Semana XXVII

 
 

SEMANA 27ª DO TEMPO ORDINARIO

 

 461.- LUNS

 

ANO 1

PRIMEIRA Xon 1, 1 --2, 1. 11:

Ergueuse Xonás para fuxir da presencia do Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XONÁS

 

1 1Veulle a palabra do Señor a Xonás, fillo de Amitai, nestes termos:

2-Érguete e vai a Nínive, a gran cidade, e proclama contra ela oráculos de como subiu á

miña presencia a ruindade dos seus habitantes.

 

3Pero Xonás ergueuse para fuxir a Tárxix lonxe da presencia do Señor. Baixou a Iafa,

onde atopou un barco que marchaba para Tárxix. Pagou o billete do barco e colleuno

para marchar nel a Tárxix, lonxe da presencia do Señor.

 

4Entón o Señor lanzou un forte vento contra o mar, e armouse unha grande tempestade

de xeito que parecía que ía parti-lo barco.

 

5Colleron tal medo os mariñeiros, que cada un lles pedía auxilio a berros ós seus

deuses; logo botaron ó mar tódolos obxectos que había a bordo, para alixeiraren o barco

do seu peso. Mentres tanto, Xonás, que baixara ó fondo do barco, estaba deitado e

durmía un sono profundo.

 

6Entón o capitán chegouse a xunto del e díxolle:

-¿Que che pasa a ti para durmires un sono profundo? Érguete e pídelle auxilio a berros ó

teu Deus. Quizais ese Deus se preocupe de nós e non perezamos.

 

7E dicían entre eles:

-¡Veña! Botémo-las sortes, para podermos coñecer por causa de quen nos acontece esta

desgracia.

 

Botaron as sortes e tocoulle a Xonás.

 

8Entón dixéronlle:

-Fai o favor de nos dicir: ¿Por causa de quen nos vén esta desgracia? ¿Cal é a túa

misión? ¿De onde vés? ¿Cal é o teu país? ¿De que pobo es ti?

 

9Respondeulles el:

-Son hebreo e adoro a Iavé, o Deus do ceo, que fixo o mar e maila terra firme.

 

10Cheos de temor sagrado, os homes aqueles dixéronlle:

-¿Que é o que fixeches?

 

Pois dábanse de conta de que fuxía da presencia de Iavé (pois xa llelo dixera).

 

11Preguntáronlle:

-¿Que faremos contigo para que o mar deixe de estar contra nós?

 

Pois o mar seguía embravecéndose.

 

12Respondeulles:

-Collédeme en peso e botádeme ó mar, pois eu ben sei que é culpa miña esta grande

tempestade que está contra vós.

 

13Entón os homes aqueles remaban para voltar á terra firme, pero non eran capaces, xa

que o mar seguía embravecéndoselles cada vez máis.

 

14Pero invocaron a Iavé con esta súplica: -Ai, Señor, que non perezamos por culpa dos

planos deste home. Non nos fagas responsables de sangue inocente, pois ti obras tal

como queres.

 

15Levantaron en peso a Xonás, botárono ó mar, e o mar aplacou o seu embravecemento.

16Entón os homes sentiron un grande respecto polo Señor, fixéronlle un sacrificio e

ofrecéronlle votos.

2 1Mentres, o Señor dispuxo un grande peixe para que engulise a Xonás.

Estivo nas entrañas do peixe tres días e tres noites.

11Entón o Señor deulle orde ó peixe, e este vomitou a Xonás en terra firme.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Xon 2, 2 . 3. 4. 5. 8

R/ (7c): Sacáche-la miña vida da cova, Señor

 

2Desde as entrañas do peixe rezoulle Xonás ó Señor, o seu Deus:

3-Desde a miña angustia chamei ó Señor e escoitoume;

desde o ventre do abismo pedín auxilio, e escoitáche-la miña voz.

 

4Botáchesme nas profundidades, no corazón do mar; e envolvíame a corrente.

Os teus golpes de mar e mailas túas ondas pasaron todas sobre min.

 

5Pero eu pensei: apartáronme lonxe da presencia dos teus ollos; ¿como poderei seguir

mirando cara ó teu santo templo?

 

 8Cando se debilitaban os meus folgos, lembreime do Señor,

e a miña oración chegou a ti, ó teu santo templo.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Gál 1, 6-12:

De ningún home recibín o Evanxeo nin del o aprendín, senón por revelación de Cristo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS

 

Irmáns e irmás:

6Chámame moito a atención que así, tan correndiño, desertedes de quen chamou por

vós á gracia de Cristo, para vos facerdes doutro evanxeo. 7¡Non hai esoutro evanxeo! O

que hai e que algúns vos andan a quenta-la cabeza coa idea de lle dar outro xeito ó

Evanxeo de Cristo. 8Pois mirade: ¡Malia quen vos predique un evanxeo para engadir ó

que vos temos predicado, anque fosemos nós mesmos ou un anxo baixado do ceo! 9E

volvo dici-lo mesmo que vos dixen: a quen vos vaia cun evanxeo para engadir ó que

recibistes, ¡botádeo fóra!

 

10¡Que! ¿Intento eu agora quedar ben cos homes ou con Deus? ¿Ou é que loito por

compracer ós homes? Se a estas alturas aínda estivese procurando compracer ós homes,

non sería un servo de Cristo.

 

11Porque fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu predico non é cousa de homes,

12xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús

Cristo.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 110, 1-2 . 7-8. 9 e 10c

R/ (5b): Recordará por sempre a súa alianza

Ou: Aleluia.

 

Louvarei o Señor con todo o corazón

na xuntanza dos xustos, na asemblea.

2Grandes son as obras do Señor,

dignas de estudio para tódolos que as aman.

 

 7As obras das súas mans son xustas e leais,

os seus preceptos son firmes:

8están fixados polos séculos,

feitos con sinceridade e rectitude.

 

 9El mándalle a liberación ó seu pobo,

corrobora por sempre a súa alianza;

santo e terrible é o seu nome.

10a súa louvanza é eterna.

 

 

 

ALELUIA Xn 13, 34:

Douvos un mandamento novo, di o Señor,

que vos amedes uns ós outros como eu vos amei

 

 

 

EVANXEO Lc 10, 25-37:

¿Quen é o meu próximo?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

25Ergueuse certo xurista e preguntoulle a Xesús para o poñer á proba:

-Mestre, ¿que teño que facer para herda--la vida eterna?

 

26El respondeulle:

-¿Que pon a Lei? ¿Que les?

 

27Contestou:

-Amara-lo Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza

e con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.

 

28El díxolle:

-Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.

 

29Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:

-¿E quen é o meu próximo?

 

30Xesús replicou:

-Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó, e asaltárono uns bandidos, que,

despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto. 31Cadrou a baixar polo

mesmo camiño un sacerdote, que, ó velo, deu un rodeo e pasou de largo. 32Igual fixo un

clérigo, que pasaba por alí: ó chegar e velo, deu un rodeo. 33Pero un samaritano, que ía

de camiño polo mesmo lugar, ó velo, sentiu lástima; 34e achegándose a el, curoulle as

feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a

unha pousada e coidouno. 35O outro día colleu dous denarios, deullos ó pousadeiro, e

díxolle: "Coida del, e cando volva xa che pagarei o que gastes de máis".

 

36-¿Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?

 

37El respondeu:

-O que practicou a misericordia con el.

 

Díxolle Xesús:

-Pois ti vai e fai outro tanto.

 

 

 

462.- MARTES

ANO 1

PRIMEIRA Xon 3, 1-10:

Convertéronse os ninivitas do seu camiño malo e Deus tivo misericordia

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XONÁS

 

3 1Veulle de segunda vez a palabra do Señor a Xonás:

2-Érguete, vai a Nínive, a grande cidade, e proclámalle a mensaxe que eu che dei.

 

3Xonás ergueuse e marchou a Nínive, conforme á palabra do Señor. Nínive era unha

cidade enormemente grande, de tres días para atravesala.

 

4Xonás comezou a entrar na cidade o camiño dun día e predicaba así:

-Dentro de corenta días Nínive será destruída.

 

5Os homes de Nínive creron en Deus e proclamaron o xexún. Vestíronse de saco desde

o máis grande ó máis pequeno.

 

6A mensaxe chegou tamén ó rei de Nínive, que se ergueu do seu trono, quitou os seus

vestidos rexios, cubriuse de saco, sentouse no po, 7e fixo proclamar e impoñer en

Nínive coma decreto do rei e dos seus grandes:

 

Homes e animais, vacas e ovellas non proben nada, non pazan nin beban auga;

8cúbranse de saco homes e animais, e clamen con forza a Deus. Convértase cada un do

seu mal camiño e da violencia que se lle apegou ás mans. 9¿Quen sabe? Quizais Deus

cambie de parecer, se compadeza, apague o incendio da súa ira e así non perezamos.

 

10Viu Deus as súas obras, como se convertían do seu mal camiño, e arrepentiuse do mal

que dixera que lles ía facer, e non llelo fixo.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 129, 1-2. 3-4ab. 7-8

R/ (3): Se ti levas conta dos pecados,

quen, Señor, se terá en pé?

 

 Desde os abismos chámote, Señor;

2escoita, Señor, a miña voz.

Ten atentos os oídos

ó clamor da miña súplica.

 

3Se ti levas conta dos pecados,

¿quen, Señor, se terá en pé?

4Mais en ti está o perdón,

para te faceres respectar.

 

 7que Israel espere ó Señor,

pois no Señor está o amor

e a redención cumprida.

8El é quen redime a Israel

de tódolos pecados.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Gál 1, 13-24:

Reveloume ó seu Fillo para que o evanxelice entre os xentís

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS

 

Irmáns e irmás:

13Si: vós tedes oído falar das miñas andanzas de cando estaba no xudaísmo; do furor

con que dera en persegui-la Igrexa de Deus; 14e de como adiantaba eu no xudaísmo

máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, porque era moito máis fanático das

tradicións dos meus devanceiros.

 

15Mais cando a Aquel, que xa desde o seo da miña nai me puxera á parte e chamou por

min pola súa gracia, 16lle prougo revelarme o seu Fillo, para que volo predicase ós non

xudeus, eu -sen lle pedir consellos á carne nin ó sangue, 17sen tan sequera subir a

Xerusalén onda os que en ser apóstolos xa me levaban anos-, de hoxe para mañá,

retireime á Arabia, de onde volvín de novo a Damasco.

 

18De alí a tres anos subín a Xerusalén para ir coñecer a Pedro e cabo del fiquei uns

quince días. 19E non vin a ningún apóstolo máis, fóra de Santiago, o parente do Señor.

20¡Así Deus me salve, como nos vos minto nisto que vos escribo! 21Despois chegueime

ás terras de Siria e Cilicia. 22Ora, as comunidades cristiás de Xudea non chegaron a

coñecerme de vista; 23só sentiran dicir: "Disque o que antes nos perseguía, agora

predica a fe que asoballaba"; 24e, por isto meu, glorificaban a Deus.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 138, 1-3. 13-14ab. 14c-15

R/ (24b): Guíame ti, Señor, polo camiño eterno

 

Señor, ti escúlcasme a fondo e coñécesme ben,

2ti sabes cando sento e me levanto,

penetras nos meus pensamentos desde lonxe.

3Ti distingues cando me movo e cando estou quedo

e os meus camiños sonche todos familiares.

 

13Ti formáche-las miñas entrañas,

tecíchesme no seo da miña nai.

14Lóuvote polo prodixio que hai en min:

as túas obras son marabillosas.

 

Ti coñeces a fondo o meu espírito.

15non che estaba oculta a miña esencia,

cando no segredo era formado,

tecido no fondo da terra.

 

 

 

ALELUIA Lc 11, 28:

Ditosos os que escoitan a palabra de Deus

e a poñen en práctica

 

 

 

EVANXEO Lc 10, 38-42:

Marta recibiuno na súa casa. María escolleu a mellor parte

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

38Entrou Xesús en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa.

39Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada ós pés do Señor, escoitaba as súas

palabras. 40Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el,

díxolle:

-Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote

unha man.

 

41Pero o Señor respondeulle:

-Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, 42pero soamente unha é a

necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.

 

 

 

 463.- MÉRCORES

ANO 1

PRIMEIRA Xon 4, 1-11:

Ti estás aflixido por un ricino ¿e non me vou eu aflixir e compadecer da grande cidade de Nínive?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XONÁS

 

Moi aflixido, di Xonás:

-¡Ai, Señor! ¿Non é isto o que eu dicía, cando estaba na miña terra? Por iso me adiantei

a primeira vez e fuxín a Tárxix: porque sabía que Ti es un Deus compasivo e

misericordioso, lento para a ira e rico en bondade, e que te arrepintes da ameaza. 3Pois

agora, Señor, tírame a vida, ¡pídocho!; porque para min é mellor morrer que vivir.

 

4Respondeulle o Señor:

-¿É xusto que te enfades?

 

5Xonás saíra xa da cidade e vivía ó leste dela, onde fixera para si unha cabana. Estaba

sentado debaixo dela á sombra, esperando a ver que pasaba na cidade.

6Entón o Señor Deus dispuxo unha árbore de ricino, que medrou por enriba de Xonás

para darlle sombra á súa cabeza e deste xeito libralo do seu mal xenio. Alegrouse

inmensamente Xonás por mor do ricino. 7Cando subía a alba para o outro día, dispuxo

Deus un verme que picou o ricino, e este secou. 8Cando o sol apretaba, mandou Deus

un abrasador vento soán, e o sol deulle na cabeza a Xonás, que se sentía esmorecer.

Entón desexou con ansia a morte e dixo: -Éme mellor morrer que vivir.

 

9Díxolle Deus a Xonás:

-¿É xusta a túa carraxe por mor do ricino?

 

Respondeulle:

-Si, é xusto que eu me enfade ata desexa--la morte.

 

10Repúxolle o Señor:

-Ti estás aflixido por un ricino que non traballaches nin o fixeches medrar, que durante

unha noite se forma e durante outra noite perece. 11¿E non me vou eu aflixir e

compadecer da grande cidade de Nínive, onde hai máis de cento vinte mil persoas que

non distinguen entre a súa dereita e a súa esquerda, a máis de moitos animais?

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 85, 3-4. 5-6- 9-10

R/ (15b): Ti es, Señor, paciente e de moita misericordia

 

3Apiádate, Señor,

que te estou a chamar o día enteiro;

4alegra o meu espírito

que se dirixe a ti.

 

5Ti, Señor, es bo e indulxente,

cheo de amor para aqueles que te invocan.

6Escoita, Señor, a miña súplica,

atende a miña pregaria.

 

 9Os pobos todos que fixeches

virán, Señor, adorarte,

honra-lo teu nome.

10Ti es grande e fas prodixios,

ti e-lo único Deus.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Gál 2, 1-2. 7-14:

Coñeceron a gracia que me foi concedida

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS

 

Irmáns e irmás:

2 1Andando o tempo, á volta de catorce anos, subín outra vez a Xerusalén con Bernabé,

levando tamén comigo a Tito. 2Deume a alma que tiña que ir alá. Daquela, a porta

pechada, sometín o Evanxeo que vos predico ós non xudeus, ó xuízo dos que eran algo:

non fose que estivese correndo ou tivese corrido ás toas.

 

 7Moi polo contrario, cando viron que a min se me encomendara a evanxelización dos

non circuncidados, coma a Pedro a dos circuncidados 8(pois o que capacitou a Pedro

para apóstolo dos circuncidados tamén me capacitou a min para apóstolo dos non

xudeus), 9e cando recoñeceron a gracia que se me concedera, van Santiago, Pedro e

mais Xoán (os pilares coma quen di) e déronno-la man a min e mais a Bernabé coma

sinal de solidariedade. De xeito que evanxelizarvos ós non xudeus correse pola nosa

conta; e evanxelizar ós circuncidados, pola deles. 10Soamente nos mandaron que

mirasemos polos pobres: cousa na que sempre eu procurei carga-la man.

