XII Domingo
PRIMEIRA Xer 20, 10-13
Liberou a vida do pobre da man dos malvados
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS
Dixo Xeremías:
10Xa estou oíndo a sentencia,
aumenta o terror ó arredor:
"Denunciádeo, denunciémolo".
Tódolos que se fiaban da miña mensaxe de paz,
agardan a miña caída:
"A ver se se deixa seducir: poderemos con el, e vingarémonos del".
11Polo Señor suspiro, como por un forte loitador;
por isto os meus perseguidores caen, non me poden.
Quedarán cubertos de vergonza porque non tiveron éxito,
non deixarán esquecida esta vergonza perpetua.
12Señor dos Exércitos, que pos a proba o xusto,
que ve-los sentimentos e mailas intencións,
eu hei ver como te vingas deles,
pois a ti encomendei o meu preito.
13Cantádelle ó Señor,
louvade o Señor,
pois libra a vida dun pobre do poder dos malvados.
SALMO RESPONSORIAL Sal 68, 8-10. 14 e 17. 33-35
R/ (14c): Pola túa moita bondade, escóitame, Señor
8Por ti aturo eu afrentas
e cóbreme a cara a vergonza.
9Volvinme estraño para meus irmáns,
alleo ós fillos da miña nai.
10Consómeme o celo da túa casa
e as aldraxes dos que te aldraxan
caen enriba de min.
14Mais eu, Señor, suplico cara a ti,
na hora, meu Deus, do teu favor.
Pola túa moita bondade,
respóndeme, pois ti e-lo socorro verdadeiro.
17Respóndeme, Señor, conforme ó teu amor,
pola túa misericordia, vólvete a min.
33Olládeo, humildes, e alegrádevos,
avivecede o corazón os que buscáde-lo Señor,
34pois o Señor escoita ós humildes,
non despreza ós seus na cadea.
35Lóuvente o ceo e maila terra.
SEGUNDA Rm 5, 12-15
Non hai comparanza entre o delito e o don
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS
Irmáns e irmás:
12O pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a
morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado.
13Porque, de feito, antes da Lei había pecado no mundo; anque o pecado non se ten en
conta cando non hai Lei; 14a pesar diso, a morte dominou desde Adam ata Moisés, mesmo
sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adam. E Adam é unha
figura arquetípica daquel que está para vir.
15Pero de ningún modo hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun
morreron tódolos demais, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a gracia e o don
de Deus rebordaron sobre todos.
ALELUIA Xn 15, 26b. 27a
O Espírito da verdade dará testemuño de min, di o Señor;
tamén vós daredes testemuño
EVANXEO Mt 10, 26-33
Non lles teñades medo ós que matan o corpo
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus apóstolos:
Non lles teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin
cousa oculta que non se acabe sabendo. 27O que vos digo na escuridade faládeo á plena
luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo desde as azoteas.
28Non lles teñades medo ós que matan o corpo pero non poden mata-la alma; temede máis
ben a aquel que pode arruina-lo corpo e a alma no inferno. 29¿Non se venden un par de
pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai.
30Pois vós, mesmo tedes contados os pelos todos da cabeza. 31Así que non teñades medo,
que vós valedes máis ca tódolos pardais xuntos.
32Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu
Pai celestial. 33Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu Pai
celestial.