Misa da noite
MISA DA NOITE
Primeira Lectura Is 9, 1-6
Déusenos un Fillo
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
O pobo que camiñaba na escuridade, viu unha gran luz.
Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte.
Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia.
Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura,
o mesmo que saltarán de xúbilo ao repartiren o botín.
Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro
‑o bastón de quen o oprime -: rompíchelos coma o día de Madián.
Pois toda bota que tropeza con ruído, e todo manto cuberto de sangue serán para a queima, serán pasto de incendio.
Pois velaí que nos naceu un meniño, déusenos un fillo:
a soberanía estará sobre o seu ombreiro,
e será invocado con estes seus nomes:
Marabilla de conselleiro, Heroe divino,
Pai eterno, Soberano da Paz.
Oh, que grande a súa Soberanía!
A paz non terá fin no trono de David e no seu reino,
para afincalo e para afirmalo, co dereito e coa xustiza,
desde agora e para sempre.
O celo do Señor dos Exércitos fará isto.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 95, 1-2a. 2b-3. 11-12, 13
R/. (Lc 2, 11): Hoxe naceunos un Salvador, o Mesías, o Señor.
Cantádelle ao Señor un cántico novo,
cantádelle ao Señor, a terra enteira;
cantádelle ao Señor, bendicide o seu nome.
Pregoade todos os días a súa salvación.
Anunciade entre as xentes a súa gloria;
ante todos os pobos, as súas marabillas.
Alégrense os ceos, exulte a terra,
resoe o mar e canto o enche,
relouquen os campos e todo o que hai neles.
Alédense as árbores todas do bosque.
Diante do Señor que vén,
que vén para rexer a terra.
El rexerá o mundo con xustiza
e os pobos con rectitude.
Segunda Lectura Tit 2, 11-14
Desbordou a graza de Deus para todos os homes
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TITO
Benquerido irmán:
A graza de Deus manifestouse como fonte de salvación para todos os homes. Ela ensínanos que reneguemos da impiedade e das cobizas mundanas e vivamos no mundo presente dun xeito asisado, xusto e piadoso, agardando a bendita esperanza e a manifestación gloriosa do noso gran Deus e Salvador, Xesús Cristo.
El entregouse por nós, para nos redimir de toda iniquidade e purificar para si un pobo escollido, dedicado ás boas obras.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Lc 2, 10-11
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Anúnciovos un inmenso gozo:
hoxe naceunos o Salvador, Cristo o Señor.
Aleluia.
Evanxeo Lc 2, 1-14
Hoxe naceunos o Salvador
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naqueles días, saíu un decreto do emperador Augusto, ordenando facer un censo do mundo enteiro. Este primeiro censo fíxose no tempo en que Quirino era gobernador de Siria. E todos íanse empadroar, cadaquén á súa cidade. Tamén subiu Xosé desde Galilea, da cidade de Nazaret, ata Xudea, á cidade de David chamada Belén, por ser el da casa e da familia de David, para empadroarse con María, a súa prometida, que estaba embarazada.
Estando alí, chegoulle a María o tempo do parto, e deu a luz o seu fillo primoxénito, envolveuno nuns capizos, e deitouno nunha manxadoira, porque dentro da pousada non había lugar para eles.
Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ao descuberto vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor, e colleunos un gran temor. Pero o anxo díxolles:
‑ Non teñades medo, que vos veño traer a boa nova dunha grande alegría para todo o pobo: Hoxe, na cidade de David, naceuvos un Salvador, o Mesías, o Señor. E este será o sinal para vós: Atoparedes un neno, envolto en capizos e deitado nunha manxadoira.
E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que loaba a Deus dicindo:
‑ Gloria a Deus no ceo, e na terra paz aos homes que gozan do seu amor.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Nas misas que se celebran o día de Nadal utilízanse os formularios aquí sinalados; non obstante, permítese elixir as lecturas máis aptas dunha das tres misas, tendo en conta a conveniencia pastoral de cada asemblea.