Medianoite
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Primeira Lectura Is 9, 1-6
Déusenos un Fillo
O pobo que camiñaba na escuridade, viu unha gran luz.
Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte.
Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia.
Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura,
o mesmo que saltarán de xúbilo ao repartiren o botín.
Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro
‑o bastón de quen o oprime -: rompíchelos coma o día de Madián.
Pois toda bota que tropeza con ruído, e todo manto cuberto de sangue serán para a queima, serán pasto de incendio.
Pois velaí que nos naceu un meniño, déusenos un fillo:
a soberanía estará sobre o seu ombreiro,
e será invocado con estes seus nomes:
Marabilla de conselleiro, Heroe divino,
Pai eterno, Soberano da Paz.
Oh, que grande a súa Soberanía!
A paz non terá fin no trono de David e no seu reino,
para afincalo e para afirmalo, co dereito e coa xustiza,
desde agora e para sempre.
O celo do Señor dos Exércitos fará isto.
Palabra do Señor
SALMO RESPONSORIAL Sal 95, 1-2a. 2b-3. 11-12, 13
R/. (Lc 2, 11): Hoxe naceunos un Salvador, o Mesías, o Señor.
Cantádelle ao Señor un cántico novo,
cantádelle ao Señor, a terra enteira;
cantádelle ao Señor, bendicide o seu nome.
Pregoade todos os días a súa salvación.
Anunciade entre as xentes a súa gloria;
ante todos os pobos, as súas marabillas.
Alégrense os ceos, exulte a terra,
resoe o mar e canto o enche,
relouquen os campos e todo o que hai neles.
Alédense as árbores todas do bosque.
Diante do Señor que vén,
que vén para rexer a terra.
El rexerá o mundo con xustiza
e os pobos con rectitude.
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TITO
Segunda Lectura Tit 2, 11-14
Desbordou a graza de Deus para todos os homes
Benquerido irmán:
A graza de Deus manifestouse como fonte de salvación para todos os homes. Ela ensínanos que reneguemos da impiedade e das cobizas mundanas e vivamos no mundo presente dun xeito asisado, xusto e piadoso, agardando a bendita esperanza e a manifestación gloriosa do noso gran Deus e Salvador, Xesús Cristo.
El entregouse por nós, para nos redimir de toda iniquidade e purificar para si un pobo escollido, dedicado ás boas obras.
Palabra do Señor
ALELUIA Lc 2, 10-11
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Anúnciovos un inmenso gozo:
hoxe naceunos o Salvador, Cristo o Señor.
Aleluia.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Evanxeo Lc 2, 1-14
Hoxe naceunos o Salvador
Naqueles días, saíu un decreto do emperador Augusto, ordenando facer un censo do mundo enteiro. Este primeiro censo fíxose no tempo en que Quirino era gobernador de Siria. E todos íanse empadroar, cadaquén á súa cidade. Tamén subiu Xosé desde Galilea, da cidade de Nazaret, ata Xudea, á cidade de David chamada Belén, por ser el da casa e da familia de David, para empadroarse con María, a súa prometida, que estaba embarazada.
Estando alí, chegoulle a María o tempo do parto, e deu a luz o seu fillo primoxénito, envolveuno nuns capizos, e deitouno nunha manxadoira, porque dentro da pousada non había lugar para eles.
Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ao descuberto vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor, e colleunos un gran temor. Pero o anxo díxolles:
‑ Non teñades medo, que vos veño traer a boa nova dunha grande alegría para todo o pobo: Hoxe, na cidade de David, naceuvos un Salvador, o Mesías, o Señor. E este será o sinal para vós: Atoparedes un neno, envolto en capizos e deitado nunha manxadoira.
E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que loaba a Deus dicindo:
‑ Gloria a Deus no ceo, e na terra paz aos homes que gozan do seu amor.
Palabra do Señor
t � ua��N�P�oram xerou a Ozías. Ozías xerou a Ioatán. Ioatán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías. Ioxías xerou a Ieconías e mailos seus irmáns, en tempos da deportación a Babilonia.
Despois da deportación a Babilonia, Ieconías xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Asor. Asor xerou a Sadoc. Sadoc xerou a Aquim. Aquim xerou a Eliud. Eliud xerou a Elazar. Elazar xerou a Matán. Matán xerou a Xacob. Xacob xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.
Foron, logo, catorce as xeracións desde Abrahán ata David, catorce tamén desde David ata a deportación de Babilonia, e catorce desde a deportación de Babilonia ata Cristo.
O nacemento de Xesús Cristo foi así:
María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
‑ Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo, poñeranlle de nome Emmanuel
(que quere dicir "Deus connosco").
Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo á súa prometida; e sen que a tocase, ela deu a luz un fillo. E el púxolle de nome Xesús.
Palabra do Señor
______________________________________________________________________
Ou máis breve: Mt18-25
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
María dará a luz un fillo, e poñeraslle de nome Xesús
O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
‑ Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo, poñeranlle de nome Emmanuel
(que quere dicir "Deus connosco").
Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo á súa prometida; e sen que a tocase, ela deu a luz un fillo. E el púxolle de nome Xesús.
Palabra do Señor