XXVII Domingo
DOMINGO XXVII ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Is 5, 1-7
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
A viña do Señor poderoso é a casa de Israel
Voulle cantar no nome do meu amigo unha canción de amor á súa viña.
Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras.
Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta;
construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo un lagar;
esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces.
E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá,
facede, por favor, de xuíces,
entre min e a miña viña.
Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera?
Por que, esperando eu que dese boas uvas, deu tan só agraces?
Pois agora vouvos dicir o que lle vou facer á miña viña:
quitarlle o valado para que sirva de pasteiro,
romperlle a cerca e que se volva un torreiro.
Convertereina nun ermo, non se podará nin cavará;
o cardo e mais a silveira medrarán nela;
aos mesmos trebóns mandareilles que non chovan sobre ela.
Si, a viña do Señor dos Exércitos é a casa de Israel;
e os homes de Xudá, a súa preferida plantación.
Esperaba deles o cumprimento do dereito, e velaquí: sangue vertido.
Esperaba deles xustiza, e velaquí: berros de auxilio.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 79, 9 e 12. 13-14. 15-16. 19-20
R/. (Is 5, 7a): A viña do Señor é a casa de Israel.
Arrincaches de Exipto unha vide,
expulsaches nacións para a plantar;
estendeu as súas ramas ata o mar
os seus gromos ata o río.
Por que lle derrubaches os valados,
para que a vendimen cantos pasan?
Os xabarís estragan nela
e devórana as bestas do campo.
Vólvete, Deus dos exércitos,
olla desde o ceo e fíxate,
ven visitar a túa viña,
a videira que plantaches coa túa man,
o bacelo que ti fortaleciches.
Non nos afastaremos máis de ti;
dános vida de novo,
e invocaremos o teu nome.
Restáuranos, Señor Deus dos exércitos;
que brille o teu rostro e seremos salvos.
Segunda Lectura Flp 4, 6-9
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Facede isto e o Deus da paz será convosco
Irmáns:
Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de grazas.
E a paz de Deus, superior a todo o imaxinable, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.
Do resto, meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, xusto, honesto, todo o que sexa estimable, o que sexa honroso, calquera virtude ou cousa loable que haxa, iso é o que debedes apreciar.
O que aprendestes, recibistes, oístes e vistes en min, iso é o que tedes que levar á práctica. E o Deus da paz estará convosco.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Xn 15, 16
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Eu escollinvos do medio do mundo, para que vaiades e frutifiquedes,
e o voso froito dure, di o Señor.
Aleluia.
Evanxeo Mt 21, 33-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Arrendou a viña a outros labradores
Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
‑ Escoitade outra parábola:
Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.
Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados aos viñateiros, para cobrar a s rendas. Pero os viñateiros agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.
Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano respectar". Pero os viñateiros, ao veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa". E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.
‑ Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?
Respondéronlle:
‑ A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.
Díxolles entón Xesús:
‑ Seica non lestes nunca na Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal: esa pedra colocouna o Señor, que regalía para nós!?
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo