EVANXEO

 

EVANXEO (recomendadas a elixir):

 

Xn 4,7-12 / Mt 7,21. 24-29 / Xn 2,1-11 / Xn 15,9-12 / Xn 17,20-26 / Mt 19,3-6 / Mc 10, 6-9

 

 

Xn 4, 7-14

 

Naquel tempo, estaba Xesús onda o pozo de Xacob e chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:

- Dáme de beber.

(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).

Preguntoulle entón a muller samaritana:

- Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).

Respondeulle Xesús:

- Se coñeceses o don de Deus e quen  che di dáme de beber, ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.

Replicoulle a muller:

- Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo. De onde pensas quitar esa auga viva? Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?

Xesús contestoulle:

               - Todo o que bebe desta auga, terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.

 

 

 

Mt 7, 21. 24-29

 

Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:

‑ Non todo aquel que me di: "Señor, Señor", entrará no Reino dos ceos, senón o que fai a vontade do Pai meu, que está nos ceos.

Así pois, todo aquel que escoita estas miñas palabras e as pon en práctica, será semellante a un home asisado, que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, viñeron as riadas, sopra­ron os ventos e bateron na casa aquela, e non se derrubou, porque estaba asentada na rocha.

                E todo aquel que escoita estas miñas palabras e non as pon en práctica, será semellante a un home atolado, que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, viñeron as riadas, sopraron os ventos e bateron na casa aquela, e derrubouse, e foi total a súa ruína.

Cando Xesús acabou de pronunciar estes discursos, a multitu­de estaba admirada da súa ensinanza, porque lles aprendía coma quen ten autoridade e non coma os letrados deles.

           

 

 

 

Xn 2, 1-11

 

 O terceiro día houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a falta-lo viño e a nai de Xesús díxolle:

‑Non che teñen viño.

Replicoulle Xesús:

‑Muller ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.

Súa nai díxolles entón ós servidores:

‑Facede o que el vos diga.

Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. E ordenoulles Xesús:

‑Enchede de auga as tinas.

 

Eles enchéronas de todo.

 

Díxolles entón:

‑Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.

 

Eles levárona. E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo e díxolle:

‑Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora.

 

Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.

 

 

 

Xn 15, 9-12

 

Coma me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. Se gardáde-los meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, coma eu gardei os mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena.

Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros coma eu vos amei.

 

 

 

Xn 17, 20-26

 

E non che rogo só por estes, senón tamén polos que han de crer en min pola palabra deles; que todos sexan un, coma ti, Pai, en min, e eu en ti; que tamén eles sexan un en nós, para que o mundo crea que ti me mandaches. E a gloria que ti me deches, déillela a eles, para que sexan un coma nós somos un. Eu neles e ti en min, para que cheguen á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os amaches a eles, como me amaches a min.

Pai, os que me deches, quero que, onde estou eu, estean tamén eles comigo, para que contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo. Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte, e estes coñeceron que ti me mandaches. Eu manifestéille--lo teu nome e llelo seguirei manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles, e tamén eu estea neles.

 

 

 

Mt 19, 3-6

 

Chegaron onda el uns fariseos e preguntáronlle para poñéreno a proba:

‑¿É lícito repudia-la muller por un motivo calquera?

 

El respondeu:

‑¿Seica non sabedes que o Creador os fixo varón e femia desde o principio, e que dixo: Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne?  De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus xuntou, que non o separe o home.

 

 

Mc 10, 6-9

 

Pero desde o principio da creación, fíxoos varón e femia. Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. O que Deus uniu, que non o separe o home.