Sobre a esperanza
S Dámosche grazas, pai Santo, Deus xuto e misericordioso, porque a esperanza que en ti poñen os pobres, non foi nin será nunca defraudada.
T Ti es a forza dos débiles, es o Deus liberador, o Deus que salva.
S Cando o teu pobo estaba escravizado enviaches a Moisés para liberalo no teu nome: Ti dobregaches o orgullo dos faraóns, e fuches diante do pobo peregrino ata a terra prometida.
T Dámosche grazas polo teu fillo e irmán noso, Xesucristo, que puxo a súa vida ao servizo dos cansos e angustiados.
S Nel cumpríronse as túas promesas; El abriu os ollos cegos e os oídos xordos, proclamou liberación aos cativos e oprimidos neste tempo de graza do Señor.
T El é o signo visible do teu Reino. Ao pasar deste mundo a Ti, a través dunha morte inxusta, venceu a mesma morte no seu dominio e conseguiu a liberación total.
S Por todo iso, unimos as nosas voces ao pobo que ti amas para cantarche o himno da túa gloria.
T Santo, santo, santo es Ti, Señor, Deus do universo. Énchelo ceo e mais a terra coa túa gloria. Hosanna no ceo. Bendito o que vén no nome do Señor. Hosanna no ceo.
S Noso Deus, Pai dos pobres, dos reducidos ao silencio, dos que non poden oír palabras de esperanza, dos que camiñan buscando a luz e nunca chegan aos primeiros postos: envía o teu Espírito no medio de nós, o Espírito que conduciu a Xesús.
T Que El transforme a pobreza dos nosos dons en pan de vida e viño de salvación, para que celebremos a Pascua do Señor.
S El, na noite en que ía ser entregado, mentres estaba á mesa cos seus discípulos, colleu o pan e rezou a bendición, partiuno e déullelo, mentres dicía: TOMADE E COMEDE TODOS DEL, POIS ISTO É O MEU CORPO QUE SE VAI ENTREGAR POR VÓS.
De igual modo, tomou o cáliz con viño, deu grazas e pasóullelo aos seus discípulos, mentres dicía: TOMADE E BEBEDE TODOS DEL, POIS ESTE É O CÁLIZ DO MEU SANGUE, O SANGUE DA ALIANZA NOVA E ETERNA, QUE SE VAI VERTER POR VÓS E POR TODOS OS HOMES, PARA O PERDÓN DOS PECADOS. FACEDE ISTO EN MEMORIA DE MIN.
Velaquí o misterio da nosa fe.
T. Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección: Ven, Señor Xesús!
------------------------------------------------------
T Ao recordar a morte de Xesús e a súa resurrección liberadora, anunciamos ao mundo a esperanza segura na salvación do noso Deus.
S Acepta, Pai, co corpo entregado e o sangue derramado de Xesús, o noso desexo de superar o mal, e a nosa solidariedade cos necesitados de pan, de liberdade e de palabra.
T Acórdate de todos os cristiáns en dificultade. Acórdate dos nosos irmáns, os homes que están nos cárceres ou no desterro, dos marxinados polo medo ou a ignorancia e de todos os pobres e enfermos.
S Dá forza aos débiles e confianza aos desesperados. Acórdate dos que xa morreron ofrecendo a súa vida por un mundo máis humano e máis xusto; admite a todos os defuntos no teu reino de amor.
T Dá á túa Igrexa luz e fortaleza para non dobregarse ante os fortes e levar a súa salvación aos humildes; que saiba presentar aos homes a verdadeira imaxe do teu Fillo Xesucristo.
S Por El queremos darche grazas e loarte, celebrando a alegría da túa salvación:
T Por Cristo, con El e nel, a Ti, Deus Pai omnipotente, na unidade do Espírito Santo, todo honra e toda gloria polos séculos dos séculos. AMÉN.