Domingo IX

 

DOMINGO IX ORDINARIO

 

 

 

Primeira Lectura   Dt 5, 12-15

Recorda que tamén ti servías en Exipto

 

LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO

 

            Así fala o Señor:

            Reserva o día do sábado para santificalo, segundo cho mandou o Señor, teu Deus. Traballa e cumpre toda a túa misión durante seis días, pero o día sétimo é sábado, o descanso para o Señor, o teu Deus.

            Non farás ningún traballo, nin ti nin o teu fillo nin a túa filla, nin o teu criado nin a túa criada, nin o teu boi nin o teu burro, nin ningún dos teus animais, nin o estranxeiro que está nas túas cidades; deste xeito, descansarán o teu servo e mais a túa serva o mesmo ca ti.

            Lémbrate de que fuches servo no país de Exipto e de que te sacou de alí o Señor, teu Deus, con man forte e brazo estendido.

            Por isto mandouche o Señor, teu Deus, que observases o día de des­canso sabático.

 

                        Palabra do Señor                              R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 80, 3-4. 5-6ab. 6c-8a. 10-11b

 

R.: (2a)Cantade a Deus, a nosa forza.

 

Pulsade o salterio, tocade o pandeiro,

a donda cítara e a arpa.

Tocade a trompeta na lúa nova,

na lúa chea, no día da festa.

 

Para Israel isto é unha lei,

un precepto do Deus de Xacob.

Impúxollo por lei a Xosé,

cando saíu da terra de Exipto.

 

Escoitei a fala dun descoñecido,

tireille a carga do lombo,

as súas mans deixaron as cestas.

No apuro chamáchesme e libreite.

 

Non terás contigo un deus estraño,

non adorarás un deus alleo.

Eu son o Señor, o teu Deus,

quen te sacou da terra de Exipto.

 

 

 

Segunda Lectura   2 Cor 4, 6-11

A vida de Xesús maniféstase nos nosos corpos

 

LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

 

            Irmáns:

            O Deus que dixo “brille a luz no medio das tebras”, alumou nos nosos corazóns, para que se manifeste o coñecemento da gloria de Deus no rostro de Cristo Xesús.

            Mais levamos ese tesouro en vasos de barro, para que tal prodixio de forza apareza como de Deus, e non noso.

            Aflíxennos por todas as partes, pero non nos abaten; andamos en apuros, mais non desesperados; perseguidos, pero non abandonados; derrúbannos, pero non nos rematan.

            Por todas as partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo.

            Pois que estamos con vida, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Cf. Xn 17, 17b. a

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

A túa palabra, Señor, é verdade;

santifícanos na verdade.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo          Mc 2, 23-3, 6(longa)

O Fillo do Home é Señor tamén do sábado

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

            Naquel tempo, cadrou que un sábado Xesús e mais os discípulos pasaron por uns terreos sementa­dos; os seus discípulos, mentres ían de camiño, empezaron a arrincar espigas. Entón dixéronlle os fariseos:

            — Mira para aí, por que fan o que non lles está permitido facer nun sábado?

            El respondeulles:

            — Seica non sabedes o que fixo David, cando el e mais os seus acompañantes se viron apurados e con fame? No tempo do Sumo Sacerdote Abiatar entrou na casa de Deus e comeu o pan ofrecido—pan que só podían comer os sacerdotes— e repartiu incluso cos seus compañeiros.

            E concluíu:

            — O sábado fíxose para o servizo do home, e non o home para o servizo do sábado. Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado.

            De novo entrou na sinagoga, alí atopou un home que tiña a man tolleita. Todos estaban atentos, a ver se se atrevía a curalo en pleno sábado para o poder acusar. Entón, díxolle Xesús ao home da man tolleita:

            — Érguete e ponte no medio.

            E preguntoulles:

            — Que está permitido no sábado, facer o ben ou facer o mal, salvar a vida ou matar?

            Pero ninguén falou palabra. E, botándolles unha ollada chea de carraxe e tristura, debido á dureza dos seus corazóns, díxolle ao enfermo:

            — Estende a túa man.

            El estendeuna, e a man curou. E xa ao saíren da sinagoga, os fariseos empezaron a maquinar cos herodianos no xeito de acabaren con el.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo

______________________________________________________________________

 

Ou máis breve:2, 23-28

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

            Naquel tempo, cadrou que un sábado Xesús e mais os discípulos pasaron por uns terreos sementa­dos; os seus discípulos, mentres ían de camiño, empezaron a arrincar espigas. Entón dixéronlle os fariseos:

            — Mira para aí, por que fan o que non lles está permitido facer nun sábado?

            El respondeulles:

            — Seica non sabedes o que fixo David, cando el e mais os seus acompañantes se viron apurados e con fame? No tempo do Sumo Sacerdote, Abiatar entrou na casa de Deus e comeu o pan ofrecido—pan que só podían comer os sacerdotes— e repartiu incluso cos seus compañeiros.

            E concluíu:

            — O sábado fíxose para o servizo do home, e non o home para o servizo do sábado. Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo