Domingo XXX
DOMINGO XXX ORDINARIO
Primeira Lectura Xer 31, 7-9
Congregarei cegos e coxos
LECTURA DO LIBRO DE XEREMÍAS
Así fala o Señor:
— Aclamade a Xacob con gritos de alegría,
gritádelle á primeira das nacións.
Pregoade, loade, clamade:
“Salva, Señor, o teu pobo,
salva o resto de Israel”.
Vede, vounos traer do país do norte,
vounos reunir desde os cabos do mundo.
Entre eles haberá cegos e coxos,
a que está en cinta xunto coa parida,
volverán en enorme multitude.
Velaí, chegarán chorando;
Pero, entre aclamacións de agradecemento,
heinos conducir, heinos levar aos regueiros de auga
por un camiño seguro onde non han tropezar.
Si, volvereime pai de Israel,
e Efraím será o meu primoxénito.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R.: (3)O Señor fixo connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría.
Cando o Señor cambiou a sorte de Sión,
parecíanos un soño.
A boca enchéusenos de risos,
a lingua de cantares.
Daquela dicían os pagáns:
“O Señor fixo con eles cousas grandes”.
O Señor fixo connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.
Cambia, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
Os que sementan entre bágoas,
recollen entre cantares.
Cando van, van chorando
os que levan a semente.
Ao viren, veñen cantando
os que traen os seus monllos.
Segunda Lectura Heb 5, 1-6
Ti es sacerdote para sempre, á maneira de Melquisedec
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Irmáns:
Todo Sumo Sacerdote, escollido de entre os homes, constitúese Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados.
É capaz de tratar con indulxencia os ignorantes e os perdidos, porque tamén el está rodeado de fraquezas.
Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos do pobo coma polos seus.
Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus, como o foiAharón.
Do mesmo xeito, tampouco Cristo procurou a súa gloria facéndose Sumo Sacerdote, senón que lla procurou o que lle dixo:
“Ti es o meu Fillo,hoxe xereite Eu”.
Entendido conforme ao que di noutro sitio:
“Ti es sacerdote para sempre, á maneira de Melquisedec”.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Cf. 2 Tim 1, 10
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
O noso Salvador Xesús Cristo destruíu a morte
e iluminou a vida por medio do Evanxeo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 10, 46-52
Mestre, que vexa!
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo,ao saír Xesús de Xericó cos seus discípulos e outra moita xente, o fillo de Timeo, Bartimeo, que era cego, mendigaba sentado a carón do camiño.
Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, púxose a gritar e a dicir:
— Fillo de David, Xesús, ten piedade de min!
Moitos reprendíano para facelo calar, pero el gritaba aínda máis alto:
— Fillo de David, ten piedade de min!
Xesús detívose e dixo:
— Chamade por el.
Chaman entón polo cego e dinlle:
— Veña, érguete, que te chama!
El, deixando o seu manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
— Que queres que che faga?
O cego respondeulle:
— Mestre, que volva ver.
Xesús díxolle:
— Vai, a túa fe salvoute.
E no intre comezou a ver e seguíao polo camiño.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo