Semana XIII

 
 

SEMANA 13ª DO TEMPO ORDINARIO

 

 

 

377.- LUNS

 

ANO 1

PRIMEIRA Xén 18, 16-33

¿Condenara-lo xusto co impío?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

16Os homes erguéronse da aciñeira de Mambré e ollaron cara a Sodoma. Abraham

acompañábaos para lles da-la despedida. 17O Señor dixo para si: -"¿Voulle esconder a

Abraham o que penso facer? 18Abraham converterase nun pobo grande e podente e nel

veranse benditas tódalas nacións da terra. 19Escollino para que lles mande a seus fillos,

a toda a súa casa e ós seus descendentes mantérense nos camiños do Señor, obrando con

rectitude e con xustiza, de xeito que o Señor lle outorgue a Abraham o que lle

prometeu".

 

20O Señor seguiu dicindo: -"O clamor contra Sodoma e Gomorra é moi grande; o seu

pecado é grave. 21Vou baixar e ver se este clamor que chega onda min corresponde cos

feitos; e se non, sabereino". 22Os homes dirixíronse desde alí cara a Sodoma, pero

Abraham quedou diante do Señor. 23Abraham adiantouse cara ó Señor e preguntoulle:

-"¿Por caso aniquilaría-los inocentes cos culpables? 24Se houbese cincuenta xustos na

cidade, ¿aniquilaríalos tamén, e non perdoaría-lo lugar por mor dos cincuenta xustos que

houber nel? 25¡Lonxe de ti facer tal cousa! Mata-lo inocente co culpado, e que teñan os

dous a mesma sorte. ¡Lonxe de ti! O que xulga a terra enteira, ¿non vai facer xustiza?"

 

26O Señor respondeu: -"Se houbese cincuenta xustos en Sodoma, perdoaría a toda a

cidade por mor deles".

 

27Abraham insistiu: -"Perdoa o atrevemento de lle falar ó meu Señor, sendo eu po e

cinsa. 28Se para cincuenta xustos faltan cinco, ¿aniquilarías por culpa dos cinco toda a

cidade?"

 

Respondeu o Señor: -"Non a destruirei, se atopo corenta e cinco".

 

29Abraham insinuou: -"Se cadra, hai corenta".

 

El respondeu: -"Non o farei, en vista dos corenta".

 

30Abraham dixo: -"Que non se enfade o meu Señor, se volvo falar aínda. ¿E se houbese

trinta?"

 

El respondeu: -"Non o farei, se atopo trinta".

 

31Abraham teimou aínda: -"Voume atrever a lle falar outra vez ó meu Señor. Podería

ser que houbese vinte".

 

Respondeu o Señor: -"Non a destruirei en gracia ós vinte".

 

32Abraham dixo: -"Que non se alporice o meu Señor, e falarei aínda unha vez. ¿E se

houbese dez?"

 

El respondeu: -"Non a destruirei por mor dos dez".

 

33Desque acabou de falar con Abraham, o Señor retirouse, e Abraham volveu ó seu

lugar.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 102, 1-2. 3-4. 8-9. 10-11

R/ (8a): O Señor é misericordioso e clemente

 

Alma miña, bendice ó Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

2Alma miña, bendice ó Señor,

non esquéza-los seus beneficios.

 

3El perdoa as túas culpas

e sanda as túas doenzas;

4rescata a túa vida da morte

e coróate de amor e de tenrura;

 

8O Señor é misericordioso e clemente,

tardo á ira e rico en mercedes.

9Non contende por moito tempo

nin se anoxa para sempre.

 

10Non nos trata conforme ós nosos erros

nin nos paga conforme ás nosas culpas.

11Canto se alza o ceo sobre a terra,

así é grande o seu amor para os que o temen;

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Am 2, 6-10. 13-16

Refregan contra o po a cabeza dos mendigos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS

 

6Así di o Señor:

"Por causa de tres delitos de Israel

e mais por catro non me hei domear:

Por venderen o honrado por diñeiro

e o necesitado pola débeda dun par de sandalias.

7Refregan contra o po a cabeza dos mendigos

e desviaron o vieiro dos pobres;

pai e fillo xúntanse coa mesma moza

para profana-lo meu santo nome;

8estran o leito con roupas collidas en prenda

a carón dun altar calquera,

beben viño cos cartos requisados

no templo do seu deus.

 

9Cando fora eu o que exterminara por causa deles os amorreos,

que eran altos coma cedros e fortes coma carballos,

destruíndo o seu froito por riba

e as súas raiceiras por baixo.

10Eu fíxenvos subir desde o país de Exipto

guiándovos pola estepa corenta anos

para darvos en posesión a terra dos amorreos;

13Pois, velaquí, eu vou facer regos no chan debaixo vosa

coma os que fai un carro ateigado de monllos.

 

14Daquela non vai poder fuxi-lo áxil,

nin a forza sosterá ó forte

nin o soldado de avangarda salvará a vida;

15o arqueiro non se vai ter en pé,

o de pés lixeiros non escapará

nin o que vai de a cabalo salvará a vida;

16o máis valente de entre os paladíns

fuxirá espido naquel día" -Oráculo de Iavé-.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 49, 16bc-17. 18-19. 20-21. 22-23

R/ (22a): Entendede ben isto, os que esquecedes a Deus

 

16-"¿Para que recíta-los meus mandatos

e levas na boca a miña alianza,

17ti que despréza-la instrucción

e te viras de costas contra os meus preceptos?

 

18Cando ves un ladrón, corres con el

e entre os adúlteros atópa-lo teu sitio.

19Abre-la boca para o mal

e a túa lingua trama o engano.

 

20A penas sentas, falas do irmán

e tíraslle a sona á filla da túa nai.

21Cando isto fas, ¿terei eu que calar?

¿Pensas que son coma ti?

Repréndote e acúsote á cara".

 

22Entendede ben isto, os que esquecedes a Deus,

antes que vos destroce, sen que ninguén vos salve.

23O que ofrece louvanza dáme gloria;

ó que vai por bo camiño

dareille a salvación de Deus.

 

 

 

ALELUIA Cf Sal 94, 8ab:

Hoxe, non endurezáde-los vosos corazóns,

senón escoitade a voz do Señor

 

 

 

EVANXEO Mt 8, 18-22

Sígueme

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 

18Vendo Xesús que o rodeaba un mundo de xente, ordenou pasar para a outra banda.

19E achegándose a el un letrado díxolle:

-Mestre, seguireite vaias a onde vaias.

 

20Respondeulle Xesús:

-As raposas teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o Fillo do Home non ten onde

pousa-la cabeza.

 

21Outro dos seus discípulos díxolle:

-Señor, deixa que vaia primeiro enterrar a meu pai.

 

22Xesús respondeulle:

-Ti sígueme, e deixa que os mortos enterren ós mortos.

 

 

 

378.- MARTES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Xén 19, 15-29

O Señor fixo chover sobre Sodoma e Gomorra lume e xufre

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

15Os anxos, ó amañecer, espabilaron a Lot: -"Érguete, e leva de aquí a túa muller e as

dúas fillas, non sexa que perezades coa cidade de Sodoma". 16Como el se demorase,

agarrárono da man, a el, á súa muller e as dúas fillas. Pola compaixón de Deus con el,

sacáronos e deixáronos fóra da cidade. 17Alí fóra dixéronlle: -"Fuxe, salva a túa vida.

Non olles para atrás. Non te deteñas nesta veiga. Corre á montaña, se non queres

perecer".

 

18Lot respondeulle: -"Non, Señor meu, por favor. 19Xa que mostráche-lo teu favor a

este teu servo e me trataches con amor, salvándome a vida, mira que non vou poder

chegar ata a montaña, antes de que me acade a desgracia e morra. 20Aí preto está esa

pequena vila, para fuxir alá e salva-la vida nela. ¿Non é cousa ben pequena? E alí

salvarei a vida".

 

21El respondeulle: -"Tamén che concederei este favor de non destruí-la vila da que

falas. 22Corre de présa e ponte a salvo nela, pois non podo facer nada ata que ti chegues

alá". Por iso puxéronlle a esa vila o nome de Soar. 23O sol saía polo horizonte cando

Lot chegou a Soar.

 

24O Señor fixo chover sobre Sodoma e Gomorra xofre e lume desde o ceo. 25Destruíu

as cidades e a veiga ó arredor, cos seus moradores todos e coa súa vexetación. 26A

muller de Lot mirou para atrás, e trocouse en estatua de sal. 27Abraham ergueuse cedo,

para ir de contado ó lugar onde estivera co Señor. 28Ollou cara a Sodoma, Gomorra e

toda a veiga, e viu que do chan subía fume, coma fume dun forno. 29O destruí-las

cidades da veiga, Deus pensou en Abraham, e librou a Lot do aniquilamento das cidades

onde estaba.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 25, 2-3. 9-10. 11-12

R/ (3a): Teño ante os ollos, Señor, a túa misericordia

 

2Examíname, Señor, e ponme á proba,

esculca o meu interior e o meu corazón.

3Teño ante os ollos a túa misericordia

e ando na túa verdade.

 

 9Non xúnte-la miña alma cos pecadores,

a miña vida coa xente sanguinaria,

10que leva o crime nas mans,

chea de suborno a súa dereita.

 

11A miña conducta é inocente.

Sálvame; ten compaixón de min.

12O meu pé mantense en bo camiño;

nas asembleas bendigo ó Señor.

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Am 3, 1-8; 4, 11-12

O Señor, Deus, falou; ¿quen non profetizará?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS

 

3 1Escoitade esta palabra que Iavé pronuncia contra vós, israelitas, contra toda a caste

que fixen subir do país de Exipto:

2"A vós sós elixín

de entre as familias da terra,

por iso vouvos pedir contas

de tódalas vosas maldades".

3¿Camiñarán dous xuntos

se antes non se deron cita?

4¿Bramará o león no mato

se aínda non ten a presa?

¿Ergue a voz o leonciño desde a súa cova

se aínda non cazou?

5¿Cae o paxaro por terra

se non o alcanzou a trapela?

¿Salta a rede do chan

se non pillou nada?

6¿Tócase a trompeta na vila

sen que o pobo se altere?

¿Pasa unha desgracia na vila

sen que Iavé a cause?

 

7Abofé que o Señor Iavé nada fai sen descubri-lo seu propósito

ós seus servos, os profetas.

8Berrou o león, ¿quen non tremerá?

Falou o Señor Iavé, ¿quen non profetizará?

11Derrubeivos coma derrubara Deus a Sodoma e Gomorra

e quedastes coma muxica saída dun incendio,

mais non volvestes a min

 

-Oráculo de Iavé-.

12Por iso voute tratar deste xeito, Israel;

e porque te vou tratar así

aparéllate para o encontro co teu Deus".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 5, 5-6. 7. 8

R/ (9a): Condúceme, Señor, na túa xustiza

 

 5Ti non es un Deus que queira a maldade:

non lles dás hospedaxe ós malvados

6nin os soberbios se sosteñen ante ti.

 

Aborréce-los malfeitores

7e pérde-los mentireiros;

ós falsos e sanguiñentos

abomínaos o Señor.

 

 8Mais eu, pola túa moita bondade,

podo entrar na túa casa.

Postrareime diante do teu templo,

cheo do teu temor.

 

 

 

ALELUIA Sal 129, 5:

Espero no Señor,

espero na súa palabra

 

 

 

EVANXEO Mt 8, 23-27

Erguéndose, increpou ó vento e ó mar, e fíxose unha inmensa calma

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

23Subiu Xesús á barca, e seguírono os seus discípulos. 24De súpeto levantouse tan

grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía. 25Os discípulos

fórono espertar, exclamando:

-¡Señor, sálvanos que afogamos!

 

26El díxolles:

-¿Por que vos acovardades, homes de pouca fe?

 

E poñéndose de pé increpou os ventos e mailo mar, e veu unha grande calma. 27Os

homes, abraiados, dicían:

-¿Quen será este que mesmo os ventos e mailo mar lle fan caso?

 

 

 

 379.- MÉRCORES

 

ANO 1

PRIMEIRA Xén 21, 5. 8-20

Non será herdeiro o fillo da escrava xuntamene co meu fillo Isaac

PROCLAACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

5Abraham tiña cen anos cando lle naceu Isaac.

 

 8Medrou o neno, e destetárono. O día que destetaron a Isaac, Abraham deu un xantar.

 

9Viu Sara o fillo que a exipcia Hagar lle dera a Abraham xogando con Isaac, 10e díxolle

a Abraham: -"Bota fóra esa escrava con seu fillo, pois o fillo desa escrava non herdará

con meu fillo Isaac".

 

11A cousa doeulle a Abraham, pois tratábase de seu fillo. 12Pero Deus díxolle: -"Non

teñas dó do neno nin da escrava. Fai o que Sara che di, pois por Isaac pasará o teu nome

á tua descendencia. 13Tamén do fillo da escrava farei unha gran nación, por ser

semente túa".

 

14Abraham ergueuse cedo, colleu pan e un fol de auga, púxollos ás costas a Hagar,

xunto co fillo, e despediuna. Ela marchou e andou errante polo deserto de Beerxeba.

15Cando se lle acabou a auga do fol, botou o neno ó pé dun mato, 16e foise sentar soa

máis alá, como á distancia dun tiro de arco, pensando para si: -"Non quero ver morre-lo

neno". E alí laiouse e chorou.

