Semana 4

 
 

SEMANA 4ª DA CORESMA

 

 

 

243.- Misa "ad libitum"

 

PRIMEIRA Miq 7, 7-9:

Erguereime; estou nas tebras, cando resulta que Deus é a miña luz

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MIQUEAS

 

7Eu mirarei atentamente para o Señor,

esperarei no Deus da miña salvación,

e o meu Deus escoitarame.

8Non te rías de min, inimiga miña.

Se estou caído, levantareime.

Se habito na tebra, o Señor servirame de luz.

9Soporto a ira do Señor, xa que pequei contra El:

ata que xulgue a miña causa e execute a miña sentencia.

El sacarame á luz, para que vexa eu a súa salvación.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 26, 1. 7-8a. 8b-9abc. 13-14

R/ (1a): O Señor é a miña luz e salvación

 

O Señor é a miña luz e salvación,

¿a quen hei de temer?

O Señor é o meu castelo,

¿ante quen hei de tremer?

 

7Escoita, Señor, a voz que chama,

ten piedade e respóndeme.

8Por ti dime o corazón:

 

-"Buscade a miña presencia".

A túa presencia eu busco, Señor.

9Non te escondas de min,

non me desbotes con ira.

Ti e-la miña axuda; non me deixes,

 

13Eu espero gozar dos bens do Señor

na terra da vida.

14Espera no Señor;

ten corazón forte e valente

e espera no Señor.

 

 

VERSIÑO Xn 8, 12:

Eu son a luz do mundo, di o Señor;

quen me segue, terá a luz da vida

 

 

EVANXEO Xn 9, 1-41:

Foise, e lavouse, e volveu vendo

 

 PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

9 1Ó pasar Xesús, viu a un cego de nacemento. 2Entón preguntáronlle os seus

discípulos:

-Mestre, ¿quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?

 

3Xesús respondeu:

-Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de

Deus. 4Precisamos face-las obras do que me mandou mentres é día; está a chega-la noite

e daquela ninguén pode traballar. 5Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.

 

6Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego,

7dicíndolle:

-Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado").

 

El foi, lavouse e volveu con vista. 8Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:

-¿Non é este o que estaba sentado pedindo?

 

9Uns decían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son

eu". 10Entón preguntábanlle:

-Daquela ¿como se che abriron os ollos?

 

11El respondeu:

-O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: "Vai a Siloé e

lávate". Entón fun e, ó que me lavei, comecei a ver.

 

12Preguntáronlle:

-¿Onde está ese?

 

El contestou:

-Non o sei.

 

13Levaron onda os fariseos o que fora cego. 14(Era sábado o día que Xesús fixera lama

e lle abrira os ollos). 15E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a

ver. El respondeulles:

-Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.

 

16Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado".

Outros, en cambio, dicían: "¿Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E

había división entre eles.

 

17Entón preguntáronlle outra vez ó cego:

-¿A ti que che parece ese home que lles deu a vista ós teus ollos?

 

El contestou:

-Que é un profeta.

 

18Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos

seus pais 19e lles preguntaron:

-¿É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo ¿como é que agora ve?

 

20Os pais responderon:

-Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: 21como é que agora ve, non o

sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos

para falar en por si.

 

22(Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo ós xudeus, pois xa se puxeran de

acordo en que, se alguén o recoñecía coma Mesías, botábano da sinagoga. 23Por isto

dixeron seus pais: "Ten idade, preguntádelle a el").

 

24Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:

-Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.

 

25El entón respondeu:

-Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.

 

26Dixéronlle entón:

-Pero ¿que foi o que che fixo? ¿Como che deu a vista?

 

27Respondeulles:

-Xa volo dixen e non me fixestes caso. ¿Por que queredes oílo outra vez? ¿Ou é que

tamén queredes facervos discípulos del?

 

28Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:

-Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. 29Nós sabemos que a Moisés

lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.

 

30O home replicoulles:

-Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el déulle-

la vista ós meus ollos. 31Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é

piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. 32Endexamais non se soubo de ninguén que

dese vista a un cego de nacemento: 33se este non viñese de Deus, non podía facer nada.

 

34Respondéronlle eles:

-Ti naciches todo metido en pecados ¿e vasnos ensinar a nós?

 

E botárono fóra.

 

35Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:

-¿Cres ti no Fillo do Home?

 

36El respondeulle:

-¿E quen é, Señor, para que crea nel?

 

37Díxolle Xesús:

-Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.

 

38El dixo:

-Creo, Señor.

 

E postrouse diante del.

 

39Entón dixo Xesús:

-Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que

ven, se volvan cegos.

 

40Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:

-¿E, logo, nós tamén estamos cegos?

 

41Xesús contestoulles:

-Se estivesedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso

pecado permanece.

 

 

244.- LUNS

 

PRIMEIRA Is 65, 17-21:

Xa non se oirá máis o pranto nin o clamor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Di o Señor:

17Pois velaí: eu creo ceos novos e terra nova,

e non serán lembradas as cousas vellas,

nin pasarán á consideración de ninguén,

18senón que: exultade e brincade de ledicia para sempre,

coa felicidade que eu creo,

pois eu creo Xerusalén: "A Exultación";

e o seu pobo: "A Ledicia".

19E eu brincarei de ledicia por Xerusalén,

e exultarei pola miña cidade,

e non se volverá a oír nela ruído de choros nin ruído de berros.

20Non volverá a nacer nela meniño falto de días

nin vello que non os cumpra de cheo,

senón que o que morra ós cen anos será un rapaz,

e o que consiga os cen anos será un maldito.

21Construirán casas e habitaranas

e plantarán viñas e comerán os seus froitos.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11-12a e 13b

R/ (2a): Eu lóuvote, Señor, que me liberas

 

2Eu lóuvote, Señor, que me liberas

e non deixas que o inimigo faga riso de min.

4sácasme do abismo

e mantesme na vida,

lonxe dos que baixan ó sepulcro.

 

5Cantádelle ó Señor os seus amados,

louvade o seu santo nome.

6O seu asaño dura só un intre;

o seu favor, toda a vida.

Se hai pranto á tardiña,

ó abrente xa hai ledicia.

 

11Escoita, Señor; ten compaixón de min,

se ti, Señor, a miña axuda.

12Ti podes troca-lo loito en danza,

13Señor, meu Deus,

por sempre te hei louvar.

 

 

VERSIÑO Cf. Am 5, 14:

Buscade o ben e non o mal, para que vivades;

e o Señor estará convosco

 

 

EVANXEO Xn 4, 43-54:

Vaite, que o teu fillo vive

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

43Saíu Xesús de Samaría para Galilea 44(pois el mesmo afirmara que ningún profeta é

honrado na súa patria). 45Entón, cando chegou á Galilea, fórono espera-los galileos,

pois, como tamén eles foran á festa, viran todo canto el fixera en Xerusalén ese día.

46Volveu así de novo a Caná de Galilea, onde cambiara a auga en viño.

 

Había en Cafarnaúm un funcionario que tiña o fillo enfermo. 47Oíndo que Xesús viña

da Xudea cara á Galilea, foino esperar, e rogáballe que baixase a cura-lo seu fillo, que

estaba á morte.

 

48Díxolle entón Xesús:

-Se non vedes sinais e prodixios, non credes.

 

49O funcionario insistiu:

-Señor, baixa antes de que morra o meu meniño.

 

50Xesús contestoulle:

-Vaite, o teu fillo vive.

O home creu na palabra que lle dixera Xesús e foise. 51E, cando xa el baixaba, saíronlle

ó encontro os seus servos, para lle dicir que o neno xa se puxera ben. 52Entón

preguntoulles a que hora empezara a nota-la melloría.

 

Eles respondéronlle:

-Onte, a iso da unha baixoulle a febre.

 

53Decatouse entón o pai de que aquela fora a hora na que lle dixera Xesús "o teu fillo

vive", e creu el e mais toda a súa familia.

 

54Este segundo signo fíxoo Xesús cando voltaba da Xudea para a Galilea.

 

 

 

245.- MARTES

 

 PRIMEIRA Ez 47, 1-9. 12:

Vin unha auga que saía do templo, e a cantos chegou esta auga, foron salvados (MR,

aspersión, tempo pascual)

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

47 1O anxo fíxome volver á entrada do templo do Señor, e velaí que debaixo do

vestíbulo do templo saía auga cara ó nacente, pois a fachada do templo daba ó nacente e

a auga baixaba polo lado dereito do templo, ó sur do altar. 2Logo fíxome saír pola porta

do norte e da-la volta polo exterior ata a porta exterior, que mira ó nacente, e velaí que a

auga ía correndo pola ladeira dereita. 3Cando o home saíu cara ó nacente, levaba un

cordel na súa man e mediu mil cóbados; logo fíxome atravesar pola auga, que me

chegaba ós nocelos. 4Volveu medir mil cóbados, e fíxome atravesar polas augas, que

me chegaban ata os xeonllos; volveu medir mil cóbados, e fíxome atravesar: ¡a auga ata

a cintura! 5Volveu medir mil cóbados: era un río que eu non era capaz de cruzar. Tanto

subiran as augas, que eran augas de nadar, un río que non se podía cruzar. 6Entón

díxome:

-¿Viches, fillo de Adam?

 

Logo fíxome da-la volta, e levoume á beira do río. 7E cando dei a volta, velaí, á beira do

río, unha enorme arboreda dun lado e do outro. 8Entón díxome:

-Esta auga está correndo cara á bisbarra do nacente, e baixará sobre a Arabah e entrará

no mar Morto; estas augas conducidas cara ó mar, quedarán de certo saneadas. 9E todo

ser vivente, que rebula en calquera lugar onde vai tal río, vivirá; peixes haberaos

abondo, pois estas augas chegarán alí e farán revivir todo o lugar: onde desemboque o

río haberá vida.

 

12A beira do río, nunha marxe e noutra,

medrará toda clase de árbores froiteiras:

a súa follaxe non murchará,

e a súa froita non acabará,

senón que cada mes dará unha nova colleita,

pois as augas do río

son as que saen do santuario;

por isto a súa froita servirá para comer,

e as súas follas servirán para remedios.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 45, 2-3. 5-6. 8-9

R/ (8): O Señor poderoso está connosco,

o noso castelo é o Deus de Xacob.

 

2Deus é para nós refuxio e forza,

axuda certa na angustia.

3Por iso non tememos, aínda que a terra trema

e os montes abalen cara ó mar;

 

5Un río: as súas correntes alegran a cidade de Deus,

a morada santa do Altísimo.

6Deus está no medio dela, e non pode caer,

Deus socórrea, ó despunta-lo día.

 

8O Señor dos exércitos está connosco,

o noso castelo é o Deus de Xacob.

9Vinde e vede as obras do Señor,

o que fai escarmentos na terra.

 

 

VERSIÑO Sal 50, 12a e 14a:

Crea en min, Deus, un corazón limpo;

e dame outra vez a ledicia da miña salvación

 

 

 

EVANXEO Xn 5, 1-16:

Ó momento sanou aquel home

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

5 1Había unha festa dos xudeus. E Xesús subiu a Xerusalén. 2Hai en Xerusalén, onda a

Porta das Ovellas, unha piscina, chamada en hebreo Bezsazá, que ten cinco pórticos.

3Neles había unha chea de enfermos, cegos, coxos, tolleitos, agardando o movemento

da agua. 4(Pois de vez en cando baixaba un anxo á piscina e remexía a auga; entón, o

primero que entrase despois da axitación da agua, quedaba curado de calquera mal que

tivese).

 

5Había alí un home que levaba trinta e oito anos enfermo. 6Xesús, ó velo deitado e

sabendo que levaba xa moito tempo, preguntoulle:

-¿Ti queres quedar san?

 

7Respondeulle o enfermo:

-Señor, eu non teño a ninguén que me bote na piscina cando se remexe a auga; e,

mentres eu veño, sempre baixa outro máis axiña ca min.

 

8Xesús díxolle:

-Érguete, colle o teu leito e anda.

 

9No intre púxose bo aquel home, colleu a súa padiola e botou a andar. Pero aquel día

era sábado. 10Entón dicíanlle os xudeus ó que quedara curado:

-É sábado, non tes dereito a leva-lo leito.

 

11Mais el respondeulles:

-O que me curou, díxome el mesmo: "Colle o teu leito e anda".

 

12Eles preguntáronlle:

-¿Quen é o home que che dixo "colle e anda"?

 

13Pero o curado non o sabía, pois Xesús escapara do xentío que había naquel sitio.

14Máis tarde atopouno Xesús no templo e díxolle:

-Mira que estás san; non volvas pecar, para que non che veña algo peor.

 

15Foise o home e contoulles ós xudeus que fora Xesús quen o curara.

 

16Por este motivo os xudeus perseguían a Xesús, por facer estas cousas en sábado.

 

 

 

246.- MÉRCORES

 

PRIMEIRA Is 49, 8-15:

Fíxente a ti alianza co pobo, para que a terra revivira

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Di o Señor:

"Nun momento de amor respondinche e no día da victoria axudeite:

escollinte, e convertinte en alianza dun pobo,

para que levánte-lo país e repárta-las herdanzas arrasadas,

9dicíndolle: ¡Presos, saíde! ¡Os que estades na escuridade, mostrádevos!

Pastarán á beira dos camiños e nos montes pelados terán os seus pasteiros,

10non terán fame nin sede, non lles dará o soán nin o sol:

quen ten compaixón deles guiaraos e conduciraos ás nacentes augas.

11Converterei as miñas montañas en vieiro, construiranse as miñas calzadas.

12Velaí chegan de lonxe: do norte, do poñente, e do país de Sinim".

13Exulta, ceo; brinca de ledicia, terra; que se fendan os montes coa alegría, pois o Señor

consolou o seu pobo, e compadeceuse dos seus pobres.

14Sión di: "Iavé non me abandonou, o Señor non se esqueceu de min".

15"¿Esquécese unha muller do seu meniño? ¿Non se compadece do fillo das súas

entrañas?

Aínda que ela se esqueza, eu non me esquecerei de ti.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 8-9. 13cd-14. 17-18

R/ (8a): O Señor é clemente e compasivo

 

8O Señor é clemente e compasivo,

tardo á ira e rico en amor.

9O Señor é bo para todos,

garimoso con tódalas súas obras.

 

13O teu reino é reino eterno,

o teu goberno dura por xeracións.

14O Señor sostén a tódolos que caen

e endereita os que se dobran.

 

17O Señor é xusto nos seus camiños todos,

bo en tódolos seus feitos.

18O Señor está cerca dos que o chaman,

dos que sinceramente o invocan.

 

 

VERSIÑO Xn 11, 25a. 26:

Eu son a resurrección e a vida, di o Señor;

quen cre en min non morrerá para sempre

 

 

EVANXEO Xn 5, 17-30:

Así como o Pai resucita ós mortos e dalles vida, así tamén o Fillo vivifica a cantos quere

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

 17Xesús respondeulles ós xudeus:

-O meu Pai ata o presente está sempre a traballar; eu tamén traballo.

 

18Por iso os xudeus tiñan máis interese en matalo, porque non só violaba o sábado,

senón que dicía que Deus era seu Pai, facéndose a si mesmo igual a Deus.

 

19Xesús saíulles ó paso dicindo:

-Con toda verdade volo aseguro: o Fillo non pode facer en por si nada: só o que lle ve

facer a seu Pai. O que este fai, faino tamén o Fillo: 20pois o Pai ama ó Fillo, e móstralle

tódalas cousas que el fai, e mostraralle obras meirandes ca estas, para que vos pasmedes.

