Semana XVIII

 
 

SEMANA 18ª DO TEMPO ORDINARIO

 

 

 

407.- LUNS

 

ANO 1

PRIMEIRA Núm 11, 4b-15

Eu só non podo soportar todo este pobo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS

 

 4Os fillos de Israel comezaron a chorar dicindo: -"¿Quen nos dará carne para comer?

5Lembrámonos do peixe, que de balde comiamos en Exipto, dos pepinos, dos melóns,

dos allos porros, das cebolas e dos allos. 6Agora, en troques, témo-la gorxa seca; non

temos nada; soamente temos diante dos ollos o maná".

 

7O maná era como a semente de coriandro, da cor do bedelio. 8O pobo espallábase para

o recoller; despois moíano ou esmagábano nos morteiros e cocíano nunha ola e facían

del tortas dun sabor semellante ó dun pan amasado con aceite. 9Cando de noite caía o

rocío sobre o campamento, caía tamén o maná sobre el.

 

10Oiu Moisés ó pobo chorando en familias, cada un á porta da súa tenda, e a cólera do

Señor acendeuse fortemente. Nos ollos de Moisés apareceu a carraxe, 11e queixouse ó

Señor con estas palabras:

 

-"¿Por que me tratas tan mal a min, o teu servo? E ¿por que non acado gracia ós teus

ollos? ¿Por que botas enriba de min o peso de todo este pobo? 12¿Son eu por ventura

quen concibiu a todo este pobo? ¿Son eu quen o deu a luz, para que me digas: Lévao no

teu seo, como leva unha ama o seu neno de peito, á terra que ti prometiches con

xuramento a seus pais? 13¿De onde saco eu a carne para lle dar a tanta xente coma esta?

Pois están a chorar, dicindo: ¡Dános carne para comermos! 14Eu só non podo soportar

todo este pobo, pois é moito máis pesado do que eu podo. 15Se ti me tratas a min así, é

mellor que me mates, tírame a vida, pídocho de favor, se atopei gracia ós teus ollos, para

que deste modo non vexa eu tanto mal".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 80, 12-13. 14-15. 16-17

R/ (2a): Glorificade ó Señor, noso socorro

 

12Pero o meu pobo non escoitou a miña voz,

Israel non quixo nada de min.

13E deixeinos á súa teima,

que fixesen ó seu xeito.

 

14¡Ai, se o meu pobo me escoitase,

se Israel seguise o meu camiño!

15Abateríalle nun intre os inimigos,

volvería a miña man contra os opresores.

 

16Os que aborrecen ó Señor, adularíano,

e a súa sorte sería duradeira.

17Manteríao con flor de trigo,

con mel bravo o fartaría.

 

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Xer 28, 1-17

Hananías, o Señor non te mandou a ti, pero ti déchelle falsas esperanzas ó pobo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

28 1Despois deste ano, o do comezo do reinado de Sedecías, rei de Xudá, no ano cuarto

e no quinto mes, o profeta Hananías fillo de Azur, natural de Gabaón, díxome no templo

do Señor, en presencia dos sacerdotes e de todo o pobo:

2-Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

Estou disposto a rompe-lo xugo do rei de Babilonia,

3Dentro de dous anos completos eu farei volver a este lugar os utensilios do templo do

Señor, que o rei de Babilonia, Nabucodonosor, colleu deste sitio e levou a Babilonia.

4Tamén traerei eu a este lugar -é o Señor quen fala- a Ieconías, rei de Xudá, fillo de

Ioaquim e tódolos cativos de Xudá levados a Babilonia, xa que romperei o xugo do rei

de Babilonia.

 

5Entón Xeremías, o profeta, respondeulle ó profeta Hananías en presencia dos

sacerdotes e de todo o pobo que se atopaba no templo do Señor. 6O profeta Xeremías

dixo:

-¡Amén, que o Señor o faga deste xeito! Que o Señor cumpra a profecía que ti acabas de

profetizar, traendo de Babilonia a este lugar os utensilios do templo do Señor e a tódolos

cativos. 7Pero fai o favor de escoitarme estas palabras que vou dicir para ti e para todo o

pobo: 8"Os profetas que, coma min e coma ti houbo desde sempre, profetizaban

guerras, calamidades e peste a nacións numerosas e a grandes reinos. 9Se o profeta

anunciaba fartura, ó cumprirse a súa palabra profética, o profeta era recoñecido como

verdadeiramente mandado polo Señor".

 

10Entón o profeta Hananías colleu o xugo que o profeta Xeremías tiña posto ó pescozo

e rompeuno, 11e diante de todo o pobo dixo:

-Así fala o Señor: deste mesmo xeito hei romper dentro de dous anos completos o xugo

que Nabucodonosor, rei de Babilonia, ten sobre o pescozo de tódalas nacións.

 

O profeta Xeremías colleu o seu camiño e marchou.

 

12Despois que o profeta Hananías rompeu o xugo que Xeremías o profeta tivo ó

pescozo, veulle a Xeremías esta palabra do Señor:

13-Vaille dicir ó profeta Hananías: Así fala o Señor:

Ti rompiches xugos de madeira, pero despois destes hei facer xugos de ferro, 14pois así

fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: "Eu poño un xugo de ferro ó pescozo de

todas estas nacións, para que sirvan a Nabucodonosor, rei de Babilonia, e sexan os seus

vasalos, e aínda os mesmos animais salvaxes doullos a el".

 

15Logo Xeremías, o profeta, díxolle ó profeta Hananías:

-Escóitame, Hananías; o Señor non te mandou, senón que ti es quen fai que este pobo se

fíe de ilusión. 16Por iso, así fala o Señor: "Voute expulsar de sobre a superficie da terra:

este mesmo ano morrerás, xa que predicáche-la oposición ó Señor".

 

17E o profeta Hananías morreu o sétimo mes dese mesmo ano.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 29. 43. 79. 80. 95. 102

R/ (68b): Apréndeme, Señor, os teus consellos

 

29Arrédame do camiño enganoso

e dáme a gracia da túa instrucción.

 

43Non quites da miña boca a palabra sincera;

eu confío nas túas decisións.

 

79Que volvan onda min os que te temen

e os que coñecen a túa revelación.

 

80Que o meu corazón sexa perfecto nas túas normas,

para que non sufra decepción.

 

95Os malvados axexan para perderme,

mais eu estou atento á túa revelación.

 

102Non disinto das túas decisións,

porque ti es quen me ensina.

 

 

 

ALELUIA Mt 4, 4b:

Non só de pan vive o home,

senón de toda palabra que procede da boca de Deus

 

 

 

EVANXEO Mt 14, 13-21

Mirando ó ceo bendiciu os pans e déulle-los ós discípulos, e os discípulos á xente

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 13Cando soubo Xesús a morte do Bautista, retirouse de alí nunha barca a un lugar

deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra desde as vilas.

14Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a tódolos

enfermos. 15Che-gada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle:

-O lugar está moi arredado e a hora moi avanzada: será mellor que despída-la xente para

que vaian ás aldeas e merquen comida.

 

16Xesús díxolles:

-Non precisan marchar, dádelles vós de comer.

 

17Eles responderon:

-Aquí non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes.

 

18Pero Xesús replicoulles:

-Pois, traédemos aquí.

 

19E mandando recostar á xente na herba, colleu os cinco bolos e mailos dous peixes,

ergueu a mirada ó ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos ós discípulos, que á

súa vez llos pasaron á xente. 20E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras

doce cestas. 21Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.

 

 

Ou TAMÉN: Mt 14, 22-36

 

 22Mandou Xesús ós seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra

banda, mentres el despedía a xente. 23Despois de despedila, subiu ó monte para orar el

só, e alí colleuno a anoitecida.

 

24E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o

vento en contra. 25O risca-lo día, Xesús foi cara a eles, camiñando polo mar. 26E, os

discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse dicindo: "é unha pantasma", e, cheos

de medo, empezaron a berrar. 27De seguida faloulles Xesús dicindo:

-Tranquilos, non teñades medo, que son eu.

 

28Respondeulle Pedro:

-Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.

 

29El díxolle:

-Ven.

 

Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. 30Pero, ó

senti-lo vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar:

-¡Señor, sálvame!

 

31Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:

-Home de pouca fe, ¿por que dubidas?

 

32E ó subiren eles á barca, quedouse o vento. 33Os que estaban na barca postráronse

ante el dicindo:

-Realmente ti es Fillo de Deus.

 

34Rematada a travesía, chegaron á terra de Xenesaret. 35O recoñecelo, os homes do

lugar mandaron aviso a toda a comarca. Leváronlle tódolos enfermos, 36rogándolle que

lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaron, curaron.

 

 

 

408.- MARTES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Núm 12, 1-13

Non ocorre con Moisés o que con outros profetas; ¿como non temestes falar contra el?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS

 

12 1María e Aharón murmuraron de Moisés por causa da muller cuxita, coa que casara.

2Dixeron: -"¿Por ventura o Señor lle falou a el só? ¿Non nos ten falado tamén a nós? E

chegou isto ós oídos do Señor". 3Era Moisés un home moi humilde, máis ca tódolos

homes que había na terra. 4E de seguida díxolles o Señor a Moisés, Aharón e María:

-"¡Saíde vós os tres á Tenda do Encontro!" Saíron, logo, eles tres, 5e, descendendo o

Señor na columna de nube, parou á entrada da Tenda e chamou a Aharón e María.

Saíron ámbolos dous 6e díxolles El: -"¡Escoitade ben as miñas palabras! Se entre vós

hai algún profeta, eu, o Señor, en visión revélome a el, e fálolle en soños. 7Non ocorre

así co meu servo Moisés, que é fiel entre tódolos da miña casa. 8Cara a cara falo con el,

en visión directa e non por enigmas, e contempla a figura do Señor. ¿Como non

temestes vós falar contra o meu servo, contra Moisés?"

 

9Acendeuse a cólera do Señor contra eles, e foise.

 

10E a nube retirouse da Tenda, e coa mesma María apareceu cuberta de lepra, branca

coma a neve. Aharón volveuse para María e viuna leprosa. 11Díxolle Aharón a Moisés:

-"¡Por favor, meu Señor, non poñas sobre nós este pecado, que neciamente cometemos!

12¡Rógoche que non sexa ela coma o nacido morto, que ó saír do ventre de súa nai ten

xa consumida a metade da súa carne!" 13Moisés clamou ó Señor: -"¡Ou Deus, por

favor, cúraa!"

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 5-6a. 6bc-7. 12-13

R/ (cf 3a): Apiádate, Señor, porque pecamos

 

3Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,

pola túa misericordia, borra o meu pecado;

4lávame ben da miña iniquidade,

límpame da miña culpa.

 

5Eu recoñezo o meu pecado

e teño sempre presente a miña culpa.

6Contra ti, contra ti mesmo, eu pequei

e fixen o que é malo ós teus ollos:

 

por iso será xusta a túa sentencia

e aparecerá recto o teu xuízo.

 

7Si, eu nacín no pecado,

no mal concebiume miña nai;

 

12Crea, Deus, en min un corazón puro,

renóvame por dentro cun espírito firme.

13Non me botes da túa presencia

e non tires de min o teu santo espírito.

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Xer 30, 1-2. 12-15. 18-22

Polos teus grandes pecados fixen isto contigo. Transformarei os santuarios de Xacob

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

30 1Palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías nestes termos:

 

2Así fala o Señor, o Deus de Israel:

-Escribe para o teu servicio tódalas palabras que eu che dicte.

 

12Así fala o Señor:

profundo é o teu quebranto,

incurable é a túa ferida,

13non hai quen faga xustiza na túa causa: ¡que desangramento!

Non hai remedio para ti: ¡que rego de sangue!

14Esquecéronte tódolos teus amantes,

a ti xa non te buscan,

castigueite con castigo de inimigo,

con corrección cruel;

os teus pecados multiplican a débeda

da túa moita ruindade.

15¿Por que berras polo teu quebranto,

pola túa profunda ferida?

Si, os teus pecados son os que multiplicaron a débeda da tua moita ruindade,

son eu quen che fixen isto.

 

18Pero, así fala o Señor:

-Eu son o que transformarei o desterro das tendas de Xacob,

e terei piedade do seu xeito de vivir;

cada cidade será construída no seu petouto,

e cada pazo asentará no seu lugar propio.

19Sairán deles cántigas de agradecemento,

e os aturuxos dos que están de festa.

Multiplicareinos e non minguarán,

fareinos xente de ben e non serán desprezables.

20Os seus fillos terán os privilexios de antes,

e a súa asemblea manterase firme na miña presencia.

Eu castigarei a tódolos seus opresores.

21O xefe será un dos seus,

e o soberano nacerá deles;

eu fareino achegarse, e achegarase a min, pois ¿quen é o que pola súa conta se achegaría

a min?

-é o Señor quen fala-.

 

22E deste xeito volveredes ser para min o meu pobo,

e eu serei para vós o voso Deus.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 101, 16-18. 19-21. 29 e 22-23

R/ (17): O Señor reconstruiu Sión e mostrouse na súa gloria

 

16As xentes temerán o nome do Señor,

os reis da terra a súa gloria,

17cando o Señor reconstrúa Sión

e se mostre na súa gloria;

18cando o Señor atenda a oración dos expoliados

e non desprece a súa pregaria.

 

19Isto escribirase para as xeracións vindeiras,

e o pobo entón creado louvará ó Señor.

20O Señor olla desde o seu santuario excelso,

desde o ceo mira para a terra.

21Escoita o pranto dos cativos,

libra os condenados á morte.

 

29Os fillos dos teus servos estableceranse,

a súa posteridade estará segura á túa vista.

22En Sión falarase do nome do Señor,

en Xerusalén da súa gloria,

23cando pobos e reinos se xunten

para daren culto ó Señor.

 

 

 

ALELUIA Xn 1, 49b:

Mestre, ti e-lo Fillo de Deus,

ti e-lo rei de Israel

 

 

 

EVANXEO Mt 14, 22-36

Mándame ir onda ti polas augas

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

22Despois que a xente se fartou, mandou Xesús ós seus discípulos que embarcasen e

que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente. 23Despois de

despedila, subiu ó monte para orar el só, e alí colleuno a anoitecida.

 

24E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o

vento en contra. 25O risca-lo día, Xesús foi cara a eles, camiñando polo mar. 26E, os

discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse dicindo: "é unha pantasma", e, cheos

de medo, empezaron a berrar. 27De seguida faloulles Xesús dicindo:

-Tranquilos, non teñades medo, que son eu.

 

28Respondeulle Pedro:

-Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.

 

29El díxolle:

-Ven.

 

Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. 30Pero, ó

senti-lo vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar:

-¡Señor, sálvame!

 

31Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:

-Home de pouca fe, ¿por que dubidas?

 

32E ó subiren eles á barca, quedouse o vento. 33Os que estaban na barca postráronse

ante el dicindo:

-Realmente ti es Fillo de Deus.

 

34Rematada a travesía, chegaron á terra de Xenesaret. 35O recoñecelo, os homes do

lugar mandaron aviso a toda a comarca. Leváronlle tódolos enfermos, 36rogándolle que

lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaron, curaron.

 

Ou: Mt 15, 1-2. 10-14

Toda plantación que non plantara o meu Pai do ceo, será arrincada

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

15 1Entón achegáronse a Xesús un grupo de fariseos e letrados de Xerusalén e

preguntáronlle:

2-¿Por que os teus discípulos quebrantan a tradición dos devanceiros e non lavan as

mans antes de comer?

 

10E, convocando á xente, díxolles:

-Escoitade e procurade entender: 11Non é o que entra pola boca o que mancha ó home;

o que sae pola boca, iso si que mancha ó home.

 

12E, achegándoselle os discípulos, dixéronlle:

-¿Ti sabes que os fariseos se escandalizaron ó escoitaren a túa palabra?

 

13El contestoulles:

-Toda planta que non plantase meu Pai celestial arrincarase de raíz. 14Deixádeos: son

cegos e guías de cegos. Se un cego guía a outro cego, ambos caerán na cova.

 

 

409.- MÉRCORES

 

ANO 1

PRIMEIRA Núm 13, 1-2. 25 - 14, 1. 26-29

Non lle deron ningún valor a unha terra desexable (Sal 77, 24)

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS

 

 

13 1Faloulle o Señor a Moisés:

 2-"Manda homes que che exploren o país de Canaán, que eu lles vou dar ós fillos de

Israel; un home por cada unha das tribos de seus pais; serán tomados entre os príncipes.

 

25Volveron da exploración da terra, pasados corenta días. 26Chegaron xunto a Moisés e

Aharón e toda a comunidade dos fillos de Israel, no deserto de Parán, en Cadex, e

déronlles conta a eles e a toda a asemblea mostrándolle-los froitos do país. 27E

contaron: -"Fomos á terra, onde ti nos enviaches: verdadeiramente é un país que deita

leite e mel. ¡Ei-los seus froitos! 28Pero o pobo que habita o país é forte, e as cidades,

fortificadas e moi grandes. Alí vimos tamén os descendentes de Anac. 29Amalec habita

no país do Négueb; o hitita, o iebuseo e o amorreo habitan na montaña, e o cananeo

mora onda o mar e na beira do Xordán". 30Entón Caleb tratou de apacigua-lo pobo, que

murmuraba contra Moisés, e exclamou:

-"¡Subamos sen medo e apoderémonos do país, porque nós podemos con eles!"

 

31Mais os homes que subiran con el, dixeron:

-"Non podemos subir contra ese pobo, pois é máis forte ca nós".

 

32E desacreditaban ante os fillos de Israel a terra que exploraran, dicindo: -"O país por

onde pasamos, ó facérmo-la exploración, é un país que devora os seus habitantes, e toda

a poboación que vimos no medio del son homes de estatura moi grande. 33Alí vimos

xigantes descendentes de Anac, raza de xigantes, e resultabamos, ós nosos propios ollos,

coma saltóns, e o mesmo lles debiamos parecer tamén a eles".

 

14 1Todo aquel xentío se puxo a berrar, laiándose, e pasou toda a noite chorando.

 

26Díxolles o Señor a Moisés e a Aharón: 27-"¿Canto tempo vou ter que seguir

aguantando esta teimosa turba, que murmura contra min? Eu oín as murmuracións que

contra min profiren os fillos de Israel. 28Dilles: ¡Pola miña vida, palabra do Señor, que

conforme vos oín dicirme, así vos vou tratar! 29Neste deserto caerán os vosos

cadáveres, pois todos vós, os que fostes censados, todos desde a idade de vinte anos en

diante que murmurastes contra min

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 105, 6-7a. 13-14. 21-22. 23

R/ (4a): Acórdate de nós, Señor, mirando complacido o teu pobo

 

6Nós pecamos igual cós nosos pais,

cometemos maldade e iniquidade.

7Os nosos pais en Exipto

non aprezaron os teus prodixios,

 

 13Esqueceron axiña as súas obras,

non creron nos seus proxectos.

