Corpus Christi
DOMINGO DESPOIS DA FESTA DA STMA. TRINDADE
SOLEMNIDADE DO SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO
Primeira Lectura Ex 24, 3-8
Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Naqueles días, Moisés veu e expúxolle ao pobo todas as palabras e os mandatos do Señor, e o pobo a unha respondeu:
— Faremos todo o que dixo o Señor.
Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor.
Ao día seguinte, Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estelas, polas doce tribos de Israel. Despois mandou a algúns mozos israelitas que ofrecesen holocaustos e sacrificios de comuñón ao Señor. Moisés colleu a metade do sangue e botouna en recipientes e a outra metade verteuna no altar. Despois colleu o libro da alianza e leullo en voz alta ao pobo. Este respondeu:
— Faremos todo o que dixo o Señor e obedeceremos.
Entón colleu Moisés o sangue e asperxeu o pobo con el, dicindo:
— Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco conforme ás palabras lidas.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 115, 12-13. 15 e 16bc. 17-18
R.: (13)Alzarei a copa da salvación invocando o nome do Señor.
Ou:Aleluia.
Con que lle pagarei ao Señor
todo o ben que me fixo?
Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor.
É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva,
ti rompiches as miñas cadeas!
Ofrecereiche un sacrificio de loanza,
invocando o nome do Señor.
Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo.
Segunda Lectura Heb 9, 11-15
O sangue de Cristo limpará a nosa conciencia
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Irmáns:
Ao presentarse Cristo como Sumo Sacerdote dos auténticos bens, entrando a través dunha tenda-santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo, e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva.
Porque se o sangue de carneiros e de touros e a aspersión da cinsa dunha xovenca consagra os impuros, dándolles unha pureza corporal, moito máis o sangue de Cristo (que, movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, como vítima sen mancha) limpará a vosa conciencia das obras de morte, para así servirmos o Deus vivo.
Por iso é mediador dunha nova alianza, pois morreu para redimir dos pecados cometidos baixo a primeira alianza, a fin de que os chamados á herdanza eterna poidan recibir o cumprimento desta promesa.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SECUENCIA, Ad libitum:Lauda, Sion, Salvatorem
SECUENCIA
SECUENCIA, AD LIBITUM: Lauda, Sion, Salvatorem
Loemos o Salvador,
o noso guía e pastor,
cun cantar afervoado.
Loémolo xenerosos,
pois don tan marabilloso
nunca o daremos loado.
A razón de tal loanza,
o pan vivo no que alcanza
o pobo gozosa vida.
Aos Doce en leda irmandade
fora entregado en verdade
na cea de despedida.
Ampla e sonora cantiga,
que fale a alma e bendiga
con indicible ledicia.
Hoxe é a recordación
da primeira institución
desta mesa sen malicia.
Na mesa do novo Rei,
nova Pascua, nova lei,
o tempo vello termina.
O novo vence ao que é vello,
a verdade ao seu espello,
e a luz a noite ilumina.
Cristo mándanos facer
na súa memoria e querer
o que na Cea el fixera.
Seguindo no seu camiño
consagramos pan e viño
cal hostia de amor sincera.
Dogma para o pobo cristián,
en carne tórnase o pan
e o viño faise sangue.
A fe confirme animosa
o que a razón pretensiosa
non entende nin abrangue.
Baixo unha humilde aparencia
de signos, late a presenza
de cousas marabillosas.
Mantenza a carne, e bebida
o sangue, Cristo todo vida
en cada parte gozosa.
Quen o come toma enteiro
o seu corpo sobranceiro
non diviso nin rompido.
Come un e comen mil,
tanto este coma aquel,
e non se dá consumido.
Os bos e os malos o comen,
con dispar sorte o consomen,
lance de vida ou de morte.
Morte ao malo, vida ao bo,
única mesa de unión
pero moi distinta sorte.
Partido xa o sacramento,
non dubides, olla atento
que tanto encerra o fragmento
coma todo o corpo enteiro.
Non hai no fondo fisura,
só o signo se fractura,
nin o amor nin a feitura
reve do que é verdadeiro.
O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.
En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.
Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.
Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.
Ou, máis breve:Ecce panis
O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlles aos cans.
En símbolos persignado,
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.
Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.
Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.
ALELUIA Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Eu son o pan vivo que descendín do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan vivirá eternamente.
Aleluia.
Evanxeo Mc 14, 12-16. 22-26
Isto é o meu corpo. Isto é o meu sangue
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle a Xesús os seus discípulos:
— Onde queres que vaiamos preparar para comer a Cea Pascual?
El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
— Ide á cidade e havos saír ao paso un home cunha sella de auga. Seguídeo, e onde entre, dicídelle ao dono da casa: “O Mestre di: Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?”. El havos mostrar no sobrado unha gran sala, xa disposta e arranxada. Preparade alí para nós.
Marcharon os discípulos e chegaron á cidade. Atoparon todo como llelo el dixera e prepararon a Pascua.
Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, rezou a bendición, partiuno e déullelo, dicindo:
— Tomade, isto é o meu corpo.
Despois colleu un cáliz, deu grazas, pasóullelo, e todos beberon del. E díxolles:
— Isto é o meu sangue da Alianza, que se vai verter por moitos. Dígovolo de verdade: “Xa non vou beber do produto da viña ata o día aquel en que o hei beber novo no Reino de Deus”.
Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo