Pregarias de Reconciliación

 

A RECONCILIACION COMO RETORNO O PAI ( I )

 

S:        En verdade é xusto e necesario darche grazas, Señor, Pai Santo, porque non deixas de chamarnos a unha vida plenamente feliz. Ti, Deus de bondade e misericordia, ofreces sempre o teu perdón e convidas aos pecadores a recorrer confiadamente á túa clemencia.

 

T: Moitas veces as persoas quebrantamos a túa alianza; pero Ti, en vez de abandonarnos, selaches de novo coa familia humana, por Xesucristo, o teu Fillo, noso Señor, un pacto tan sólido, que xa nada o poderá romper.

S:        E agora, mentres ofreces ao teu pobo un tempo de graza e reconciliación, aléntalo en Cristo para que volva a Ti, obedecendo máis plenamente ao Espírito Santo, e se entregue ao servizo de tódolos homes.

T:        Por iso, cheos de admiración e agradecemento, unimos as nosas voces ás dos coros celestiais para cantar a grandeza do teu amor e proclamar a ledicia da nosa salvación: SANTO...

 

S:        Oh Deus, que desde o principio do mundo fas canto nos convén, para que sexamos santos coma Ti mesmo es santo, mira ao teu pobo aquí reunido e derrama a forza do teu Espírito, de maneira que estes dons sexan para nós Corpo e Sangue do teu amado Fillo Xesucristo, en quen nós somos fillos teus.

T:        Cando nós estabamos perdidos e eramos incapaces de volver a Ti, amáchesnos ata o extremo. O teu Fillo, que é o único xusto, entregouse a si mesmo nas nosas mans para ser cravado na cruz.

 

S:        Pero, antes de que os seus brazos estendidos entre o ceo e a terra trazasen o signo indeleble da túa alianza, quixo celebrar a Pascua cos seus discípulos. Mentres ceaba con eles, colleu o pan nas súas mans, rezou a bendición, partiuno e déullelo, mentres dicía:

            Tomade e comede todos del, pois isto é o meu corpo que se vai entregar por vós.

            De igual modo, ao final da cea, tomou tamén o cáliz, deuche grazas de novo, rezou a bendición, e pasóullelo aos seus discípulos, mentres dicía:

            Tomade e bebede todos del, pois este é o cáliz do meu sangue, o sangue da alianza nova e eterna, que se vai verter por vós e por tódolos homes, para o perdón dos pecados. facede isto en memoria de min.

            Velaquí o misterio da nosa fe.

T.-       Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección, ven, Señor

S:        Cristo entregouse por nos.

 

T:        Pola túa cruz e resurrección, nos salvaches, Señor. Así, pois, ao facer o memorial de Xesucristo, a nosa Pascua e a nosa paz definitiva, e celebrar a súa morte e resurrección, na esperanza do día feliz do seu retorno, ofrecémosche, Deus fiel e verdadeiro, a Vítima que devolve a túa graza aos homes.

 

S:        Mira con amor, Pai de bondade, a quen chamas a unirse a Ti, e concédelles que, participando do único sacrificio de Cristo, formen, pola forza do Espírito Santo, un só corpo, no que non haxa ningunha división. Gárdanos a todos en comuñón de fe e amor co Papa e o noso Bispo.

T:        Axúdanos a preparar a vinda do teu reino, ata a hora na que nos presentemos ante Ti, santos entre os santos do ceo, con Santa María, a Virxe, e os apóstolos, e cos nosos irmáns defuntos, que confiamos á túa misericordia.

 

S:        Entón, na creación nova, liberada por fin de toda corrupción, cantarémosche a acción de grazas de Xesucristo, o teu Unxido que vive eternamente.

S + T:  Por Cristo, con EL e Nel, a ti Deus Pai omnipotente, en unión co Espírito Santo, todo honor e toda a gloria por sempre eternamente. Amén. 

 

PREGARIA EUCARÍSTICA  ( II )

A reconciliación con Deus, fundamento da concordia humana

 

    Dámosche grazas, Pai todopoderoso, por medio de Xesucristo, o noso Señor, e loámoste pola obra admirable da redención.

    Pois, nunha humanidade dividida polas inimizades e as discordias, ti dirixes as vontades para que se dispoñan á reconciliación. O teu Espírito move os corazóns para que os inimigos volvan á amizade, os adversarios se dean a man e os pobos busquen a unión.

 

    Coa túa acción eficaz consegues que as loitas se calmen e creza o desexo da paz; que o perdón venza o odio e a indulxencia a vinganza.

    Por iso, debemos darche grazas continuamente e loarte cos coros celestiais, que te aclaman sen cesar: Santo, Santo, Santo...

 

    A ti, pois, Pai, que gobernas o universo, bendicímoste por Xesucristo, o teu Fillo, que veu no teu nome. El é a palabra que nos salva, a man que tendes aos pecadores, o camiño que nos conduce á paz.

    Deus, noso Pai, apartámonos de ti e reconciliáchesnos polo teu Fillo, a quen entregaches á morte para que nos convertésemos ao teu amor e nos amásemos uns a outros.

    Por iso, celebrando este misterio de reconciliación, rogámosche que santifiques co orballo do teu Espírito estes dons, para que sexan o Corpo e o Sangue do teu Fillo, mentres cumprimos o seu mandato. Porque el mesmo, cando ía entregar a súa vida pola nosa liberación, estando sentado á mesa, tomou pan nas súas mans, dando grazas, bendiciuno, partiuno e déullelo aos seus discípulos, dicindo:

       Tomade e comede todos del, porque isto é o meu Corpo, que será entregado por vós.

       Do mesmo xeito, aquela noite, tomou o cáliz e, proclamando o teu misericordia, pasóullelo aos seus discípulos, dicindo:

        Tomade e bebede todos del, porque este é o cáliz do meu Sangue, Sangue da alianza nova e eterna, que será derramada por vós e por todos os homes para o perdón dos pecados. Facede isto en conmemoración miña.

         Este é o Sacramento da nosa fe.

    Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. ¡Ven, Señor Xesús!

 

    Señor, noso Deus, o teu Fillo deixounos esta prenda do seu amor. Ao celebrar, pois, o memorial da súa morte e resurrección, ofrecémosche o mesmo que ti nos entregaches: o sacrificio da reconciliación perfecta.

    Acéptanos tamén a nós, Pai santo, xuntamente coa ofrenda do teu Fillo; e na participación deste banquete concédenos o teu Espírito, para que desapareza todo obstáculo no camiño da concordia e a Igrexa resplandeza no medio dos homes como signo de unidade e instrumento da túa paz.

 

    Que este Espírito, vínculo de amor, nos garde en comuñón co Papa, co noso bispo, cos demais bispos e todo o teu pobo santo.

    Recibe no teu reino aos nosos irmáns que se durmiron no Señor e a todos os defuntos cuxa fe só ti coñeciches.

    Así como nos reuniches aquí arredor da mesa do teu Fillo, unidos con María, a Virxe Nai de Deus, e con todos os santos, reúne tamén os homes de calquera clase e condición, de toda raza e lingua, no banquete da unidade eterna, nun mundo novo onde brille a plenitude da túa paz, por Cristo, noso Señor.

     Por Cristo, con El e Nel, a ti, Deus Pai omnipotente, na unidade do Espírito Santo, todo honra e toda gloria por sempre eternamente. Amén.

 

 

PREGARIA EUCARÍSTICA: RECONCILIACIÓN  ( III )

 

S.- Bendicímosche, Pai misericordioso, e dámosche grazas polo teu amor para con todas as túas criaturas. Es un Deus santo e esixes santidade. Es un Deus xusto e pides xustiza.

       T.- Sempre falaches aos  homes buscando o diálogo con eles e esperando unha resposta. Mais non sempre a recibiches deles.

 

S.- Con todo soubeches ser paciente e misericordioso en toda ocasión. Soubeches ver, tras o oído pechado e a boca muda do home, a súa debilidade, e perdoáchelo. Buscaches o home nos lugares máis apartados e encontráchelo nos labirintos máis recónditos.

T.- grazas  pola túa paciencia e pola túa bondade. Con tódolos homes reconciliados e con tódolos xustos que promoveron o perdón, cantamos o himno da túa santidade.

SANTO, SANTO, SANTO ES TI SEÑOR ...

 

S.- Dámosche grazas  por Xesucristo, nova criatura; pois pola súa mediación nos reconciliaches e nos confiaches o "servizo de reconciliar". Ti estabas e estás con El. Xesús, o teu Fillo, acolleu os pecadores e comeu con eles.

T.- Ti, Pai de todos, repartiches a túa facenda entre os teus fillos pródigos, que malgastan a fortuna dos teus dons "vivindo perdidamente". Non te cansas de esperar, perdoas sempre sen sombra de rancor e permites que celebremos a festa do retorno cando pedimos perdón.

 

S.- Ao lembrar hoxe o misterio do teu Fillo e a súa mensaxe de reconciliación, lembrámonos da súa entrega polo perdón de todos. Antes do seu prendemento, ao cear cos seus discípulos, colleu o pan nas súas mans, rezou a bendición, partiuno e déullelo, mentres dicía:

            Tomade e comede todos del, pois isto é o meu corpo que se vai entregar por vós.

            De igual modo, ao final da cea, tomou tamén o cáliz, deuche grazas  de novo, rezou a bendición, e pasóullelo aos  seus discípulos, mentres dicía:

            Tomade e bebede todos del, pois este é o cáliz do meu sangue, o sangue da alianza nova e eterna, que se vai verter por vós e por tódolos homes, para o perdón dos pecados. facede isto en memoria de min.

            Velaquí o misterio da nosa fe ....

T.- Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección, ven, Señor Xesús.

 

S.- Ao que non tiña pecado, Ti fixéchelo "expiar os nosos pecados", para que nós, unidos a El, recibamos a salvación.

T.- Lembrámonos da morte de Xesús, así como do seu triunfo e da súa volta cando Ti sexas todo en nós. Embriagados coa nosa propia forza, e cos bens usurpados ao irmán vivimos en "países afastados" coma fillos pródigos.

 

S.- Perdóanos, Señor. Dános o teu Espírito de reconciliación, para que saibamos "recapacitar". Moitas veces somos suficientes, duros cos nosos irmáns, rancorosos e envexosos, ao crernos fillos teus primoxénitos da túa herdanza.

            T.- Envíanos o Espírito de ledicia e festa, trócanos o traxe e o vestido, cálzanos sandalias novas, entréganos a alianza do teu amor para saber participar na túa festa.

 

S.- A Ti, Pai, por medio de Xesucristo, a nosa paz e o noso perdón, damos o noso honor e gloria polos séculos dos séculos.

T.- AMÉN