Advento e Nadal

 

PREGARIA EUCARÍSTICA: ADVENTO E NADAL

 

     Bendicímoste, Pai, e dámosche grazas porque nos permites vivir a proximidade da vinda do teu Fillo.

   Advento e Nadal son os tempos santos para lembrar ese achegamento do Mesías, do teu Unxido, que empeza co nacemento de Xesús, pero que só rematará o día da súa vinda última e gloriosa.

     Grazas porque nos enviaches o Salvador, porque co seu envío alentas en nós a esperanza: unha esperanza de redención que xa nunca desaparecerá do mundo.

   A persoa de Xesús, a historia da súa vida e da súa morte, fai firme a nosa confianza expectante.

     Non só desde o momento da súa morte e a súa resurrección, senón desde o instante da súa concepción e nacemento, El é o noso Mesías, o Mesías da humanidade, o que nos salva e nos libera.

   Grazas, Pai bo, porque no medio das nosas loitas e nas nosas crises fasnos descubrir no teu unixénito Xesucristo, o home singular que nos inspira unha fe firme, no logro último do noso destino colectivo e individual.

     Por iso cantamos gozosos e alegres o himno dos anxos e os arcanxos, dos querubíns e serafíns, dicindo con todos eles:

   SANTO...

 

     Agora queremos contemplar ao que vén no teu nome e pór a súa vida ante os nosos ollos, como o centro da nosa reunión e da nosa pregaria.

   Xesús, o teu Unxido, o noso Mesías, é o noso irmán, home coma nós e, á vez, é o teu Fillo, diferente de toda a humanidade.

     Nacido de María, fillo de Xosé, procede dunha vella familia xudía de raíces ancestrais, que se afunden no pasado dun pobo milenario.

   Xesús é o Fillo de Deus que vén de lonxe, no que culminan longos séculos de arelas e loitas.

     Pero o seu nacemento virxinal significa para nós a vertente máis oculta e misteriosa da súa persoa, sempre subtraída á nosa mirada inmediata.

   Xesús non ten pai terreo, porque che ten a Ti, Señor, como Pai único e directo. Deus, noso Señor: Ti estás unido a Xesús como o Pai ao fillo, de modo entrañable e radical.

     Cando Cristo dá a súa vida pola humanidade es Ti quen nel te nos dás e nel entrégaste a nós, selando con sangue da propia estirpe a nova alianza. En verdade, Xesús, a véspera da súa paixón, tomou o pan, deuche grazas, partiuno e déullelo dicindo:           

Tomade e comede todos del, porque este é o meu Corpo, que será entregado por vós.

            Do mesmo modo, tomou o cáliz, deuche grazas, e entregóullelo dicindo:

            Tomade e bebede todos del, porque este é o cáliz do meu Sangue, Sangue da alianza nova

             e eterna, que será derramado por vós e por todos os homes para o perdón dos pecados.

            Facede isto en conmemoración miña.

            Este é o sacramento da nosa fe.

   Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. ¡Ven, Señor Xesús!

     Facendo agora memoria do teu Fillo, da súa encarnación na humanidade, da súa morte e resurrección, pedímosche o envío do seu Espírito sobre a Igrexa.

   Lémbrate do Papa, dos nosos bispos e presbíteros, de todo o pobo de Deus esparexido polo mundo. Ten piedade dos nosos defuntos, que nos precederon na vida.

     Fai que a comunidade dos crentes sexa, como María, un sinal, un signo de esperanza redentora para todos, a nai que está encinta e dá a luz ao Deus connosco.

   Que a túa Igrexa sexa a mediadora entre os homes e mulleres que te buscan e Ti, que vés a eles no teu Fillo.

    A Ti, Pai, dámosche a gloria e a honra, por medio de Xesucristo, no Santo Espírito, por sempre eternamente. Amen.

 

 

PREGARIA EUCARÍSTICA: VÉN O SEÑOR

 

S.- Pai, coa boca chea de cantares e o corazón desbordante de ledicia, ollámoste riseiros e bendicímoste cos ollos cheos de luz.

T.- Porque Ti es o Deus da ledicia, fonte da vida, manancial da luz, orixe da danza, o ritmo e o xogo. Na túa honra se acenden as fogueiras das festas e brincan os corazóns, arredor do viño, a comida, o algareo e a hospitalidade.

 

S.- Cando escoitamos o teu Evanxeo, todo danza, e énchesenos o corazón de música, e vémonos abocados a compartir o clima da fraternidade.

T.- Unidos nesta comunidade, cantámosche a unha voz o himno de loanza: Santo…

 

S.- Con xúbilo, recoñecemos que es Deus: o Deus dos cativos devoltos á súa patria, o Deus dos exiliados atopados, o Deus dos marxinados aceptados, o Deus dos que segan con gozo despois de ter sufrido na sementeira.

T.- Ti suscitaches entre nós a Xesús. O seu anuncio encheu de gozo á súa nai María e fixo dar brincos de alegría a Xoán. O seu nacemento foi unha gran festa, que anunciou a aurora, erguendo os pastores do seu sono, e sobresaltou os poderosos.

 

S.- Deu confianza ao home, presentando a dor como un dar a luz gozoso. El mesmo esgotou o cáliz da amargura e pasou o túnel da morte. Pero atopouse coa vida, porque levaba dentro a súa faísca que ninguén puido apagar. Os seus amigos sabémolo e cáusanos unha profunda ledicia.

T.- Inmersos no seu mesmo espírito, celebramos o gozo da comuñón, xa que a nosa unión con El e o amor fraternal son a fonte da nosa festa.

 

S.- Así celebrou a derradeira cea a véspera de ser axustizado, rodeado daqueles a quen quería entregouse plenamente por eles e por toda a humanidade, e deixouno ben patente cando colleu o pan nas súas mans, rezou a bendición, partiuno e déullelo, mentres dicía:

 

            Tomade e comede todos del, pois isto é o meu Corpo que se vai entregar por vós.

            De igual modo, ao final da cea, tomou tamén o cáliz, deuche grazas  de novo, rezou a bendición, e pasóullelo aos  seus discípulos, mentres dicía:

Tomade e bebede todos del, pois este é o cáliz do meu Sangue, o Sangue da alianza nova e eterna, que se vai verter por vós e por todos os homes, para o perdón dos pecados. facede isto en memoria de min.   

 

S.- Velaquí o misterio da nosa fe.

            T.- Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección, ven Señor Xesús.

 

S.- Con que ledicia, Pai, anunciamos o triunfo de Xesús sobre a morte.

T.- El é a fonte da nosa esperanza. El é o símbolo do mundo polo que traballamos. No medio da festa do perdón, erguemos a nosa copa e brindamos na túa honra. Por Ti, Pai, polos séculos dos séculos. Amén

 

   

                               PREGARIA EUCARÍSTICA: VIXILIA DE NADAL

 

S.-       Nesta noite, queremos, noso Deus, cantarche a nosa acción de grazas.

Facémolo coa confianza e liberdade que nos proporciona o sabernos fillos teus, grazas á   encarnación do teu Unixénito.                                                                        

T.-       No silencio dos nosos corazóns fomos escoitando e meditando a palabra que Ti nos dirixías. Con sorpresa, ledicia e emoción percibimos que Alguén nos falaba desde máis aló das fronteiras humanas.

S.-       Cando descubrimos o mundo da natureza, o amencer e o solpor, as estrelas e o sol, as paisaxes da montaña, do mar e da planicie, sentimos a Palabra da túa bondade e a túa beleza.

T.-       Cando atopámola amizade doutros homes, cando descubrimos o amor, no namoramento e na familia, cando contemplamos a entrega de tantas persoas solidarias, decatámonos de que Ti te revelabas, por iso che cantamos...

            Ao Señor, noso Deus, todo o mundo o bendí, todo o mundo o proclama e

            cantándolle di: Santo, santo, santo é o Señor (bis). Hosanna, hosanna, bendito o

            que vén, o que vén no nome do Señor (bis)

 

S.-       Bendicímoste, Pai, ó celebra-lo nacemento do teu Fillo.

            Nel fixécheste presente entre nós, para comunicarnos que estabamos destinados á      plenitude

            feliz que, desde sempre, Ti quixeches para todos os homes.

T.-       Na noite da falta de horizontes acéndese, desde a cova de Belén, a luz que dá senso ás nosas

            vidas, que dá enerxía ó noso amor e fundamento á nosa esperanza.

S.-       Como os anxos daquela noite luminosa, podemos cantar os parabéns a todas as

            persoas porque Deus as ama. Ese amor ficou plasmado polo teu Fillo durante a cea

            daquela véspera da súa morte, cando tomou o pan e deu grazas, partiuno e déullelo

           aos seus discípulos, mentres dicía :

                        TOMADE E COMEDE TODOS DEL, POIS ISTO É O MEU CORPO QUE SE VAI

            ENTREGAR POR VÓS.

                        De igual modo, ao final da cea, tomou o cáliz, deu grazas e pasóullelo aos seus discípulos, mentres dicía :

 

                        TOMADE E BEBEDE TODOS DEL, POIS ISTO É O CÁLIZ DO MEU    SANGUE, O

           SANGUE DA ALIANZA NOVA E ETERNA, QUE SE VAI VERTER POR VÓS E POR

           TODOS OS HOMES, PARA O PERDÓN DOS PECADOS. FACEDE ISTO EN MEMORIA

           DE MIN.

                        Velaquí o misterio da nosa fe.    

 

T.-      Anunciamos a túa morte,...

S.-       Polo tanto, Señor, ao celebrar o memorial da encarnación,vida, morte e resurrección do teu Fillo, ofrecémosche esta      

           acción de grazas.

T.-       Pedímosche Luz para a nosa existencia, que non deixes de enviar o teu Espírito sobre nós e sobre estes dons, para que

           aqueles que coman deste pan e fagan carne da súa carne a túa Palabra.

S.-       Lémbrate, Señor, dos que sofren. Ten da túa man os nosos defuntos. Fortalece á túa Igrexa para que sempre

           sexa testemuña do teu amor. 

S+T.-      Por Cristo, con El e nel, a Ti, Deus Pai omnipotente, na unidade do Espírito Santo, todo honor e toda gloria por

          sempre eternamente. Amén. 

 

 

                                                           

 PREGARIA  EUCARÍSTICA  DE  NOITEBOA

 

S Cando descubrimos o mundo da natureza, o amencer e o solpor, as estrelas, e o sol, as paisaxes da montaña, do mar e da planicie, sentimos a Palabra da túa bondade e a túa beleza.

T  Cando atopamos a amizade doutros homes e mulleres, cando descubrimos o amor no namoramento e na familia, cando contemplamos a entrega de tantas persoas solidarias, decatámonos de que Ti te revelabas, por iso che cantamos

S   Bendicímoste, Pai, ao celebrar o nacemento do teu Fillo. Nel fixécheste presente entre nós, para comunicarnos que estabamos destinados á plenitude feliz que, desde sempre, Ti quixeches para todos os teus fillos e fillas.

T   Na noite da falta de horizonte acéndese, desde a cova de Belén, a luz que dá sentido ás nosas vidas, que dá enerxía ao noso amor e fundamento á nosa esperanza.

S    Polo tanto, Señor, ao celebrar o memorial da encarnación, vida, morte e resurrección do teu Fillo, ofrecémosche esta acción grazas.

          T   Pedímosche luz para a nosa existencia, que non deixes de enviar o teu Espírito sobre nós e sobre estes dons, para que aqueles que coman deste pan, fagan carne da súa carne a túa Palabra.

S T:  Por Cristo, con el e nel, a ti Deus Pai omnipotente, en unión co Espírito Santo, todo honor e toda a gloria por  sempre eternamente. Amén

 

 

TEMPO PASCUAL

 

PASCUA  DE  RESURRECCIÓN

 

S.- É xusto e necesario, Señor, aclamar o teu nome e bendicirte neste tempo de Pascua de Resurrección. Aínda que vivamos na penumbra da fe, como María Madalena, albiscamos que foi removida a lousa que pesaba sobre as nosas esperanzas.

T.- Oímos o anuncio gozoso do anxo: Ti resucitaches o teu Fillo de entre os mortos. E oímos a voz de Xesús que nos di: "Eu son o que vive, estaba morto e, xa vedes, vivo polos séculos dos séculos".

S.- Non só resucitaches o teu Fillo, Deus noso Pai, senón que quixeches que esa nova resurrección, que é o seu corpo glorioso, irrompa dentro da nosa vella terra, para que as persoas poidamos percibir ese novo comezo que estableciches na nosa historia.

T.- Agora tamén queremos percibir no medio da nosa reunión, baixo o veo dos signos sacramentais, a voz de Xesús que nos di: "Son eu, non temades; tocade o meu corpo, sacade pan e viño, celebremos a festa da nova vida".

S.- Ante esta revelación sentimos o pasmo e o temor pero tamén o gozo e a ledicia. Unha inmensa esperanza xorde nos nosos corazóns e rompemos a cantar o himno dos anxos dicindo:

T.- Ao Señor, noso Deus, todo o mundo bendí, todo o mundo o proclama e cantando lle di: Santo, santo, santo é o Señor. Hosanna, hosanna, bendito o que vén, o que vén no nome do Señor.

S.- Santo es, en verdade, Deus noso Pai,  porque a resurrección de Xesús apóiase en Ti, non na invención dos discípulos. Eles non a inventan, só transmiten esta boa nova de xeración en xeración

T.- Nós agora, contaxiados polo testemuño e a fe dos apóstolos, temos a experiencia de que a causa de Xesús segue. Temos fe en Cristo vivente agora, sentimos a súa presenza a carón de nós, como o home real que inaugurou e segue instaurando as primicias dun futuro de esperanza para o mundo.

S.- Sabemos que ese futuro de gloria pasa pola proba da cruz. O que resucita é o que foi crucificado e pasou tres días baixo a terra.

T.- Por iso facemos memoria neste sacramento non só da súa resurrección senón tamén da súa paixón e morte.

S.- Xesús, antes de morrer, reuniuse cos seus discípulos, tomou o pan, deu grazas, partiuno e déullelo aos seus discípulos, mentres dicía:

Tomade e comede todos del, pois isto é o meu corpo que se vai entregar por vós.

            De igual modo, ao final da cea, tomou tamén este cáliz glorioso nas súas santas e venerables mans, deuche grazas de novo, rezou a bendición, e pasóullelo aos seus discípulos, mentres dicía:

            Tomade e bebede todos del, pois este é o cáliz do meu sangue, o sangue da nova e eterna alianza, que se vai verter por vós e por todos os homes para o perdóns dos pecados. Facede isto en memoria de min.

            Velaquí o misterio da nosa fe.

T.- Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección, ven Señor Xesús.

S.- Facemos memoria, Deus Pai, da morte e resurrección do teu Fillo mentres te ofrecemos o seu sacrificio vivificante e te loamos porque en Cristo xurdido de entre os mortos, revelaches o poder oculto da súa cruz.

T.- O poder do seu amor obediente ata a morte, a forza das súa entrega aos homes. Aí reveláchesnos o teu propio poder e forza.

S.- Envía o teu Espírito para que consume a obra iniciada polo teu Fillo. O Resucitado tomou consigo o mundo encamiñándoo cara á súa resurrección e gloria.

T.- Que un día resucitemos todos co noso corpo, con ese anaco de mundo que somos nós e, así, se consume a transfiguración universal.

S.- Que a túa Igrexa, co Papa, cos seus bispos, sacerdotes, relixiosos e fieis sexa semente da nova terra e dos novos ceos que ti desexas.

T.- Concede a túa paz e a túa compaña aos defuntos. Dános a todos un corazón acolledor para con todos os teus fillos, os homes e mulleres do mundo.

S + T.- : Por Cristo, con El e Nel, a ti, Deus Pai omnipotente, na unidade do Espírito Santo, todo honor e toda gloria, por sempre eternamente. Amén. 

 

 

O DON DO ESPIRITO

 

            S:         E verdade, bo e xusto que che deamos as grazas, Pai, sempre e en todo lugar, por tódolos dons que continuamente nos concedes. Pero hoxe queremos bendicirte por algo especial: polo don do Espírito que polo teu Fillo fas  ao mundo.

            T:         Ante tanta escuridade, incerteza e inseguridade, nos diriximos cara a Ti, e dicímosche que cremos na forza creadora do Espírito, deste mesmo Espírito, que xa o día da creación o enchía todo; que ordenaba tódalas cousas, que as deu vida, enchendo especialmente de vitalidade ó home para que perfeccione as cousas e consiga unha nova terra. Cremos que actúa tamén nos nosos días, nos nosos ambientes e nas nosas cousas. Este mesmo Espírito nos impulsa a servirte nos homes.

 

            S:         Bendicímoste e dámosche grazas por Xesucristo, cheo do teu Espírito desde o seo de María. Polo teu Espírito conducíchelo ó deserto, coa súa forza implantaba o reino, evanxelizando os pobres, axudando e fortalecendo a todos, servindo e amando. Por iso proclamamos a túa bondade e maxestade cantando:

Santo, Santo, Santo es ti, Señor, Deus do universo. Enches o ceo e mais a terra coa túa gloria. Hosanna no ceo! Bendito o que vén no nome do Señor. Hosanna no ceo!

 

            S:         Santo es, Señor, porque quixeches que a plenitude do Espírito, que enchía ó teu Fillo, se transmitira a todo.

            T:         El comunicouna aos seus apóstolos o día de Pascua e enviouna á súa Comunidade reunida para facela testemuña súa e transmisora do Espírito en todos os lugares e tempos.

 

            S:         Que ese mesmo misterio se renove entre nos. Envía o teu Espírito sobre estes dons para que sexan Corpo e Sangue de Xesús. O cal, a noite da súa despedida, cando ceaba cos seus discípulos, colleu o pan e rezou a bendición, partiuno e déullelo, mentres dicía:

                        TOMADE E COMEDE TODOS DEL, POIS ISTO É O MEU CORPO

                        QUE SE VAI ENTREGAR POR VÓS.

            De igual modo, tomou o cáliz con viño, deu grazas e pasóullelo aos seus discípulos, mentres dicía: TOMADE E BEBEDE TODOS DEL, POIS ESTE É O CÁLIZ DO MEU SANGUE,

            O SANGUE DA ALIANZA NOVA E ETERNA, QUE SE VAI VERTER POR VÓS

            E POR TODOS OS HOMES, PARA O PERDÓN DOS PECADOS.

            FACEDE ISTO EN MEMORIA DE MIN.

 

S. Velaquí o misterio da nosa fe.

T. Anunciamos a túa morte, proc1amamos a túa resurrección: Ven, Señor Xesús!

S:         Así, Pai, conmemoramos o misterio do teu Fillo, a súa morte, a súa glorificación e o envío do teu Espírito, en quen nos atopámo-la vida e a plenitude. E posto que renovamos ante Ti este misterio fai de nos homes e mulleres do Espírito.

T:         Concédenos que como tantos que nos precederon: María, Francisco, Xoán de la Salle...sexamos polo Espírito testemuñas de Cristo en todo momento. Que o Espírito nos dea forza para loitar pola verdade, a xustiza e o amor, luz para comprender a todos, axuda para servir, profundidade para amar, paciencia para agardar.

S:         Que o teu Espírito de amor consume a unidade da túa Igrexa. Fainos sensibles á acción do Espírito no mundo e na historia.

T:         Por Cristo, con El e Nel, a ti, Deus Pai omnipotente, na unidade do Espírito Santo, todo honor e toda gloria, por sempre eternamente. Amén.