 

17Oíu Deus os berros do neno, e o anxo chamou desde o ceo a Hagar para dicirlle:

-"¿Que che pasa, Hagar? Non teñas medo, pois Deus escoitou os berros do neno alí onde

está. 18Érguete, colle o neno, agárrao forte da man. Del farei unha gran nación". 19Deus

abriulle os ollos, e ela viu un pozo de auga. Foi alá, encheu o fol e deulle ó neno de

beber.

 

20Deus estaba co rapaz, e este medraba. Asentou no deserto e chegou a ser un bo

arqueiro.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 7-8. 10-11. 12-13

R/ (7a): O Señor escoita ó pobre que o chama

 

7O Señor escoita ó pobre que o chama

e líbrao de tódolos apretos.

8O anxo do Señor acampa en torno ós seus fieis

e dálles seguridade.

 

 10Temede ó Señor os seus devotos,

pois nada lles falta ós que o temen.

11Empobrecen os ricos, pasan fame,

pero ós que buscan ó Señor ningún ben lles faltará.

 

12Vinde, fillos; escoitade:

ensinaréivo-lo temor do Señor.

13¿Quen ama a vida

e arela días de prosperidade?

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Am 5, 14-15. 21-24

¡Arreda de min a charanga dos teus cantos!

E que a xustiza flúa coma manancial perenne.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS

 

 14Buscade o ben e non o mal de xeito que vivades

e Iavé, o Deus dos Exércitos, quedará convosco,

segundo dicides.

15Rexeitade o mal, amade o ben,

que impere o dereito nos tribunais;

quizais se considere, Iavé, Deus dos Exércitos,

do resto de Xosé.

 

21"Aborrezo e rexeito as vosas festas,

non soporto o cheiro das vosas liturxias

22(se non é cando me ofrendades holocaustos)

as vosas oblacións non me alegran,

o banquete sacrificial dos vosos xatos nin o vexo.

23¡Arreda de min a charanga dos teus cantos!

 

Non estou para escoitar músicas das túas harpas.

24O dereito é o que ten que fluír coma auga

e a xustiza coma manancial perenne.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 49, 7. 8-9. 10-11. 12-13. 16bc-17

R/ (23b): Mostrareille a salvación de Deus

a quen transita camiños limpos

 

 

7-"Escoita, meu pobo, que che falo,

Israel, que vou declarar contra ti.

Eu son Deus, o teu Deus.

 

8Non te reprendo polos teus sacrificios,

pois os teus holocaustos están sempre ante min.

9Eu non aceptarei becerros do teu gando

nin carneiros dos teus rabaños,

 

10pois miñas son as feras todas dos bosques

e nos meus montes hai animais a milleiros,

11coñezo os paxaros do ceo,

e teño á man canto bole nos campos.

 

12Se tivese fame, non cho iría dicir,

pois meu é o mundo e canto o enche.

13¿Acaso como eu carne de touros

e bebo sangue de carneiros?

 

16-"¿Para que recíta-los meus mandatos

e levas na boca a miña alianza,

17ti que despréza-la instrucción

e te viras de costas contra os meus preceptos?

 

 

 

 

ALELUIA Sant 1, 18:

Porque quixo, enxendrounos o Pai na Palabra da verdade,

para que sexamos primicia da súa creación

 

 

EVANXEO Mt 8, 28-34

Aquí viñeches antes de tempo para atormenta-los demonios

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

28En chegando Xesús á outra banda do mar, ó país de Gadara, saíronlle ó camiño desde

uns sepulcros dous endemoniados, tan asañados que ninguén se atrevía a pasar por alí.

 

29E berrando dicían:

-¡¿Que temos que ver contigo, Fillo de Deus? ¿Seica vés para atormentáresnos antes de

tempo?!

 

30Había lonxe de alí unha boa camada de porcos fozando, 31e os demos rogáronlle:

-Se nos botas, mándanos para a manada de porcos.

 

32El díxolles:

-Ide.

 

Saíron, e fóronse para os porcos, que, guindándose barranqueira abaixo, foron dar ó

mar, onde morreron afogados. 33Os porqueiros, fuxindo, chegaron á vila e contaron

todo, incluso o dos endemoniados. 34E toda a vila saíu ó encontro de Xesús. E cando o

atoparon, pedíronlle que abandonase aquela terra.

 

 

 

 380.- XOVES

 

 ANO 1

 

 PRIMEIRA Xén 22, 1-19

Sacrificio do noso patrarca Abraham

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

 22 1Deus puxo á proba a Abraham, chamándoo: -"¡Abraham!"

 

El respondeu: -"Aquí estou".

 

2Deus mandoulle: -"Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó

país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che

mostrarei".

 

3Abraham ergueuse cedo, aparellou o burro e tomou consigo dous criados e mailo seu

fillo Isaac. Coa leña cortada para o sacrificio, púxose ó camiño en dirección do lugar

que Deus lle indicara. 4O terceiro día Abraham ergueu os ollos e viu o sitio desde lonxe.

 

5Abraham díxolles ós criados: -"Espera-de aquí co burro. Eu e mailo rapaz

chegarémonos ata alá. Adoraremos e de seguida voltaremos onda vós". 6Abraham

 


 

colleu a leña do sacrificio e púxolla a Isaac, seu fillo, ás costas. Tomou na man o lume e

o coitelo, e camiñaban os dous xuntos.

 

7Isaac díxolle a seu pai: -"¡Meu pai!"

 

El respondeu: -"¿Que queres, fillo?"

 

O rapaz dixo: -"Levamos lume e leña. Pero ¿onde está o año para o sacrificio?"

 

8Abraham respondeulle: -"Meu fillo, o año Deus o proverá". E camiñaban os dous

xuntos.

 

9Chegados ó lugar que Deus dixera, Abraham construíu un altar, puxo enriba del a leña,

atou o seu fillo Isaac e deitouno no altar, por enriba da leña. 10Despois tendeu a man e

agarrou o coitelo para sacrifica-lo seu fillo.

 

11Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo: -"¡Abraham! ¡Abraham!"

 

El respondeu: -"Aquí estou".

 

12O anxo dixo: -"Non póña-la man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei

comprobado que tes temor de Deus, pois non me negáche-lo teu fillo, o único que tes".

 

13Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos.

Botou man del e ofreceuno en sacrificio, no posto do seu fillo. 14Abraham púxolle ó

lugar o nome de Moriah. Por iso aínda hoxe se di: -"Na montaña o Señor proverá".

 

15O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo: 16-"Xúroche por min

mesmo -palabra do Señor- que por faceres isto e non me negáre-lo teu fillo, o único que

tes, 17bendicireite e farei crece-los teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas

do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. 18Tódolos pobos da

terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido".

 

19Abraham volveu onda os criados, e todos xuntos colleron o camiño de Beerxeba.

Abraham asentou alí.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 114, 1-2. 3-4. 5-6. 8-9

R/ (9): Camiñarei á vista do Señor na terra da vida.

Ou: Aleluia

 

 1Amo ó Señor que escoita

a miña voz suplicante,

2e pon cara a min o seu oído

no día en que o chamo.

 

3Cando me envolven lazos de morte

e as redes do abismo me atrapan;

cando me atopo en apreto e aflicción,

4invoco o nome do Señor:

¡Ai, Señor, sálvame a vida!

 

5O Señor é xusto e clemente,

o noso Deus é compasivo.

6O Señor garda os humildes:

na miña febleza hame socorrer.

 

 8Ti libras da morte a miña vida,

os meus ollos das bágoas,

os meus pés da caída.

 

9Camiñarei á vista do Señor

na terra da vida.

 

 

ANO 2

 

PRMEIRA Am 7, 10-17

Vai de profeta ó meu pobo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS

 

10Amasías, sacerdote de Betel, mandou recado a Ieroboam rei de Israel, dicíndolle:

"Amós está a conspirar contra ti no medio e medio do casal de Israel; o país xa non pode

aturar por máis tempo as cousas que di.

 

11Pois, velaquí o que di Amós:

Ieroboam vai morrer a espada,

Israel será deportado de certo da súa terra".

 

12Despois díxolle Amasías a Amós:

"Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá;

come alí o teu pan, fai alí de profeta,

13mais en Betel non volvas profetizar

pois é santuario real, é templo nacional".

 

14Respondeu Amós e díxolle a Amasías:

"Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas,

xa que son gandeiro e coidador de sicómoros,

15mais foi Iavé quen me colleu de trala grea

e foi Iavé quen me dixo: vai profetizar ó meu pobo Israel.

 

16E agora escoita a palabra de Iavé:

Ti dis: non profetices contra Israel,

non fagas agoiros contra o casal de Isaac;

 

17pois velaquí o que di Iavé:

A túa muller fará de prostituta en plena vila;

sobre os teus fillos e fillas caerá a espada;

as túas leiras partillaranse á liña,

ti mesmo irás morrer en terra impura

e Israel vai ser deportado dos seus eidos".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 18, 8. 9. 10. 11

R/ (10b): As decisións do Señor son verdadeiras:

enteiramente xustas.

 

 

8A lei do Señor é perfecta:

reconforta a alma;

a declaración do Señor é firme:

fai sabio ó inxenuo;

 

9os mandatos do Señor son rectos:

aledan o corazón;

o precepto do Señor é limpo:

ilumina os ollos;

 

10o temor do Señor é puro:

permanece por sempre;

as decisións do Señor son verdadeiras:

enteiramente xustas.

 

11Son máis cobizables có ouro

máis có metal precioso;

son máis doces có mel,

máis có zume da antera.

 

 

ALELUIA 2 Cor 5, 19:

Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,

e deunos a nós unha palabra de reconciliación

 

 

EVANXEO Mt 9, 1-8

Glorificaron a Deus porque lle deu semellante potestade ós homes

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

9 1Subiu Xesús a unha barca, cruzou para a outra banda e chegou á súa vila. 2Nisto

trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan, díxolle ó tolleito:

-¡Animo, meu fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.

 

3Entón algúns letrados dixeron para si:

-Este home blasfema.

 

4Coñecendo Xesús o que pensaban, díxolles:

-¿Que cavilades nos vosos adentros? 5¿Que é máis fácil, dicir: "perdoados quedan os

teus pecados"; ou dicir: "érguete e anda?" 6Pois para que vexades que o Fillo do Home

ten poder na terra para perdoar pecados -díxolle ó tolleito-: "érguete, colle a padiola, e

vai para a casa".

 

7E erguéndose foise para a súa casa. 8Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a

Deus por lles dar tal poder ós homes.

 

 

 

381.- VENRES

 

ANO 1

PRIMERA Xén 23, 1-4. 19; 24, 1-8. 62-67

Amou Isaac a Rebeca e consolouse da morte de súa nai

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

23 1Sara viviu cento vintesete anos. Eses foron por xunto os anos da súa vida. 2Morreu

en Quiriat-Arbah, hoxe Hebrón, no país de Canaán. Abraham fixo o velorio e chorou

pola súa muller.

 

3Logo ergueuse de onda a defunta e foi falar cos fillos de Het: 4-"Eu son un forasteiro,

que reside entre vós. Dádeme aquí un sepulcro en propiedade, para enterrar nel á miña

finada".

 

19Abraham enterrou a Sara, súa muller, na cova de Macpelah, enfronte de Mambré,

hoxe Hebrón, no país de Canaán.

 

24 1Abraham era xa vello, entrado en anos. O Señor tíñao bendito sempre en todo.

2Díxolle ó criado maior, o que administraba os bens da casa: -"Pon a man baixo a miña

coxa 3e xúrame polo Señor, Deus de ceo e terra, que non tomarás muller para meu fillo

de entre as fillas dos Cananeos cos que habito, 4senón que irás á miña terra, onda os

meus parentes, e procurarás alí muller para meu fillo Isaac".

 

5O criado preguntoulle: -"E se a muller non quixese vir comigo a este país, ¿levarei a

teu fillo á terra de onde ti saíches?"

 

6Abraham respondeulle: -"Gárdate de levar alá a meu fillo. 7O Señor, Deus do ceo, que

me tirou da casa de meus pais e do meu clan, e que me prometeu con xuramento: Os

teus descendentes dareilles este país, mandará diante de ti o seu anxo, e encontrarás alí a

muller para o meu fillo. 8Se a muller non quixese vir contigo, quedas libre do

xuramento. Pero de ningún xeito levarás alá a meu fillo".

 

62Isaac acababa de vir de onda o pozo de Lahai-Roí e de se asentar no Négueb. 63A

caída da tarde saíu á campía caviloso. Erguendo os ollos, viu vir unha caravana de

camelos.

 

64Tamén Rebeca ergueu a vista e reparou en Isaac. Baixou do camelo 65e preguntoulle

ó criado: -"¿Quen é aquel que vén pola campía cara a nós?"

 

O criado respondeulle: -"É o meu amo".

 

Ela entón colleu o veo e cubriuse. 66O criado deu conta a Isaac de todo o que lle

acontecera. 67Isaac introduciu a Rebeca na tenda de Sara, súa nai, tomouna por súa

muller e amouna, ata consolarse da morte de súa nai.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 105, 1-2. 3-4a. 4b-5

R/ (1a): Louvade o Señor, que é bo

Ou: Aleluia.

 

Louvade o Señor, que é bo

e o seu amor é eterno.

2¿Quen podería conta-las proezas do Señor,

cumpridamente as súas obras gloriosas?

 

3Felices os que respectan o dereito

e fan sempre a xustiza.

4Recórdame, Señor, polo amor ó teu pobo,

 

visítame coa túa salvación,

5para que poida ve-la felicidade dos teus elixidos,

alegrarme coa ledicia do teu pobo,

gloriarme coa túa herdanza.

 

 

 

ANO 2

 

PRIMERA Am 8, 4-6. 9-12

Mandarei fame á terra, non de pan senón de escoita-la palabra do Señor

PROCLAMACIÓN DO APALBRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

4Escoitade isto, vós que asoballáde-lo pobre

e extermináde-la xente humilde do país;

5vós que dicides:

"¿cando pasará o festivo da lúa nova para vendérmo-lo trigo

e o sábado para fornece-lo gran

traficando ata co salvado,

para merma-la medida,

aumenta-lo prezo

e defraudar con balanza falsa,

6para mercarmos por diñeiro o mendigo

e o pobre pola débeda dun par de sandalias?"

 

9Sucederá naquel día -oráculo do meu Señor Iavé-,

farei que o sol se poña ó mediodía

e entebrecerei o país en pleno día,

10trocarei as vosas festas en loito;

tódalas vosas cántigas en laios;

cinguirei tódolos lombos de saco,

deixarei toda cabeza rapada,

vouno dispor coma o pranto polo vinculeiro

e o remate vai ser coma o dun día amargado.

 

11Velaquí chegan os días -oráculo do meu Señor Iavé-

nos que vou manda-la fame ó país;

non fame de pan nin sede de auga,

senón de escoita-la palabra de Iavé.

 

12Vagarán de mar a mar,

andarán do norte ó leste

á procura da palabra de Iavé

e non a atoparán".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 2. 10. 20. 30. 40. 131

R/ (Mt 4, 4): Non só de pan vive o home,

senón de toda palabra que procede da boca de Deus

 

 2Ditosos os que observan os seus mandatos

e o buscan de todo corazón;

 

10Eu búscote de todo corazón,

non me deixes desviar dos teus mandatos.

 

20A miña alma esmorece,

arelando sempre as túas decisións.

 

 30Eu elixo o camiño da verdade

e fago miñas as túas decisións.

 

40Mira como amo os teus mandatos;

faime vivir na túa xustiza.

 

 131Eu abro a boca e collo alento,

arelando as túas normas.

 

 

 

ALELUIA Mt 11, 28:

Vinde a min tódolos que traballades e estades cansos,

e eu aliviareivos, di o Señor

 

 

 

EVANXEO Mt 9, 9-13

Non precisan de médico os sans; prefiro a misericordia ó sacrificio

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 9O pasar Xesús, viu un home sentado ó mostrador da contribución, chamado Mateo, e

díxolle:

-Sígueme.

 

El ergueuse e seguiuno.

 

10E resulta que, estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e

puxéronse tamén á mesa con Xesús e mailos seus discípulos. 11Cando tal viron os

fariseos, dixéronlle ós discípulos del:

-¿Como é que o voso Mestre está a comer con recadadores e pecadores?

 

12El oíunos e dixo:

-Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico. 13Ide, pois, aprende-lo

que significa aquilo de Misericordia quero e non sacrificios. Porque non vin chamar

polos xustos, senón polos pecadores.

 

 

 

 382.- SÁBADO

 

 ANO 1

 

PRIMERA Xén 27, 1-5. 15-29

Suplantou Xacob ó seu irmán e arincoulle a súa bendición

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

27 1Isaac fíxose vello e anubróuselle a vista. Entón chamou ó seu primoxénito Esaú:

-"¡Fillo!"

 

E el respondeulle: -"Aquí estou".

 

2E o pai seguiu: -"Ti ves que xa vou vello e non sei cando morrerei. 3Colle as túas

armas, o arco e a alxaba, sae ó monte e cázame unha peza. 4Guísaa como sabes que me

gusta, e tráesma que a coma, pois quero darche a miña bendición antes de morrer".

 

5Namentres Isaac dicía isto a seu fillo, Rebeca estábao escoitando. Esaú saíu ó monte,

pola peza que lle cumpría

 

15Rebeca botou man da roupa do fillo maior, Esaú, a mellor que tiña na casa, e vestiulla

a Xacob, o fillo máis novo. 16Coas peles dos cabuxos cubriulle as mans e a parte lampa

do pescozo. 17E puxo nas mans de Xacob, seu fillo, o guiso que preparara e mais un

anaco de pan.

 

18Xacob entrou onda seu pai e saudou: -"Meu pai".

 

El respondeu: -"Aqui estou. ¿E ti, meu fillo, quen es?"

 

19Xacob díxolle a seu pai: -"Eu son Esaú, o teu primoxénito. Fixen conforme me

mandaches. Érguete, séntate e come da miña caza, para que me deas logo a túa

bendición".

