Domingo XX
DOMINGO XX ORDINARIO
Primeira Lectura Prov 9, 1-6
Comede do meu pan e bebede do viño que mesturei para vós
LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS
A Sabedoría construíu a súa casa,
tallou as súas sete columnas,
sacrificou as súas vítimas, mesturou o seu viño
e preparou a súa mesa.
Despachou as súas criadas a anunciar o convite
polos altos da cidade:
“Quen sexa inxenuo que se achegue a min”.
E aos faltos de siso díxolles:
“Vinde, comede do meu pan
e bebede do viño que mesturei,
deixade a vosa inxenuidade e viviredes,
camiñade pola vía da intelixencia”.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 10-11. 12-13. 14-15
R.: (9a)Probade e vede o bo que é o Señor.
Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu glóriome no Señor,
que escoiten os humildes e se alegren.
Temede ao Señor os seus santos,
pois nada lles falta aos que o temen.
Os ricos empobrecen e pasan fame,
pero aos que buscan o Señor ningún ben lles faltará.
Vinde, fillos, escoitade;
ensinareivos o temor do Señor.
Quen é o que desexa vivir,
o que arela días de prosperidade?
Garda a túa lingua do mal,
os teus labios de falas enganosas.
Arrédate do mal e fai o ben,
busca a paz, corre tras ela.
Segunda Lectura Ef 5, 15-20
Comprendede cal é a vontade do Señor
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Irmáns:
Mirade con tino como camiñades; non coma atolados, senón coma sensatos, aproveitando ben este tempo, que corren días malos.
Por iso, non sexades irreflexivos; ao contrario, tratade de comprender cal é a vontade do Señor.
Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso, enchédevos de Espírito, falando entre vós con salmos, himnos e cánticos espirituais, cantando e salmodiando con toda a alma para o Señor e dándolle grazas decote a Deus Pai, por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Xn 6, 56
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, Aleluia.
Quen come a miña carne e bebe o meu sangue
permanece en min e eu nel, di o Señor.
Aleluia.
Evanxeo Xn 6, 51-58
A miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, díxolle Xesús á xente:
— Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan, vivirá para sempre e o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo.
Discutían entón entre eles os xudeus:
— Como pode este darnos a comer a súa carne?
Díxolles entón Xesús:
— Con toda verdade volo aseguro; se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue permanece en min e eu nel.
Do mesmo xeito que o Pai que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo, non semellante ao que comeron os pais, que mesmo así morreron; quen come este pan, vivirá para sempre.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo