XXIV Domingo

 

DOMINGO XXIV ORDINARIO - CICLO A

 

Primeira Lectura     Eclo 27, 33 - 28, 9

LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

Perdoa o próximo que che fai dano e concederáseche o perdón que pides

 

 

            Xenreira e asañamento son de aborrecer;

o pecador é quen os posúe.

            Quen fai vinganza atoparase coa vinganza do Señor,

pediralle razón estreita dos seus pecados.

            Perdóalle a inxuria ao teu próximo

e entón ao pregares seranche perdoados os teus pecados.

            Home que lle garda a outro xenreira,

como lle vai pedir ao Señor que o cure?

            De alguén que é coma el non se apiada,

e vai rogar polos seus pecados?

            Se el, que é carne, mantén a ira,

quen lle vai expiar as súas culpas?

            Pensa na fin e deixa de asañarte,

recorda a corrupción e a morte e cumpre os mandamentos.

            Lembra os mandamentos e non rifes co próximo,

recorda a alianza co Altísimo e non deas valor á falta.

            Tente lonxe das rifas e minguarás os pecados

pois é o home iracundo quen acende as liortas

e o home pecadento quen perturba os amigos

metendo a disputa entre os que se levan ben.

 

                        Palabra do Señor                  

                        R/. Grazas a Deus

 

SALMO RESPONSORIAL    Sal 102, 1-2. 3-4. 9-10. 11-12

R/.  (8):  O Señor é misericordioso e clemente, tardo á ira e rico en mercés.

 

Alma miña, bendí o Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

Alma miña, bendí o Señor,

non esquezas os seus beneficios.

 

El perdoa as túas culpas

e sanda as túas doenzas;

rescata a túa vida da morte

e coróate de amor e de tenrura;

 

Non contende por moito tempo

nin se anoxa para sempre.

Non nos trata conforme os nosos erros

nin nos paga conforme as nosas culpas.

 

Canto se alza o ceo sobre a terra,

así é grande o seu amor para os que o temen;

canto dista o nacente do poñente,

así arreda de nós as nosas culpas;

 

 

Segunda Lectura     Rm 14, 7-9

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS

Vivamos ou morramos, somos do Señor

 

            Irmáns:

            Ningún de nós vive para si, e ningún de nós morre para si.

            Se vivimos, para o Señor vivimos; e, se morremos, para o Señor morremos; así que, vivamos ou morramos, somos do Señor.

            Por iso mesmo morreu e resucitou Cristo: para dominar nos mortos e nos vivos.

 

                        Palabra do Señor                             

                        R/. Grazas a Deus

 

ALELUIA    Xn 13, 34

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Douvos un mandamento novo, di o Señor;

que vos amedes uns a outros como eu vos amei.

Aleluia.

 

 

Evanxeo    Mt 18, 21-35

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Non che digo que perdoes ata sete veces, senón ata setenta veces sete

 

            Naquel tempo, achegándose Pedro a Xesús, preguntoulle:

            ‑ Señor, cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?

            Respondeulle Xesús:

            ‑ Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.

            Por iso, o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía varios millóns. E como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.

            O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:

            ‑ Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todiño!

            O señor tivo dó daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.

Pero, ao saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:

            ‑ Paga o que me debes.

            Botándose aos seus pés, o compañeiro suplicáballe:

            ‑ Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.

            Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.

            Os compañeiros, ao veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:

            ‑ Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?

            E todo anoxado, o señor entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.

Así tamén fará convosco meu Pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.

 

                        Palabra do Señor                                         

                        R/. Loámoste, Cristo