Semana XV

 
 

SEMANA 15ª DO TEMPO ORDINARIO

 

389.- LUNS

 

 ANO 1

PRIMEIRA Éx 1, 8-22

Actuemos prudentemente con Israel, non vaia a ser que se multiplique

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

8Subiu ó trono de Exipto un rei novo, que non coñecera a Xosé, 9e díxolle ó seu pobo:

-"Mirade que o pobo dos israelitas é máis forte ca nós. 10Imos tratalo con astucia, non

sexa que, se se declara unha guerra, se axunte cos nosos inimigos, pelexe contra nós e

logo saia do país".

 

11Asignáronlles, pois, capataces, co fin de oprimilos con traballos, cando construían as

cidades-graneiros de Pitom e de Ramsés. 12Pero, canto máis os oprimían, máis se

multiplicaban eles e máis se propagaban.

 

13Os exipcios asoballáronos con fera opresión, 14amarguexáronlle-la vida co duro labor

do barro, dos ladrillos, coa labranza da terra, e con toda sorte de traballos, impostos con

brutalidade.

 

22Entón ordenou o faraón ó seu pobo:

-"Todo neno que naza, botarédelo ó río; ás nenas deixádeas que vivan".

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 123, 1-3. 4-6. 7-8

R/ (8a): O noso socorro está no nome do Señor

 

 Se o Señor non estivese connosco,

-que o diga Israel-,

2se o Señor non estivese connosco,

cando se ergueron os homes contra nós,

3teríannos engulido vivos

no incendio da súa ira;

 

4as augas xa nos terían sulagado

e o torrente pasado sobre nós;

5xa nos terían mergullado

as augas escumantes.

6Bendito sexa o Señor,

que non nos fixo presa dos seus dentes.

 

7A nosa vida é coma o paxaro que se zafa

da trampa do cazador.

 

Rómpese a trampa,

e nós escapamos.

8O noso socorro está no nome do Señor,

que fixo o ceo e maila terra.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Is 1, 10-17

Purificádevos, arredade da miña vista o mal dos vosos pensamentos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

10Acollede as palabras do Señor, xefes de Sodoma.

Prestade atención á lei do noso Deus, pobo de Gomorra.

11"¿Para que preciso eu os vosos moitos sacrificios? -di o Señor.

Estou farto dos holocaustos dos vosos carneiros,

e do sebo dos vosos cebóns:

non me gusta o sangue dos vosos becerros, carneiros e chibos.

12Entrades a contempla-la miña presencia,

¿pero quen vos pediu que piséde-lo meu sagrado?

13Non sigades traendo ofrendas vas:

o seu fume é abominación para min.

Non luxéde-la xuntanza na festa da Lúa Nova e no sábado,

que non soporto a iniquidade e a opresión.

14Aborrezo as vosas Lúas Novas e as vosas festas;

son na miña presencia unha carga; xa estou cansado de soportala.

15Si, cando alongáde-las vosas palmas, tapo os ollos para non vos ver.

Cando, a forza de berros, aumentáde-la vosa oración, non son eu quen vos escoita.

As vosas mans están cheas de sangue.

16Lavádevos, purificádevos,

apartade dos meus ollos a ruindade dos vosos feitos.

Deixade de berrar.

17Aprendede a face-lo ben, buscade a xustiza

encamiñade ó avergonzado, facédelle xustiza ó orfo, defendede a viúva.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 49, 8-9. 16bc-17. 21 e 23

R/ (23b): Ó que vai por bo camiño

dareille a salvación de Deus.

 

8Non te reprendo polos teus sacrificios,

pois os teus holocaustos están sempre ante min.

9Eu non aceptarei becerros do teu gando

nin carneiros dos teus rabaños,

 

-"¿Para que recíta-los meus mandatos

e levas na boca a miña alianza,

17ti que despréza-la instrucción

e te viras de costas contra os meus preceptos?

 

21Cando isto fas, ¿terei eu que calar?

¿Pensas que son coma ti?

Repréndote e acúsote á cara".

23O que ofrece louvanza dáme gloria;

ó que vai por bo camiño

dareille a salvación de Deus.

 

 

ALELUIA Mt 5, 10:

Ditosos os que padecen persecución por causa da xustiza,

porque deles é o reno dos ceos

 

 

EVANXEO Mt 10, 34 - 11, 1

Non vin comunicar paz, senón traer espada

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 Dilles Xesús ós seus apóstolos:

34Non vaiades pensar que vin traer paz á terra: non vin traer paz senón espada. 35Por-

que vin enfronta-lo home co seu pai, a filla coa súa nai, a nora coa súa sogra 36e os

propios familiares serán os inimigos de cada un. 37Quen ama a seu pai ou a súa nai máis

ca a min, non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non é

digno de min. 38E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. 39Quen

trate de conserva-la vida, perderaa; pero quen a perda por min, ese conservaraa.

 

40Quen vos recibe a vós, recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe ó que me

mandou. 41Quen recibe a un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen

recibe a un xusto por ser xusto, terá recompensa de xusto. 42E quen dea de beber a un

destes pequenos, anque soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo meu,

asegúrovos que non perderá a súa recompensa.

 

 11 1En rematando de lles dar estas instruccións ós doce discípulos, partiu de alí para

ensinar e predicar por aquelas vilas.

 

 

 

 

 

390.- MARTES

 

 ANO 1

 

PRIMEIRA Éx 2, 1-15

Chamoulle Moisés, porque o salvou da auga; ó medrar saíu onda seus irmáns

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

2 1Un home da tribo de Leví casou cunha muller da mesma tribo. 2A muller quedou

embarazada e deu a luz un neno. Atopábao moi fermoso e tívoo encuberto por tres

meses. 3Cando xa non podía encubrilo por máis tempo, colleu unha cesta de xuncos,

embreouna de betume e de pez, meteu o neno nela e deixouna nunha xunqueira, á beira

do río. 4Unha irmá do neno axexaba desde lonxe, para ver que ía ser del.

 

5Baixou a filla do faraón para se bañar no río e, mentres as súas doncelas paseaban

polas beiras, viu a cesta na xunqueira e mandou á súa serva que a trouxese. 6Abriuna e

viu nela un neno que choraba. Condoída del, dixo: -"É un neno dos hebreos".

 

7A irmá do neno díxolle á filla do faraón: -"¿Queres que vaia buscar unha muller hebrea

que o críe?"

 

8Respondeulle ela: -"Vai". E a rapaza foi chama-la nai do neno.

 

9Díxolle a filla do faraón: -"Leva este neno e críamo; pagareiche o debido". Ela colleu o

neno e criouno.

 

10Cando o neno era xa grande, levoullo á filla do faraón, que o adoptou coma seu fillo.

Púxolle por nome Moisés, dicindo: -"Das augas o saquei".

 

11Cando Moisés era xa grande, foi un día visitar a seus irmáns, e atopounos coas súas

cargas. Viu tamén que un home exipcio batía nun hebreo de entre seus irmáns. 12Mirou

para un lado e para o outro, e certificando que non había ninguén, matou ó exipcio e

enterrouno na area. 13Saíu ó día seguinte e viu dous hebreos pelexando. Díxolle ó

agresor: -"¿Por que bates no teu compañeiro?"

 

14Respondeulle el: -"¿Quen te puxo de xefe ou de xuíz entre nós? ¿Ou pensas matarme,

como matáche-lo exipcio?" Moisés colleu medo, pensando: -"A cousa xa se soubo".

 

15A nova chegou ó faraón, que mandou buscar a Moisés para matalo. Pero Moisés fuxiu

do faraón e foise refuxiar en Madián.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 68, 3. 14. 30-31. 33-34

R/ (cf 33): Buscade, hunildes, a Deus,

e aviviecerá o voso corazón

 

3que me estou afogando nunha lama profunda,

sen poder facer pé;

que me estou mergullando no abismo das augas,

envolto polas correntes.

 

14Mais eu, Señor, suplico cara a ti,

na hora, meu Deus, do teu favor.

Pola túa moita bondade,

respóndeme, pois ti e-lo socorro verdadeiro.

 

30Mais a min, pobre e doente,

érgueme, Deus, co teu socorro.

31Louvarei a Deus con cantos,

gabareino con acción de gracias.

 

33Olládeo, humildes, e alegrádevos,

avivecede o corazón os que buscáde-lo Señor,

34pois o Señor escoita ós humildes,

non despreza ós seus na cadea.

 

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Is 7, 1-9

Se non credes, non duraredes

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

7 1No tempo do rei de Xudá, Acaz, fillo de Iotán, fillo de Ozías, subiron a Xerusalén

Resín, rei de Siria e Pécah, fillo de Remalías, rei de Israel, atacárona, pero non foron

capaces de a conquistar.

 

2Daquela chegou a noticia á descendencia de David nestes termos:

"Os sirios están acampados en Efraím"; estremeceuse o seu corazón e mailo corazón do

seu pobo, o mesmo que se estremecen as árbores do souto en presencia do vento.

 

3Entón díxolle o Señor a Isaías: "Saíde ó encontro de Acaz, ti e mailo fillo que se chama

Un-Resto-Volverá, ó cruce da canle do Estanque de Arriba co camiño que vai ó campo

do tundidor. 4Haslle dicir:

"Atento: ten moita calma, non teñas medo e que o teu corazón non se afrouxe por eses

dos dous tizóns que fumegan: a rabia de Resín de Aram e do fillo de Remalías. 5Porque

Aram aconselloulles calamidades contra ti a Efraím e ó fillo de Remalías, dicíndolles:

6Subamos contra Xudá e infundámoslle pavor; abramos brecha contra ela e

constituamos rei nela ó fillo de Tabel".

 

7Así fala o Señor Iavé: "Isto non se cumprirá nin sucederá,

 

8pois Damasco é a capital de Aram, e a cabeza de Damasco é Resín

 

(ó cabo de sesenta e cinco anos Efraím deixará de ser un pobo);

 

9a capital de Efraím é Samaría, e a cabeza de Samaría é o fillo de Remalías.

 

Vós non credes. ¡Pois non subsistiredes!"

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 47, 2-3a. 3b-4. 5-6. 7-8

R/ (9d): Deus afincou para sempre a súa cidade

 

2Grande é o Señor e digno de louvanza

na cidade do noso Deus.

3O monte santo, fermoso outeiro,

 

é o gozo de toda a terra;

o monte Sión, cima setentrional,

a capital do gran rei.

4Deus nos seus alcázares

deuse a coñecer coma refuxio.

 

5Vede que se uniron os reis,

para marcharen xuntos contra ela;

6mais, ó vela, admiráronse,

turbáronse, fuxiron asustados.

 

 7Colleunos alí o terror,

un tremor coma de parto,

8coma cando o vento do leste

esnaquiza as naos de Tárxix.

 

 

 

ALELUIA Cf Sal 94, 8ab:

Hoxe, non endurezáde-los vosos corazóns,

senón escoitade a voz do Señor

 

 

 

 EVANXEO Mt 11, 20-24

O día do Xuízo será moito máis levadeiro para Tiro e Sidón e para os da terra de

Sodoma do que para vós

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 20Empezou Xesús a rifarlles ás vilas nas que fixera a maior parte dos milagres, pero que

non se converteran.

 

21-¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os

milagres que se fixeron en vós, hai xa tempo que facían penitencia cubertas de saco e de

cinsa. 22Por iso dígovos: O día do Xuízo será moito máis levadeiro para Tiro e Sidón do

que para vós. 23E ti, Cafarnaúm: ¿Seica pensas que vas chegar ata o ceo? ¡Asolagaraste

no abismo! Porque se en Sodoma se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda

duraba hoxe. 24Por iso dígovos que Sodoma terá un día do Xuízo máis levadeiro ca vós.

 

 

 

 391.- MÉRCORES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Éx 3, 1-12

Aparecéuselle un anxo do Señor como chama de lume que saía do medio da silveira

PROCLAACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

3 1Moisés pastaba os rabaños de seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo

deserto os rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb. 2Nunha

labarada, no medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na

silveira que ardía e que non se consumía. 3E dixo para si: "Voume chegar alá, para

observar este fenómeno e saber por que non se consome a silveira".

 

4En vendo o Señor que Moisés se achegaba para ver, chamouno desde a silveira:

-"¡Moisés! ¡Moisés!"

 

El respondeu: -"Aquí estou".

 

5Díxolle Deus: -"Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás

é terra sagrada". 6E engadiu: -"Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abraham, de Isaac e

de Xacob".

 

Moisés tapou a cara, polo medo de ver a Deus.

 

9O pranto dos israelitas chega xa onda min, e tamén teño visto como os oprimen os

exipcios. 10Agora anda. Mándote onda o faraón, para que saques de Exipto ó meu pobo,

os fillos de Israel".

 

11Moisés díxolle a Deus: -"¿Quen son eu para ir onda o faraón e para saca-los israelitas

de Exipto?"

 

12Respondeulle Deus: -"Eu estarei contigo. E este será o sinal de que eu te mando:

Cando sáque-lo pobo de Exipto, adoraredes a Deus nesta montaña".

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 102, 1-2. 3-4. 6-7

R/ (8a): O Señor é misericordioso e clemente

 

Alma miña, bendice ó Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

2Alma miña, bendice ó Señor,

non esquéza-los seus beneficios.

 

 3El perdoa as túas culpas

e sanda as túas doenzas;

4rescata a túa vida da morte

e coróate de amor e de tenrura;

 

6O Señor fai xustiza

e defende o dereito do oprimido.

7Mostroulle a Moisés os seus camiños,

ós fillos de Israel as súas fazañas.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Is 10, 5-16

¿Vaise gaba-la machada contra quen corta con ela?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

 Di o Señor:

5¡Ai!, Asiria, bastón da miña ira,

e vara na man do meu furor.

 

6Vouna mandar contra o pobo impío,

e voulle dar ordes contra o pobo da miña indignación,

para saquealo e para roubalo,

para convertelo nun pisadoiro, coma a lama dos camiños.

 

7Si, Asiria non imaxinaba a cousa así, o seu corazón non o planeaba deste xeito, pois no

seu corazón estaba desolar, e arrasar non poucos pobos.

 

13pois (Asiria) pensaba así:

"Fíxeno coa forza da miña man e coa miña habilidade: ¡que lista fun!

Apartei as fronteiras das nacións, saqueei os seus almacéns,

como un heroe afundín os seus habitantes.

14A miña man deu, coma cun niño, coas riquezas das nacións;

como quen colle ovos abandonados, eu recollín tódolos países,

e non houbo quen batese as ás, nin quen abrise o pico e piase".

15¿Enorgullécese a machada ante quen corta con ela?

¿Engrandécese a serra ante quen a move?

¿Levanta a vara a quen a ergue a ela?

¿Ergue o pau a aquel que non é pau?

16Por isto o Señor Iavé dos Exércitos

mandará enfraquecemento ós que El engordou.

E debaixo da súa opulencia acenderá unha fornalleira,

si, unha fornalleira de incendio.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 93, 5-6. 7-8. 9-10. 14-15

R/ (14a): O Señor non rexeitará o seu pobo

 

5Oprimen, Señor, o teu pobo,

asoballan o teu herdo;

6matan viúvas e estranxeiros,

asasinan orfos.

 

 7Din: -"O Señor non o ve,

o Deus de Xacob non se decata".

8Entendede, xente insensata,

¿cando teredes xuízo, ignorantes?

 

9¿Non vai oír quen plantou o oído?

¿Non vai ver quen fixo os ollos?

10¿Non vai castigar quen educa os pobos

e ensina a ciencia ós humanos?

 

 14Certamente o Señor non rexeita o seu pobo

nin abandona o seu herdo.

15O xuízo será outra vez xusto

e tódolos rectos o gardarán.

 

 

ALELUIA Cf Mt 11, 25:

Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra,

porque lle revelaches ós humildes os misterios do reino

 

 

EVANXEO Mt 11, 25-27

Escondíchelles ós sabios estas cousas e reveláchellas ós humildes

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

25Di Xesús:

-Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas

cousas ós sabios e ós prudentes e llas revelaches á xente humilde. 26Si, meu Pai,

bendito sexas por che agradar iso así. 27Meu Pai ensinoume tódalas cousas e ninguén

coñece ó Fillo agás o Pai, nin coñece ó Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira

revelar.

 

 

 

392.- XOVES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Éx 3, 13-20

Eu son o que son. Eu son mandoume a vós

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

13Moisés díxolle ó Señor:

-"Xa me estou vendo chegar onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais

mándame onda vós. Mais eles preguntaranme: ¿E cal é o seu nome? ¿Que lles direi eu

entón?"

 

14Deus respondeulle a Moisés: -"EU SON O QUE SON". E engadiu: -"Diraslles así ós

israelitas: EU SON mándame onda vós". 15E mandoulle aínda: -"Diraslles tamén ós

israelitas: Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob

mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme tódalas

xeracións. 16Agora vai, xunta os anciáns de Israel e dilles: Iavé, o Deus de vosos pais, o

Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob, aparecéuseme e díxome: Veño visitarvos, pois

xa vin como vos tratan en Exipto. 17Teño decidido sacarvos da miseria de Exipto e

levarvos ó país dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos perizitas, dos hivitas e dos

iebuseos, unha terra que deita leite e mel. 18Eles faranche caso, e ti e mailos anciáns de

Israel iredes onda o rei de Exipto e dirédeslle: Iavé, o Deus dos hebreos, veu ó noso

encontro e agora temos que facer polo deserto unha viaxe de tres días, para ofrecermos

sacrificios a Iavé, o noso Deus. 19Eu sei que o rei de Exipto non vos deixará saír, se non

é forzado por man rexa. 20Pero eu alongarei a miña man e ferirei a Exipto. Obrarei alí

moitos prodixios, e deixaranvos saír.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 104, 1 e 5. 8-9. 24-25. 26-27

R/ (8a): O Señor recorda por sempre a súa alianza

Ou: Aleluia

 

1Louvade o Señor, invocade o seu nome,

dade a coñece-las súas fazañas entre os pobos,

5Relembrade as marabillas que fixo,

os prodixios e as decisións da súa boca.

 

8El recorda por sempre a súa alianza,

a palabra que deu polas xeracións.

9O que pactou con Abraham

e xurou a Isaac,

 

 24Deus fixo fecundo ó seu pobo,

máis forte cós seus inimigos.

25A estes viróulle-lo corazón, e aborreceron o seu pobo,

fixeron aleivosías cos seus servos.

 

26Mandou El ó seu servo Moisés

e ó seu elixido Aharón,

27que fixeron sinais á súa vista,

prodixios na terra de Cam.

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Is 26, 7-9. 12. 16-19

Despreguizádevos e ñouvade, os que habitades no pó

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

7O vieiro do xusto é a rectitude,

ti achánza-lo camiño dereito do xusto.

8Camiñando nos teus xustos decretos, Señor, esperamos en ti,

a nosa arela é o teu Nome e a túa lembranza.

 

9O meu alento ancéiate de noite, o espírito nas miñas entrañas madruga por ti.

Cando os teus xustos decretos se cumpren na terra,

aprenden xustiza os habitantes do mundo.

12Señor, concederásno-la paz, pois tódalas nosas empresas

es ti quen as leva a bo termo.

 

16Señor, na angustia buscámoste: a angustia e a humillación foron a túa lección para

nós.

 

17O mesmo que a muller que está para dar a luz se retorce e berra nas dores, así fomos

nós por causa da túa presencia, Señor.

 

18Concebimos, retorcémonos, e damos a luz vento;

pero non producímo-la salvación do país,

nin damos a luz reis do orbe.

19Revivirán os teus mortos, o meu cadáver resucitará,

espertarán e brincarán de alegría os habitantes do po.

Rosada de nacementos é a túa rosada, o Xeol dará a luz os mortos.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 101, 13-14ab e 15. 16-18. 19-21

R/ (20b): O Señor mira para a terra desde o ceo

 

13Ti, Señor, manteste por sempre;

o teu recordo, por tódalas idades.

14Ergueraste e apiadaraste de Sión,

pois é tempo de ter dó dela,

15Os teus servos téñenlles cariño ás súas pedras,

teñen dó das súas ruínas.

 

16As xentes temerán o nome do Señor,

os reis da terra a súa gloria,

17cando o Señor reconstrúa Sión

e se mostre na súa gloria;

18cando o Señor atenda a oración dos expoliados

e non desprece a súa pregaria.

 

19Isto escribirase para as xeracións vindeiras,

e o pobo entón creado louvará ó Señor.

20O Señor olla desde o seu santuario excelso,

desde o ceo mira para a terra.

21Escoita o pranto dos cativos,

libra os condenados á morte.

 

 

 

 

ALELUIA Mt 11, 28:

Vinde a min cantos traballades e estades cansos,

que eu vos aliviare, di o Señor

 

 

 

 

EVANXEO Mt 11, 28-30

Eu son manso e humilde de corazón

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Di Xesús:

28Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei.

29Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e

atoparedes acougo para as vosas almas; 30porque o meu xugo é levadeiro e a miña carga

leviá.

 

 

 

 393.- VENRES

 

 ANO 1

 

 PRIMEIRA Éx 11, 10 - 12, 14

No serán inmolaredes un año; eu verei o sangue e pasarei de largo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

 10Moisés e Aharón fixeron moitos milagres diante do faraón. Pero o Señor endureceu ó

faraón, que non deixou saí-los israelitas da súa terra.

 

12 1O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón: 2-"Teredes este mes polo primeiro

dos meses, o mes principal de todo o ano. 3Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No

día dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. 4Se a familia é moi

pequena para come-lo año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa casa,

botando conta das persoas. O año será estimado conforme ó que cada un poida comer.

5O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode se-lo mesmo un año coma un cabrito.

6Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a

comunidade toda de Israel en asemblea. 7Colleréde-lo sangue e mollaredes con el as

xambas e o lintel das casas nas que se vai comer. 8Comeréde-la carne esa noite, asada

no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas. 9Non comeredes nada del cru, nin

cocido en auga, senón asado no lume, con cabeza, patas e entrañas. 10Non deixaredes

nada del para a mañá; se vos sobra algo, queimádeo. 11Comerédelo deste xeito: a

cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a

Pascua do Señor.

 

12Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte tódolos primoxénitos, desde

os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con tódolos deuses de Exipto. Eu,

o Señor. 13O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue,

pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga

exterminadora. 14Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ó Señor. Será festa

de precepto por tódalas xeracións.

 

 

 

 

 SALMO RESPONSRIAL Sal 115, 12-13. 15-16bc. 17-18

R/ (13): Alzarei a copa da salvación,

invocando o nome do Señor

Ou: Aleluia

 

 12¿Con que lle pagarei ó Señor

todo o ben que me fai?

13Alzarei a copa da salvación,

invocando o nome do Señor;

 

15Moi custosa é ós ollos do Señor

a morte dos seus amigos.

16servo teu e fillo da túa serva,

a quen ti rompíche-las cadeas!

 

17Ofrézoche sacrificios de louvanza,

invocando o nome do Señor.

18Cumprirei os meus votos ó Señor,

á vista de todo o seu pobo,

 

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Is 38, 1-6. 21-22. 7-8

Escoitei a túa oración, vin as túas bágoas

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

38 1Naqueles días Ezequías caeu enfermo de morte, e o profeta Isaías, fillo de Amós,

foi onda el para dicirlle:

"Así fala o Señor: dá ordes á túa casa, que estás morrendo e non seguirás vivindo".

 

2Entón Ezequías volveu o seu rostro cara á parede e rezoulle ó Señor:

3"Ah, Señor, lémbrate por favor, de que camiñei na túa presencia con fidelidade e con

corazón enteiro, e de que fixen o que está ben ós teus ollos".

 

E chorou Ezequías con grande pranto.

 

4Logo veulle a palabra do Señor a Isaías nestes termos:

5"Vai e dille a Ezequías: así fala o Señor, Deus de teu pai David: fíxenlle caso á túa

oración e ollei compracido para as túas bágoas. Eu engado sobre os teus días quince

anos. 6Librareite a ti e esta cidade do puño do rei de Asiria, e protexerei esta cidade.

 

21Entón dixo Isaías:

"Collede unha cataplasma de figos e póndella sobre o tumor, e vivirá".

 

22Entón dixo Ezequías:

"¿Cal é o sinal de que subirei ó templo do Señor?".

 

7Si, este será da parte do Señor o sinal de que cumprirá esta palabra que falou: 8Velaí:

vou facer cea-la sombra os mesmos chanzos que baixou pola escaleira de Acaz: dez

chanzos para atrás".

 

Entón o sol ceou dez chanzos para atrás, os chanzos que baixara.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Is 38, 10. 11. 12abcd. 16

R/ (cf 17b): Sustentaches, Señor, a miña vida para que non perecera

 

10Eu pensaba: teño que marchar na metade dos meus días,

estou posto ás portas do Xeol para o resto dos meus anos.

 

11Pensei: xa non poderei ve-lo Señor, o Señor que está no país da vida, xa non volverei

contempla-la terra, estarei cos que moran no mundo dos mortos.

 

 12A miña morada éme arrancada e enrolada, coma a miña tenda de pastor.

Estendín coma unha tea a miña vida, pero córtanme a urdime.

Abandonáchesme desde o día ata a noite,

 

16Ti, Señor, estás por enriba das amarguras; volveranse felicidade,

e a felicidade do meu espírito será superior a todo o que hai nelas.

Si, volverasme san e farasme feliz:

 

 

 

ALELUIA Xn 10, 27:

As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;

e eu coñézoas e elas séguenme

 

 

 

EVANXEO Mt 12, 1-8

O Fillo do home é señor do sábado

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

12 1Pasou Xesús nun sábado por unhas leiras traballadas. Os seus discípulos sentiron

fame e empezaron a arrincar espigas e comelas. 2Os fariseos, vendo aquilo, dixéronlle:

-Mira que os teus discípulos fan o que non está permitido facer no sábado.

 

3El contestoulles:

-¿Seica non sabéde-lo que fixo David cando sentiu fame el e mailos seus acompañantes?

4Entrou na casa de Deus e comeu pan do ofrecido, cousa que non lle estaba permitida a

el nin ós seus acompañantes, senón só ós sacerdotes. 5¿E non tendes lido na Lei que os

sacerdotes no templo quebrantan o sábado sen por iso seren culpables? 6Pois eu

asegúrovos que aquí hai algo meirande có templo. 7Se entendesedes ben o que significa:

Misericordia quero e non sacrificios, non condenabades a estes inocentes. 8Porque o

Fillo do Home é Señor do sábado.

 

 

 

 394.- SÁBADO

 

 ANO 1

 

PRMEIRA Éx 12, 37-42

A noite aquela, cando o Señor sacou a Israel de Exipto

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

 37Os israelitas saíron de Ramsés cara a Succot. Sen levar conta dos nenos, eran coma

seiscentos mil homes. 38Con eles ía tamén unha multitude de xente mesturada, e

rabaños de ovellas e de vacas e gando en grande cantidade.

 

39Coceron a masa que sacaran de Exipto e fixeron bolas de pan asmo, pois non lle

deran tempo a levedar. Como saíran de Exipto empuxados, non puideron deterse a

preparar merenda para a viaxe.

 

40A estadía dos israelitas en Exipto foi de catrocentos trinta anos. 41No mesmo día en

que se cumprían os catrocentos trinta anos, saíron de Exipto as multitudes do Señor.

42Esa noite velou o Señor para sacalos. Esa noite velan os israelitas por tódalas

xeracións.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 135, 1 e 23-24. 10-12. 13-15

R/ Porque a súa misericordia é eterna

Ou: Aleluia

 

 1Louvade o Señor porque é bo,

porque o seu amor é eterno.

23No noso abatemento acórdase de nós,

porque o seu amor é eterno,

24e líbranos dos nosos opresores,

porque o seu amor é eterno.

 

10Feriu os primoxénitos de Exipto,

porque o seu amor é eterno;

11sacou de entre eles a Israel,

porque o seu amor é eterno,

12con man forte e brazo rexo,

porque o seu amor é eterno.

 

13Partiu en dous o mar Rubio,

porque o seu amor é eterno;

14fixo pasar polo medio a Israel,

porque o seu amor é eterno;

15alagou no mar Rubio ó faraón co seu exército,

porque o seu amor é eterno.

 

 

 

 ANO 2

 

PRIMEIRA Miq 2, 1-5

Cobizan os campos e rouban as casas

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MIQUEAS

 

2 1¡Ai dos que maquinan iniquidade e obras de ruindade nos seus leitos! Coa luz da alba

póñenas por obra, pois están no poder das súas mans.

 

2Cobizan campos e róubanos; e tamén casas, e levántanse con elas.

Oprime ó home e maila súa familia, a unha persoa e maila súa herdanza.

 

3Por isto, así fala o Señor:

"Velaí: matino contra esta xeración unha desgracia,

e non poderedes aparta-los vosos pescozos,

nin poderedes camiñar dereitos, pois será a hora da desgracia.

4O día aquel entoarase contra vós unha sátira,

cantarase unha elexía -xa está feita- e dirase:

Róubannos completamente, levarán o quiñón do meu pobo.

¡Como se aparta de min! ¡Como fai o invasor as partillas dos nosos campos!"

5Por isto non teredes na asemblea do Señor,

quen bote o cordel sobre a porción.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 9, 22-23. 24-25. 28-29. 35

R/ (12b): Non te esquezas dos pobres, Señor

 

 1¿Por que, Señor, quedas lonxe,

escóndeste na hora do apreto?

2Mentres os malvados triunfan,

son asoballados os pobres,

collidos nas insidias que lles traman.

 

3O malvado gloríase da súa mesma cobiza,

o avarento blasfema e despreza ó Señor.

4Di o malvado, na súa insolencia:

-"Deus non pide contas; non está":

iso é todo o que pensa.

 

 5Os seus camiños prosperan,

o teu xuízo queda lonxe da súa mente,

búrlase dos seus adversarios.

6Pensa para si: -"Non caerei,

nunca na vida non terei unha desgracia".

 

7Ten a boca chea de maldición,

de inxurias e de fraude;

a súa lingua encobre insidia e maldade.

8Senta ó axexo nos currais

para matar ás agachadas ó inocente.

 

Cos ollos esculca os desvalidos,

9axexa nos recantos, coma león no tobo,

axexa ós pobres, para os roubar,

rouba a quen pilla na súa rede.

10Agáchase, encóllese,

e cae con todo o peso sobre os inocentes.

 

11Pensa para si: -"Deus esquécese,

ten a cara tapada e non ve".

 

12Érguete, Señor; levanta, Deus, a túa man,

non te esquezas dos pobres.

13¿Por que ten que desprezar a Deus o malvado

e matinar para si: -"Non pide contas"?

14Ti mesmo podes ve-los traballos e as penas,

fixarte e collelos na túa man.

A ti encoméndase o desvalido,

ó orfo es ti quen o axuda.

 

 

ALELUIA 2 Cor 5, 19:

Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,

e deunos a nós unha palabra de recondiliación

 

 

 

EVANXEO Mt 12, 14-21

Conminoulles que non o descubriran para que se cumplira o que estaba dito

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

14En saíndo os fariseos, empezaron a maquinar na maneira de acabar con el.

 

15Xesús, ó sabelo, decidiu ir para outro lado, seguido por moitos e curando a todos. 16E

mandoulles que non o descubrisen, 17para que se cumprise o que dixera o profeta Isaías:

18Velaquí o meu servo, o meu elixido,

o meu amado, a miña regalía.

Apousarei o meu Espírito sobre el,

para que anuncie o dereito ás nacións.

19Non discutirá nin berrará,

ninguén oirá a súa voz polos rueiros.

20Non crebará a canivela cascada,

nin apagará a torcida que fumega

ata que faga triunfa-lo dereito:

21El será a esperanza das nacións.