14Déronse no deserto a tódolos caprichos,

tentaron a Deus na soidade.

 

21Esqueceron o Deus que os salvara,

que fixera portentos en Exipto,

22prodixios na terra de Cam,

escarmentos no mar Rubio.

 

 23Deus falou de destruílos,

se non fose por Moisés, o seu elixido,

que se puxo na brecha diante del,

para arredalo do seu noxo destructor.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Xer 31, 1-7

Ameite con amor permanente

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

 31 1Di o Señor:

eu serei Deus para tódalas tribos de Israel,

e eles serán o meu pobo.

Quíxente con amor eterno: por isto volverei reconstruírte, virxe de Israel

 

2Así fala o Señor:

-No deserto atopa ó Bondadoso

o pobo dos que fuxiron da espada;

Israel vai á procura do seu acougo,

3de lonxe aparéceselle o Señor.

Quíxente cun amor eterno,

por iso mantiven moito tempo a miña fidelidade.

4Volverei construírte e quedarás construída,

virxe de Israel;

volverás a arranxa-los teus pandeiros,

e sairás á danza cos que están de festa.

5Volverás a plantar viñas nos montes de Samaría;

os mesmos que as plantan, danzarán.

6Pois chegará o día en que berren os vixías

desde o monte de Efraím:

"¡En pé! Subamos a Sión,

onda o Señor, o noso Deus".

 

7Así fala o Señor:

-Aclamade a Xacob con gritos de alegría,

gritádelle á primeira das nacións.

Pregoade, louvade, clamade:

"Salva, Señor, o teu pobo,

salva o resto de Israel".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Xer 31, 10. 11-12ab. 13

R/ (cf 10d): O Señor gárdanos coma un pastor ó seu rabaño

 

10Escoitade a palabra do Señor, pobos,

facédea coñecer nas illas de lonxe, anunciádea:

-O que dispersou a Israel, xuntarao,

e gardarao coma un pastor o seu rabaño.

 

11Certo, rescatará o Señor a Xacob,

librarao dunha man máis forte.

12Chegarán para festexalo á cima de Sión,

correrán cara ós bens do Señor,

 

13Entón a virxe alegrarase na danza,

os mozos e os vellos andarán ledos;

eu cambiarei o seu loito en ledicia,

consolareinos e alegrareinos

despois da súa aflicción.

 

 

 

ALELUIA Lc 7, 16:

Apareceu entre nós un gran profeta

e Deus visitou o seu pobo

 

 

 

EVANXEO Mt 15, 21-28

¡Ouh, muller, que grande é a túa fe!

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

21Foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. 22E apareceu unha muller cananea

daqueles contornos, que berraba:

-Compadécete de min, Señor, Fillo de David: a miña filla está atormentada por un

demo.

 

23Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogábanlle:

-Despídea, que vén berrando detrás de nós.

 

24El contestoulles:

-Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.

 

25Pero ela alcanzounos e, postrándose, suplicoulle:

-¡Señor, váleme!

 

26El respondeulle:

-Non é ben quitárlle-lo pan ós fillos para llelo botar ós cadelos.

 

27Pero ela contestou:

-Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos

seus amos.

 

28Entón respondeulle Xesús:

-¡Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas!

 

E a súa filla ficou sa naquela hora.

 

 

410.- XOVES

 

ANO 1

PRIMERA Núm 20, 1-13

Saiu unha inmensa cantidade de auga

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS

 

20 1Os fillos de Israel, a comunidade enteira, chegaron ó deserto de Sin no primeiro

mes, e o pobo acampou en Cadex. Alí morreu María e alí foi sepultada.

 

2Como non había auga para a comunidade, xuntáronse contra Moisés e contra Aharón.

3O pobo levantouse contra Moisés e laiouse con berros, dicindo: -"¡Oxalá perecesemos,

cando pereceron os nosos irmáns diante do Señor! 4¿Para que fixestes vir á comunidade

do Señor a este deserto, para morrermos nel nós e o noso gando? 5¿Por que nos fixestes

saír de Exipto, para nos traer a este lugar maldito, que non se pode sementar e que nin

ten figueiras, nin viñas, nin granados, e amais diso non ten auga para beber?" 6Moisés e

Aharón, retirándose de diante da comunidade, foron á entrada da Tenda do Encontro, e

postráronse co rostro por terra. Aparecéuselles por riba deles a Gloria do Señor, 7e o

Señor díxolle a Moisés: 8-"¡Colle a vara, e fai xuntar á comunidade, ti e Aharón, teu

irmán; na presencia deles ordenarédeslle ó penedo que dea auga; farás manar para eles

auga do penedo e daraslle de beber á comunidade e ó seu gando!" 9Moisés colleu a vara

de diante do Señor, conforme lle ordenara. 10Logo Moisés e Aharón reuniron a

comunidade diante do penedo, e faloulles: -"¡Escoitade, rebeldes! ¿Poderemos sacar

auga para vós deste penedo?" 11E Moisés levantou a man e bateu no penedo coa súa

vara por dúas veces: e saíu auga abundante, e a comunidade bebeu, e o seu gando tamén.

12O Señor díxolles a Moisés e a Aharón: -"Por non confiardes en min e non

manifestardes así a miña santidade ós ollos dos israelitas, non seredes vós quen

introduza esta comunidade na terra que eu lles vou dar". 13Estas son as augas de

Meribah, onde os fillos de Israel se queixaron contra o Señor e El manifestou a súa

santidade.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9

R/ (8ab): ¡Se escoitasedes hoxe a súa voz!

Non endurezáde-lo corazón

 

1Vide, cantémoslle ó Señor,

aclamémo-la nosa rocha salvadora;

2acheguémonos á súa presencia con louvanza,

aclamémolo con cancións.

 

6Vide, adorémolo postrados,

axeonllémonos ante o Señor, que nos creou.

7El é o noso Deus

e nós sómo-lo seu pobo,

o rabaño que guía a súa man.

¡Se escoitasedes hoxe a súa voz!

 

8Non endurezáde-lo corazón, coma en Meribah,

coma o día de Masah, no deserto,

9cando vosos pais me tentaron,

provocáronme aínda que viran os meus feitos.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Xer 31, 31-34

Pactarei unha alianza nova e non recordarei o pecado

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

31Velaquí os días

-é o Señor quen fala-

nos que pactarei coa casa de Xudá e co reino de Israel

unha alianza nova;

32non coma a alianza que pactei cos seus pais,

o día no que os collín pola man

para os sacar do país de Exipto;

pois eles quebrantaron o meu pacto,

aínda que eu seguín sendo o seu Señor

-é o Señor quen fala-.

 

33Velaquí o pacto que eu hei pactar coa casa de Israel

despois deses días -é o Señor quen fala-:

Hei mete-la miña lei nas súas entrañas,

escribireina nos seus corazóns,

serei para eles o seu Deus,

e eles serán para min o meu pobo.

 

34Xa ninguén terá que instruí-lo compañeiro,

xa ninguén terá que instruí-lo seu irmán,

dicíndolle: "Respectade o Señor";

senón que todos eles me farán caso,

desde o máis noviño ó máis grande

-é o Señor quen fala-,

pois eu perdoaréille-la súa iniquidade,

e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 12-13. 14-15. 18-19

R/ (12a): Crea, Deus, en min un corazón puro

 

12Crea, Deus, en min un corazón puro,

renóvame por dentro cun espírito firme.

13Non me botes da túa presencia

e non tires de min o teu santo espírito.

 

14Devólveme a alegría da túa salvación,

sostenme co espírito xeneroso.

15Ensinarei o teu camiño ós pecadores

e volverán a ti os descarriados.

 

18Con sacrificios ti non te compraces,

se che ofrezo holocaustos, non os aceptarás:

19O meu sacrificio, Deus, será o espírito contrito:

o corazón contrito e humilde

ti, Deus, non o desprezas.

 

 

 

ALELUIA Mt 16, 18:

Ti es Pedro, e sobre esta rocha edificarei a miña Igrexa,

e os poderes do inferno non poderán contra ela

 

 

EVANXEO Mt 16, 13-23

Ti es Pedro e a ti dareiche as chaves do reino dos ceos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

13Cando chegou Xesús á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles ós seus

discípulos:

-¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?

 

14Eles responderon:

-Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.

 

15Insistiu:

-E vós, ¿quen dicides que son?

 

16Respondeu Simón Pedro:

-Ti e-lo Mesías, o Fillo do Deus vivo.

 

17E Xesús contestoulle:

-Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e

sangue, senón meu Pai que está no ceo. 18E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e

sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en

contra dela. 19Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará

atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.

 

20E mandoulles ós discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.

 

21Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a

Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os

letrados; que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar.

 

22Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:

-Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.

 

23Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:

-¡Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por

Deus senón polos homes.

 

 

 

411.- VENRES

 

 ANO 1

 

PRIMEIRA Dt 4, 32-40

Amou ós teus pais e elixiu a súa descendencia despois deles

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

 

Dille Moisés ó pobo:

32Pregúntalles ós tempos antigos, que houbo antes de ti desde o día en que Deus creou a

humanidade sobre a terra, e desde un cabo do ceo ata o outro cabo do ceo: ¿Houbo algo

tan grande coma isto ou oíuse algo semellante? 33¿Escoitou algún pobo a voz de Deus

falándolle desde o medio do lume, tal coma ti a escoitaches, e seguiches vivindo?

34¿Ou intentou algún deus vir coller para si unha nación do medio doutros pobos, con

castigos, con sinais e prodixios, con guerra, con man forte e brazo estendido, con

terrores grandes, de maneira semellante a todo o que o Señor, o voso Deus, fixo no voso

favor en Exipto ós teus propios ollos?

 

35A ti fíxoche ver todo isto para que saibas que o Señor é o teu Deus, que fóra del non

hai outro. 36Desde o ceo fíxoche escoita-la súa voz para instruírte, e sobre a terra

fíxoche ve-la súa gran luminaria para que escoitáse-las palabras que saían do medio do

lume, 37e seguiches vivo diante del. Amou a teus pais e escolleu a súa descendencia

despois deles, e por isto fíxote saír de Exipto na súa presencia coa súa gran forza, 38para

desposuír diante túa a pobos máis grandes e poderosos ca ti, para facerte entrar e darche

en posesión a súa terra, tal como hoxe sucede. 39Recoñéceo hoxe e dálle voltas no teu

corazón: o Señor é Deus, arriba no ceo e abaixo na terra, e que non hai outro. 40Garda

os seus mandatos e leis que eu mando hoxe: serache bo para ti e para teus fillos despois

de ti, e alongara-los teus días sobre a terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar para

sempre".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 76, 12-13. 14-15. 16 e 21

R/ (12a): Eu recordo os feitos do Señor

 

12Eu recordo os feitos do Señor,

lémbrome dos prodixios doutros tempos;

13medito nas súas obras,

cavilo nas súas fazañas.

 

14Os teus camiños, Deus, son santos,

¿quen dos deuses é grande coma Deus?

15Ti e-lo Deus que fai prodixios

e mostras poder ante os pobos.

 

 16Rescataches co teu brazo o teu pobo,

os fillos de Xacob e de Xosé.

21Guiaches coma un rabaño ó teu pobo,

da man de Moisés e de Aharón.

 

 

ANO 2

 

 PRIMEIRA Nah 2, 1.3; 3, 1-3. 6-7

Ai da cidade asasina

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE NAHUM

 

 2 1Velaí: polos montes corre un mensaxeiro de boas novas,

anuncia a paz:

Celebra as túas festas, Xudá, cumpre os teus votos,

que "o que non aproveita" xa non cruzará máis polo medio de ti;

está sendo aniquilado totalmente.

3Certo, o Señor volverá á viña de Xacob; si, á viña de Israel.

Tíñana arrasada os arrasadores, tiñan esgazadas as súas vides.

3 1¡Ai da cidade asasina! Toda ela é un grande engano,

está chea de botíns, non para de rapinar.

2Estalos das trallas, ruído e estrépito de rodas,

cabalos galopando, carros troupeleando,

3cabalos encabritados, relucir de espadas,

chispear de lanzas, miles de mortos, moreas de cadáveres.

6Tamén botarei por enriba de ti inmundicias,

tratareite con desprezo, volvereite un espectáculo.

7Sucederá que todo aquel que te vexa,

fuxirá de ti, e dirá:

"Nínive está arruinada, ¿quen sentirá pena por ela?

¿De onde procurarei quen te console?"

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Dt 32, 35cd-36ab. 39abcd. 41

R/ (39c): Eu fago morrer e fago vivir

 

35 Certo que está próximo o día da súa ruína,

certo que vén ás présas preparado para eles.

36 Si, o Señor faralle xustiza ó seu pobo,

e compadecerase dos seus servos,

 

39 Agora ollade: certo que eu son eu,

e non hai outros deuses comigo.

Eu fago morrer e fago vivir;

ferín, pero curarei,

 

41 Afiarei o lóstrego da miña espada

e a miña man collerá a xustiza;

e farei volta-la vinganza contra os meus adversarios

e axustarei as contas cos que me odian.

 

 

ALELUIA Mt 5, 10:

Ditosos os que padecen persecución por causa da xustiza,

porque deles é o reino dos ceos

 

 

 

EVANXEO Mt 16, 24-28

¿Que pode dar un home para recobra-la súa vida?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

24Dilles Xesús ós seus discípulos:

-Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que

me siga. 25Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda

pola miña causa, poñeraa a salvo. 26Pois ¿de que lle serve ó home gaña-lo mundo

enteiro se perde a súa vida? E ¿que pode dar un home para recobra-la súa vida?

27Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a

cadaquén conforme á súa conducta. 28Tende por seguro que algúns dos aquí presentes

non morrerán sen veren antes o Fillo do Home vir no seu Reino.

 

 

 

 412.- SÁBADO

ANO 1

PRIMEIRA Dt 6, 4-13

Amarás ó Señor, o teu Deus, con todo o corazón

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

 

Faloulle Moisés ó pobo dicindo:

4Escoita, Israel: O Señor, o noso Deus, é Iavé, o único. 5Amara-lo Señor, o teu Deus,

con todo o teu corazón, con tódalas túas aspiracións e con toda a túa forza. 6Os

preceptos estes, que eu che mando hoxe, estarán no teu corazón; 7inculcarásllelos ós

teus fillos e falarás deles estando na túa casa e indo polo teu camiño, estando deitado e

estando de pé: 8ataralos á túa man coma sinal, e servirán de adorno entre os teus ollos,

9escribiralos nos marcos da túa casa e nas túas portas.

