Vixilia de Nadal

NACEMENTO DO SEÑOR

Día 25 de decembro

 

 

Misa da vixilia

 

 

            Estas lecturas empréganse na misa vespertina do día 24 de decembro, xa sexa antes ou despois das primeiras vésperas de Nadal.

 

 

 

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

Primeira Lectura     Is 62, 1-5

O Señor puxo en ti a súa compracencia

 

            Por amor de Sión non calarei,

por amor de Xerusalén non acougarei,

ata que rompa coma o día a súa xustiza,

e alume coma unha lámpada a súa salvación.

            Os pobos verán a túa xustiza

e todos os  reis a túa gloria,

chamaráseche cun nome novo,

que a boca do Señor pronunciará.

            Serás coroa preciosa na man do Señor,

diadema rexia na man do teu Deus.

            Non se che volverá a chamar "Abandonada",

nin á túa terra "Desolada".

A ti han chamarche "Miña predilecta",

e á túa terra "Desposada",

porque o Señor comprácese en ti,

e a túa terra vai ter esposo.

            Como casa un mozo cunha virxe,

casa contigo o teu Construtor.

O gozo que sente o noivo pola noiva,

sentirao o teu Deus por ti.

 

Palabra do Señor

 

 

SALMO RESPONSORIAL    Sal 88, 4-5 . 16-17. 27 e 29

 

R/. (cf. 2a): Cantarei eternamente a misericordia do Señor.

 

Co meu elixido asino unha alianza,

ó meu servo David fágolle un xuramento:

"Afincarei a túa liñaxe para sempre,

construireiche un trono duradeiro".

 

Feliz o pobo que sabe aclamarte

e camiñar, Señor, na luz da túa presenza.

O teu nome fai a súa ledicia o día enteiro,

a túa xustiza é a súa gloria.

 

El dirame: "Ti es meu pai,

meu Deus, rocha da miña salvación.

Gardareille o meu amor eternamente

e a miña alianza con el será leal.

 

 

 

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Segunda Lectura               Feit 13, 16-17. 22-25

Testemuño de Paulo acerca de Cristo, Fillo de David

 

            En chegando Paulo a Antioquía de Pisidia, levantándose na sinagoga, acenoulles coa man e dixo:

            ‑Israelitas e os que seguides ao noso Deus, escoitade: o Deus deste pobo de Israel escolleu a nosos pais e engrandeceu este pobo durante o seu exilio na terra de Exipto; despois tirounos de alí coa forza do seu brazo.

            Despois que o refugou, deulles por rei a David de quen testemuñou dicindo:    Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme ao meu corazón, que fará en todo a miña vontade. Da súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús.

            Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión, e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: "non son eu quen vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desatarlle o calzado dos pés".   

 

Palabra do Señor

 

 

ALELUIA

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Mañá será erradicada a iniquidade da terra:

e reinará sobre nós o Salvador do mundo.

Aleluia.

 

 

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Evanxeo. Mt 1, 1-25 (longo)

Xenealoxía de Xesús Cristo, Fillo de David

 

            Libro da xenealoxía de Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abrahán. Abrahán xerou  a Isaac. Isaac xerou  a Xacob. Xacob xerou  a Xudá e mailos seus irmáns. Xudá, de Tamar, xerou a Peres e mais a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán. Arán xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón. Salmón, de Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé. Iexé xerou ao rei David.

            David, da que foi muller de Urías, xerou a Salomón. Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías xerou a Asá. Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías. Ozías xerou a Ioatán. Ioatán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías. Ioxías xerou a Ieconías e mailos seus irmáns, en tempos da deportación a Babilonia.

            Despois da deportación a Babilonia, Ieconías xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Asor. Asor xerou a Sadoc. Sadoc xerou a Aquim. Aquim xerou a Eliud. Eliud xerou a Elazar. Elazar xerou a Matán. Matán xerou a Xacob. Xacob xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.

            Foron, logo, catorce as xeracións desde Abrahán ata David, catorce tamén desde David ata a deportación de Babilonia, e catorce desde a deportación de Babilonia ata Cristo.

            O nacemento de Xesús Cristo foi así:

            María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:

            ‑ Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os  seus pecados.

            Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:

            Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo, poñeranlle de nome Emmanuel

(que quere dicir "Deus connosco").

            Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo á súa prometida; e sen que a tocase, ela deu a luz un fillo. E el púxolle de nome Xesús.

 

Palabra do Señor

______________________________________________________________________

Ou máis breve:  Mt18-25

 

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

María dará a luz un fillo, e poñeraslle de nome Xesús

 

            O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:

            ‑ Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os  seus pecados.

            Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:

            Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo, poñeranlle de nome Emmanuel

(que quere dicir "Deus connosco").

            Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo á súa prometida; e sen que a tocase, ela deu a luz un fillo. E el púxolle de nome Xesús.

 

Palabra do Señor