Acción de grazas

 

T.-  É xusto darche grazas, Deus xeneroso e solidario, por todos os bens e os agasallos que derramaches nas mans das mulleres e dos homes ao longo de toda a historia da humanidade. Ti tíñasnos presentes antes da explosión que formaron as galaxias e antes da evolución da que xurdiu a vida.

S.-  Desde o comezo dos tempos, estivo o teu Espírito presente no medio do devir histórico da especie humana.

Todas as esperanzas e os anhelos, todos os afáns e os traballos, todas as accións e revolucións colectivas que naceron no corazón dos homes e as mulleres estiveron acompañados pola forza e a luz do teu Espírito Santo.

T.-  Por iso, como nenos pequenos que miran á súa nai e séntense seguros, dirixímonos a ti, cheos de gratitude, e, unindo as nosas voces ás de todos os homes e mulleres que te recoñecen como amigo, volvémonos a ti dándoche grazas, dicindo: Santo, Santo, Santo...

T.- Verdadeiramente es santo e xusto, Señor Deus do universo e da historia. Da túa infinita bondade e misericordia recibimos o valiosísimo don da liberdade e o prezado agasallo do amor.

Hoxe reunímonos nesta asemblea en nome do teu fillo Xesús, que está aquí presente no medio de nós e, confortados coa efusión do teu Espírito, facemos memoria da paixón, morte e resurrección do teu Fillo e amigo noso, Xesús de Nazaré.

S.- Así, recordamos aquela derradeira cea que Xesús compartiu cos seus amigos e na que tomou un anaco de pan, partiuno e déullelo, dicíndolles:

            Tomade e comede todos del; pois isto é o meu corpo que se vai entregar por vós.

 

            Despois tomou o cáliz, de novo deuche grazas, dicindo:

            Tomade e bebede todos del, pois isto é o cáliz do meu sangue, o sangue da nova e eterna alianza, que se vai verter por vós e por todos os homes, para o perdón dos pecados.    

Facede isto en memoria de min.

 

            Aclamade o misterio da redención.

T.- Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección, ven, Señor Xesús.

S.-  Esta comunidade que fai hoxe, con estes xestos, memoria de Xesucristo volve os seus ollos cara a ti, Pai, para loarte e darche grazas pola dita de poder participar na tarefa de arrimar o ombreiro na construción do teu Reino.

T.- Queremos unir a nosa pregaria de gratitude á de todos os homes e mulleres que, movidos polo latexo do amor, se senten agradecidos polo don da vida, da liberdade e do compartir.

S.- Recordamos a todos os que nos precederon e agora son para nós exemplo e empuxe nas nosas vidas. Temos presentes a todos os pobos que sofren as consecuencias da repartición inxusta das riquezas e son vítimas das inxustizas sociais.

T.- Concédenos a todos o auxilio do teu Espírito e fai medrar nos nosos corazóns desexos de paz e de bondade. Lévanos sempre da túa man e agranda a nosa ilusión por construír ese outro mundo posible que desexamos para todos.

 

S + T.- Por Cristo, con El e Nel, a ti Deus Pai omnipotente, en unión co Espírito Santo, todo honor e toda a gloria por sempre eternamente. Amén.