Domingo XII

 

 

DOMINGO XII ORDINARIO

 

 

Primeira Lectura   Xob 38, 1.8-11

Aquí han rematar os teus arrogantes impulsos

 

LECTURA DO LIBRO DE XOB

 

            Entón respondeulle o Señor a Xob desde o trebón:

            Quen pechou os portóns do mar

ao xurdir debruzándose do seo materno,

cando lle impuxen como embozo as brétemas

e o envolvín en néboas como panos?

            Daquela marqueille os límites

e asegureille os ferrollos e as portas,

e díxenlle: Ata aquí has chegar e non pasar.

            Aquí han rematar as túas altas ondas.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 106, 23-24. 25-26. 28-29. 30-31

 

R.: (1b)Loade ao Señor, porque a súa misericordia é eterna.

Ou:Aleluia.

 

Os que baixan nos barcos ao mar,

para facer o seu traballo nas augas abismais,

poden ver os feitos do Señor,

os seus prodixios no océano.

 

Cun aceno del érguese o vento de temporal

e levántanse fortes as ondas;

érguense cara ao ceo e caen no abismo,

co estómago revolto, mareados.

 

No apuro clamaron ao Señor

e El librounos da aflición.

El troca a tempestade en brisa lene,

e quedan caladas as ondas.

 

Alégranse eles coa calma,

e El lévaos ao porto arelado.

Dean grazas ao Señor pola súa misericordia,

polos seus prodixios cos humanos.

 

 

 

Segunda Lectura   2 Cor 5, 14-17

Velaí renovouse a realidade

 

LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

 

            Irmáns:

            É o amor de Cristo o que nos preme, cando pensamos que, ao morrer un por todos, todos morreron; el morreu por todos, de xeito que os que viven xa non vivan para si, senón para o que morreu e resucitou por eles.

            Por iso, nós xa non apreciamos a ninguén conforme a criterios mundanos; aínda que teñamos coñecido a Cristo conforme a eses criterios, agora xa non o coñecemos así.

            Polo tanto, quen estea en Cristo é unha criatura nova; o que era vello, pasou. Velaí unha realidade nova.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Lc 7, 16

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Un gran profeta xurdiu entre nós;

Deus visitou o seu pobo.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Mc 4, 35-41

Quen será este que mesmo o vento e o mar o obedecen?

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

            Aquel día, á tardiña, díxolles Xesús aos seus discípulos:

            — Vaiamos á outra banda do mar.

            Eles, deixando a xente, levárono consigo na barca onde estaba sentado, e seguíano outras barcas. E formouse tal remuíño de vento que os salseiros caían enriba da barca e enchíana de auga. El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal. Eles espértano e dinlle:

            — Mestre, seica non che importa que afoguemos?

            El ergueuse e increpou ao vento e díxolle ao mar:

            — Cala, acouga!

            E amainou o vento, e veu unha gran calma.

            E dilles a eles:

            — Por que tendes tanto medo? Seica aínda non tendes fe?

            Eles sentiron entón un medo enorme e comentaban entre si:

            — Pero, quen será este, que mesmo o vento e o mar o obede­cen?

 

                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo