Domingo XV
DOMINGO XV ORDINARIO
PRIMEIRA LECTURA
Vaite como profeta ó meu pobo
Lectura do libro de Amós 7, 12-15
Naquel tempo, díxolle Amasías (sacerdote de Betel) a Amós:
—«Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá; come alí o teu pan, fai alí de profeta, mais en Betel non volvas profetizar pois é santuario real, é templo nacional.»
Respondeu Amós e díxolle a Amasías:
—«Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas, xa que son gandeiro e coidador de sicómoros, mais foi o Señor quen me colleu de trala grea e foi o Señor quen me dixo: "Vai profetizar ó meu pobo Israel."»
Palabra do Señor.
Salmo responsorial Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14 (R.: 8)
R- Amósanos, Señor, a túa misericordia e dáno-la túa salvación.
Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen, a gloria habitará na nosa terra. R
A misericordia e a fidelidade atoparanse, abrazaranse a xustiza e maila paz.
Na terra xermolará a fidelidade, a xustiza ollará desde o ceo. R
O Señor ha da-lo seus bens,
e a nosa terra vai da-los seus froitos. A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas. R.
SEGUNDA LECTURA
Nel elixiunos antes da constitución do mundo
Lectura da carta do apóstolo san Paulo ós Efesios 1, 3-14
Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición nos ceos, en Cristo.
Nel escolleunos, antes da creación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha na súa presencia polo amor.
El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa»vontade, para loanza da súa gloria e da súa gracia, que xenerosamente derramou sobre nós por medio do seu Fillo benquerido.
Nel, no seu sangue, alcanzámo-la redención, o perdón dos pecados, conforme á riqueza da súa gracia, que el fíxo rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, dándonos a coñece-lo misterio da súa vontade, o proxecto que el tiña para o realizar na plenitude dos tempos: unificar en Cristo tódalas cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra.
Por El tamén nós tivémo-la sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme o proxecto da súa vontade, para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñámo-la esperanza en Cristo.
Vós tamén, despois de escoitárde-la mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido, que é garantía da nosa herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para loanza da súa gloria.
Palabra do Señor.
Ou máis breve:
Lectura da carta do apóstolo san Paulo ós Efesios 1, 3-10
Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición nos ceos, en Cristo.
Nel escolleunos, antes da creación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha na súa presencia polo amor.
El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa gracia, que xenerosamente derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.
Nel, no seu sangue, alcanzámo-la redención, o perdón dos pecados, conforme á riqueza da súa gracia, que el fixo rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, dándonos a coñece-lo misterio da súa vontade, o proxecto que el tiña para o realizar na plenitude dos tempos: unificar en Cristo tódalas cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra.
Palabra do Señor.
Aleluia Cf. Ef 1, 17-18
Se no se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Que o Pai do noso Señor Xesús Cristo ilumine os ollos do noso corazón para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.
Aleluia.
EVANXEO
Empezou a mandalos
+ Lectura do santo Evanxeo segundo Marcos 6, 7-13
Naquel tempo, chamou Xesús os Doce, e empezou a mandalo: de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos.
Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:
—«Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.»
Marcharon, e predicaron a conversión.
Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.
Palabra do Señor.