Domingo XXI
DOMINGO XXI ORDINARIO
Primeira Lectura Xos 24, 1-2a. 15-17. 18b
Serviremos o Señor porque El é o noso Deus
LECTURA DO LIBRO DE XOSUÉ
Naqueles días, xuntou Xosué todas as tribos de Israel en Xequeme chamou os anciáns de Israel, os xefes, os xuíces e mais os oficiais, e presentáronse diante de Deus.
E Xosué faloulle a todo o pobo deste xeito:
- Se vos anoxa servir o Señor, escollede hoxe a quen ides servir, se aos deuses que serviron vosos pais na outra banda do río ou aos deuses dos amorreos, os da terra que habitades. Eu e mais a miña familia serviremos o Señor.
Respondeu o pobo:
- Lonxe de nós arredármonos do Señor para servir a outros deuses, pois o Señor, o noso Deus, sacounos a nós e aos nosos devanceiros da terra de Exipto da situación de escravitude, e fixo diante de nós grandes prodixios e protexeunos ao longo de todo o camiño que percorremos e entre todos os pobos que encontramos ao pasar. Así que tamén nós serviremos o Señor, pois El é o noso Deus.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 16-17. 18-19. 20-21. 22-23
R.: (9a)Probade e vede o bo que é o Señor.
Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu glóriome no Señor,
que escoiten os humildes e se alegren.
Os ollos do Señor están postos nos xustos,
os seus oídos cara ao seu clamor;
mais o Señor encara os malvados,
para borrar da terra a súa memoria.
Claman aqueles e o Señor escoita,
líbraos de todas as angustias.
O Señor está preto do aflixido,
salva os de ánimo abatido.
Moitas son as angustias dos xustos,
pero de todas elas os libra o Señor.
El coida dos seus ósos,
nin un só lles romperán.
A maldade mata o impío,
quen aborrece os xustos será castigado.
O Señor redime os seus servos,
non será castigado quen a El se acolle.
Segunda Lectura Ef 5, 21-32
Este é un misterio grande, falo de Cristo e da Igrexa
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Irmáns:
Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo. Que as mulleres se sometan aos propios maridos coma se fose ao Señor, pois o marido é cabeza da muller, como tamén Cristo é cabeza da Igrexa, o salvador do corpo.
E, como a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres aos seus maridos, en todo.
Homes, amade as vosas mulleres, como tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela para santificala, purificándoa co baño de auga na palabra e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin engurra nin cousa polo estilo, senón santa e inmaculada.
Así deben tamén os maridos amar as súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller ámase a si mesmo, porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne, senón que a mantén e a quece, como fai Cristo coa Igrexa, porque somos membros do seu corpo.
Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un só corpo.
Gran misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Xn 6, 63c. 68c
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia. aleluia.
As túas palabras, Señor, son espírito e vida;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.
Evanxeo Xn 6, 60-69
E onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, moitos dos discípulos de Xesús dixeron:
— Que dura é esta doutrina! Quen pode admitir tal cousa?
Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
— Escandalízavos iso? E logo se vísedes o Fillo do Home subindo a onde estaba antes? O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei son espírito e son vida. E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.
Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e mais quen o había de entregar. E proseguiu:
— Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min se non llo concede o Pai.
Desde aquela, moitos dos seus discípulos botáronse para atrás e xa non andaban con el. Preguntoulles entón Xesús aos Doce:
— Vós tamén vos queredes ir?
Respondeulle Simón Pedro:
— Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eternae nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo