Advento e Nadal
PREGARIA EUCARÍSTICA: ADVENTO E NADAL
┼ Bendicímoste, Pai, e dámosche grazas porque nos permites vivir a proximidade da vinda do teu Fillo.
► Advento e Nadal son os tempos santos para lembrar ese achegamento do Mesías, do teu Unxido, que empeza co nacemento de Xesús, pero que só rematará o día da súa vinda última e gloriosa.
┼ Grazas porque nos enviaches o Salvador, porque co seu envío alentas en nós a esperanza: unha esperanza de redención que xa nunca desaparecerá do mundo.
► A persoa de Xesús, a historia da súa vida e da súa morte, fai firme a nosa confianza expectante.
┼ Non só desde o momento da súa morte e a súa resurrección, senón desde o instante da súa concepción e nacemento, El é o noso Mesías, o Mesías da humanidade, o que nos salva e nos libera.
► Grazas, Pai bo, porque no medio das nosas loitas e nas nosas crises fasnos descubrir no teu unixénito Xesucristo, o home singular que nos inspira unha fe firme, no logro último do noso destino colectivo e individual.
┼ Por iso cantamos gozosos e alegres o himno dos anxos e os arcanxos, dos querubíns e serafíns, dicindo con todos eles:
► SANTO...
┼ Agora queremos contemplar ao que vén no teu nome e pór a súa vida ante os nosos ollos, como o centro da nosa reunión e da nosa pregaria.
► Xesús, o teu Unxido, o noso Mesías, é o noso irmán, home coma nós e, á vez, é o teu Fillo, diferente de toda a humanidade.
┼ Nacido de María, fillo de Xosé, procede dunha vella familia xudía de raíces ancestrais, que se afunden no pasado dun pobo milenario.
► Xesús é o Fillo de Deus que vén de lonxe, no que culminan longos séculos de arelas e loitas.
┼ Pero o seu nacemento virxinal significa para nós a vertente máis oculta e misteriosa da súa persoa, sempre subtraída á nosa mirada inmediata.
► Xesús non ten pai terreo, porque che ten a Ti, Señor, como Pai único e directo. Deus, noso Señor: Ti estás unido a Xesús como o Pai ao fillo, de modo entrañable e radical.
┼ Cando Cristo dá a súa vida pola humanidade es Ti quen nel te nos dás e nel entrégaste a nós, selando con sangue da propia estirpe a nova alianza. En verdade, Xesús, a véspera da súa paixón, tomou o pan, deuche grazas, partiuno e déullelo dicindo:
Tomade e comede todos del, porque este é o meu Corpo, que será entregado por vós.
Do mesmo modo, tomou o cáliz, deuche grazas, e entregóullelo dicindo:
Tomade e bebede todos del, porque este é o cáliz do meu Sangue, Sangue da alianza nova
e eterna, que será derramado por vós e por todos os homes para o perdón dos pecados.
Facede isto en conmemoración miña.
Este é o sacramento da nosa fe.
► Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. ¡Ven, Señor Xesús!
┼ Facendo agora memoria do teu Fillo, da súa encarnación na humanidade, da súa morte e resurrección, pedímosche o envío do seu Espírito sobre a Igrexa.
► Lémbrate do Papa, dos nosos bispos e presbíteros, de todo o pobo de Deus esparexido polo mundo. Ten piedade dos nosos defuntos, que nos precederon na vida.
┼ Fai que a comunidade dos crentes sexa, como María, un sinal, un signo de esperanza redentora para todos, a nai que está encinta e dá a luz ao Deus connosco.
► Que a túa Igrexa sexa a mediadora entre os homes e mulleres que te buscan e Ti, que vés a eles no teu Fillo.
┼ ► A Ti, Pai, dámosche a gloria e a honra, por medio de Xesucristo, no Santo Espírito, por sempre eternamente. Amen.
PREGARIA EUCARÍSTICA: VÉN O SEÑOR
S.- Pai, coa boca chea de cantares e o corazón desbordante de ledicia, ollámoste riseiros e bendicímoste cos ollos cheos de luz.
T.- Porque Ti es o Deus da ledicia, fonte da vida, manancial da luz, orixe da danza, o ritmo e o xogo. Na túa honra se acenden as fogueiras das festas e brincan os corazóns, arredor do viño, a comida, o algareo e a hospitalidade.
S.- Cando escoitamos o teu Evanxeo, todo danza, e énchesenos o corazón de música, e vémonos abocados a compartir o clima da fraternidade.
T.- Unidos nesta comunidade, cantámosche a unha voz o himno de loanza: Santo…
S.- Con xúbilo, recoñecemos que es Deus: o Deus dos cativos devoltos á súa patria, o Deus dos exiliados atopados, o Deus dos marxinados aceptados, o Deus dos que segan con gozo despois de ter sufrido na sementeira.
T.- Ti suscitaches entre nós a Xesús. O seu anuncio encheu de gozo á súa nai María e fixo dar brincos de alegría a Xoán. O seu nacemento foi unha gran festa, que anunciou a aurora, erguendo os pastores do seu sono, e sobresaltou os poderosos.
S.- Deu confianza ao home, presentando a dor como un dar a luz gozoso. El mesmo esgotou o cáliz da amargura e pasou o túnel da morte. Pero atopouse coa vida, porque levaba dentro a súa faísca que ninguén puido apagar. Os seus amigos sabémolo e cáusanos unha profunda ledicia.
T.- Inmersos no seu mesmo espírito, celebramos o gozo da comuñón, xa que a nosa unión con El e o amor fraternal son a fonte da nosa festa.
S.- Así celebrou a derradeira cea a véspera de ser axustizado, rodeado daqueles a quen quería entregouse plenamente por eles e por toda a humanidade, e deixouno ben patente cando colleu o pan nas súas mans, rezou a bendición, partiuno e déullelo, mentres dicía:
Tomade e comede todos del, pois isto é o meu Corpo que se vai entregar por vós.
De igual modo, ao final da cea, tomou tamén o cáliz, deuche grazas de novo, rezou a bendición, e pasóullelo aos seus discípulos, mentres dicía:
Tomade e bebede todos del, pois este é o cáliz do meu Sangue, o Sangue da alianza nova e eterna, que se vai verter por vós e por todos os homes, para o perdón dos pecados. facede isto en memoria de min.
S.- Velaquí o misterio da nosa fe.
T.- Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección, ven Señor Xesús.
S.- Con que ledicia, Pai, anunciamos o triunfo de Xesús sobre a morte.
T.- El é a fonte da nosa esperanza. El é o símbolo do mundo polo que traballamos. No medio da festa do perdón, erguemos a nosa copa e brindamos na túa honra. Por Ti, Pai, polos séculos dos séculos. Amén
PREGARIA EUCARÍSTICA: VIXILIA DE NADAL
S.- Nesta noite, queremos, noso Deus, cantarche a nosa acción de grazas.
Facémolo coa confianza e liberdade que nos proporciona o sabernos fillos teus, grazas á encarnación do teu Unixénito.
T.- No silencio dos nosos corazóns fomos escoitando e meditando a palabra que Ti nos dirixías. Con sorpresa, ledicia e emoción percibimos que Alguén nos falaba desde máis aló das fronteiras humanas.
S.- Cando descubrimos o mundo da natureza, o amencer e o solpor, as estrelas e o sol, as paisaxes da montaña, do mar e da planicie, sentimos a Palabra da túa bondade e a túa beleza.
T.- Cando atopámola amizade doutros homes, cando descubrimos o amor, no namoramento e na familia, cando contemplamos a entrega de tantas persoas solidarias, decatámonos de que Ti te revelabas, por iso che cantamos...
Ao Señor, noso Deus, todo o mundo o bendí, todo o mundo o proclama e
cantándolle di: Santo, santo, santo é o Señor (bis). Hosanna, hosanna, bendito o
que vén, o que vén no nome do Señor (bis)
S.- Bendicímoste, Pai, ó celebra-lo nacemento do teu Fillo.
Nel fixécheste presente entre nós, para comunicarnos que estabamos destinados á plenitude
feliz que, desde sempre, Ti quixeches para todos os homes.
T.- Na noite da falta de horizontes acéndese, desde a cova de Belén, a luz que dá senso ás nosas
vidas, que dá enerxía ó noso amor e fundamento á nosa esperanza.
S.- Como os anxos daquela noite luminosa, podemos cantar os parabéns a todas as
persoas porque Deus as ama. Ese amor ficou plasmado polo teu Fillo durante a cea
daquela véspera da súa morte, cando tomou o pan e deu grazas, partiuno e déullelo
aos seus discípulos, mentres dicía :
TOMADE E COMEDE TODOS DEL, POIS ISTO É O MEU CORPO QUE SE VAI
ENTREGAR POR VÓS.
De igual modo, ao final da cea, tomou o cáliz, deu grazas e pasóullelo aos seus discípulos, mentres dicía :
TOMADE E BEBEDE TODOS DEL, POIS ISTO É O CÁLIZ DO MEU SANGUE, O
SANGUE DA ALIANZA NOVA E ETERNA, QUE SE VAI VERTER POR VÓS E POR
TODOS OS HOMES, PARA O PERDÓN DOS PECADOS. FACEDE ISTO EN MEMORIA
DE MIN.
Velaquí o misterio da nosa fe.
T.- Anunciamos a túa morte,...
S.- Polo tanto, Señor, ao celebrar o memorial da encarnación,vida, morte e resurrección do teu Fillo, ofrecémosche esta
acción de grazas.
T.- Pedímosche Luz para a nosa existencia, que non deixes de enviar o teu Espírito sobre nós e sobre estes dons, para que
aqueles que coman deste pan e fagan carne da súa carne a túa Palabra.
S.- Lémbrate, Señor, dos que sofren. Ten da túa man os nosos defuntos. Fortalece á túa Igrexa para que sempre
sexa testemuña do teu amor.
S+T.- Por Cristo, con El e nel, a Ti, Deus Pai omnipotente, na unidade do Espírito Santo, todo honor e toda gloria por
sempre eternamente. Amén.
PREGARIA EUCARÍSTICA DE NOITEBOA
S Cando descubrimos o mundo da natureza, o amencer e o solpor, as estrelas, e o sol, as paisaxes da montaña, do mar e da planicie, sentimos a Palabra da túa bondade e a túa beleza.
T Cando atopamos a amizade doutros homes e mulleres, cando descubrimos o amor no namoramento e na familia, cando contemplamos a entrega de tantas persoas solidarias, decatámonos de que Ti te revelabas, por iso che cantamos
S Bendicímoste, Pai, ao celebrar o nacemento do teu Fillo. Nel fixécheste presente entre nós, para comunicarnos que estabamos destinados á plenitude feliz que, desde sempre, Ti quixeches para todos os teus fillos e fillas.
T Na noite da falta de horizonte acéndese, desde a cova de Belén, a luz que dá sentido ás nosas vidas, que dá enerxía ao noso amor e fundamento á nosa esperanza.
S Polo tanto, Señor, ao celebrar o memorial da encarnación, vida, morte e resurrección do teu Fillo, ofrecémosche esta acción grazas.
T Pedímosche luz para a nosa existencia, que non deixes de enviar o teu Espírito sobre nós e sobre estes dons, para que aqueles que coman deste pan, fagan carne da súa carne a túa Palabra.
S T: Por Cristo, con el e nel, a ti Deus Pai omnipotente, en unión co Espírito Santo, todo honor e toda a gloria por sempre eternamente. Amén.
TEMPO PASCUAL
PASCUA DE RESURRECCIÓN
S.- É xusto e necesario, Señor, aclamar o teu nome e bendicirte neste tempo de Pascua de Resurrección. Aínda que vivamos na penumbra da fe, como María Madalena, albiscamos que foi removida a lousa que pesaba sobre as nosas esperanzas.
T.- Oímos o anuncio gozoso do anxo: Ti resucitaches o teu Fillo de entre os mortos. E oímos a voz de Xesús que nos di: "Eu son o que vive, estaba morto e, xa vedes, vivo polos séculos dos séculos".
S.- Non só resucitaches o teu Fillo, Deus noso Pai, senón que quixeches que esa nova resurrección, que é o seu corpo glorioso, irrompa dentro da nosa vella terra, para que as persoas poidamos percibir ese novo comezo que estableciches na nosa historia.
T.- Agora tamén queremos percibir no medio da nosa reunión, baixo o veo dos signos sacramentais, a voz de Xesús que nos di: "Son eu, non temades; tocade o meu corpo, sacade pan e viño, celebremos a festa da nova vida".
S.- Ante esta revelación sentimos o pasmo e o temor pero tamén o gozo e a ledicia. Unha inmensa esperanza xorde nos nosos corazóns e rompemos a cantar o himno dos anxos dicindo:
T.- Ao Señor, noso Deus, todo o mundo bendí, todo o mundo o proclama e cantando lle di: Santo, santo, santo é o Señor. Hosanna, hosanna, bendito o que vén, o que vén no nome do Señor.
S.- Santo es, en verdade, Deus noso Pai, porque a resurrección de Xesús apóiase en Ti, non na invención dos discípulos. Eles non a inventan, só transmiten esta boa nova de xeración en xeración
T.- Nós agora, contaxiados polo testemuño e a fe dos apóstolos, temos a experiencia de que a causa de Xesús segue. Temos fe en Cristo vivente agora, sentimos a súa presenza a carón de nós, como o home real que inaugurou e segue instaurando as primicias dun futuro de esperanza para o mundo.
S.- Sabemos que ese futuro de gloria pasa pola proba da cruz. O que resucita é o que foi crucificado e pasou tres días baixo a terra.
T.- Por iso facemos memoria neste sacramento non só da súa resurrección senón tamén da súa paixón e morte.
S.- Xesús, antes de morrer, reuniuse cos seus discípulos, tomou o pan, deu grazas, partiuno e déullelo aos seus discípulos, mentres dicía:
Tomade e comede todos del, pois isto é o meu corpo que se vai entregar por vós.
De igual modo, ao final da cea, tomou tamén este cáliz glorioso nas súas santas e venerables mans, deuche grazas de novo, rezou a bendición, e pasóullelo aos seus discípulos, mentres dicía:
Tomade e bebede todos del, pois este é o cáliz do meu sangue, o sangue da nova e eterna alianza, que se vai verter por vós e por todos os homes para o perdóns dos pecados. Facede isto en memoria de min.
Velaquí o misterio da nosa fe.
T.- Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección, ven Señor Xesús.
S.- Facemos memoria, Deus Pai, da morte e resurrección do teu Fillo mentres te ofrecemos o seu sacrificio vivificante e te loamos porque en Cristo xurdido de entre os mortos, revelaches o poder oculto da súa cruz.
T.- O poder do seu amor obediente ata a morte, a forza das súa entrega aos homes. Aí reveláchesnos o teu propio poder e forza.
S.- Envía o teu Espírito para que consume a obra iniciada polo teu Fillo. O Resucitado tomou consigo o mundo encamiñándoo cara á súa resurrección e gloria.
T.- Que un día resucitemos todos co noso corpo, con ese anaco de mundo que somos nós e, así, se consume a transfiguración universal.
S.- Que a túa Igrexa, co Papa, cos seus bispos, sacerdotes, relixiosos e fieis sexa semente da nova terra e dos novos ceos que ti desexas.
T.- Concede a túa paz e a túa compaña aos defuntos. Dános a todos un corazón acolledor para con todos os teus fillos, os homes e mulleres do mundo.
S + T.- : Por Cristo, con El e Nel, a ti, Deus Pai omnipotente, na unidade do Espírito Santo, todo honor e toda gloria, por sempre eternamente. Amén.
O DON DO ESPIRITO
S: E verdade, bo e xusto que che deamos as grazas, Pai, sempre e en todo lugar, por tódolos dons que continuamente nos concedes. Pero hoxe queremos bendicirte por algo especial: polo don do Espírito que polo teu Fillo fas ao mundo.
T: Ante tanta escuridade, incerteza e inseguridade, nos diriximos cara a Ti, e dicímosche que cremos na forza creadora do Espírito, deste mesmo Espírito, que xa o día da creación o enchía todo; que ordenaba tódalas cousas, que as deu vida, enchendo especialmente de vitalidade ó home para que perfeccione as cousas e consiga unha nova terra. Cremos que actúa tamén nos nosos días, nos nosos ambientes e nas nosas cousas. Este mesmo Espírito nos impulsa a servirte nos homes.
S: Bendicímoste e dámosche grazas por Xesucristo, cheo do teu Espírito desde o seo de María. Polo teu Espírito conducíchelo ó deserto, coa súa forza implantaba o reino, evanxelizando os pobres, axudando e fortalecendo a todos, servindo e amando. Por iso proclamamos a túa bondade e maxestade cantando:
Santo, Santo, Santo es ti, Señor, Deus do universo. Enches o ceo e mais a terra coa túa gloria. Hosanna no ceo! Bendito o que vén no nome do Señor. Hosanna no ceo!
S: Santo es, Señor, porque quixeches que a plenitude do Espírito, que enchía ó teu Fillo, se transmitira a todo.
T: El comunicouna aos seus apóstolos o día de Pascua e enviouna á súa Comunidade reunida para facela testemuña súa e transmisora do Espírito en todos os lugares e tempos.
S: Que ese mesmo misterio se renove entre nos. Envía o teu Espírito sobre estes dons para que sexan Corpo e Sangue de Xesús. O cal, a noite da súa despedida, cando ceaba cos seus discípulos, colleu o pan e rezou a bendición, partiuno e déullelo, mentres dicía:
TOMADE E COMEDE TODOS DEL, POIS ISTO É O MEU CORPO
QUE SE VAI ENTREGAR POR VÓS.
De igual modo, tomou o cáliz con viño, deu grazas e pasóullelo aos seus discípulos, mentres dicía: TOMADE E BEBEDE TODOS DEL, POIS ESTE É O CÁLIZ DO MEU SANGUE,
O SANGUE DA ALIANZA NOVA E ETERNA, QUE SE VAI VERTER POR VÓS
E POR TODOS OS HOMES, PARA O PERDÓN DOS PECADOS.
FACEDE ISTO EN MEMORIA DE MIN.
S. Velaquí o misterio da nosa fe.
T. Anunciamos a túa morte, proc1amamos a túa resurrección: Ven, Señor Xesús!
S: Así, Pai, conmemoramos o misterio do teu Fillo, a súa morte, a súa glorificación e o envío do teu Espírito, en quen nos atopámo-la vida e a plenitude. E posto que renovamos ante Ti este misterio fai de nos homes e mulleres do Espírito.
T: Concédenos que como tantos que nos precederon: María, Francisco, Xoán de la Salle...sexamos polo Espírito testemuñas de Cristo en todo momento. Que o Espírito nos dea forza para loitar pola verdade, a xustiza e o amor, luz para comprender a todos, axuda para servir, profundidade para amar, paciencia para agardar.
S: Que o teu Espírito de amor consume a unidade da túa Igrexa. Fainos sensibles á acción do Espírito no mundo e na historia.
T: Por Cristo, con El e Nel, a ti, Deus Pai omnipotente, na unidade do Espírito Santo, todo honor e toda gloria, por sempre eternamente. Amén.
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Coresma
PREGARIA EUCARÍSTICA (Coresma)