Semana 5

 
 

SEMANA 5ª DA CORESMA

 

 

250.- Misa "ad libitum"

PRIMEIRA 2 Re 4, 18b-21. 32-37:

Deitouse enriba del, e foi quencendo o corpo do neno

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS

 

18Un día o fillo da xunamita saíu en busca de seu pai, que andaba na seitura, 19e

empezou a berrar cara a el: -"¡Ai, miña cabeza, ai, miña cabeza!". O pai díxolle a un

criado: -"Lévallo á súa nai". 20E el colleuno e levoullo á nai.

 

O neno estivo no seu colo ata o mediodía, e nese instante morreu. 21Ela levouno arriba

e deitouno no leito do home de Deus. Logo pechou a porta.

 

32Eliseo entrou na casa e atopou o neno morto, deitado no seu leito. 33Pechou a porta

por dentro, tralos dous, e rezoulle ó Señor. 34Logo subiu no leito e deitouse enriba do

neno, estendido sobre el, a boca coa boca, os ollos cos ollos, e as mans coas mans. E o

corpo do neno foi quencendo. 35Eliseo púxose entón a dar voltas pola casa, de acá para

alá, e volta a subir no leito e tenderse enriba do neno. Así ata sete veces. Niso o neno

espirrou e comezou a abri-los ollos.

 

36Eliseo chamou a Guehazí, para dicirlle: -"Chama a esa xunamita". El chamouna.

Entrou ela onda Eliseo, e este díxolle: -"Anda, colle o teu neno". 37Ela entrou e botouse

ós seus pés, postrándose por terra. Despois colleu o fillo e saíu.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 16, 1. 6-7. 8b e 15

R/ (15b): Ó despertar, saciareime de verte, Señor.

 

Oe, Señor, a causa xusta,

atende ó meu clamor;

escoita a miña pregaria

de labios sen engano.

 

6Eu chámote, Deus; ti respóndeme;

volve a min o teu oído, escoita a miña voz.

7Mostra a túa compaixón admirable,

ti que libras do inimigo

ós que se acollen á túa dereita.

 

8Escóndeme á sombra das túas ás

15Mais eu verei con felicidade a túa presencia,

ó despertar, saciareime de verte.

 

 

 

VERSIÑO Xn 11, 25a. 26:

Eu son a resurrección e a vida, di o Señor;

quen cre en min non morrerá para sempre

 

 

EVANXEO Xn 11, 1-45:

Eu son a resurrección e a vida

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

11 1Había un enfermo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta.

2María fora a que unxira ó Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o

seu irmán Lázaro era o enfermo. 3Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:

-Señor, mira, o que amas está enfermo.

 

4O oílo, dixo Xesús:

-Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela

se glorifique o Fillo de Deus.

 

5Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. 6Anque oíu que este

estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. 7Despois

disto, díxolles ós discípulos:

-¡Vaiamos outra vez á Xudea!

 

8Os discípulos respondéronlle:

-Mestre, aínda non hai nada que te querían apedra-los xudeus, ¿e vas ir outra vez alí?

 

9Xesús replicou:

-¿Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste

mundo; 10mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.

 

11En dicindo isto, proseguiu:

-Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar.

 

12Dixéronlle entón os discípulos:

-Señor, se dorme, curará.

 

13Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono. 14Entón

Xesús díxolles abertamente:

-Lázaro morreu, 15e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. ¡Así que

vamos onda el!

 

16Díxolles entón Tomé -o chamado Xémeo- ós outros discípulos:

-¡Vaiamos tamén nós morrer con el!

 

17Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro.

18Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros: 19moitos dos xudeus foran

onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán. 20Cando oíu Marta que Xesús

estaba chegando, saíulle ó encontro. María, en cambio, quedou na casa. 21Díxolle entón

Marta a Xesús:

-Señor, se ti estiveses aquí, meu irmán non morrería; 22pero eu sei que, aínda agora,

Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.

 

23Xesús díxolle:

-Teu irmán resucitará.

 

24Marta respondeulle:

-Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.

 

25Díxolle Xesús:

-Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; 26e todo o que

vive e cre en min, non morrerá endexamais. ¿Cres ti isto?

 

27Ela respondeu:

-Si, Señor: eu creo que ti e-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo.

 

28E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:

-O Mestre está aquí e chama por ti.

 

29Ela, ó oílo, ergueuse de contado e foi onda el. 30(Aínda non chegara Xesús á aldea,

senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta). 31Entón os xudeus que estaban

con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu,

foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. 32María chegou onde

estaba Xesús e, ó velo, caeu ós seus pés, dicíndolle:

-Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán.

 

33O ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela,

apretóuselle o corazón e, profundamente conmovido, 34preguntou:

-¿Onde o puxestes?

 

Contestáronlle:

-Señor, ven ver.

 

35E Xesús botouse a chorar.

 

36Entón comentaban os xudeus: "¡Ai que ver como o quería!"

 

37Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista ós ollos dun cego, ¿non podía

facer que non morrese?"

 

38Xesús estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova, e tiña unha pedra

por riba.

 

39Xesús ordenou:

-Arredade a pedra.

 

Marta, a irmá do finado, díxolle:

-Señor, xa cheira, que leva catro días.

 

40Xesús contestoulle:

-¿Non che dixen que se cres, vera-la gloria de Deus?

 

41Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:

-Meu Pai, douche gracias porque me escoitaches. 42Eu ben sabía que ti sempre me

escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.

 

43E dito isto, gritou con voz forte:

-¡Lázaro, ven para fóra!

 

44Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario.

Xesús ordenoulles:

-Desenleádeo e deixádeo ir.

 

45Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.

 

 

251.- LUNS

PRIMEIRA Dn 13, 1-9. 15-17. 19-30. 33-62 (longa)

Velaí que morro, sendo que non fixen nada disto

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE DANIEL

 

13 1En Babilonia vivía un home que se chamaba Ioaquim. 2Casou cunha muller

chamada Susana, filla de Quelcías; era moi fermosa e devota do Señor. 3Seus pais eran

honrados e instruíran a súa filla segundo a Lei de Moisés. 4Ioaquim era moi rico e tiña

un parque a carón da súa casa. Como era o home de máis prestixio entre todos eles, os

xudeus acostumaban acudir cabo del. 5Naquel ano foran designados xuíces dous anciáns

do pobo, deses dos que ten dito o Señor: "En Babilonia a iniquidade saíu dos anciáns,

que eran xuíces e finxían ser guías do pobo". 6Estes ían a cotío pola casa de Ioaquim, e

todos cantos tiñan pleitos viñan onda eles.

 

7O mediodía, cando o pobo se retiraba, Susana saía a pasear polo parque do seu marido.

8Os anciáns víana a diario cando saía a pasear, e chegaron a sentir paixón por ela.

9Perverteron a súa mente e desviaron os ollos para non ollaren de cara a Deus nin teren

en conta os seus xustos xuízos.

 

15Aconteceu que, estando eles á espera dun día axeitado, unha vez saíu ela -coma en

días anteriores- acompañada só por dúas criadas, e sentiu ganas de se bañar, pois ía

calor. 16Alí non había ninguén, de non seren os dous vellos que a estaban axexando

escondidos. 17Susana díxolles ás criadas:

-Traédeme o aceite e mailos perfumes e pechade as portas do parque, para que me poida

bañar.

 

19Tan pronto como saíron as criadas, erguéronse os dous vellos, correron para onda ela,

20e dixéronlle:

-Mira, as portas do parque están pechadas, non nos ve ninguén; ademais nós estamos

desexosos de ti, así que, dáno-lo teu consentimento e entrégate a nós. 21Se non,

daremos testemuño contra ti de que estaba contigo un mozo e que por iso mandaches

marchar ás criadas.

 

22Susana xemeu e dixo:

-Véxome acurrada por tódalas partes; pois, se fago isto, agárdame a morte; e, se non o

fago, non darei fuxido das vosas mans. 23Pero éme preferible non o facer, aínda que

caia nas vosas mans, antes que pecar contra o Señor.

 

24Entón Susana púxose a gritar a toda voz, pero os vellos berraron tamén contra ela.

25Un deles botou a correr e abriu as portas do parque. 26A xente da casa, tan axiña

como oíu os gritos no parque, veu correndo pola porta lateral para ver que pasara. 27E

cando os vellos contaron a súa historia, os criados quedaron moi avergonzados, porque

Susana nunca dera que falar cousa semellante.

 

28O día seguinte, cando o pobo se xuntou na casa do seu marido, de Ioaquim, acudiron

tamén os dous vellos, obcecados co propósito criminal de condenar á morte a Susana.

29Dixeron diante do pobo:

-Mandade buscar a Susana, filla de Quelcías, a muller de Ioaquim.

 

Fórona buscar. 30Veu ela con seus pais, os fillos e tódolos seus parentes.

 

33Pero tódolos seus e cantos a contemplaban, choraban. 34Entón os dous vellos

levantáronse do medio da xente e puxéronlle as mans sobre a cabeza. 35Ela, chorando,

levantou a vista cara ó ceo, pois o seu corazón confiaba no Señor. 36Os vellos

declararon:

-Cando nós estabamos paseando sós polo parque, entrou esta con dúas criadas, pechou

as portas do parque e mandou marchar ás criadas. 37Entón veu cabo dela un mozo que

estaba escondido, e deitouse con ela. 38Nós, que estabamos nunha esquina do parque,

en vendo o delito, corremos cara a eles. 39Vímolos abrazados, pero ó mozo non o

puidemos apreixar, porque era máis forte ca nós, e, tras abri-las portas, fuxiu. 40Pero a

esta apreixámola e preguntámoslle quen era o mozo, 41pero non nolo quixo dicir. Disto

somos nós testemuñas.

 

Como eran anciáns do pobo e xuíces, a asemblea creu neles e condenaron a morte a

Susana. 42Susana berrou con voz forte, dicindo:

-Deus eterno, que coñéce-los segredos,

que o sabes todo antes de que pase,

43ti ben sabes que declararon en falso contra min,

e, velaí, vou morrer, sendo que non fixen nada

de canto estes argallaron perversamente contra min.

 

44O Señor escoitou a súa voz.

 

45Cando a levaban camiño da morte, Deus suscitou unha santa inspiración nun rapaz

chamado Daniel, 46quen exclamou con voz forte:

-¡Eu non son responsable do sangue desta!

 

47A xente toda volveuse cara a el, e díxolle:

-¿Que significan esas palabras que dixeches?

 

48El, poñéndose de pé no medio deles, respondeu:

-¿Tan parvos sodes, fillos de Israel? Condenastes a unha filla de Israel sen investigar e

sen ter comprobado o caso. 49Volvede ó lugar do xuízo, porque estes testemuñaron en

falso contra ela.

 

50A xente toda volveu de seguida, e os anciáns dixéronlle a el:

-Ven, séntate no medio de nós e declárano-lo teu parecer, porque Deus concedeuche o

privilexio da ancianidade.

 

51Daniel díxolles:

-Separádeos lonxe un do outro, que os vou interrogar eu.

 

52Logo que estiveron separados un do outro, chamou a un deles e díxolle:

-¡Avellentado polo tempo e a iniquidade! Agora voltaron sobre ti os pecados que

cometías a miúdo no pasado: 53dabas sentencias inxustas condenando os inocentes e

absolvendo os culpables, sendo que o Señor ten dito: "Non matara-lo inocente nin o

xusto". 54Polo tanto, se a viches, dime: ¿debaixo de que árbore os viches abrazados?

 

Respondeu el:

-Debaixo dun lentisco.

 

55Replicou Daniel:

-Verdadeiramente mentiches contra a túa propia cabeza, porque o anxo de Deus, que xa

recibiu a sentencia divina, vaite partir polo medio.

 

56Despois de mandar retirar a este, deu orde de trae-lo outro, e díxolle:

-¡Raza de Canaán e non de Xudá! A fermosura seduciute e a paixón perverteu o teu

corazón. 57Así faciades coas fillas de Israel, e elas, por medo, deitábanse convosco;

pero unha filla de Xudá non tolerou a vosa maldade. 58Pois logo, dime: ¿debaixo de que

árbore os sorprendiches abrazados?

 

Respondeu el:

-Debaixo dun carballo.

 

59Replicou Daniel:

-Exacto; tamén ti mentiches contra a túa cabeza, pois o anxo de Deus está agardando

coa espada para te fender polo medio, e así acabará convosco.

 

60Entón a asemblea enteira berrou a toda voz bendicindo a Deus, que salva a cantos

esperan nel. 61Despois lanzáronse contra os dous vellos, a quen Daniel puxera en

evidencia -mesmo por boca deles- de seren testemuñas falsas. 62Procedendo en

conformidade coa Lei de Moisés, aplicáronlle-lo castigo que eles tiñan previsto contra o

seu próximo, e matáronos. Deste xeito salvouse aquel día unha vida inocente.

 

 

Ou: 41c-62 (máis breve)

 

A multitude condenou a morte a Susana.

 

42Susana berrou con voz forte, dicindo:

-Deus eterno, que coñéce-los segredos,

que o sabes todo antes de que pase,

43ti ben sabes que declararon en falso contra min,

e, velaí, vou morrer, sendo que non fixen nada

de canto estes argallaron perversamente contra min.

 

44O Señor escoitou a súa voz.

 

45Cando a levaban camiño da morte, Deus suscitou unha santa inspiración nun rapaz

chamado Daniel, 46quen exclamou con voz forte:

-¡Eu non son responsable do sangue desta!

 

47A xente toda volveuse cara a el, e díxolle:

-¿Que significan esas palabras que dixeches?

 

48El, poñéndose de pé no medio deles, respondeu:

-¿Tan parvos sodes, fillos de Israel? Condenastes a unha filla de Israel sen investigar e

sen ter comprobado o caso. 49Volvede ó lugar do xuízo, porque estes testemuñaron en

falso contra ela.

 

50A xente toda volveu de seguida, e os anciáns dixéronlle a el:

-Ven, séntate no medio de nós e declárano-lo teu parecer, porque Deus concedeuche o

privilexio da ancianidade.

 

51Daniel díxolles:

-Separádeos lonxe un do outro, que os vou interrogar eu.

 

52Logo que estiveron separados un do outro, chamou a un deles e díxolle:

-¡Avellentado polo tempo e a iniquidade! Agora voltaron sobre ti os pecados que

cometías a miúdo no pasado: 53dabas sentencias inxustas condenando os inocentes e

absolvendo os culpables, sendo que o Señor ten dito: "Non matara-lo inocente nin o

xusto". 54Polo tanto, se a viches, dime: ¿debaixo de que árbore os viches abrazados?

 

Respondeu el:

-Debaixo dun lentisco.

 

55Replicou Daniel:

-Verdadeiramente mentiches contra a túa propia cabeza, porque o anxo de Deus, que xa

recibiu a sentencia divina, vaite partir polo medio.

 

56Despois de mandar retirar a este, deu orde de trae-lo outro, e díxolle:

-¡Raza de Canaán e non de Xudá! A fermosura seduciute e a paixón perverteu o teu

corazón. 57Así faciades coas fillas de Israel, e elas, por medo, deitábanse convosco;

pero unha filla de Xudá non tolerou a vosa maldade. 58Pois logo, dime: ¿debaixo de que

árbore os sorprendiches abrazados?

 

Respondeu el:

-Debaixo dun carballo.

 

59Replicou Daniel:

-Exacto; tamén ti mentiches contra a túa cabeza, pois o anxo de Deus está agardando

coa espada para te fender polo medio, e así acabará convosco.

 

60Entón a asemblea enteira berrou a toda voz bendicindo a Deus, que salva a cantos

esperan nel. 61Despois lanzáronse contra os dous vellos, a quen Daniel puxera en

evidencia -mesmo por boca deles- de seren testemuñas falsas. 62Procedendo en

conformidade coa Lei de Moisés, aplicáronlle-lo castigo que eles tiñan previsto contra o

seu próximo, e matáronos. Deste xeito salvouse aquel día unha vida inocente.

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6

R/ (4a): Se tiver de pasar por vagoadas sombrizas,

ningún mal temería, pois ti vas comigo

 

O Señor é o meu pastor: nada me falta.

2Os pastos verdecentes lévame a repousar,

lévame a beber ás augas tranquilas:

3El repón as miñas forzas.

 

Guíame por vereas rectas,

por mor do seu nome.

4Se tiver de pasar por vagoadas sombrizas,

ningún mal temería, pois ti vas comigo:

o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

 

5Ti pos para min a mesa,

á cara dos meus inimigos;

únxesme con perfume a cabeza,

e a miña copa reborda.

 

6A túa bondade e o teu amor vanme seguindo

tódolos días da vida.

Eu habitarei na casa do Señor

ó longo dos meus días.

 

 

VERSIÑO Ez 33, 11:

Non quero a morte do malvado, di o Señor,

senón que se converta do seu camiño e viva

 

 

EVANXEO Xn 8, 1-11

Quen de vós estea sen pecado, que lle tire a primeira pedra

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

8 1Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. 2Pero á alborada, presentouse outra vez no

templo e toda a xente veu onda el; el sentouse e empezou a ensinar.

 

3Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no

medio e medio e 4preguntáronlle:

-Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. 5Moisés, na Lei, mandounos

apedrar a esta xente. ¿Ti que dis?

 

6Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía

co dedo na terra. 7Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:

-Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra,

 

8E, abaixándose outra vez, escribía na terra. 9Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. 10Ergueuse entón e preguntoulle:

-Muller ¿onde van? ¿Ninguén te condenou?

 

11Ela respondeulle:

-Ninguén, Señor.

 

Díxolle Xesús:

-Tampouco eu non te condeno: vaite e desde agora non peques máis.

 

 

Ou: no ciclo C, cando este Evanxeo se le no domingo anterior,

 

Xn 8, 12-20:

Eu son a luz do mundo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

12Xesús faloulles ós fariseos dicindo:

-Eu son a luz do mundo: quen me segue, non andará ás escuras, senón que terá a luz da

vida.

 

13Dixéronlle entón os fariseos:

-Ti fas de testemuña en causa propia: o teu testemuño non vale.

 

14Xesús replicoulles:

-Anque eu faga de testemuña en causa propia, o meu testemuño é válido, porque eu ben

sei de onde vin e a onde vou; mentres que vós non sabedes de onde veño nin onde vou.

15Os vosos xuízos seguen normas humanas, mentres que eu non xulgo a ninguén. 16E

aínda que eu xulgase, o meu xuízo sería válido, porque non sería eu só a xulgar, senón

eu e mais quen me mandou. 17E na vosa Lei está escrito que o testemuño de dúas

testemuñas é valedeiro. 18Eu dou testemuño de min mesmo, pero tamén o dá o Pai que

me mandou.

 

19Entón eles preguntáronlle:

-¿Onde está teu Pai?

 

Xesús respondeulles:

-Nin me coñecedes a min, nin a meu Pai; se me coñecesedes a min, coñeceriades tamén

a meu Pai.

 

20Estas cousas díxoas el cando ensinaba no templo, no adro do tesouro; e ninguén o

prendeu, porque aínda non chegara a súa hora.

 

 

 

252.- MARTES

 

PRIMEIRA Num 21, 4-9:

O ferido que mire a serpe de bronce, vivirá

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS

 

4Marcharon os hebreos do monte Hor polo camiño do Mar Rubio, rodeando o país de

Edom, e o pobo comezou a esmorecer polo camiño. 5E murmuraba o pobo contra Deus

e contra Moisés: -"¿Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois

falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo dese alimento tan miserable?" 6O

Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de

Israel. 7O pobo foi onda Moisés e dixéronlle: -"¡Pecamos por falarmos contra o Señor e

contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes!" Moisés rezou polo pobo,

8e o Señor díxolle a Moisés: -"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro:

cada un dos mordidos que a mire, vivirá". 9Moisés fixo unha serpente de bronce e

púxoa na punta dun mastro; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a

serpente de bronce, quedaba san.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 101, 2-3. 16-18. 19-21

R/ (2): Señor, escoita a miña oración

e chegue a ti o meu clamor

 

2Señor, escoita a miña súplica,

chegue a ti o meu clamor.

3Non me escónda-lo teu rostro

no día do apreto.

Pon cara a min o oído

e, cando te chame, respóndeme axiña.

 

16As xentes temerán o nome do Señor,

os reis da terra a súa gloria,

17cando o Señor reconstrúa Sión

e se mostre na súa gloria;

18cando o Señor atenda a oración dos expoliados

e non desprece a súa pregaria.

 

19Isto escribirase para as xeracións vindeiras,

e o pobo entón creado louvará ó Señor.

20O Señor olla desde o seu santuario excelso,

desde o ceo mira para a terra.

21Escoita o pranto dos cativos,

libra os condenados á morte.

 

 

VERSIÑO

A semente é a palabra de Deus, o sementador é Cristo;

quen o encontra, permanecerá para sempre

 

 

 

EVANXEO Xn 8, 21-30:

Cando levantéde-lo Fillo do Home, entón darédesvos conta de que son Eu

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dilles Xesús ós fariseos:

-Eu voume e habédesme buscar e morreredes no voso pecado: onde eu vou, vosoutros

non podedes vir.

 

22Dicían entón os xudeus:

-¿El irase matar, porque di "onde vou eu, vosoutros non podedes vir"?

 

23El seguiulles dicindo:

-Vós sodes de aquí abaixo, eu son de alá arriba; vós sodes deste mundo, eu non son

deste mundo. 24Díxenvos que habedes morrer nos vosos pecados; como non creades

que "Eu son", morreredes nos vosos pecados.

 

25Preguntáronlle entón:

-¿Pero, logo, ti quen es?

 

Xesús contestoulles:

-O que vos veño dicindo desde o comezo. 26Moito tería que falar de vós e xulgalo; mais

quen me mandou é veraz e eu só lle falo ó mundo do que lle oín a El.

 

27Pero eles non coñeceron que lles falaba do Pai. 28Entón Xesús continuou:

-Cando ergáde-lo Fillo do Home, entón comprenderedes que "Eu son", e que non fago

nada pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou. 29E quen me mandou

está comigo: non me deixou só, pois eu fago sempre o que a El lle agrada.

 

30O dicir estas cousas, moitos creron nel.

 

 

 

 253.- MÉRCORES

 

PRIMEIRA Dn 3, 14-20. 91-92. 95:

Mandou o seu mensaxeiro e liberou ós seus servos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE DANIEL

 

14Nabucodonosor tomou a palabra e díxo:

-Xadrac, Mixac e Abednegó, ¿é certo que vós non servíde-los meus deuses nin adoráde-

la estatua de ouro que eu erguín? 15Agora, pois, se estades dispostos ó oírde-lo son do

corno, da frauta, da cítola, da lira, do salterio, da zanfona e mais dos restantes

instrumentos musicais, porédesvos de xeonllos e adoraréde-la estatua que eu erixín.

Como non a adoredes, seredes botados ó forno co lume aceso; e ¿que deus haberá que

vos poida librar das miñas mans?

 

16En resposta, Xadrac, Mixac e Abednegó, dixéronlle ó rei Nabucodonosor:

-Sobre este asunto nós non temos por que che contestar. 17Se o noso Deus, a quen

servimos, quere librarnos do forno do lume abrasador e mais das túas mans, hanos

salvar, rei. 18E aínda que non o fixese, ouh rei, que che conste que nós non servirémo-

los teus deuses, nin adorarémo-la estatua de ouro que erixiches.

 

19Entón Nabucodonosor, cheo de furia contra Xadrac, Mixac e Abednegó e co aspecto

do seu rostro alterado, tomou a palabra e ordenou que se acendese o forno sete veces

máis forte do que se acostumaba acender. 20Seguidamente ordenou a algúns dos homes

máis fortes do seu exército que atasen a Xadrac, Mixac e Abednegó para os botar ó

forno co lume acendido.

 

24O rei Nabucodonosor ficou pasmado e, levantándose a toda présa, preguntoulles ós

seus ministros:

-¿Non eran tres os homes que botamos atados ó medio do forno?

 

Respondéronlle:

-Sen dúbida, maxestade.

 

25Replicou el:

-Pois eu vexo catro homes desatados que pasean polo medio do lume sen sufriren

ningún dano, e o aspecto do cuarto semella o dun ser divino.

 

26Entón Nabucodonosor aproximouse á boca do forno aceso, tomou a palabra e dixo:

-Xadrac, Mixac e Abednegó, servos do Deus Altísimo, saíde fóra e vinde aquí.

 

Xadrac, Mixac e Abednegó saíron entón do medio do lume.

 

28Entón Nabucodonosor dixo:

-Bendito sexa o Deus de Xadrac, Mixac e Abednegó, que mandou un anxo a salva-los

seus servos, que, confiando nel, desobedeceron o decreto real e entregaron os seus

corpos por non serviren nin adoraren outros deuses fóra do seu Deus.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Dn 3, 52- 53- 54- 55. 56

R/ (52b): Moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

52"Bendito es Ti, Señor, Deus de nosos pais,

digno de gloria e da meirande louvanza polos séculos.

Bendito o teu nome, santo e glorioso,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

53Bendito es Ti no templo da túa santa gloria,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

 54Bendito es Ti sobre o trono do teu reino,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

55Bendito es Ti que sondéa-los abismos sentado sobre querubíns,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

56Bendito es Ti no firmamento do ceo,

louvado e cheo de gloria para sempre.

 

 

VERSIÑO Cf. Lc 8, 15:

Ditosos os que en corazón bo e perfecto

manteñen a palabra de Deus,

e furctifican con paciencia

 

 

EVANXEO Xn 8, 31-42:

Se o Fillo vos libera, seredes verdadeiramente libres

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

 31Ós xudeus que creran nel dicíalles Xesús:

-Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus; 32e

coñeceréde-la verdade e a verdade faravos libres.

 

33Eles respondéronlle:

-Somos semente de Abraham e endexamais non fomos escravos de ninguén; ¿como,

logo, dis ti "seredes libres"?

 

34Respondeulles Xesús:

-Con toda verdade volo aseguro: quen comete o pecado é escravo. 35E o escravo non

queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre. 36Logo, se o Fillo vos libera,

seredes libres de verdade. 37Ben sei que sodes semente de Abraham, pero tratades de

me matar, porque a miña palabra non prende en vós. 38Eu falo do que vin onda o Pai; e

vós facéde-lo que oístes de voso pai.

 

39Eles respondéronlle:

-O noso pai é Abraham.

 

Xesús replicoulles:

-Se fosedes fillos de Abraham fariáde-las obras de Abraham, 40mais agora procurades

matarme, a min, que vos dixen a verdade que oín de Deus: iso non o fixo Abraham.

41Vós facéde-las obras de voso pai.

 

Dixéronlle:

-Nós non nacemos da prostitución: temos un pai, Deus.

 

42Contestoulles Xesús:

-Se o voso pai fose Deus, amariádesme a min porque eu de Deus saín e veño. Pois non

vin por min mesmo, senón que El me enviou.

 

 

 

 254.- XOVES

 

 PRIMEIRA Xen 17, 3-9:

Serás pai dunha inxente multitude de fillos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

3Abram postrouse por terra, e Deus díxolle: 4-"Esta é a alianza que eu fago contigo:

Serás pai de moitos pobos. 5Non te seguirás chamando Abram; o teu nome será

Abraham, porque te fago pai de moitos pobos. 6Dareiche fecundidade, sacarei de ti

nacións, de ti sairán reis. 7Establezo a miña alianza, alianza perpetua, contigo e cos teus

descendentes, polas xeracións vindeiras. Eu serei o teu Deus e o dos teus descendentes.

8Dareiche a ti e a eles, en posesión perpetua, a terra onde habitas, o país de Canaán. Eu

serei o teu Deus".

 

9Deus díxolle a Abraham: -"Gardara-la miña alianza, ti e mailos teus descendentes,

polas xeracións vindeiras.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 104, 4-5. 6-7. 8-9

R/ (8a): O Señor recorda por sempre a súa alianza

 

4Preguntade polo Señor e o seu poder,

buscade sempre a súa presencia.

5Relembrade as marabillas que fixo,

os prodixios e as decisións da súa boca.

 

6Liñaxe do seu servo Abraham,

fillos de Xacob, os seus elixidos,

7o Señor é o noso Deus,

o que goberna a terra enteira.

 

8El recorda por sempre a súa alianza,

a palabra que deu polas xeracións.

9O que pactou con Abraham

e xurou a Isaac,

 

 

VERSIÑO Cf. Sal 94, 8ab:

Hoxe, non endurezáde-los vosos corazóns,

senón escoitade a voz do Señor

 

 

EVANXEO Xn 8, 51-59:

Alegrouse o voso pai Abrahan ó ve-lo meu día

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dilles Xesús ós xudeus:

51Con toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra, non morrerá

endexamais.

 

52Entón dixéronlle os xudeus:

-Agora si que vemos que te-lo demo: Abraham morreu e os profetas tamén, e ti dis

"quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais". 53¿Seica es ti máis có noso

pai Abraham, que morreu? E os profetas tamén morreron ¿Por quen te queres facer

pasar?

 

54Xesús respondeu:

-Se eu me dou gloria a min mesmo, a miña gloria nada vale: pero quen me dá gloria é

meu Pai, de quen vós dicides que é voso Deus. 55Pero non o coñecedes, mentres que eu

si o coñezo. Se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro, coma vós; pero eu

coñézoo e axústome á súa palabra. 56Voso pai Abraham encheuse de ledicia na

esperanza de ve-lo meu día; viuno e alegrouse.

 

57Dixéronlle entón os xudeus:

-¿Aínda non tes cincuenta anos e xa viches a Abraham?

 

58Xesús contestoulles:

-Con toda verdade volo aseguro: antes que Abraham chegase a existir, "Eu son".

 

59Entón colleron pedras para llas tiraren, pero Xesús agachouse e saíu do Templo.

 

 

 

255.- VENRES

 

PRIMEIRA Xer 20, 10-13:

O Señor está comigo, coma forte guerreiro

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

10Xa estou oíndo a sentencia,

aumenta o terror ó arredor:

"Denunciádeo, denunciémolo".

Tódolos que se fiaban da miña mensaxe de paz,

agardan a miña caída:

"A ver se se deixa seducir: poderemos con el, e vingarémonos del".

 

11Polo Señor suspiro, como por un forte loitador;

por isto os meus perseguidores caen, non me poden.

Quedarán cubertos de vergonza porque non tiveron éxito,

non deixarán esquecida esta vergonza perpetua.

 

12Señor dos Exércitos, que pos a proba o xusto,

que ve-los sentimentos e mailas intencións,

eu hei ver como te vingas deles,

pois a ti encomendei o meu preito.

 

13Cantádelle ó Señor,

louvade o Señor,

pois libra a vida dun pobre do poder dos malvados.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 17, 2-3a. 3bc-4. 5-6. 7

R/ (cf 7): No apreto chamei ó Señor e el escoitoume

 

2Eu ámote, Señor, a miña forza,

3Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio,

meu Deus, penedo onde me acollo,

o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.

4Eu invoco ó Señor, o adorable,

e salvarame dos meus inimigos.

 

5As ondas da morte rodéanme,

as correntes do averno atropélanme;

6cínguenme as cordas do abismo,

sorpréndenme as trampas da morte.

 

7No apreto chamo ó Señor,

suplico cara ó meu Deus.

El escoita a miña voz desde o santuario,

o meu clamor chega ós seus oídos.

 

 

VERSIÑO Cf. Xn 6, 63c. 68c:

As túas palabras, Señor, son Espírito e vida;

ti tes palabras de vida eterna

 

 

 

EVANXEO Xn 10, 31-42:

Buscaban prendelo, e esvaroulle das mans

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

31Colleron pedras os xudeus, para apedraren a Xesús. 32Xesús replicoulles:

-Moitas boas obras fixen diante de vós de parte do meu Pai. ¿Por cal delas me

apedrades?

 

33Respondéronlle os xudeus:

-Non te apedramos por ningunha obra boa, senón por blasfemia, pois ti, sendo home,

faste Deus.

 

34Xesús replicoulles:

-¿Non está escrito na vosa Lei Eu dixen: sodes deuses? 35Se lles chamou deuses a

aqueles sobre os que veu a palabra de Deus -e non pode a Escritura perde-la súa forza-,

36¿por que me acusades de blasfemia a min, a quen o Pai santificou e mandou ó mundo,

por dicir que "Son Fillo de Deus"? 37Se non fago as obras do meu Pai, seguide sen

crerme. 38Pero se as fago, anque non creades en min, crede nas obras, para que

comprendades e recoñezades que o Pai está en min e eu estou no Pai.

 

39Unha vez máis trataban entón de o prender; pero Xesús liscóuselles das mans. 40E foi

de novo á outra banda do Xordán, ó sitio onde estivera Xoán bautizando ó comezo e

permaneceu alí. 41E acudiron moitos onda el e dicían: "Xoán non fixo ningún sinal,

mais todo canto Xoán dixo acerca deste, era verdade". 42E moitos comezaron a crer nel

alí.

 

 

 

256.- SÁBADO

 

 PRIMEIRA Ez 37, 21-28:

Fareinos unha soa nación

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

Di o Señor, Deus:

-Sabede que eu recollerei os fillos de Israel

de entre os pobos onde marcharon,

xuntareinos do arredor,

e traereinos á súa terra.

 

22Convertereinos en nación única no seu país, nos montes de Israel,

e un único rei fará de rei para todos eles,

e ese pobo non se volverá converter en dous,

nin se volverá dividir en dous reinos nunca máis.

23E nunca máis se volverán manchar cos seus ídolos,

nin coas súas abominacións,

nin con tódolos seus pecados,

senón que os librarei de tódolos lugares

onde viven, nos que pecaron.

 

Purificareinos e serán para min o meu pobo,

e eu serei para eles o seu Deus.

24E o meu servidor David será o seu rei,

o pastor único de todos eles,

e camiñarán conforme as miñas leis,

gardarán os meus preceptos e cumpriranos.

 

25Entón habitarán no país

que eu lle dei ó meu servidor Xacob,

no que habitaron vosos pais,

e habitarán nel para sempre,

eles, os fillos e os fillos de seus fillos;

e o meu servidor David será o seu príncipe para sempre.

 

26Establecerei con eles unha alianza perfecta,

e o sinal que eu lles darei

é que a alianza será eterna,

e farei que se multipliquen.

 

Porei para sempre o meu santuario no medio deles,

27e a miña morada estará no medio deles;

serei o seu Deus e eles serán o meu pobo.

28E cando o meu santuario estea no medio deles para sempre,

recoñecerán que eu son o Señor,

o que consagra a Israel.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Xer 31, 10. 11-12ab. 13

R/ (cf 10d): O Señor gardaranos coma o pastor ó seu rabaño

 

10Escoitade a palabra do Señor, pobos,

facédea coñecer nas illas de lonxe, anunciádea:

-O que dispersou a Israel, xuntarao,

e gardarao coma un pastor o seu rabaño.

 

11Certo, rescatará o Señor a Xacob,

librarao dunha man máis forte.

12Chegarán para festexalo á cima de Sión,

correrán cara ós bens do Señor,

 

13Entón a virxe alegrarase na danza,

os mozos e os vellos andarán ledos;

eu cambiarei o seu loito en ledicia,

consolareinos e alegrareinos

despois da súa aflicción.

 

 

VERSIÑO Ez 18, 31:

Guindade de vós tódalas vosas prevaricacións, di o Señor,

e procurádevos un corazón novo e un espírito novo

 

 

EVANXEO Xn 11, 45-56:

Para congregar na unidade ós fillos de Deus, que andaban dispersos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

45Moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel. 46Pero

algúns deles foron onda os fariseos, e contáronlle-lo que fixera Xesús. 47Entón os

sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Sanedrín e dicían:

-¿Que imos facer? Porque este home fai moitos signos. 48Se o deixamos así, todos

crerán nel e virán os romanos e quitaránno-lo noso lugar santo e maila nosa nación.

 

49Pero un deles, Caifás, que era o Sumo Sacerdote aquel ano, díxolles:

-Non entendedes nada. 50¿Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo

e non que pereza a nación enteira?

 

51Iso non o dixo pola súa conta, senón que, sendo Sumo Sacerdote aquel ano,

profetizou que Xesús había de morrer pola nación; 52e non só pola nación, senón tamén

para reuni-los fillos de Deus que estaban dispersos. 53Por iso, desde aquel día, decidiron

matalo.

 

54En consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a

rexión colindante co deserto, a unha vila chamada Efraím, e alí permanecía cos seus

discípulos. 55Estaba próxima a Pascua dos xudeus e subiron moitos daquela rexión a

Xerusalén antes da Pascua, para se purificaren. 56Andaban entón buscando a Xesús, e

cando estaban no templo, preguntábanse entre eles: "¿Que vos parece? ¿Non virá á

festa?".