XXXI Domingo

 

 

DOMINGO XXXI ORDINARIO  -  CICLO A

 

Primeira Lectura     Mal 1, 14b -- 2, 2b. 8-10

LECTURA DO LIBRO DE MALAQUÍAS

Apartastes a moitos do vieiro, desviástelos do cumprimento da lei

 

            Eu son o gran Rei ‑ fala o Señor dos Exércitos ‑,

e o meu Nome é temible entre os pobos.

            Agora esta orde vai para vós, sacerdotes:

            Se non facedes caso e se non colledes a peito darlle gloria

ó meu Nome ‑ fala o Señor dos Exércitos ‑,

botarei contra vós a maldición.

            Vós apartastes a moitos do vieiro,

desviástelos do cumprimento da lei,

violastes a alianza con Leví ‑ fala o Señor dos Exércitos ‑.

            Tamén eu vos volverei desprezables e viles para todos os pobos, na medida en que vós non gardastes os meus vieiros,

e na medida en que non considerastes estimable a lei.

            Non temos todos nós un único Rei?

Non vos criou a todos o único Deus?

            Por que traizoamos cada un o seu irmán,

violando a alianza de nosos pais?

 

                        Palabra do Señor                                         

                       R/. Grazas a Deus

 

 

SALMO RESPONSORIAL     Sal 130, 1. 2. 3

 

R/.  Garda, Señor, a miña alma en paz diante de ti.

 

Señor, o meu corazón non é soberbio

nin os meus ollos altivos.

Non persigo grandeza

nin marabillas que me exceden.

 

Eu acalmo e acalo a miña ansia,

coma un meniño no colo da súa nai;

coma nun meniño está en min a miña ansia.

 

Agarde Israel o Señor,

desde agora e para sempre.

 

Segunda Lectura     1 Tes 2, 7b-9. 13

LECTURA DA 1ªCARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS TESALONICENSES

Queriamos entregarvos non só o Evanxeo de Deus, senón tamén a nosa vida

 

            Irmáns:

            Fixémonos tenros no medio de vós, coma unha nai que agarima os seus fillos. Polo cariño que vos tiñamos estabamos dispostos a entregarvos non só o Evanxeo de Deus, senón a nosa propia vida: tanto vos fixestes querer.

            Acordaravos, irmáns, o noso esforzo e fatiga: traballando noite e día, por non sermos unha carga para ningún de vós. Así foi como vos predicamos o Evanxeo de Deus.

            É tamén por isto polo que lle damos decote grazas a Deus: porque, ao recibirdes de nós a palabra de Deus, acolléstela non coma palabra de homes, senón coma o que verdadeiramente é: coma palabra de Deus, que actúa en vós, os crentes.

 

                        Palabra do Señor                                         

                        R/. Grazas a Deus

 

 

ALELUIA    Mt 23, 9b. 10b

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Un é o voso Pai, o celestial;

e un é o voso mestre, Cristo.

Aleluia.

 

 

Evanxeo     Mt 23, 1-12

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Din, pero non fan

 

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos discípulos e mais á xente:

            ‑ Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e mais os fariseos. Facede, logo, e cumpride canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta porque falan pero non cumpren. Atan fardos pesados e cánganos no lombo dos outros, pero eles nin un dedo poñen para os mover.

            Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando os filacterios e as franxas dos seus mantos; buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas; que lles fagan reverencias nas rúas e que lles chamen "mestre".

            ‑ Vós non vos fagades chamar "mestre", pois un só é o voso Mestre, e todos vós sodes irmáns. E a ninguén na terra chamedes "pai", porque un só é o voso Pai, o celestial. Nin tampouco vos fagades chamar "guieiro", porque un só é o voso Guieiro, Cristo.

            O máis importante entre vós ha de ser servidor voso. Porque quen se enaltece, será humillado, e quen se humilla, será enaltecido.

 

                                   Palabra do Señor                                         

                                    R/.Loámoste, Cristo