21Pois, así coma o Pai resucita os mortos e lles dá vida, así tamén o Fillo dá vida ós que

el quere. 22Pois nin sequera o Pai xulga a ninguén, senón que delegou no Fillo todo o

poder de xulgar, 23para que todos honren o Fillo como honran o Pai. O que non honra o

Fillo, non honra o Pai, que o mandou. 24Dígovo-la verdade: quen escoita a miña palabra

e cre no que me mandou, ten vida eterna e non comparecerá a xuízo, senón que pasará

da morte á vida.

 

25Con toda verdade volo aseguro: chega a hora ou, mellor dito, xa é esta a hora en que

os mortos escoitarán a voz do Fillo de Deus e os que a escoiten, vivirán. 26Pois así

coma o Pai ten vida en si mesmo así tamén lle deu ó Fillo ter vida en si mesmo; 27e

deulle tamén poder para xulgar, pois é o Fillo do Home. 28Non vos pasme isto, porque

chega o momento en que tódolos que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; 29e

sairán os que fixeron o ben a unha resurrección de vida; e os que obraron o mal a unha

resurrección de condena.

 

30Eu nada podo facer pola miña conta: conforme oio, xulgo; e o meu xuízo é xusto,

porque non procuro a miña vontade senón a vontade de quen me mandou.

 

 

 

 247.- XOVES

 

PRIMEIRA Ex 32, 7-14:

Móstrate propicio, Señor, co teu pobo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

7O Señor díxolle a Moisés: -"Anda, baixa da montaña, porque o teu pobo, o que

sacaches de Exipto, perverteuse. 8Desviáronse axiña do camiño que eu lles indicara.

Fixéronse un becerro de metal, póstranse diante del, ofrécenlle sacrificios e pregoan:

Este é o teu Deus, Israel, o que te sacou de Exipto". 9E díxolle o Señor aínda a Moisés:

-"Vexo que este pobo ten a cerviz dura. 10Deixa, pois, que agora se acenda a miña ira

contra eles e os consuma. Pero a ti convertereite nun gran pobo".

 

11Entón rogou Moisés ante o Señor, o seu Deus: -"¿Por que, Señor, se ten que acende-la

túa ira contra o teu pobo, que con moito poder e con man rexa sacaches de Exipto?

12¿Por que haberían dici-los exipcios: Sacounos arteiramente, para matalos nas

montañas e varrelos da face da terra? Vólvete atrás do teu noxo e renuncia ó castigo que

pensaches contra o teu pobo. 13Lembra ós teus servos Abraham, Isaac e Israel, ós que

con xuramento prometiches: Multiplicarei os vosos descendentes coma as estrelas do

ceo, e dareilles este país de que vos teño falado, para que o herden a perpetuidade". 14E

o Señor renunciou ó castigo co que ameazara ó seu pobo.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 105, 19-20. 21-22. 23

R/ (4a): Recórdanos, Señor, por amor ó teu pobo

 

19No Horeb fixeron un touro,

adoraron un ídolo,

20trocaron a súa gloria

pola imaxe dun boi que come herba.

 

21Esqueceron o Deus que os salvara,

que fixera portentos en Exipto,

22prodixios na terra de Cam,

escarmentos no mar Rubio.

 

23Deus falou de destruílos,

se non fose por Moisés, o seu elixido,

que se puxo na brecha diante del,

para arredalo do seu noxo destructor.

 

 

 

VERSIÑO Xn 3, 16:

Tanto amou Deus ó mundo,

que lle entregou o seu Fillo Unixénito;

quen cre nel ten a vida eterna

 

 

 

EVANXEO Xn 5, 31-47:

Moisés, en quen esperades, ponvos en evidencia

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dilles Xesús ós xudeus:

31Se eu fose testemuña en causa propia, o meu testemuño non tería validez. 32Pero é

outro o que testemuña a favor de min e eu sei que é valedeiro o testemuño que dá de

min.

 

33Vós mandastes xente a preguntarlle a Xoán e el deu testemuño da verdade. 34Non é

que eu apele ó testemuño dos homes, pero lémbrovos isto pola vosa salvación. 35Xoán

era o facho que ardía e alumaba, e vós quixestes gozar un instante da súa luz. 36Mais eu

teño un testemuño máis importante có de Xoán, pois as obras que o Pai me encargou de

levar a cabo, esas obras que eu fago, dan fe de que eu son un mandado do Pai. 37E o

Pai, que me mandou, dá testemuño en favor de min. Pero vós nin oístes nunca a súa voz,

nin víste-lo seu rostro 38e tampouco conserváde-la súa palabra en vós, porque non

credes naquel que El mandou. 39Estudiáde-las Escrituras, coidando que nelas tedes vida

eterna: pois esas son as que testemuñan a favor meu 40e vós non queredes vir a min, e

así ter vida.

 

41Non é que eu espere gloria dos homes; 42pero ben me decato de que vós non tedes

dentro o amor de Deus. 43Eu veño no nome do meu Pai e non me recibides; se outro

vén no seu propio nome, a ese habédelo recibir. 44¿Como ides poder crer vós, que vos

dades honra uns a outros e non procuráde-la gloria que vén do único Deus? 45Non

coidedes que vos hei acusar ó Pai: quen vos acusa é Moisés, ese no que vós téde-la

esperanza. 46Pois se vós crerades a Moisés, habiades crer tamén en min, xa que de min

escribiu el. 47Mais se non fiades nos seus escritos, ¿como ides crer nas miñas palabras?

 

 

 

248.- VENRES

 

PRIMEIRA Sab 2, 1a. 12-22:

Condenémolo a unha morte ignominiosa

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

 

2 1Din para si os impíos argüíndo erradamente:

curta e triste é a nosa vida;

non hai menciña para o esmorecer do home

e de ninguén se sabe que voltase do Hades.

12Espreitémo-lo home xusto que nos dá tanto noxo

e se opón ós nosos feitos,

botándonos en cara as transgresións da lei,

reprochándonos faltas da nosa educación.

13Gloríase de coñecer a Deus,

noméase a si mesmo fillo do Señor.

14Converteuse en censura dos nosos criterios;

soamente ollalo xa nos irrita,

15pois a súa vida difire das dos outros

e os seus vieiros son estraños.

16Coida que somos falsarios

e afástase dos nosos camiños coma da podredume;

considera feliz o destino dos xustos

e presume de ter por pai a Deus.

 

17Examinemos se son veraces as súas razóns,

comprobemos como é o seu finar.

18Se o xusto é fillo de Deus, virá El a acorrelo

e ceibarao da man dos seus inimigos.

19¡Poñámolo na proba da aldraxe e do tormento

para constatármo-la súa mansedume

e experimentármo-la súa resistencia ó mal!

20¡Condenémolo a unha morte ignominiosa,

pois, segundo el fala, terá quen o protexa!

21Tal pensan, mais engánanse:

cégaos a súa malicia.

 

22Non se decatan dos misterios de Deus

nin esperan no premio da virtude

nin afiúnzan na recompensa das persoas sen chata.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 17-18. 19-20. 21 e 23

R/ (19a): O Señor está preto dos aflixidos

 

17mais o Señor mira con enfado ós malvados,

para borrar da terra a súa memoria.

18Claman aqueles, e o Señor escoita,

líbraos de tódalas angustias.

 

19O Señor está preto do aflixido,

salva ó asoballado.

20Moitos son os males dos xustos,

pero de todos os libra o Señor.

 

21El coida dos seus ósos,

nin un só romperán.

23O Señor redime os seus servos:

non será castigado quen a El se acolle.

 

 

VERSIÑO Mt 4, 4b:

O home non vive soamente de pan,

senón de toda palabra que procede da boca de Deus

 

EVANXEO Xn 7, 1-2. 10. 25-30:

Buscaban prendelo, pero ainda non chegara a súa hora

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

7 1Andaba Xesús pola Galilea, pois non quería andar pola Xudea, porque os xudeus

queríano matar.

 

2Estaba a chega-la festa dos xudeus chamada "das Tendas".