 

20Isaac preguntoulle a seu fillo: -"¿Como a atopaches tan axiña, meu fillo?"

 

El respondeulle: -"O Señor Deus púxoma diante".

 

21Isaac díxolle a Xacob: -"Achégate, fillo, que te apalpe, para ver se es ou non meu fillo

Esaú". 22Xacob chegouse a Isaac. Este apalpouno, e dixo: -"A voz é a de Xacob, pero as

mans son as de Esaú". 23E non o recoñeceu, porque as súas mans eran peludas coma as

de seu irmán. E bendiciuno. 24Despois volveulle a preguntar: -"¿Es ti de verdade meu

fillo Esaú?"

 

El respondeulle: -"Son".

 

25Isaac dixo: -"Sírveme, meu fillo, a comida, e logo dareiche a miña bendición". Xacob

serviuno, e el comeu; tróuxolle viño e bebeu. 26Despois díxolle Isaac: -"Achégate aquí

e bícame, meu fillo". 27E Xacob achegouse e bicouno. O sentir Isaac o recendo da

roupa, deulle esta bendición:

 

-"Sentide o recendo do meu fillo,

coma recendo dun agro

bendito polo Señor.

28 Deus che dea o orballo do ceo,

a fartura da terra,

abundancia de trigo e de viño.

29 Que te sirvan os pobos

e te respecten as nacións.

Se señor de teus irmáns

e que te respecten os fillos de túa nai.

Maldito o que te maldiga,

bendito o que te bendiga".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 134, 1-2. 3-4. 5-6

R/ (3a): Louvade o Señor, que é bo

Ou: Aleluia

 

 

1Aleluia.

Louvade, servidores do Señor,

louvade o nome do Señor,

2os que estades na casa do Señor,

nos adros da casa do noso Deus.

 

 3Louvade o Señor, que é bo,

cantade o seu nome, que é amable.

4Elixiu para si a Xacob,

a Israel coma posesión de seu.

 

5Eu sei que o Señor é grande,

o noso Deus máis cós deuses todos.

6O Señor fai canto se propón

no ceo e mais na terra,

nos mares e nos abismos.

 

 

ANO 2

 

PRIMERA Am 9, 11-15

Trocarei a cautividade do meu pobo e afincareinos na súa terra

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS

 

 Di o Señor:

11Naquel día erguerei a tenda derrubada de David,

repararei as súas fendas, restaurarei as ruínas

e reconstruireina coma nos tempos antigos,

12para que se apropien do resto de Edom

e de tódolos pobos sobre os que se proclamou o meu nome,

-oráculo de Iavé que fai tales cousas-.

 

13Velaquí veñen os días -oráculo de Iavé-

nos que o arador enlazará co segador

e o que pisa a uva con quen sementa,

e os montes destilarán mosto

e tódolos outeiros se derreterán.

14Daquela repatriarei ó meu pobo Israel,

reconstruirán as vilas devastadas e habitaranas,

plantarán vides e beberánlle-lo viño,

traballarán leiras e comeránlle-los froitos:

15vounos eu plantar no seu terreo

para nunca máis seren arrincados da súa terra,

a que eu lles dera:

dixo Iavé, o teu Deus.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 84, 9. 11-12. 13-14

R/ (9): O Señor fala de paz para o seu pobo

 

9Escoitarei o que di o noso Deus:

certamente o Señor fala de paz

para o seu pobo e os seus amigos,

para aqueles que se converten e confían.

 

 11O amor e a fidelidade atoparanse,

abrazaranse a xustiza e maila paz.

12Na terra xermolará a fidelidade,

a xustiza ollará desde o ceo.

 

13O mesmo Señor dará os bens,

a nosa terra dará os froitos.

14A xustiza irá dediante del,

guiará os seus pés no camiño.

 

 

ALELUIA Xn 10, 27:

As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;

e eu coñézoas e séguenme

 

 

 

EVANXEO Mt 9, 14-17

¿Seica van chorar cando está con eles o esposo?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

14Achegáronse a Xesús os discípulos de Xoán preguntando:

-Nós e mailos fariseos gardamos moito o xexún. ¿Por que non o gardan os teus

discípulos?

 

15Respondeulles Xesús:

-¿Poden os compañeiros do esposo estar de loito mentres dura a voda? Xa chegará o día

no que lles leven o esposo; entón si que xexuarán.

 

16Ninguén lle bota un remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o

novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. 17Tampouco se lle ocorre a

ninguén botar viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, iríase o viño

e estragaríanse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en pelellos novos para que

ámbolos dous se conserven.