 

11Mais, cando Pedro veu a Antioquía, arrepúxenme a el na súa mesma cara, porque o

merecera. 12Si, porque antes de chegaren uns poucos mandados de Santiago, Pedro

comía cos non xudeus. Ah, mais nisto chegan os propios e el arredábase e poñíase á

parte, por medo dos circuncidados. 13E os outros xudeus empezaron a aparentar coma

el; tanto que o mesmo Bernabé se me deixou arrastrar naquela comedia.

 

14Así que cando vin que, conforme a enxebreza do Evanxeo, xa non camiñaban como é

debido, díxenlle a Pedro á vista de todo o mundo: "Se ti, con seres xudeu, vives coma se

non foses, ¿como é que lles fas segui-los costumes xudaicos ós que non son xudeus?"

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 116, 1. 2

R/ (Mc 6, 15): Indo a todo o mundo, predicade o Evanxeo

Ou: Aleluia

 

1Louvade o Señor tódalas xentes,

aclamádeo tódolos pobos.

 

2O seu amor connosco é firme,

a súa fidelidade dura sempre.

Aleluia.

 

 

 

ALELUIA Rom 8, 15bc:

Recibíste-lo Espírito de fillos de adopción,

no que clamamos: Abba, Padre

 

 

 

EVANXEO Lc 11, 1-4:

Señor, apréndenos a orar

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

11 1Dunha vez despois de estar Xesús orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:

-Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ós seus discípulos.

 

2Respondeulles:

-Cando recedes, dicide:

Pai, ¡sexa santificado o teu Nome!

Pai, ¡veña o teu Reino!

3Dános cada día o noso pan.

4E perdoa os nosos pecados,

como tamén perdoamos nós

a todo o que nos debe;

e non nos sometas á tentación.

 

 

464.- XOVES

ANO 1

PRIMEIRA Mal 3, 13-20a:

Velaí chega o día: abrasará coma un forno

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MALAQUÍAS

 

13Os vosos ditos contra min son duros -fala o Señor-.

Preguntades: "¿Que dixemos nós contra Ti?"

14Dicides: "¡É cousa inútil servir a Deus!

¿Que proveito quitamos de garda-los seus mandamentos,

e de camiñarmos en penitencia na presencia do Señor dos Exércitos?

15Agora nós declaramos felices os soberbios:

Si, os que cometen maldades prosperan,

poñen a proba a Deus, líbranse".

16Deste xeito falan entre eles os que respectan o Señor,

cada un co seu próximo,

pero o Señor préstalles atención e escóitaos,

pois o libro das lembranzas estase escribindo na súa presencia,

por mor dos que temen o Señor e estiman o seu Nome.

17Serán para min -fala o Señor dos Exércitos-

propiedade persoal no día en que eu actúe,

porque lles perdoarei o mesmo que un home perdoa o fillo obediente.

 

18Entón veredes de novo a diferencia entre o xusto e o malvado,

entre quen serve ó Señor e quen non o serve.

19Pois velaí chega o día: abrasará coma un forno,

e os soberbios e tódolos que cometen a maldade serán palla.

Si, o día que chega será a vosa queima

-fala o Señor dos Exércitos-:

non vos deixará raíz nin ponla.

20Brillará para vós, os que respectáde-lo meu Nome,

un sol de xustiza, que trae saúde nas súas ás.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 1, 1-2. 3. 4 e 6

R/ (Sal 39,5a): Ditoso quen puxo a súa esperanza no Señor

 

1Benaventurado aquel

que non se guía polo consello dos malvados,

nin se detén no camiño dos pecadores,

nin senta na xunta dos burlóns,

2senón que ten o seu contento na vontade do Señor

e nela remoe día e noite.

 

 3É coma árbore plantada onda os regueiros:

dá froito ó seu tempo,

as súas follas non murchan,

e todo o que fai acaba ben.

 

4Non son así os malvados,

serán coaño que leva o vento.

6pois do camiño dos xustos coida o Señor,

mentres vai á perdición o camiño dos malvados.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Gál 3, 1-5:

¿Recibístelo Espírito polas obras da Lei ou pola fe?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS

 

 3 1A vós, gálatas sen xuízo, ¿de Cristo crucificado non se vos escribira xa antes? ¿Seica

vos botaron o mal de ollo? 2Só quero que me digades se recibíste-lo Espírito por terdes

cumprido coa Lei ou pola predicación da fe. 3E logo ¿sodes tan tarabeleiros que,

principiando no Espírito, vindes rematar agora no máis baixo? 4¿Seica experimentastes

cousas tan grandes para nada? Daquela sería inútil, ¡e mais ben! 5Quen vos concede o

Espírito e anda a facer milagres entre vós ¿faino porque cumprides coa Lei ou porque

obedecestes á fe?

 

 

SALMO RESPONSORIAL Lc 1, 69-70. 71-72- 73-75

R/ (cf 68): Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,

porque visitou ó seu pobo

 

69suscitando para nós unha forza de salvación

na casa de David, o seu servo,

70conforme prometera desde antigo

por boca dos seus santos profetas:

 

 71que nos salvaría dos nosos inimigos

e das mans dos que nos teñen odio;

72que tería misericordia dos nosos pais,

tendo presente a súa Santa Alianza,

73tal fora a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai,

concedéndonos 74que, libres das mans do inimigo,

o sirvamos sen temor,

75en santidade e xustiza, diante del,

tódolos días mentres dure a nosa vida.

 

 

 

ALELUIA Cf. Feit 16, 14b:

Abre, Señor, o noso corazón,

para que comprendámolas palabras do teu Fillo

 

 

EVANXEO Lc 11, 5-13:

Pedide e darásevos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós discípulos:

-Botade de conta que un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola

noite, fóra, e que lle dicides: "Amigo, déixame tres bolos de pan, 6que me veu un amigo

de viaxe, e non teño nada que lle poñer diante". 7E que aquel, desde dentro, responde:

"Non me amoles, está a porta pechada, eu e mailos nenos estamos na cama: non me

podo erguer agora para chos dar". 8Desde logo que, se non se levanta para llos dar por

se tratar dun amigo, alomenos por ser teimudo, erguerase e hallos dar.

 

9Por iso dígovos: "Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos.

10Que todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle".

 

11Ou logo, ¿que pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra?

12¿Ou se lle pide un ovo, dálle un alacrán? 13Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes

dar cousa boas ós vosos fillos, ¡canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo ós que

llo pidan!

 

 

 

 465.- VENRES

ANO 1

PRIMEIRA Xl 1, 13-15; 2, 1-2:

Día do Señor, día de tebras e de trebóns

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XOEL

 

13Vestídevos para facer loito, sacerdotes,

facede lamentacións, servidores do altar.

Vinde pasa-la noite vestidos de saco,

servidores do meu Deus,

porque a casa do Señor está privada da ofrenda e mais da libación.

14Decretade un período sacro de xexún,

convocade a asemblea,

xuntade os anciáns, a tódolos que viven no país,

no templo do Señor, o voso Deus, e pedídelle auxilios ó Señor.

 

15¡Ai dese día!

Si, xa está preto o día do Señor,

chega coma a ruína que vén do Omnipotente.

2 1Tocade o corno en Sión, dade a alarma no meu santo monte,

que estarrezan tódolos habitantes do país,

pois chega o día do Señor.

 

Si, está preto

2o día da escuridade e dos trebóns,

o día trubado e de escuras nubes,

coma o Luceiro da Alba estendido sobre as montañas,

forte, enorme e poderoso,

coma el non o houbo xamais, e despois del non se volverá contar

no sucederse de xeracións en xeracións.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 9, 2-3 . 6 e 16. 8-9

R/ (9a): O Señor xulgará o mundo con xustiza

 

2Douche gracias, Señor, de todo corazón,

proclamo as túas marabillas.

3Alégrome, relouco contigo

e canto o teu nome, Altísimo.

 

6Ti reprénde-las xentes, destrúe-los malvados

e borras para sempre os seus nomes.

16Os xentís afondarán na cova que cavaron,

na rede que tenderon quedará preso o seu pe

 

8O Señor aséntase firme,

prepara a sede para xulgar.

9El xulgará o mundo con xustiza,

rexerá as nacións con equidade.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Gál 3, 7-14:

Os que viven da fe son bendicidos co fiel Abraham

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS

 

Irmáns e irmás:

7Recoñecédeme que os que viven da fe, eses son os fillos de Abraham. 8E a Escritura,

prevendo que Deus había xustifica-los non xudeus, anuncioulle xa con tempo a

Abraham: En ti han ser benditas tódalas razas. 9De xeito que os que viven da fe son

benditos xunto con Abraham, o crente.

 

10En cambio tódolos que viven das obras da Lei están baixo maldición. Porque está

escrito: ¡Malia quen non se ateña a todo o que está escrito no libro da Lei para que se

cumpra. 11Ora, que ninguén se pode xustificar diante de Deus gracias á Lei, está visto:

porque o que é xusto pola fe, vivirá. 12Mais a Lei non procede da fe, senón que quen

cumpra eses preceptos vivirá por eles. 13Cristo rescatounos da maldición da Lei,

facéndosenos El mesmo maldición polo noso ben (lembrade que está escrito: ¡Malia

quen está pendurado dun pao), 14para que en Cristo Xesús vos chegase ós non xudeus a

bendición de Abraham e para que, por medio da fe, recibisémo-lo Espírito prometido.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 110, 1-2. 3-4. 5-6

R/ (5b): Recorda por sempre a súa alianza.

Ou: Aleluia.

 

Louvarei o Señor con todo o corazón

na xuntanza dos xustos, na asemblea.

2Grandes son as obras do Señor,

dignas de estudio para tódolos que as aman.

 

3Gloriosos e esplendentes son os seus feitos,

a súa xustiza é eterna:

4fai prodixios memorables.

 

5Dá mantenza a quen o teme

e recorda por sempre a súa alianza.

6El móstralle ó seu pobo feitos poderosos,

dándolle a herdanza das nacións.

 

 

 

ALELUIA Xn 12, 3 1b-32:

Agora o prícipe deste mundo será expulsado fora, di o Señor;

e eu, ó ser alzado da terra, atraerei a todos a min

 

 

EVANXEO Lc 11, 15-26:

Se boto ós demonios coa forza de Deus, é que cehegou a vós o reino de Deus

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

 En expulsando Xesús un demonio, algúns dixeron:

-Este bota fóra os demonios co poder de Belcebul, xefe dos demos.

 

16Outros, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. 17Pero el, coñecéndolle-lo que

pensaban, díxolles:

-Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa. 18Pois ben,

se Satanás está dividido contra si mesmo, ¿como se vai soste-lo seu reino? Vós dicides

que boto os demos co poder de Belcebul. 19Pero se eu boto os demonios co poder de

Belcebul, ¿co poder de quen os botan vosos fillos?

 

Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. 20Pero se boto os demos co poder de Deus,

é que xa chegou a vós o Reino de Deus. 21Mentres un home forte e armado garda o seu

pazo, os seus bens están seguros. 22Pero se chega un máis forte, e o vence, quitándolle

as armas nas que confía, repartirá o botín. 23Quen non está comigo está contra min, e

quen non recolle comigo derrama.

 

24Cando o espírito malo sae do home, vai polos ermos adiante buscando acougo; se non

o atopa, di: "Voltarei á miña casa de onde saín"; 25e, ó chegar, atopa a casa varrida e

ordenada. 26Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el, e entrando

todos, establécense alí; resultando que á fin aquel home acaba estando peor do que ó

principio.

 

 

466.- SÁBADO

ANO 1

 

PRIMEIRA Xl 4, 12-21:

Botade a fouce, que o gran xa está maduro

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XOEL

 

Isto di o Señor:

12Espertade e subide, nacións, ó val de Ioxafat

xa que alí vou sentar para xulgar a tódolos pobos veciños.

13Botade a fouce, que o gran xa está maduro;

vinde e pisade, que a moxega xa está chea.

Facede reborda-las cubas, que é grande a súa ruindade.

14¡Xentíos e xentíos no val da sentencia!

Si, está preto o día do Señor,

no val da sentencia.

 

15O sol e maila lúa escurecen

esmorece o resplandor das estrelas.

16O Señor brama desde Sión,

El lanza o seu berro desde Xerusalén:

tremen o ceo e maila terra.

 

Pero El será refuxio para o seu pobo,

e fortaleza para os fillos de Israel:

17así recoñeceredes que eu son o Señor, o voso Deus,

que habita en Sión, o monte de meu santuario,

e será Xerusalén un santuario,

por onde non volverán a pasar estranxeiros.

18E sucederá no día aquel:

os montes rezumarán mosto e os outeiros deitarán leite;

tódolos corgos de Xudá deixarán corre-la auga;

unha fonte sairá da casa do Señor,

e verterá a súa auga no río das Mimosas.

 

19Exipto volverase unha desolación,

Edom volverase un ermo asolado,

a causa da opresión contra os fillos de Xudá,

por verteren sangue inocente no país.

20Xudá estará habitada para sempre,

e Xerusalén por xeracións e xeracións.

21Vingareime do sangue daqueles, certo que o farei,

si, eu o Señor, que habita en Sión.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 96, 1-2. 5-6. 11-12

R/ (12a): Alegrádevos, xustos, no Señor

 

1O Señor reina, alégrese a terra,

exulten tódalas illas.

2Rodéano nubes e néboa,

xustiza e rectitude sosteñen o seu trono.

 

5os montes derrétense coma cera,

diante do Señor, dono do mundo.

6Os ceos pregoan a súa rectitude

e tódolos pobos contemplan a súa gloria.

 

11A luz despunta para os xustos

e para os rectos a ledicia.

12Alegrádevos, xustos, no Señor,

louvade o seu nome santo.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Gál 3, 22-29:

Todos sodes fillos de Deus pola fe

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS

 

Irmáns e irmás:

22A Escritura pinta todo encadeado polo pecado, de maneira que a promesa se lles

cumpra ós que cren en Xesús Cristo mediante a fe.

 

23Pero antes que a fe chegase, estabamos todos baixo a Lei, agardando a fe que había

ser revelada. 24Por iso a Lei foi a que nos levou a Cristo (coma un criado que leva o

meniño á escola) para que logo fosemos xustificados pola fe. 25Por iso, de que chegou a

fe, deixamos de estar baixo a tutela do criado.

 

26Todos vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús, 27porque ós que vos

bautizaron en Cristo, vestíronvos de Cristo. 28E todo iso de xudeus e gregos; de

escravos e libres, de homes e mulleres, todo iso acabou, pois sodes coma un só en Cristo

Xesús. 29Vós, pola vosa condición de cristiáns, sóde-la "descendencia" de Abraham,

herdeiros conforme a promesa.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 104, 2-3. 4-5. 6-7

R/ (8a): O Señor recordou para sempre a súa alianza

Ou: Aleluia

 

 2Cantádelle, tocádelle,

contade as súas marabillas.

3Gloriádevos no seu nome santo

e que se alegre o corazón dos que buscan ó Señor.

 

4Preguntade polo Señor e o seu poder,

buscade sempre a súa presencia.

5Relembrade as marabillas que fixo,

os prodixios e as decisións da súa boca.

 

6Liñaxe do seu servo Abraham,

fillos de Xacob, os seus elixidos,

7o Señor é o noso Deus,

o que goberna a terra enteira.

 

 

 

ALELUIA Lc 11, 28:

Ditosos os que escoitan a palabra de Deus,

e a poñen en práctica.

 

 

EVANXEO Lc 11, 27-28:

¡Ditoso o ventre que te levou! Ditosos, máis ben, os que escoitan a palabra de Deus

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

27Mentras Xesús dicía estas cousas, unha muller de entre a xente exclamou en voz alta:

-¡Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!

 

28Pero el replicoulle:

-Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan.