Misa do amencer
MISA DO AMENCER
Primeira Lectura Is 62, 11-12
Velaí vén a túa salvación
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Velaí o Señor que se fai oír ata o cabo do mundo.
"Dicídelle á filla de Sión:
Velaí chega o teu Salvador.
Velaí a súa paga con El,
e a súa recompensa diante del".
Entón chamaráselles: "Pobo santo",
"Os redimidos do Señor",
e a ti chamaráseche "Buscada",
"Cidade non abandonada".
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 96, 1 e 6. 11-12
R/. Unha luz resplandeceu hoxe sobre nós, porque nos naceu o Señor.
O Señor reina, alégrese a terra,
exulten todas as illas.
Os ceos pregoan a súa rectitude,
e todos os pobos contemplan a súa gloria.
A luz despunta para os xustos
e para os rectos de corazón a ledicia.
Alegrádevos, xustos, no Señor,
loade o seu nome santo.
Segunda Lectura Tit 3, 4-7
Salvounos segundo a súa misericordia
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TITO
Benquerido irmán:
Cando apareceu a bondade de Deus, noso Salvador, e se manifestou o seu agarimo, salvounos non polas obras boas que nós tiveramos feito, senón pola súa misericordia, por medio do baño do novo nacemento e polo poder renovador do Espírito Santo.
Ese Espírito que verteu sobre nós con abundancia, por Xesús Cristo, noso Salvador, a fin de que, xustificados pola súa graza, chegásemos a ser en esperanza herdeiros da vida eterna.
Palabra do Señor
ALELUIA Lc 2, 14
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Gloria a Deus nas alturas,
e sobre a terra paz para os homes de boa vontade.
Aleluia.
Evanxeo Lc 2, 15-20
Os pastores encontraron a María e a Xosé e ao neno
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel día, os pastores dicíanse uns a outros:
‑ Vaiamos a Belén ver o que sucedeu e que o Señor nos manifestou.
Foron correndo, e atoparon a María e mais a Xosé, e ao neno deitado na manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño aquel.
E cantos o oíron, quedaron pasmados do que os pastores lles dixeron.
María, que trataba de comprender, conservaba todas estas cousas no seu corazón.
Os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo