 49-53:

Non vir tarer paz, senón separación

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

 

49¡Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder! 50Hanme

bautizar cun bautismo e ¡xa me tarda a hora de que se cumpra! 51¿Pensades que vin

trae-la paz á terra? Abofé que non: vin traer división. 52Pois desde agora na casa onde

haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres. 53Estarán enfrontados

pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.

 

 

 

 477.- VENRES

ANO 1

 PRIMEIRA Rm 7, 18-25a:

¿Quen me librará deste meu corpo instrumento da morte?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

 Irmáns e irmás:

 

18Sei que non é o ben o que mora en min, é dicir, na miña condición irredenta, porque o

querer está dentro de min, pero o obra-lo ben, non. 19Pois non fago o ben que quero,

senón que fago o mal que non quero. 20E se o que fago é xustamente o que non quero,

non son eu quen o fai, senón o pecado que mora en min.

 

21Atopo, por tanto, en min esa lei: que, ó querer face-lo ben, o que me sae é o mal.

22Na intimidade do meu ser comprázome coa Lei de Deus, 23pero vexo outra lei no

meu corpo, que lle fai a guerra á lei da miña razón, escravizándome á lei do pecado, que

levo no meu corpo. 24¡Pobre de min! ¿Quen me librará deste meu corpo instrumento da

morte? 25-¡Pero, si: gracias a Deus por medio de Xesús Cristo o noso Señor!

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 66. 68. 76. 77. 93. 94

R/ (68b): Ensíname, Señor, a túa vontade

 

66Dáme bo xuízo e discreción,

pois eu teño fe nos teus preceptos.

 

68Ti es bo e dás bens:

ensíname a túa vontade.

 

76Que o teu amor me console,

conforme llo prometiches ó teu servo.

 

 77Que a túa piedade veña a min e vivirei;

a túa lei é a miña alegría.

 

93Non esquecerei xamais os teus preceptos,

pois dásme a vida por eles.

 

94Eu son teu, sálvame ti;

eu esculco os teus mandatos.

 

ANO 2

PRIMEIRA Ef 4, 1-6:

Un corpo, un Señor, unha fe, un bautismo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

 

Irmáns e irmás:

 

4 1Eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da chamada que

recibistes, 2con total humildade, sinxeleza e paciencia, aturándovos uns a outros con

amor, 3esforzándovos por mante-la unidade do espírito no vínculo da paz. 4Hai un só

corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha única esperanza na

vosa vocación. 5Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, 6e un só Deus e Pai de

todos, que está sobre todos, por todos e en todos.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 23, 1-2.3-4ab. 5-6

R/ (cf 6): Así é a liñaxe dos que buscan a túa presencia, Señor

 

Do Señor é a terra e canto a enche,

o orbe e canto nel habita.

2El é quen a fundou sobre os mares

e quen a asegurou sobre as correntes.

 

3¿Quen poderá subir ó monte do Señor?

¿Quen poderá quedar no seu santuario?

4O que ten as mans limpas e puro o corazón,

o que non pon a mente en cousas vas

 

5Ese recibirá do Señor bendición

e xustiza de Deus, o seu salvador.

6Así é a liñaxe dos que o buscan,

dos que buscan a presencia do Deus de Xacob.

 

 

 

ALELUIA Cf. Mt 11,25:

Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra,

porque lle revelaches ós humildes os misterios do reino

 

 

 

EVANXEO Lc 12, 54-59:

Se sabedes interpreta-lo cariz da terra e mailo do ceo, ¿como non sabedes interpreta-lo

momento presente?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

54Dille Xesús á xente:

-Cando vedes que da banda do mar vén unha nube, axiña dicides: "Temos chuvia", e así

é. 55E cando venta do sur, dicides: "Velaí vén o calmizo", e vén mesmo. 56¡Hipócritas!

Se sabedes interpreta-lo cariz da terra e mailo do ceo, ¿como non sabedes interpreta-lo

momento presente?

 

57E, ¿por que non xulgades por vós mesmos o que cómpre facer? 58Cando vaias co teu

contrario ó xuíz, mira de librarte del polo camiño; non sexa que te arrastre onda o xuíz e

este te entregue ó garda para que te meta na cadea. 59Que de alí seguro que non saes ata

que págue-lo último céntimo.

 

 

 

 478.- SÁBADO

ANO 1

PRIMEIRA Rm 8, 1-11:

O Espírito daquel que resucitou a Xesús de entre os mortos habita en vós

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

Irmáns e irmás:

 

8 1Nin resto de condenación hai agora para os que están unidos a Cristo Xesús. 2Porque

a lei do Espírito, que rexe a vida unida a Cristo Xesús, libroume da lei do pecado e da

morte. 3Pois o imposible para a Lei, por estar incapacitada por culpa da nosa condición

irredenta, realizouno Deus: mandando, por cousa do pecado, o seu propio Fillo nunha

condición semellante á condición do pecado, condenou o pecado nesa propia condición.

4Deste xeito o mandato da Lei pode cumprirse en nós, que non vivimos xa conforme a

esa condición, senón conforme ó Espírito.

 

5Pois os que viven conforme os baixos instintos buscan as cousas dos mesmos, pero os

que viven conforme o Espírito buscan as do Espírito. 6A cobiza dos baixos instintos é

morte, pero a arela do espírito é vida e paz. 7Porque a cobiza da baixa condición é

inimiga de Deus, posto que non se somete á Lei de Deus, nin sequera pode; 8e os que

viven conforme tal condición non poden agradar a Deus.

 

9Pero vós non vivides así, senón conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus

habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo. 10Se Cristo

está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o Espírito é

vida por causa da xustiza. 11Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita

en vós, o mesmo que resucitou a Cristo dos mortos vivificará os vosos corpos mortais

polo seu Espírito que habita en vós.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

R/ (cf 6): Así é a liñaxe dos que buscan a túa presencia, Señor

 

Do Señor é a terra e canto a enche,

o orbe e canto nel habita.

2El é quen a fundou sobre os mares

e quen a asegurou sobre as correntes.

 

3¿Quen poderá subir ó monte do Señor?

¿Quen poderá quedar no seu santuario?

4O que ten as mans limpas e puro o corazón,

o que non pon a mente en cousas vas

 

 5Ese recibirá do Señor bendición

e xustiza de Deus, o seu salvador.

6Así é a liñaxe dos que o buscan,

dos que buscan a presencia do Deus de Xacob.

 

ANO 2

PRIMEIRA Ef 4, 7-16:

Cristo é a cabeza da que recibe aumento todo o corpo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

 

Irmáns e irmás:

 

7A cada un de nós déuseno-la gracia segundo a medida do don de Cristo. 8Por iso di a

Escritura: Subiu ó alto levando cativos; concedéulle-los dons ós homes. 9Ese "subiu"

¿que quere dicir senón que tamén baixou ó fondo da terra?; 10e o que baixou foi o

mesmo que subiu á cima do ceo para enchelo todo. 11E a uns fíxoos apóstolos; a outros,

profetas; a outros, mensaxeiros do Evanxeo; e a outros, pastores e mestres, 12para

fornecer cristiáns cara á tarefa do ministerio, para a edificación do corpo de Cristo,

13ata que todos académo-la unidade na fe e no coñecemento do Fillo de Deus, a

madurez do home perfecto, o desenvolvemento propio da plenitude de Cristo. 14Así xa

non seremos nenos, batidos e levados á deriva polas ondas de calquera corrente de

doutrina, á mercede do engano dos homes e de argucias demagóxicas, 15senón que,

sendo auténticos no amor, medraremos en todo cara a Aquel que é a cabeza, Cristo.

 

16Del vén que o corpo todo -ben axustado e compacto por tódalas xunturas que o

alimentan, coa actividade propia de cada unha das partes-, vaia medrando, construíndose

el mesmo, no amor.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 121, 1-2. 3-4a- 4b-5

R/ (1): Imos alegres para a casa do Señor

 

Alegreime, cando me dixeron:

imos para a casa do Señor.

2Xa están os nosos pés

ás túas portas, Xerusalén,

3Xerusalén, cidade ben feita,

de compacta harmonía.

 

4Alá soben as tribos, as tribos do Señor,

conforme o costume de Israel,

para festexa-lo nome do Señor.

5Alí están os tribunais da xustiza,

a sede da casa de David.

 

 

 

ALELUIA Ez 33, 11:

Non quero a morte do impío, di o Señor,

senón que se converta do seu camiño e viva

 

 

 

EVANXEO Lc 13, 1-9:

Se non facedes penitencia, todos pereceredes da mesma maneira

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

 13 1Presentáronse algúns para contarlle a Xesús o caso aquel de cando Pilato mesturara

o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. 2El respondeulles:

-¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así?

3Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual. 4¿Seica

pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis

culpables cós outros habitantes de Xerusalén? 5Non tal, e asegúrovos que, se non vos

arrepentides, todos acabaredes igual.

 

6E púxolles esta parábola:

-Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos

atopou. 7Díxolle ó viñador: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non

llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?" 8El respondeulle:

 

"Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto

esterco; 9a ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".