Epifanía do Señor

 

 

 

EPIFANÍA DO SEÑOR

CICLO  A

 

           

 

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

Primeira Lectura      Is 60, 1-6

A gloria do Señor resplandeceu sobre ti

 

            Levántate, brilla, que a túa luz xa chegou;

si, a gloria do Señor resplandece sobre ti.

            Pois, olla, a escuridade cobre a terra

e a negrura os pobos,

pero sobre ti resplandece o Señor

e a súa gloria faise ver sobre ti.

            Certo que os pobos camiñarán coa túa luz

e os reis co resplandor do teu alborexar.

            Levanta os teus ollos arredor,

todos estes xuntáronse, viñeron a ti.

            Os teus fillos veñen de lonxe

e as túas fillas son traídas no colo.

            Entón, cando o vexas, estarás radiante

e o teu corazón latexará e ensanchará,

pois as riquezas do mar traeranse a ti

e os bens dos pobos virán para ti.

            Estarás cuberta dunha chea de camelos,

de dromedarios novos de Madián e de Efah.

Todos eles virán de Sabá.

            Virán cargados de ouro e incenso,

e proclamarán ledos a loanza do Señor.

 

            Palabra do Señor                                         

R/. Grazas a Deus

 

SALMO RESPONSORIAL        Sal 71, 2. 7-8. 10-11. 12-13

 

R/. (cf. 11): Hante adorar, Señor, todos os  reis da terra.

 

Que rexa o teu pobo con xustiza,

e os teus pobres con equidade.

 

Florecerá a xustiza nos seus días,

unha prosperidade duradeira coma a lúa.

Dominará de mar a mar,

desde o gran río ata o cabo da terra.

Ofreceranlle regalos os reis de Tárxix e das illas,

os reis de Saba e de Sebá pagaranlle tributo.

Prostraranse perante el todos os  reis da terra,

servirano todas as nacións.

 

El librará o pobre que suplica,

o aflixido que está sen axuda.

Terá piedade do feble e do indixente,

e salvará a vida dos pobres.

 

 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS

Segunda Lectura      Ef 3, 2-3a. 5-6

Xa se nos revelou que os pobos son coherdeiros da promesa

 

            Irmáns:

            Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio, que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito aos seus santos apóstolos e profetas: que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo.

 

            Palabra do Señor                                         

            R/. Grazas a Deus

 

ALELUIA     Mt 2, 2

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Vimos a súa estrela en oriente,

e viñemos para adorar o Señor.

Aleluia.

 

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Evanxeo     Mt 2, 1-12

Viñemos de oriente adorar o rei

 

            Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:

            ‑ Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saí-la súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle render homenaxe.

            Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os  sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:

            ‑ En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:

            E ti Belén, terra de Xudea,

de ningún xeito es a máis pequena,

entre as vilas de Xudea,

que de ti ha saí-lo guía

que será o pastor do meu pobo Israel.

            Entón Herodes, ás agachadas, chamou polos magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:

            ‑ Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.

            Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren saír de novo a estrela.

            E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle como regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño.

 

            Palabra do Señor                                                      R/. Loámoste, Cristo