1ª LECTURA

 

1ª LECTURA (recomendadas a escoller)

Xen. 2,18-24 / Tob 8, 5- 10 / Cant 2, 8-10.14.16; 8, 6-7 / Prov. 31, 10-13. 19-20. 30-31.

 

 

 

Primeira Lectura Xen 2, 18-24

LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE

E farán unha soa carne

 

O Señor Deus pensou: Non é bo que o home estea só. Voulle facer unha axuda semellante a el.

                Entón o Señor Deus formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos  ao home, para ver que nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese.

                O home púxolles nomes aos animais domésticos, aos paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero non daba cunha axuda semellante a el.

                Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home e, cando este adormeceu, sacoulle unha costela e cerrou con carne o sitio.

                Da costela do home, o Señor Deus formou unha muller e pre­sentoulla  ao home.

                O home exclamou:

                Agora esta é coma min, óso dos meus ósos, carne da miña carne. Chamarase muller, porque foi sacada do home.

Por iso o home deixará seu pai e mais súa nai e unirase coa súa muller e os dous farán unha soa carne.

 

 

 

Palabra do Señor                                                   R/. Grazas a Deus              

 

 

 

 

 

Tob 8, 4b-8

LECTURA DO LIBRO DE TOBÍAS

Que xuntos e con saúde cheguemos á vellez

 

A noite do casamento, Tobías díxolle a Sara:

‑ Érguete, miña dona, recemos e supliquemos ó Señor para que nos conceda a súa misericordia e nos dea saúde.

Ela ergueuse e puxéronse a rezar e a suplicar, para que se lles concedese a saúde.

Tobías dixo:

‑ Bendito es ti, Deus de nosos pais, e bendito o teu nome por sempre eternamente! Que te bendigan por sempre os ceos e toda a creación!

Ti creaches a Adán, e décheslle Eva como axuda eficaz, e de ambos naceu a raza dos homes.

Ti dixeches: "Non é bo que o home estea só; fagámoslle unha axuda semellante a el".

E agora eu tomo por esposa esta miña parente, non por razón de luxuria, senón por proceder na verdade. Ten a ben ser misericordioso con ela e comigo, para que xuntos e con saúde cheguemos á vellez.

E os dous dixeron:

‑ Amén, amén.

 

 Palabra do Señor                                                                R/. Grazas a Deus   

 

 

 

Cant 2, 8-10. 14. 16a; 8, 6-7a

LECTURA DO LIBRO DO CANTAR DOS CANTARES

É rexo como a morte o amor

 

 

Escoitade! É o meu amado! Aí o vén! Choutando polos montes,

brincando polos outeiros!

Semella o meu amado unha gacela

ou un cerviño novo.

 

Velaí que parou tralo noso muro,

albisca polas fiestras, axexa polas reixas!

 

Faloume o meu amado, así dicía:

‑ Érguete, amada miña, fermosa miña, e ven!

 

Miña pomba, nas fendas dos penedos,

nos recantos das rochas,

faime ver a túa figura,

faime oír a túa voz,

pois é doce esa voz túa,

e a túa figura, lanzal!

 

O meu amado é para min,

e eu son para o meu amado.

 

El díxome:

‑ Ponme coma un selo no teu corazón,

coma un selo no teu brazo,

pois é rexo como a morte o amor,

despiadados coma o Xeol son os celos;

son os seus lóstregos coruscar de lume,

divina labarada.

Mil torrenteiras non poden apagar o amor

nin poden os ríos alagalo.

 

Palabra do Señor                                                               R/. Grazas a Deus  

 

 

 

Primeira Lectura     Prov 31, 10-13. 19-20. 30-31

LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS

Traballa gustosa coas súas mans

 

                Unha muller xeitosa quen a atopará?:

o seu valer supera o das perlas.

 

                O seu marido pon nela a confianza

e non lle han faltar ganancias;

procúralle felicidade, e non desgraza,

todos os días da súa vida.

 

                Consegue la e liño,

e traballa gustosa coas súas mans;

 

                Bota as mans á roca

e os seus dedos manexan o fuso.

 

                Tende a palma ao indixente

e achega as súas mans ao mendigo.

 

                A graza engana e a fermosura esvaece:

só a muller que teme o Señor merece ser loada.

 

                Que falen por ela as obras das súas mans,

e os seus feitos lle dean honra na praza!

 

 

Palabra do Señor                                                               R/. Grazas a Deus