XIII Domingo
PRIMEIRA 2 Re 4, 8-11. 14-16a
Ese home de Deus é un santo varón; que permaneza alí
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS
8Un día que pasaba Eliseo por Xunam, unha muller rica porfioulle que quedase a xantar.
Desde aquela, cada vez que pasaba por alí, detíñase a comer. 9A muller díxolle ó seu
home: -"Escoita, eu sei que ese home de Deus, que pasa sempre por aquí, é un santo varón.
10Podiámoslle preparar arriba no faiado un cuarto pequeno, cunha cama, unha mesa, unha
cadeira e un candeeiro, para que poida descansar, cando pase por onda nós".
11Un día que Eliseo pasaba por alí, retirouse ó cuarto e durmiu nel. 14Pero Eliseo insistiu:
-"¿Que se pode facer por ela?". 15Guehazí dixo: -"Unha cousa: ela non ten fillos, e o seu
home é vello".
16Entón dixo Eliseo: -"Chama por ela". El chamouna, e ela presentouse onda a porta.
Eliseo anuncioulle: -"O ano que vén, por estas datas, terás un fillo no colo".
SALMO RESPONSORIAL Sal 88, 2-3. 16-17. 18-19
R/ (2a): Quero cantar por sempre o amor do Señor
2Quero cantar por sempre o amor do Señor,
pregoar polas xeracións a súa fidelidade:
3-"Penso que o teu amor está fundado co mundo,
a túa fidelidade asentada cos ceos".
16Feliz o pobo que sabe aclamarte
e camiñar, Señor, na luz da túa presencia.
17O teu nome fai a súa ledicia o día enteiro,
a túa xustiza é a súa gloria.
18Ti es, en verdade, a súa gloria e a súa forza,
polo teu favor erguemos nós a testa.
19O Señor é o noso escudo,
o santo de Israel o noso rei.
SEGUNDA Rm 6, 3-4. 8-11
Consepultados con el polo bautismo, andemos en vida nova
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS
Irmáns e irmás:
3¿Ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á
morte del? 4Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo
foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova.
8Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; 9e ben sabemos que
Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El.
10Porque o seu morrer foi un morrer ó pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para
Deus. 11Así tamén, vós considerádevos mortos ó pecado, pero vivos para Deus en Cristo
Xesús.
ALELUIA 1 Pe 2,9:
Vós sodes raza elixida, sacerdocio real, pobo santo;
proclamade a grandeza daquel que vos chamou das tebras
para participardes na súa admirable luz
EVANXEO Mt 10, 37-42
Quen non acepta a cruz non é digno de min. Quen vos recibe a vós, recíbeme tamén a min
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus apóstolos:
37Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min. E quen ame a seu
fillo ou a súa filla máis ca a min non é digno de min. 38E quen non carga coa súa cruz e
me segue, non é digno de min. 39Quen trate de conserva-la vida, perderaa; pero quen a
perda por min, ese conservaraa.
40Quen vos recibe a vós, recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe ó que me
mandou. 41Quen recibe a un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen
recibe a un xusto por ser xusto, terá recompensa de xusto. 42E quen dea de beber a un
destes pequenos, anque soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo meu,
asegúrovos que non perderá a súa recompensa.