 

10Pero cando seus irmáns xa subiran á festa, entón tamén el subiu, non manifestamente,

senón en secreto.

 

25Algúns dos habitantes de Xerusalén comentaban:

-¿Non é a este ó que lle trataban a morte? 26Pois mira como fala á vista de todo o

mundo e mais non lle din nada. ¿Será que de verdade as autoridades chegaron a

recoñecer que el é o Mesías? 27O caso é que este sabemos de onde é; mentres que o

Mesías, cando veña, ninguén saberá de onde é.

 

28Gritou entón Xesús, mentres ensinaba no templo:

-¿Así que a min coñecédesme e sabedes de onde son? Pois non vos vin pola miña conta;

a min mandoume o Veraz, a quen vós non coñecedes. 29Eu coñézoo, que de onda El

son e foi El quen me mandou.

 

30Daquela trataban de prendelo; pero ninguén lle botou man: aínda non chegara a súa

hora.

 

 

 

249.- SÁBADO

 

PRIMEIRA Xer 11, 18-20:

Eu son coma un año manso, levado ó sacrificio

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

18O Señor mostroumo, e entón comprendino, fíxome ve-los seus feitos.

19Eu era coma año manso levado á morte,

e non me daba conta de que tramaban maquinacións contra min:

"Cortémo-la árbore no seu vigor,

arrinquémola da súa terra vital,

que non se lembre o seu nome endexamais".

 

20Señor dos Exércitos,

ti que xulgas con xustiza,

ti que pós á proba as entrañas

e mailo corazón;

que eu vexa a vinganza

que ti tomas contra eles,

pois a ti che confiei o meu preito.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 7, 2-3. 9bc-10. 11-12

R/ (2a): Señor, meu Deus, en ti acóllome

 

2Señor, meu Deus, en ti acóllome;

líbrame dos meus perseguidores, sálvame,

3non me atrapen coma leóns:

destrozan e non hai quen se salve.

 

9Xúlgame, Señor, conforme á miña xustiza,

ten en conta a miña inocencia.

 

10Que se acabe a maldade dos impíos,

e confirma ós inocentes,

ti, que sondéa-lo corazón e as entrañas,

ti, que e-lo Deus xusto.

 

 11Deus é o meu escudo,

el salva ós que son rectos.

12Deus é un xuíz xusto,

un Deus que ameaza cada día.

 

 

VERSIÑO Cf. Lc 8, 15:

Ditosos os que con corazón bo e perfecto

manteñen a palabra de Deus,

e furctifican con paciencia

 

 

 

EVANXEO Xn 7, 40-53:

¿Non procede de Galilea o Mesías?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

40Cando oíron a Xesús, algúns de entre a xente, dicían: "Este é verdadeiramente o

Profeta". 41Outros: "Este é o Mesías". Outros, en cambio, dicían: "Pero ¿é que o Mesías

vai vir da Galilea? 42¿Non di a Escritura que o Mesías ha vir da semente de David, e de

Belén, a vila de onde era David?"

 

43 E houbo división no pobo, por causa del. 44Algúns queríano prender, pero ninguén

lle puxo enriba as mans.

 

45Foron entón os gardas onda os xefes dos sacerdotes e os fariseos. Eles

preguntáronlles:

-¿Por que non o trouxestes?

 

46Responderon os gardas:

-Nunca ninguén falou así coma este home.

 

47Respondéronlles os fariseos:

-¿Seica vos engaiolou tamén a vós? 48¿Vistes que algún dos maxistrados ou dos

fariseos crese nel? 49Non. E a xente esa, que non coñece a Lei, son uns malditos.

 

50Un deles, Nicodemo, o que fora primeiro onda el, dixo:

51-¿Desde cando a nosa Lei xulga un home sen antes escoitalo e investiga-lo que fixo?

 

52Respondéronlle:

-¿Tamén ti es da Galilea? Pois estudia e verás como da Galilea non sae profeta ningún.

 

53E fóronse cada un para a súa casa