 

10Cando o Señor, o teu Deus, te faga entrar no país que xurara a teus pais Abraham,

Isaac e Xacob, que cho daría a ti, con cidades grandes e fermosas que ti non

construíches, 11con casas cheas de toda clase de riquezas que ti non acumulaches, con

pozos escavados que ti non cavaches, con viñas e campos de oliveiras que ti non

plantaches: cando ti comas e te fartes, 12ten moito coidado de non te esqueceres do

Señor que te sacou do país de Exipto, da situación de escravitude.

 

13O Señor, o teu Deus, has de respectar, a El has de adorar; e has de face-lo xuramento,

invocando o seu nome. 14Non vos vaiades tras doutros deuses,

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab

R/ (2): Eu ámote, Señor, a miña forza

 

2Eu ámote, Señor, a miña forza,

3Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio,

 

meu Deus, penedo onde me acollo,

o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.

4Eu invoco ó Señor, o adorable,

e salvarame dos meus inimigos.

 

 47Viva o Señor, bendita a miña rocha;

sexa exaltado Deus, o meu salvador,

51o que lle dá ó rei grandes victorias

e mostra misericordia ó seu unxido,

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Hab 1, 12 - 2, 4

O xusto vive pola súa fe

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE HABACUC

 

 12¿Non es ti, desde os tempos antigos?

¿Non es ti o meu Deus, o meu Santo que non morre?

Ti, Señor, puxéchelo por executor da sentencia,

Ti, Penedo firme, establecíchelo para castigar.

13Os teus ollos son demasiado puros como para ve-lo mal,

non podes contempla-la opresión.

¿Por que contémpla-los traidores, e quedas calado,

cando o malvado devora a quen é máis xusto ca el?

14Tráta-la humanidade coma ós peixes do mar,

coma ós vermes que non teñen quen mande neles.

 

15El levanta a toda a humanidade co anzol,

érgueos para arriba coa súa rede,

e xúntaos na súa cesta:

velaí como se alegra e danza.

16Velaí como ofrece sacrificios á súa rede;

e incenso, á súa cesta,

pois con elas está ben engraxada a súa ración,

e a súa comida, con carne exquisita.

17¿Seguirá baleirando constantemente a súa rede,

asasinando pobos sen compaixón?

2 1Seguirei de pé no meu posto de sentinela,

permanecerei ergueito sobre a muralla,

e espreitarei desde o alto,

para ve-lo que me di, o que responde ó meu interrogante.

 

2Respondeume o Señor e díxome:

-Escribe a visión e grávaa en taboíñas,

para que se lea de corrido,

3pois aínda volverá ser unha visión no seu momento,

falará da fin e non mentirá.

Se tarda, espéraa, pois virá e non demorará.

4Velaí: o temerario faise forte,

o seu alento camiña con el,

pero o xusto vivirá pola súa fe.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 9, 8-9. 10-11. 12-13

R/ (11b): Ti non abandóna-los que te buscan, Señor

 

8O Señor aséntase firme,

prepara a sede para xulgar.

9El xulgará o mundo con xustiza,

rexerá as nacións con equidade.

 

10O Señor é abeiro dos oprimidos,

o seu abeiro no tempo da angustia.

11En ti confían os que coñecen o teu nome,

porque ti non abandóna-los que te buscan, Señor.

 

12Cantádelle ó Señor que mora en Sión,

anunciádelles ós pobos as súas obras.

13El vinga o crime, lévao en conta,

non lle esquece o grito dos pobres.

 

 

 

ALELUIA cf 2 Tim 1, 10:

O noso Salvador Xesús Cristo destruiu a morte,

e iluminou a vida por medio do Evanxeo

 


 

 EVANXEO Mt 17, 14-20

Se tendes fe, nada haberá imposible para vós

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

14Acercóuselle a Xesús un home, que de xeonllos 15lle suplicou:

-Señor, ten compaixón do meu fillo, porque é lunático e sofre moito; xa ten caído no

lume e na auga. 16Presentéillelo ós teus discípulos e non o deron curado.

 

17Respondeu Xesús:

-¡Xeración incrédula e perversa! ¿Ata cando vos terei que soportar? ¡Traédemo aquí!

 

18Entón Xesús increpou ó demonio e saíu del. E desde aquela hora ficou curado o

rapaz. 19Entón achegáronselle os discípulos e preguntáronlle en privado:

-¿Por que non o demos botado nós?

 

20El respondeulles:

-Pola vosa pouca fe. E asegúrovos que se tivesedes sequera unha fe coma un gran de

mostaza, diriádeslle a este monte: "vai de aquí para alá", e o monte había ir. E nada sería

imposible para vós.