Elementos materiais da liturxia
O templo
O templo está consagrado para o culto a Deus. É verdade que Deus está presente en todas partes, pero quere ter un lugar visible da súa presenza neste mundo. E isto é o templo, a casa de Deus, que máis comunmente chamamos igrexa. Por iso, sempre que vemos unha igrexa, acordámonos de que Deus está presente no mundo e facemos o sinal da cruz. O templo ou igrexa é tamén a casa do pobo de Deus, reunido para escoitar a Palabra de Deus, para rezar, para fraternizar como fillos de Deus.
Ao comezo, os primeiros cristiáns daban culto a Deus en casas particulares (casas romanas de dous pisos). Requiríao a discreción e a prudencia, pois os emperadores romanos impedían todo culto público.
Foi Constantino en ano 313 d.C. o que permitiu o culto público e revestiuno de solemnidade e magnificencia. E foi el, o que mandou construír as basílicas, que eran edificios moi grandes, nun inicio dedicadas ao rei ou emperador, e despois ofrecidas a Deus, o Rei de reis.
Basílica: as basílicas maiores son sete e están en Roma; as menores, por todo o mundo, e foi o papa quen quixo honralas con ese título.
Catedral: onde ten a sede ou cátedra o bispo.
Igrexa abacial: onde ten a súa sede un abade mitrado.
Igrexas parroquiais: para atender espiritualmente a un grupo de fieis e a cargo do párroco e os seus colaboradores sacerdotes, nunha localidade ou territorio delimitado.
Igrexa conventual: que pertence a comunidades relixiosas.
Capelas, oratorios públicos, semipúblicos ou privados.