Semana XXIII

 

 

SEMANA 23ª DO TEMPO ORDINARIO

 

437.- LUNS

ANO 1

PRIMEIRA Col 1, 24-- 2, 3:

Vin a ser ministro da Igrexa para cumpli-lo misterio escondido de séculos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

 

24Agora alégrome, irmáns, do que teño que padecer por vós; así completo na miña

carne o que lles falta ás penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa. 25Desta

Igrexa fíxoseme servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión:

predicar cumpridamente a palabra de Deus, 26ese misterio escondido desde séculos e

xeracións, pero que agora se manifesta ó seu pobo santo. 27A este pobo quíxolle Deus

amosa-la espléndida riqueza que representa para os pagáns este segredo: ¡que Cristo, a

gloria esperada, tamén é para vós! 28El é a quen nós anunciamos, aconsellando a todos,

adoutrinándoos o mellor que sabemos para facer cristiáns coma é debido. 29Por isto é

polo que eu peno e loito coa axuda da súa forza que traballa en min abondosamente.

 

2 1Pois quero que saibáde-la loita tan grande que sosteño por vós e polos de Laodicea e

por tantos que non me coñecen persoalmente. 2Así atoparán consolo os seus corazóns,

para que, ben unidos no amor, logren a gran riqueza dunha comprensión total e coñezan

o misterio de Deus, Cristo, 3en quen están agachados tódolos tesouros de sabedoría e da

ciencia.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Ps 61, 6-7. 9

R/ (8a): En Deus está a miña salvación e a miña gloria

 

6Soamente en Deus acouga, alma miña:

El é a miña esperanza.

7El é a miña rocha, o meu acorro,

o meu castelo. Xamais eu non caerei.

 

 9Pobo seu, afiúnza sempre nel,

desafoga diante del o corazón.

Deus é o noso agarimo.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Cor 5, 1-8:

Retirade a levadura vella; pois xa foi inmolada a nosa pascua Cristo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

 

5 1Non se oe falar doutra cousa que da indecencia que hai entre vós; e dunha indecencia

tal, que nin entre os pagáns se viu cousa coma ela. Pois chega a darse o caso de que un

vive coa muller de seu pai. 2¡E vós tan fachendosos, en lugar de poñervos de loito, para

que desapareza do medio de vós quen tal cousa fai!

 

3Pois eu, fisicamente ausente pero presente en espírito, xa tomei unha decisión sobre o

que tal fixo, coma se estivese aí: 4que xuntándonos no nome do noso Señor Xesús -vós

en persoa e eu en espírito-, co poder do noso Señor Xesús, 5entreguemos a ese tal a

Satanás: humanamente quedará destrozado, pero o seu "espírito" salvarase o Día do

Señor.

 

6Non está ben a vosa fachenda. ¿Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa

toda? 7Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ázimos

que sodes. Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado. 8Fagamos, logo, a festa

pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan

ázimo de pureza e de verdade.

 

 

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 5, 5-6. 7. 12

R/ (9a): Señor, Condúceme na túa xustiza

 

5Ti non es un Deus que queira a maldade:

non lles dás hospedaxe ós malvados

6nin os soberbios se sosteñen ante ti.

Aborréce-los malfeitores

 

7e pérde-los mentireiros;

ós falsos e sanguiñentos

abomínaos o Señor.

 

12Alegraranse os que a ti se acollen,

terán un xúbilo eterno.

Protéxeos ti e alégrense contigo

os que aman o teu nome.

 

 

 

ALE LUIA Xn 10, 27:

As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;

e eu coñézoas e séguenme

 

 

 

EVANXEO Lc 6, 6-11:

Observaban se cumplía co sábado

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

6Outro sábado entrou Xesús na sinagoga a ensinar, e atopou un home que tiña unha man

tolleita, a dereita. 7Os letrados e mailos fariseos estaban á espreita a ver se se atrevía a

curalo en pleno sábado, para o poderen acusar. 8Pero el, coñecendo os seus

pensamentos, díxolle ó home que tiña a man tolleita:

-Érguete e ponte no medio.

 

El ergueuse e púxose no medio. 9Entón Xesús díxolles:

-Fágovos unha pregunta: ¿Que está permitido facer no sábado: o ben ou o mal; salva-la

vida ou perdela?

 

10E botándolles a todos unha ollada chea de indignación, díxolle ó home:

-Estende a túa man.

 

El fíxoo e a man quedoulle curada. 11Pero eles, todos enrabechados, discutían entre si o

que poderían facer con Xesús.

 

 

 

 438.- MARTES

ANO 1

PRIMEIRA Col 2, 6-15:

Convivificouvos o Señor con el, perdonándonos tódolos pecados

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

 

Irmáns e irmás:

 

6Do mesmo xeito que recibistes a Cristo Xesús coma Señor, camiñade agora coma

cristiáns; 7enraizados nel, ídevos construíndo, enfortecéndovos na fe que se vos ensinou

e rebordando de agradecemento.

 

8¡Ollo!, que ninguén vos enguedelle con filosofías e especulacións sen contido,

fundadas nas tradicións dos homes, nos elementos deste mundo e non en Cristo.

9Porque nel habita corporalmente toda a plenitude da divindade 10e nel que é cabeza de

tódolos principados e potestades atopades vós a vosa plenitude. 11El foi quen vos

circuncidou non cunha circuncisión feita coas mans dos homes senón librándovos dos

vosos baixos instintos; esa foi a circuncisión de Cristo. 12Sepultáronvos con el no

bautismo e tamén resucitades nel pola fe na forza de Deus, que o resucitou de entre os

mortos. 13E a vós que estabades mortos polos vosos pecados e por non ter circuncidado

os vosos instintos, déuvo-la vida con el. El perdoounos tódolos pecados, 14anulando a

cédula dos preceptos legais que ía contra nós: quitouna de diante e espetouna na cruz.

15El destituíu os principados e potestades converténdoos en espectáculo público

levándoos coma cativos no séquito triunfal da cruz.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 1-2. 8-9. 10-11

R/ (9a): O Señor é garimoso con tódolas súas obras

 

Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte

e bendicir por sempre o teu nome.

2Bendicireite o día enteiro,

louvarei por sempre o teu nome.

 

8O Señor é clemente e compasivo,

tardo á ira e rico en amor.

9O Señor é bo para todos,

garimoso con tódalas súas obras.

 

 10Lóuvente, Señor, as túas obras,

bendígante os teus amigos.

11Pregoen a gloria do teu reino,

proclamen as túas fazañas.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Cor 6, 1-11:

Van ó preito irmán contra irmán e iso diante dos non crentes.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

 

6 1Cando algún de vós ten un preito con outro, ¿como é que se atreve a ilo demandar

diante dos pagáns e non dos cristiáns? 2¿Ou é que non sabedes que os cristiáns xulgarán

o mundo? E, se vós ides xulga-lo mundo, ¿seredes incompetentes para xulgar unhas

cousas de nada? 3¿Non sabedes que xulgaremo-los anxos? ¡Canto máis as cousas desta

vida! 4Pois logo, ¿como é posible que, cando tedes preitos por cousas desta vida,

vaiades poñer de xuíces a aqueles que a Igrexa desbota?

 

5¿Seica non tedes vergonza? ¿Ou é que non hai entre vós ningún home bo que poida

facer unha avenza entre irmáns? 6Pero, non, van ó preito irmán contra irmán e iso

diante dos non crentes. 7Desde logo, xa bastante baixeza é que haxa preitos entre vós.

¿Por que non aguantades, máis ben, a inxustiza? ¿Por que non vos deixades, máis ben,

roubar? 8¡Pero non, sodes vós os que facedes inxustiza e roubades ós outros; iso que

son irmáns!

 

9¿Non sabedes que os inxustos non herdarán o Reino de Deus? Non vos levedes a

engano: nin os indecentes, nin os idólatras, nin os adúlteros, nin os afeminados, nin os

homosexuais, 10nin os ladróns, nin os avaros, nin os borrachos, nin os faltóns, nin os

caciques herdarán o Reino de Deus. 11E iso erades algúns de vós. Pero xa vos lavastes,

xa vos consagraron e xa quedastes xustificados no nome do Señor Xesús Cristo e no

Espírito do noso Deus.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b

R/ (4a): O Señor ama o seu pobo

Ou: Aleluia.

 

Cantádelle ó Señor un cántico novo,

louvádeo na asemblea dos xustos.

2Alégrese Israel co seu facedor

e os fillos de Sión relouquen co seu rei.

 

 3Festexen coa danza o seu nome,

cántenlle con pandeiros e harpas,

4porque o Señor ama o seu pobo

e coroa os humildes coa victoria.

 

5Exulten os xustos no triunfo

e canten xubilosos nos seus postos,

6coa louvanza de Deus nas gargantas

será un honor para os seus amigos.

Aleluia.

 

 

 

ALELUIA Cf. Xn 15, 16:

Eu elixinvos do mundo para que vaiades e deades froito;

e o voso froito permaneza, di o Señor

 

 

 

EVANXEO Lc 6, 12-19:

Permanecía toda a noite en oración. Elixiu a doce que chamou apóstolos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

12Por aqueles días foi Xesús orar ó monte, e pasou a noite orando a Deus. 13Cando se

fixo de día, chamou ós seus discípulos e escolleu doce entre eles, ós que chamou

apóstolos: 14Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e Andrés seu irmán, Santiago,

Xoán, Felipe, Bartolomeo, 15Mateo, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o

Zelota, 16Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.

 

17E baixando con eles, detívose nunha vagoada cun bo grupo de discípulos e numerosa

xente de toda Xudea, de Xerusalén e mais de toda a ribeira de Tiro e Sidón, 18que viñan

escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos inmundos

quedaban curados; 19e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba

a todos.

 

 

 

439.- MÉRCORES

ANO 1

PRIMEIRA Col 3, 1-11:

Morrestes con Cristo; mortificade logo os vosos membros

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

 

Irmáns e irmás:

 

3 1Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado

á dereita de Deus; 2arelade o de arriba e non o da terra. 3Vós morrestes e a vosa vida

está agachada con Cristo en Deus. 4Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida,

daquela tamén vós vos manifestades con El revestidos de claridade.

 

5Así que, dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a

paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría. 6Estas son as cousas polas

que o noxo de Deus cae sobre os fillos rebeldes; 7e nelas andastes vós en tempos cando

viviades emporcallados nelas. 8Pero agora deixádevos de todo iso: furor, carraxe,

ruindade, aldraxes e palabras groseiras, lonxe dos vosos beizos. 9Non mintades uns a

outros, xa que vos espistes do home vello cos seus malos feitos 10e vos revestistes do

home novo, que se vai anovando, conforme a imaxe de quen o creou, para chegar a un

coñecemento total. 11Alí xa non hai máis nin grego nin xudeu, circuncisión nin non

circuncisión, estranxeiro nin bárbaro, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en

todos.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 2-3. 10-11. 12-13ab

R/ (9a): O Señor é garimoso para todos

 

2Bendicireite o día enteiro,

louvarei por sempre o teu nome.

3Grande é o Señor e digno de louvanza,

a súa grandeza é insondable.

 

10Lóuvente, Señor, as túas obras,

bendígante os teus amigos.

11Pregoen a gloria do teu reino,

proclamen as túas fazañas.

 

12Ensinen ós homes a túa forza

e a maxestade gloriosa do teu reino.

13O teu reino é reino eterno,

o teu goberno dura por xeracións.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Cor 7, 25-31:

¿Estás vinculado a unha esposa?: non te desvincules. ¿Non estás casado?: non busques

esposa

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

 

25Polo que toca ós non casados non teño orde do Señor, pero dou un parecer coma

persoa que, pola misericordia de Deus, é digna de creto. 26Coido eu que, por culpa da

calamidade presente, é ben que cadaquén quede como está. 27¿Que estás ligado a unha

muller? -Non teimes por librarte. ¿Que non estás ligado a muller? -Non busques muller.

28Non obstante, anque cases, non pecas; e, anque case unha moza, tampouco peca. Pero

os que casen terán tribulacións na carne, e eu quixera librarvos delas.

 

29O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa, é que os que teñen

muller vivan coma se non a tivesen; 30os que choran, coma se non chorasen; os que

están alegres coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada;

31os que disfrutan no mundo, coma se non disfrutasen. Porque o mundo, na súa

configuración actual, está a pasar.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 44, 11-12. 14-15. 16-17

R/ (11a): Escoita, filla; olla e atende

 

11Escoita, filla; olla e atende:

 esquece o teu pobo e a casa de teu pai.

12O rei está prendado da túa fermosura:

réndete a el, pois el é o teu señor.

 

14Entra con todo o honor dunha princesa,

bordados en ouro os seus vestidos;

15con variado atavío é conducida ó rei,

acompañada polas súas doncelas.

 

Preséntante as amigas,

 16condúcente con xúbilo algareiro,

introdúcente no pazo do rei.

17No canto de teus pais tera-los teus fillos

e poralos por príncipes da terra.

 

 

 

ALELUIA Lc 6, 23ab:

Alegrádevos e reloucade, di o Señor;

a vosa recompensa será grande no ceo

 

 

 

EVANXEO Lc 6, 20-26:

Ditosos os pobres. Ai de vós, ricos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

20Xesús coa mirada posta nos seus discípulos dixo:

 

-Ditosos vós os pobres,

porque voso é o Reino de Deus.

21Ditosos os que agora pasades fame,

porque Deus vos fartará.

Ditosos os que agora chorades,

porque riredes.

22Ditosos vós, cando vos aborrezan os homes,

vos expulsen e vos aldraxen,

cando poñan nas listas negras o voso nome

por causa do Fillo do Home:

23alegrádevos nese día, brincando de gozo,

porque grande será a vosa recompensa no ceo,

pois así mesmo foi como os pais deles lles fixeron ós profetas.

24Pero, ¡ai de vós, os ricos,

porque xa acadáste-la vosa satisfacción!

25¡Ai de vós, os que agora estades fartos:

xa pasaredes fame!

¡Ai de vós, os que agora rides:

xa choraredes e xa laiaredes!

26¡Ai, cando todos falen ben de vós:

o mesmo fixeron os seus pais cos falsos profetas!

 

 

440.- XOVES

ANO 1

 

PRIMEIRA Col 3, 12-17:

Vestídevos de caridade, que é o vencello da perfección

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

 

 Irmáns e irmás:

 

12Coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de

misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. 13Aturádevos uns

ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou,

perdoádevos tamén vós. 14E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo

que todo o une e leva a perfección. 15Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa

que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.

 

16Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e

alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento

cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas. 17E todo canto fagades, de

palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle gracias a Deus Pai

por medio del.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 150, 1-2- 3-4. 5-6

R/ (6): Todo ser que respira louve o Señor.

Ou: Aleluia.

 

Louvade o Señor no santuario,

louvádeo no seu augusto firmamento.

2Louvádeo polas obras poderosas,

louvádeo pola súa inmensa grandeza.

 

3Louvádeo con sons de trompeta,

louvádeo con harpa e con cítara,

4louvádeo con pandeiro e con danza,

louvádeo con trompas e frauta,

 

5louvádeo con címbalos resoantes,

louvádeo con címbalos xubilosos.

6Todo ser que respira louve o Señor.

Aleluia.

 

  

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Cor 8, 1b-7. 11-13:

Pecades contra Cristo cando danáde-la conciencia feble dos irmáns

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

 

8 1O coñecemento incha, mentres que a caridade é constructiva. 2Se alguén cre que xa

coñece algo, aínda non coñece como hai que coñecer. 3En troques, se alguén ama a

Deus, Deus coñéceo a el.

 

4Así que verbo de come-las carnes sacrificadas ós ídolos, sabemos que ningún ídolo

existe de verdade no mundo, nin deus ningún fóra do Unico. 5Porque, anque haxa

moitos deuses de nome, tanto no ceo coma na terra -e hai efectivamente moitos deuses e

moitos señores-, 6para nós non hai máis ca un só Deus, o Pai, de quen todo procede e

para quen nós estamos feitos; nin hai máis ca un só Señor, Xesús Cristo, por quen todo

existe e por quen existimos nós mesmos.

 

7Pero non todos teñen este coñecemento. Algúns, por estaren afeitos ata agora á

mentalidade idolátrica, comen esa carne coma se fose sagrada; entón, a súa conciencia,

por non estar segura, quédalles lixada.

 

11Así, polo teu coñecemento pérdese o débil, ese irmán por quen morreu Cristo.

 

12Dese xeito, pecando contra os irmáns e ferindo a súa débil conciencia, pecades contra

Cristo. 13Por iso, se unha comida escandaliza a un irmán meu, endexamais non probarei

a carne, para non escandalizar a meu irmán.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 138, 1-3. 13-14ab. 23-24

R/ (24b): Guíame ti, Señor, polo camiño eterno.

 

Señor, ti escúlcasme a fondo e coñécesme ben,

2ti sabes cando sento e me levanto,

penetras nos meus pensamentos desde lonxe.

3Ti distingues cando me movo e cando estou quedo

e os meus camiños sonche todos familiares.

 

13Ti formáche-las miñas entrañas,

tecíchesme no seo da miña nai.

14Lóuvote polo prodixio que hai en min:

as túas obras son marabillosas.

 

 23Examíname a fondo, Deus; coñece o meu corazón;

próbame, e coñece os meus sentimentos.

24Olla se é torto o meu camiño,

guíame ti polo camiño eterno.

 

 

 

ALELUIA 1 Xn 4, 12:

Se nos amamos uns ós outros, Deus permanece en nós,

e o seu amor chega en nós á plenitude

 

 

 

EVANXEO Lc 6, 27-38:

Sede misericordiosos, como voso Pai celestial é misericordioso

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

27A vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelles ben ós que

vos odian, 28bendicide ós que vos maldín e rogade polos que vos calumnian; 29ó que

che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e ó que che leve o manto, non lle prives

de levar tamén a túnica. 30O que che pida, dálle; e ó que che leve o teu, non lle reclames

nada. 31Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós.

 

32Se amáde-los que vos aman, ¿que facedes de máis? Os pecadores tamén aman a quen

os aman a eles. 33E se lles facedes ben ós que vos fan ben, ¿que mérito tedes? Os

pecadores fan outro tanto. 34E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar,

¡poucas gracias! Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois

outro tanto. 35Vosoutros non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade

sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do

Altísimo, pois El é bo cos malos e desagradecidos. 36Sede compasivos coma o voso Pai

é compasivo.

 

37Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vos condenarán;

perdoade, e hanvos perdoar. 38Dade, e darásevos a vós: unha boa medida -acugulada,

rebordada, apretada- seravos botada no voso regazo; pois coa medida que midades

hanvos medir a vós.

 

 

 

 441.- VENRES

ANO 1

 

PRIMEIRA 1 Tim 1, 1-2. 12-14:

En primeiro fun blasfemo, pero conseguín misericordia

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO

 

1 1Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por mandado de Deus, noso Salvador, e de Cristo

Xesús, nosa esperanza, 2a Timoteo, fillo lexítimo na fe, deséxoche a gracia, a

misericordia e a paz de Deus Pai e de Cristo Xesús, noso Señor.

 

12Doulle gracias a Cristo Xesús, noso Señor que me enforteceu, porque fiou en min,

encomendándome o ministerio; 13a min que fora un blasfemo, perseguidor e inxuriador.

Pero compadeceuse, porque eu obrei, por ignorancia, sen ter aínda fe; 14e a gracia do

noso Señor sobreabundou coa fe e o amor, que hai en Cristo Xesús.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 11

R/ (cf 5a): Ti es, Señor, a miña herdade

 

Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.

2Eu dígolle ó Señor: -"Ti e-lo meu dono,

só ti e-lo meu ben".

5Ti es, Señor, a miña herdade e a miña sorte,

ti coidas do meu porvir.

 

 7Bendigo ó Señor que me guía

e mesmo de noite me ensina no meu íntimo.

8Teño ó Señor sempre diante;

con El á dereita non caerei.

 

11Mostrarasme o camiño da vida:

a túa presencia éncheme de alegría;

a túa dereita, de gozo eterno.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Cor 9, 16-19. 22b-27:

Fíxenme todo a todos, para salvar a algúns

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

 

16O mero feito de predica-lo Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha

necesidade que teño enriba de min. ¡Pobre de min se non predico o Evanxeo! 17Pois

así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un

simple cargo que estou obrigado a administrar. 18¿Onde está, logo, o meu premio? -En

que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando ós dereitos que este

Evanxeo me confire.

 

19Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para

gaña-los máis posibles.

 

Fíxenme todo con todos, para salvar algúns a toda costa. 23Todo o fago polo Evanxeo,

para ter algunha parte nel.

 

24¿Non sabedes que os corredores no estadio, corren todos, pero soamente un leva o

premio? Correde, logo, de maneira que levedes premio. 25Tódolos que compiten

impóñense unha disciplina total; iso que eles é para conseguiren unha coroa perecedeira;

nós en cambio, unha imperecedeira. 26Eu, pola miña parte, corro, pero non ó que saia;

loito, pero non dando golpes ó aire. 27O contrario, castigo duramente o meu corpo e

trátoo coma un escravo: non vaia suceder que despois de lles predicar ós outros, quede

eu descalificado.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 83, 3. 4. 5-6. 12

R/ (2): ¡Que garimosa é a túa morada,

Señor do universo!

 

 3A miña alma ten saudade,

consómese polos teus adros;

o meu corazón e todo o meu corpo

reloucan polo Deus vivo.

 

4Mesmo o paxaro atopa casa,

a andoriña un niño

onde poñe-los filliños,

ó pé dos teus altares,

Señor dos exércitos,

meu rei e meu Deus.

 

 5Ditosos os que habitan na túa casa

e decote te louvan.

6Ditosos os que atopan en ti forza

e pensan nos teus camiños.

 

12O Señor é adarga e escudo,

o Señor outorga gloria e favor.

Non nega ben ningún

ós que camiñan na inocencia.

 

 

 

ALELUIA Cf. Xn 17, 17b. a:

A túa palabra, Señor, é verdade;

santifícanos na verdade

 

 

 

EVANXEO Lc 6, 39-42

¿Seica pode un cego guiar a outro cego?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

39Xesús púxolles unha comparanza ós discípulos:

-¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous na fochanca? 40Non

está o discípulo por enriba do mestre; anque todo discípulo que chegue a prepararse ben,

será coma o seu mestre. 41¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non

te decatas da trabe que está no teu propio ollo? 42¿Como lle poderás dicir a teu irmán:

"Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo", sen reparar na trabe que tes no teu?

¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quita-lo lixo do

ollo de teu irmán.

 

 

442.- SÁBADO

ANO 1

 

PRIMEIRA 1 Tim 1, 15-17:

Veu ó mundo salva-los pecadores

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO

 

 Benquerido irmán:

 

15Esta é palabra segura merecente de que todos a acollan: que Cristo Xesús veu ó

mundo para salva-los pecadores, dos que eu son o primeiro. 16Pero por iso mesmo

compadeceuse, a fin de que Cristo Xesús amosase en min, o primeiro, toda a súa

paciencia coma exemplo para os que habían crer nel para logra-la vida eterna. 17¡O Rei

dos séculos, inmortal, invisible, único Deus: honra e gloria polos séculos dos séculos!

Amén.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 112, 1 -2 .3-4. 5a e 6-7

R/ (2): Bendito sexa o nome do Señor por sempre

Ou: Aleluia.

 

Louvade, servidores do Señor,

louvade o nome do Señor.

2Bendito sexa o nome do Señor,

agora e por sempre.

 

3Desde o nacente ó poñente

louvado sexa o nome do Señor.

4Excelso sobre as xentes é o Señor,

sobre o ceo a súa gloria.

 

 5¿Quen coma o Señor, noso Deus,

6e que baixa para coidar

do ceo e mais da terra?

7El ergue do po os indixentes,

levanta os pobres do esterco,

 

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Cor 10, 14-22:

Moitos formamos un só corpo, porque participamos dun mesmo pan

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Benqueridos irmáns e irmás:

 

14Fuxide da idolatría. 15Fálovos como se lle fala á xente asisada: xulgade vós mesmos

o que digo. 16A copa da bendición que bendicimos, ¿non é unha comuñón co sangue de

Cristo? O pan que partimos, ¿non é unha comuñón co corpo de Cristo? 17E como hai un

único pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos

participamos dese único pan.

 

18Ollade para o Israel histórico: os que comen as víctimas ¿non están en comuñón co

altar? 19¿Que quero dicir entón? ¿Que a carne inmolada ós ídolos é algo? ¿Ou que é

algo o ídolo? 20O contrario, digo que os sacrificios que ofrecen os pagáns honran ós

demos e non a Deus; e eu non quero que entredes en comuñón cos demos. 21Non

podedes bebe-la copa do Señor e a copa dos demos. Non podedes participar na mesa do

Señor e na mesa dos demos. 22¿Ou é que queremos desafia-lo Señor? ¿Ou somos nós

máis fortes ca El?

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 115, 12-13. 17-18

R/ (17a): Ofrézoche, Señor, sacrificios de louvanza

 

12¿Con que lle pagarei ó Señor

todo o ben que me fai?

13Alzarei a copa da salvación,

invocando o nome do Señor;

 

 17Ofrézoche sacrificios de louvanza,

invocando o nome do Señor.

18Cumprirei os meus votos ó Señor,

á vista de todo o seu pobo,

 

 

 

ALELUIA Xn 14, 23:

Quen me ama, gardará a miña palabra, di o Señor,

e o meu Pai amarao e viremos a el

 

 

EVANXEO Lc 6, 43-49:

¿Por que me dicides Señor, Señor, e non facéde-lo que eu digo?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

 

43Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza

froitos bos. 44Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen

figos, nin das silveiras se vendiman uvas. 45O home bo saca o ben da bondade do seu

propio corazón, e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o

corazón fala a boca.

 

46¿Por que me chamades ¡Señor, Señor!, e non facéde-lo que vos eu digo? 47Todo

aquel que, achegándose a min, escoita as miñas palabras e as pon en práctica, vouvos

dicir a quen se parece: 48Parécese a un home que, ó edificar unha casa, cavou fondo e

puxo os alicerces sobre rocha. Cando o río foi por fóra, bateu a enchente contra aquela

casa, pero non a puido abanear, porque estaba ben construída. 49Pero quen as escoita e

non as pon en práctica, é coma aquel home que edificou unha casa sobre terra, sen

cimentos: ó romper contra ela a torrenteira, xa se derrubou e converteuse nunha grande

ruína.